Saltar ao contido

Real Academia Galega de Belas Artes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Real Academia Galega de Belas Artes
Casa do Consulado, sede da Academia Galega de Belas Artes.
Tipoescola de arte e organización
Data de fundación1849
SedeCasa do Consulado
EnA Coruña
PaísGalicia
Na rede
https://www.academiagallegabellasartes.org/
Facebook: Real-Academia-Galega-de-Belas-Artes-451395558235139 BNE: XX121706 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Real Academia Galega de Belas Artes "Nosa Señora do Rosario", con sede na Coruña, é unha das trece creadas en España por Real Decreto de 31 de outubro de 1849, daquela coa denominación de Academia Provincial de Bellas Artes.

En 1898 pasou a celebrar as súas sesións no palacio do Real Consulado do Mar, e en 1913 instalouse definitivamente nel, onde actualmente ten a súa sede oficial corporativa. En 1938 dito palacio destinouse para Museo Provincial de Belas Artes e sede da Real Academia de Belas Artes.

A Real Academia Galega de Belas Artes depende da Xunta de Galicia e está constituída por catro categorías de Académicos: numerarios, correspondentes, honorarios e supernumerarios.

A Academia está composta na actualidade por sete seccións: Pintura e Gravado, Escultura, Arquitectura, Música, Arqueoloxía e Museoloxía, Artes da Imaxe e Expertos nas Artes. Cada sección pode contar cun número máximo de cinco académicos numerarios.

Celebra sesións ordinarias de forma mensual, e extraordinarias para asuntos de especial relevancia.

1915. Toma de posesión de Alejandro Ferrant y Fischermans como académico de honra.

Fundada, como quedou dito, por Real Decreto de 31 de outubro de 1849 coa denominación de Academia Provincial de Bellas Artes, ostenta o título de Real desde o 12 de xullo de 1916.

O 14 de abril de 1947 foi oficialmente autorizada para poñerse —segundo tradicional costume entre as Academias— baixo a advocación da Virxe do Rosario, patroa da cidade da Coruña e, por orde ministerial de 31 de xaneiro de 1984 (BOE de 24 de marzo de 1984) autorízase o cambio de denominación polo de Real Academia Gallega de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario.

No ano 1986 quedou integrada a Academia no Instituto de España como Academia asociada.

Foron presidentes da Corporación Domingo Antonio Lóriga y Reguera, Ubaldo Chicharro García, Faustino Domínguez Domínguez, Faustino Domínguez Coumes-Gay, Emilio Fernández Deus, Jaime Ozores de Prado, Marqués de San Martín de Ombreiro, José María Ozores de Prado, Rafael González Villar, Francisco Piñeyro y Diago, Conde de Canillas, Ángel del Castillo López, Manuel Chamoso Lamas, Carlos Martínez-Barbeito y Morás, Julio Fernández Argüelles, María del Villar Mateo de Arenaza (en funcións) e María de las Mercedes Goicoa Fernández.

Foron presidentes de honra, Eusebio da Guarda y González, Fernando Álvarez de Sotomayor y Zaragoza e Carlos Martínez-Barbeito y Morás e, a título póstumo, Manuel Chamoso Lamas.

Actividades

[editar | editar a fonte]
Exposición no Palacio de María Pita, en 1917. De esq. a der., de pé: Tella, Abelenda, Barreiro, Sobrino, Palacios, Seijo, Sotomayor, Lloréns, Castelao, Concheiro, Francés, Madariaga (co chapeu nas mans), González del Villar e dúas persoas sen identificar. Sentados: a muller de Francés, a Pardo Bazán e Picadillo.

O seu actual regulamento, aprobado pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia (Decreto 141/2004, de 25 de xuño, DOG do 7 de xullo de 2004), substitúe ao aprobado polo Ministerio de Educación e Ciencia (Orde Ministerial de 2 de outubro de 1990, publicada no B.O.E. do 6 de outubro de 1990), e ao anterior publicado na Orde Ministerial de 17 de decembro de 1942, facúltaa, como institución oficial consultiva da Administración, para actuar en todo o relativo á protección, acrecentamento e transmisión ás xeracións futuras dos bens culturais, segundo o previsto no artigo 32 da Lei 16/1985, de Patrimonio Histórico Español, así como promover e realizar estudos de investigación e promocionar o desenvolvemento das manifestacións artísticas dentro de Galicia.

A relación directa da Real Academia con outras institucións prodúcese moi pouco tempo despois da súa creación. Unha das máis importantes é a que determinou a creación, en 1854, dos Estudos de Belas Artes, e especialmente os de carácter máis elemental, que constituíron a iniciación da Escola de Belas Artes, logo de Artes e Oficios Artísticos, a cal dependía da Real Academia.[1]

Tamén foi misión primordial desta Real Academia de Belas Artes a creación dun Museo Provincial como principal complemento dos estudos de Belas Artes. En 1902 tomouse o acordo corporativo de efectuar as xestións precisas para a súa creación. Estas xestións, suxeitas a cambios políticos unhas veces, ou a dificultades económicas outras, resultaron infrutuosas entón, até que finalmente, en 1938, o Estado cedeu o palacio do Real Consulado do Mar para sede do Museo Provincial de Belas Artes (creado por Real Orde de 24 de marzo de 1922, Gaceta de Madrid de 31 de marzo de 1922) e da Real Academia de Belas Artes.

A Academia vén desenvolvendo unha serie de actividades, tal como fixan os seus estatutos:

  • Información e asesoramento institucional á Xunta de Galicia e organismos públicos sobre patrimonio e bens artísticos, a afectos de catalogación, protección ou adquisición, en denuncias ou información pública sobre o estado de conservación do patrimonio de Galicia.
  • Organización de cursos, ciclos de relatorios, audicións musicais, concertos e exposicións de belas artes, contando cos seus propios fondos.
  • Organización do Salón de Outono de Pintura, certame de pintura contemporánea de recoñecido prestixio, con carácter internacional e bienal.

Posúe unha Biblioteca especializada en arte. O ano 1989 creouse o Arquivo Musical de Galicia, coa finalidade de contar cun fondo de documentación e información. Así mesmo, a partir de 1991, a resultas do incremento dos fondos sobre Patrimonio Artístico, como varios legados fotográficos, entre os que destaca o do historiador don Manuel Chamoso Lamas, organizouse o Arquivo de Imaxes, de importante valor para a historia, a investigación e a documentación da arte galega.

A Academia concede como a súa máxima distinción a Medalla de Honor en recoñecemento ao labor desenvolvido por persoas ou entidades públicas ou privadas no cultivo, fomento, protección e defensa das Belas Artes en Galicia.

Tamén outorga a Medalla Marcial del Adalid, nas súas categorías de ouro e prata, para premiar a contribución ao auxe e mantemento artístico da música por corporacións e membros non profesionais das distintas agrupacións de Galicia.

Ademais de publicar catálogos das exposicións realizadas, dos seus Arquivos Musical e de Imaxes, así como dos discursos de ingreso dos académicos, edita como órgano de difusión a revista corporativa Abrente, edición anual onde se informa das actividades académicas, con artigos, investigacións e ensaios sobre as distintas artes.

Cargos académicos

[editar | editar a fonte]
  1. Hoxe, a Escola de Artes e Oficios Artísticos Pablo Picasso, depende da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]