Certame Literario Musical de O'Galiciano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Certame Literario Musical de O'Galiciano, foron uns xogos florais que tiveron lugar no verán do ano 1886 en Pontevedra, coincidindo coas festas da Peregrina. Estivo organizado por O Galiciano, o primeiro periódico escrito enteiramente en galego. Este certame, celebrado estritamente en galego, tiña un gran significado no ámbito cultural, xa que tanto os literatos como os poetas e compositores poñían a proba a súa valía, sendo estimulados por un premio.

Un Certamen en galego que a vez que estimule ós poetas e máis literatos e compositores a buscar novas direccións á súa inspiración no tocante os grandes ideais que a civilización e o progreso espertan hoxe en día nos grandes corazóns, sirva para relembrarnos de antigas costumes da nosa rexion.

— Rufino Rivera[1]

O certame[editar | editar a fonte]

Este certame foi creado pola revista galega, O Galiciano, propiedade de Rufino Rivera Losada, co fin de brindar instrución e cultura, poñendo a proba a valía de todos aqueles escritores e literatos en lingua galega. Estes xogos tiñan un carácter esencialmente rexionalista xa que, o principal requisito para poder participar era que tanto as composicións como os discursos ou composicións musicais debían estar en lingua galega.

O presidente deste certame foi Manuel Murguía, quen pronunciou o discurso en defensa do idioma galego en idioma castelá, debido á súa excelente cualificación sobre a historia e a lingua galega deste mesmo. Así mesmo, o presidente do xurado da parte musical foi Rafael Hernando, acompañado do xurado literario formado por Indalecio Armesto, Luis da Riega e Emilio Álvarez Giménez.

Os organizadores puideron dárense por moi satisfeitos cos froitos do Certame, xa que con el se iniciou un novo camiño para a literatura galega, xa que uns setenta escritores presentaron os seus traballos en dito certame. Os escritores acudían, mesmo, ao traballo de formas en que o galego era pouco empregado. Estes xogos brindaban instrución e benestar. A primeira porque, como xa é sabido, os certames son torneos da cultura que representan un paso ou camiño cara o progreso, onde poetas, literatos e compositores empregan o seu enxeño estimulados por un premio; a segunda, porque carrexan milleiros de persoas desexosas de asistir a eses espectáculos.

Bases do Certame[editar | editar a fonte]

As bases do Certame Literario e Musical de O'Galiciano eran as seguintes:

  1. A primeira base deste certame era que o xurado era quen debía realizar a entrega de premios.
  2. A segunda base era que o xurado se reservaba o dereito de adxudicar unha mención honorífica en cada tema.
  3. Todas as composicións debían ser orixinais e inéditas
  4. Era condición estrita que todos os escritos estivesen en lingua galega
  5. O director d'O Galiciano era quen facilitaba as partituras dos catro primeiros premios da execución, en caso de seren solicitadas.
  6. Todos os traballos debían ir acompañados dun prego cerrado e lacrado que contivera o nome, apelido e domicilio do autor; e no sobre, un lema igual ó que debía ser escrito na cabeceira de cada un dos ditos traballos.
  7. No auto da adxudicación de premios, debían queimarse á vista do público os prego correspondentes ás composicións non laureadas.
  8. O prazo para a admisión das composicións remataba o día 1 de agosto. Estas eran dirixidas ó director d'O Galiciano, rúa Real, número 26.
  9. O Galiciano reservaba a propiedade dos traballos premiados, durante medio ano, a contar dende o día do Certame.
  10. Os gaiteiros e tamborileiros, así como as parellas de baile, presentaríanse ó Certame en traxe do país.
  11. As bandas de música e orfeóns terían que tocar e cantar unha peza de libre elección.
  12. Os que tocasen parte na dita actuación musical debían avisar con cinco días de anticipación como mínimo.

Memoria[editar | editar a fonte]

O Certame Literario Musical de O’Galiciano non era tan só un acto solemne no cal se axudicaron premios e se deu lectura ás publicacións premiadas, senón que ditas composicións, discursos e memorias reuníronse e publicáronse nun mesmo tomo, quedando como recordo e mostra da literatura da época e contribuíndo ó inicio do renacemento da literatura galega. Esta memoria contén as seguintes pezas de traballo: "Biografía de don Manoel Ventura Figueroa", por Roberto García Feixó; unha serie de descricións de fillos de Galicia que cultivaban a lingua galega naquel tempo, de Rodríguez de Cea; unha das primeiras novelas galegas Xuana de Manuel Amor Meilán etc.

Os premios[editar | editar a fonte]

Os premios foron concedidos por:

As producións premiadas máis destacadas foron:

Ademais, conseguiron premios Enrique Labarta Posse, Eladio Rodríguez González, Adolfo Mosquera, Manuel Amor Meilán, Xoán Manoel Rodrigues Cea, Xosé Herraiz Ruibal, Roxelio Civeira e Heliodoro Cid e Rozo.

A música[editar | editar a fonte]

Na parte musical destacaron as actuacións de orfeóns e bandas que rivalizaron na execución das Galegadas, sendo tamén suxestivas e vistosas as interpretacións da melodía de Marcial del Adalid intitulada Bágoas e sonos. Concorreron os mellores gaiteiros da provincia e sobre todo da comarca, xa que a estes últimos a revista organizadora abonáballes os gastos de locomoción. Os premios concedéronse ás mellores interpretacións da auténtica muiñeira executadas con gaita timbal ou sexa "composta de rouco, ronquillo e punteiro", acompañada de tamboril. Tamén levaron premios un par de cegos que cos seus lazarillos e as súas zanfonas, foron os mellores intérpretes dos temas requiridos. Así mesmo concedeuse premio de baile a un par de parellas, mellores intérpretes da ribeirana.

Repercusión[editar | editar a fonte]

Coa axuda do carácter rexionalista deste Certame, os periódicos centralistas de Madrid fixeron eco deste certame. Neles víñase a dicir que se leu, cantou e recitou en galego, que galega fora a música, galego o baile e todo rabiosamente galego, de tal forma que aquilo máis parecía un cantón que unha provincia española. Soado foi tamén o discurso de Murguía, por máis que fose lido en castelán, sendo recollido por todos os periódicos de Galicia, comentado, louvado polos rexionalistas, e criticado polos antirrexionalistas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rivera, Rufino. "iDIOMA GALEGO; O CERTAME DE "O GALICIANO"( Pontevedra, 1886)". Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2019. Consultado o 07 de maio de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Antúnez, José Alfredo. (1886). Produciós premeadas n-o Certáme Gallego Literario que iniciado por O Galiciano celebrouse en Pontevedra n-o día 9 de agosto de 1886. Pontevedra

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]