Sambucus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sabugueiros (xénero Sambucus)
Sabugueiro negro
Sabugueiro negro
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Dipsacales
Familia: Adoxaceae
Xénero: 'Sambucus'
L. (1753)
Especie tipo
'Sambucus nigra'
L.
Cultivo de sabugueiros en Estiria.
Sabugueiro rubio (Sambucus racemosa).

Sambucus, os sabugueiros, é un xénero dunhas 5-30 especies pertencente á familia Adoxaceae, orixinario das rexións temperadas a subtropicais de ambos os dous hemisferios, aínda que máis estendido no Hemisferio Norte, mentres que no Hemisferio Sur queda restrinxido a Oceanía e América do Sur.En Galiza atopamos bravas dúas especies: Sambucus nigra (o sabugueiro negro ou bieiteiro, de porte arbustivo e moi común) e Sambucus ebulus (o engo ou sabugueiriño, de porte herbáceo e menos común).

Descrición[editar | editar a fonte]

Son arbustos ou arboriñas, se ben presenta tamén polo menos dúas especies herbáceas. As follas son pinnadas con 5-9 folíolos (raramente 3 ou 11). Cada folla ten 5-30 cm de longo, e os folíolos teñen marxes fechadas. Os grandes grupos de pequenas flores de cor branca ou crema ábrense cara finais da primavera, e son seguidas por pequenos grupos de bagas de cor negra, azul-anegrada ou encarnada (raramente de cor amarela ou branca).

Distribución[editar | editar a fonte]

Trátase dun xénero moi abundante en toda Europa, especialmente no centro e sur. Tamén se estende por Asia e África do norte. Polas súas propiedades algunhas especies son tamén cultivadas en xardíns e hortos. O sabugueiro medra bravo achegado a zonas habitadas, bosques vizosos, matos e vertedoiros. En Galiza é común a especie Sambucus nigra (sabugueiro negro ou bieiteiro) e en menor medida a herbácea Sambucus ebulus (sabugueiriño).

Usos[editar | editar a fonte]

Propiedades medicinais e alimento[editar | editar a fonte]

Algunhas especies coma o sabugueiro negro teñen propiedades medicinais e son utilizadas dende a antigüidade; contén aceites esenciais, taninos, ácidos orgánicos, ácidos animados, azucre, abundante vitamina C, e unha serie de glicósidos como a rutina e a sambunigrina. As flores posúen propiedades diuréticas e emolientes, e os froitos son purgantes. As infusións das flores son boas para gripes e catarros; tamén como laxante suave. En uso externo (lavados, locións ou compresas) aplícase para trata-las dermatoses, feridas, queimaduras e conxuntivite. En Celanova está documentado o seu uso contra a erisipela, e en Lourizán (Pontevedra) contra o xarampón.

Os froitos frescos e maduros empréganse na elaboración de marmeladas, xaropes e viño. A planta ten un particular recendo e é amarga. As sementes conteñen glicósidos cianoxenéticos (xeradores de cianuro) e na casca así como nas follas e os froitos non maduros contén sambunigrina que, en contacto cunha encima, chamada emulsina, produce tamén ácido cianhídrico. Non debe comerse cru, mais si se pode consumir despois de sometelos a cocedura ou maceración. A casca pode resultar tóxica, especialmente a altas doses. O contacto da pel coas follas e bagas pode tamén producir dermatite. Os síntomas que se producen, en caso de intoxicación, son semellantes ao que resultan de inxerir améndoas amargas.

Outra especie semellante presente en Galiza é o Sambucus ebulus (engo ou sabugueiriño), porén o porte desta última é herbáceo e ten un fedor característico. Os seus froitos son moi tóxicos.

Madeira[editar | editar a fonte]

A madeira é dura moi resistente á auga, servía para facer estacas. Con ela construíanse ferramentas agrícolas e até foi empregada en ebanistaría. O nome de sabugueiro Sambucus procede do grego sambuké, que significa frauta, a razón é que antigamente baleirabase o miolo das pólas para que ficase un tubo oco co que se facían frautas.

Etnografía[editar | editar a fonte]

En Galiza o froito utilizábase para lle dar sabor ou escurecer o viño. Os rapaces facían cos talos tiracroios e frautas baleirando o miolo. Cos froitos moi maduros pódese elaborar un xarope laxante. As follas usábanse para escorrentar as moscas dos cabalos polo recendo. Facíase un feixe destas follas e levábase cando se cabalgaba. Por ese mesmo cheiro desagradable das follas, úsase como antídoto para expulsar certos animais considerados daniños, coma sapos, cóbregas, píntegas etc. (Mariño 1985:131).

En Bélxica fan cos sabugos cervexa que recibe o nome de Cervexa Blierke.

Esoterismo[editar | editar a fonte]

Tamén se lle atribuían ao sabugueiro virtudes máxicas, sendo unha planta sagrada no mundo celta. Dende a antigüidade empregábanse as varas co fin de simbolizar o poder sobre o mundo "invisíbel".

En Galiza o sabugueiro úsase na véspera de San Xoán coma herba máxica, especialmente as flores, que reciben o nome de flores de San Xoán.

Tense tamén a crenza de que queimar a madeira do sabugueiro é perigoso. O viño de sabugo disque foi o derradeiro agasallo da Deusa Terra, polo que non debe ser bebido pola xente común, senón por sacerdotes ou meigos, xa que posibelmente produciría alucinación, polo que se empregaba en rituais de adiviñación. Non respectar as normas de conducta e arrincar pólas de sabugueiro ou comer os froitos traía a má sorte; diciánse tamén que a persoa que tallase un sabugueiro podía quedar cega e incluso perder os seus fillos, e no mellor dos casos, ver enfermar o seu gado. Polo que segundo a mitoloxía cómpre tratar esta planta con respecto e antes de apañar follas, froitos ou pólas deberemos pedir permiso e agradecer deixando unha ofrenda dos nosos cabelos, unhas moedas ou algo de mel.

Disque, na antiga Inglaterra, os poderosos meigos de antano utilizaban as varetas de sabugueiro para seren invencíbeis a calquera outro meigo.

Acepcións na cultura[editar | editar a fonte]

Na serie Harry Potter, da escritora británica J.K. Rowling, é co pau desta árbore que está feita a Vareta Letal ou a Vareta do Fado, unha vareta máxica considerada coma a máis poderosa do mundo, que pasou de xeración en xeraración por medio do roubo e o asasinato (cada portador desposuiu ao anterior da vareta e moitos teñen sido asasinados polos ladróns).

Grupos de especies[editar | editar a fonte]

  • O complexo é tratado de xeito diverso coma unha soa especie, Sambucus nigra (sabugueiro negro, bieiteiro) que se atopa nas partes máis temperadas de Europa e América do Norte con diversas variedades rexionais ou subespecies, ou tamén coma un grupo de varias especies semellantes. As flores están en corimbos planos, e as bagas van dende a cor negra até a azul glauca; son arbustos máis grandes, acadando os 3-8 metros de alto, ocasionalmente pequenas árbores de até 15 m de alto cun diámetro de 30-60.

Sambucus mexicana ou sabugueiro de México, está considerado pola meirande parte dos autores como unha ou dúas subespecies de S. nigra, ssp. canadensis[1] e ssp. caerulea.[2]

  • Sambucus melanocarpa (sin. Sambucus racemosa subsp. melanocarpa). Oeste de América do Norte. É unha forma intermedia entre o grupo precedente e os seguintes. As flores son de panículos arredondados, mais as bagas son negras; é un pequeno arbusto, que raramente excede de 3-4 m de alto. Algúns botánicos inclúenno no grupo dos sabugueiros rubios.
  • O grupo de sabugueiros australianos comprende dúas especies orixinarias de Australasia. As flores están en panículos arredondados, e as bagas son brancas ou amarelas; son arbustos que medran até os 3 metros de alto.
  • Os sabugueiros ananos son, por contra das outras especies, plantas herbáceas, producindo novos rebentos cada ano a partir dun sistema de raíces perennes; medran até os 1,5-2 m de alto, cada póla remata nunha grande umbela plana que madurece até un mesto acio de bagas brillantes.
    • Sambucus adnata (Himalaia e Asia oriental; bagas vermellas)
    • Sambucus ebulus ("Sabugueiriño"; centro e sur de Europa; noroeste de África e suroeste de Asia; bagas negras; común en Galiza)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sambucus