María de las Mercedes Goicoa Fernández

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
María de las Mercedes Goicoa Fernández
Nome completoMaría de las Mercedes Goicoa Fernández
Nacemento10 de xullo de 1928
Lugar de nacementoA Coruña
Falecemento11 de novembro de 2022
Lugar de falecementoA Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpianista, profesora de música, bibliotecaria e conservadora
editar datos en Wikidata ]

María de las Mercedes Goicoa Fernández, nada na Coruña o 10 de xullo de 1928 e finada na mesma cidade o 11 de novembro de 2022, foi unha pianista e docente galega, presidenta da Real Academia Galega de Belas Artes entre 2003 e 2014.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Casa do Consulado, sede da Real Academia de Belas Artes na Coruña da que María de las Mercedes Goicoa foi presidenta entre 2003 e 2014.

Comezou a súa formación musical e a tocar o piano coa súa tía Honoria Goicoa, Alberto Garaizabal e Pilar Castillo, antes de ingresar no Real Conservatorio de Música de Madrid grazas a unha bolsa de estudos da Deputación da Coruña. Alí, baixo a dirección de José Cubiles, tivo a mestres como Benito García de la Parra, José Moreno Bascuñana, Juan Tellería, Juan Ruiz-Casaux e Enrique Aroca.[1] Tras graduarse en Madrid con méritos como o primeiro Premio Fin de Carreira, o Premio Extraordinario de Piano María del Carmen e o Premio Extraordinario de Virtuosismo, trasladouse a París onde foi alumna de Lazare Lévy e George Enescu. Concertista dende os 16 anos, fixo xiras por España e Francia, sendo recoñecida co primeiro Premio de Música de Cámara e o Premio de Interpretación de Música Francesa.[2] Traballou con profesionais como Salvador Bacarise, Luis Galve, María Victoria de los Ángeles ou Narciso Yepes.[3]

Como docente empezou no Conservatorio de Madrid mais entre 1963 e 1993 foi profesora superior de piano no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.[3] En 1987, foi comisaria da exposición Rubinstein y España, organizada co gallo do centenario de Arthur Rubinstein.[2] Tamén fixo publicacións de crítica e divulgación musical para editorais como Labor ou Santillana e artigos para xornais como La Voz de Galicia e revistas especializadas como Ritmo e Montsalvatge.[1]

Ingresou, o 13 de decembro de 1986, na sección musical da Real Academia Galega de Belas Artes co discurso "De lo estéctico expresivo a la interpretación musical" que foi respondido por Rogelio Groba.[4] Posteriormente, integrouse na mesa directiva desta institución como Bibliotecaria-Conservadora, e, en 2003, foi escollida presidenta, sendo a primeira muller en ocupar un cargo semellante en España.[5] Mantívose no cargo ata 2014, cando renunciou por mor da saúde, ocupando dende entón a presidencia de honra.[6] Na Real Academia Galega de Belas Artes promoveu a creación e dirixiu o Arquivo Musical de Galicia para recoller a obra de compositores galegos ou residentes en Galicia dos séculos XIX e XX, así como, a rehabilitación da Casa do Consulado, sede da Academia, para acoller actos abertos á cidadanía.[7] Faleceu o 11 de novembro de 2022 na Coruña aos 94 anos de idade.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "MARIA DE LAS MERCEDES GOICOA FERNANDEZ" (PDF). Academia Galega de Belas Artes. 
  2. 2,0 2,1 "María de las Mercedes Goicoa Fernández - Álbum de Galicia". CONSELLO DA CULTURA GALEGA. Consultado o 2022-11-12. 
  3. 3,0 3,1 "María de las Mercedes Goicoa Fernández - Álbum de mulleres". culturagalega.gal. Consultado o 2022-11-12. 
  4. "De lo estéctico expresivo a la interpretación musical" (PDF). culturagalega.gal. 
  5. "La pianista Mercedes Goicoa, presidente de la Academia Gallega de Belllas Artes". Mundoclasico.com (en castelán). Consultado o 2022-11-12. 
  6. "Mercedes Goicoa renuncia a seguir al frente de la Academia de Bellas Artes". La Opinión de A Coruña (en castelán). 2014-11-19. Consultado o 2022-11-12. 
  7. "REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES". www.academiagallegabellasartes.org. Consultado o 2022-11-16. 
  8. "Muere María de las Mercedes Goicoa, primera mujer en presidir una de las trece Reales Academias de Bellas Artes de España". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-11-12. Consultado o 2022-11-12. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]