Rafael Cansinos Assens
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de novembro de 1882 Sevilla, España |
Morte | 6 de xullo de 1964 (81 anos) Madrid, España |
Lugar de sepultura | cemiterio de San Justo de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | lingüista, crítico literario, novelista, escritor, poeta, tradutor, Hebraísta (pt) |
Xénero artístico | Poesía |
Premios | |
Rafael Cansinos Assens, nado en Sevilla o 24 de novembro de 1882 e finado en Madrid o 6 de xullo de 1964, foi un poeta, novelista, ensaísta, crítico literario, hebraísta e tradutor español, pertencente ao movemento ultraísta. Cansinos falaba varios idiomas e tivo gran recoñecemento tanto como tradutor como polos seus ensaios e novelas. Traduciu ao español As mil e unha noites, partes do Talmud, o Corán, e obras de Dostoievski, Goethe, Balzac e Andreiev.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]En 1898, finado o seu pai, trasladouse a Madrid, cidade que xa non abandonou, coa súa familia, moi modesta e de recursos económicos escasos. A súa educación foi fondamente cristiá da man da súa nai, fervente católica, e das das súas dúas irmás maiores, quen chegaron a ser novizas. Á rama paterna, Cansino, pertenceu a actriz Rita Hayworth. «A familia do meu avó non tiña moi bo concepto da do pai de Margarita [Carmen Cansino], por seren xente da farándula».[1]
As orixes do apelido reflectían a mediados do século XIX a súa herdanza conversa, o que levou sendo ben novo a investigar a orixe familiar. Atopou evidencias dun pasado familiar marcado pola expulsión dos españois xudeus en 1492 que dividiu as familias sefardís. A partir de entón comeza nel o proceso de asimilación ao xudaísmo, que xa o acompañaría, non sen contratempos, até o fin dos seus días.
O seu primeiro conto apareceu na revista literaria El arte contra 1898. Tamén colaborou en Vida Nueva, revista da xeración do 98 dirixida polo gaditano Dionisio Pérez Gutiérrez, e no xornal El País. Un parente fíxolle coñecer os redactores do semanario satírico El Motín. Poren, José Nakens e os seus amigos eran antimodernistas e Cansinos sentíase xa pertencente á nova sensibilidade. Contra 1901 Pedro González-Blanco púxoo en contacto co modernismo, que o cativou, e coñeceu a Francisco Villaespesa. Paseou con el e outros mozos innovadores polas rúas madrileñas e recala en certos faladoiros. Colabora en Helios (1903), Revista Latina e Renacimiento (1907).
Eses anos de comezo de século participou activamente co senador Ángel Pulido Fernández nunha campaña filosefardí que buscaba recuperar a memoria xudía española. Escribiu salmos e frecuentou o Colonial e outros cafés de faladoiro. Fíxose xornalista e relacionouse con Villaespesa e, entre outros, con Juan Ramón Jiménez, Emilio Carrere, Felipe Trigo, Rubén Darío, Rafael Lasso de la Vega, Gregorio Martínez Sierra, Carmen de Burgos, Ramón Gómez de la Serna, Antonio Machado ou Manuel Machado.
De 1905 é o manuscrito Memorias incompletas, composto por 172 follas, que contén unha importante obra de mocidade do escritor. En 2014 a Fundación-Arquivo Rafael Cansinos Assens denunciou a súa perda.[2]
En 1914 publicou a súa primeira obra, El candelabro de los siete brazos (salmos), modernista, pero tardía, cando xa esta estética empeza a decaer. Daquela lideraba o faladoiro do café Colonial e compartía a liña creacionista de Vicente Huidobro. Con outro grupo de vangardistas fundou o ultraísmo, cun manifesto que se publicou en 1919 nas revistas Cervantes e Grecia, esta última dirixida por Isaac del Vando Villar con Adriano del Valle como redactor xefe. Os obxectivos sintetizáronse en Vltra, revista publicada entre xaneiro de 1921 e febreiro de 1922. En 1919 abandonou o xornalismo para dedicarse por completo á literatura. Dirixiu a revista Cervantes e colaborou en Grecia, Vltra e Tableros, compartiu as súas actividades co grupo de vangardistas de Guillermo de Torre, Adriano del Valle, Xavier Bóveda e un mozo Jorge Luís Borges, entre outros. Ao mesmo tempo mantiña unha relación moi estreita coa incipiente comunidade xudía de Madrid, daquela xiraba en torno á figura de Max Nordau. Con todo, a súa obra daqueles anos, agás algúns textos que asinou co pseudónimo de Juan Las, non ten nada de vangardista, senón que afunde as súas raíces en textos bíblicos.
En 1919 traduciu por vez primeira ao español, dende o inglés e o francés, unha antoloxía talmúdica co título de Bellezas del Talmud. O seu prestixio como tradutor foi en aumento, con base nas súas versións de obras do emperador romano Xuliano, Ivan Turgenev, Lev Tolstoi, Maxim Gorki e Max Nordau. En 1921 fixo en El movimiento V. P. un retrato irónico dos protagonistas das vangardas españolas, en especial da disolución do ultraísmo.
Foi un ácido crítico literario en La Correspondencia de España e en La Libertad, periódico de tendencia republicana en que escribiu dende 1925 até a Guerra Civil. Publicou tamén ensaios de crítica literaria como Poetas y prosistas del novecientos (1919), Los temas literarios y su interpretación (1924) e os catro tomos de La nueva literatura (1917-1927).
Durante a Guerra civil española redactou uns Diarios principalmente en inglés, mais tamén en francés, alemán e alxamía, o que facía para practicar as linguas que coñecía. De idéntica maneira están escritos os diarios a partir dos que creou a Novela de un literato, que alcanzan até o principio da contenda. Despois da Guerra Civil foi depurado polo franquismo e privado do carné de prensa baixo a única acusación de ser xudeu. Iniciou un longo exilio interior e dedicouse case en exclusiva a traducir para a Editorial Aguilar.[3] Da súa man irá aparecendo a obra completa de autores como Dostoievski, Schiller, Goethe, Balzac ou Andreiev.
Todas estas obras acompañábaas de amplas biografías e estudos. Tivo especial importancia a primeira tradución completa e directa do árabe ao español de As mil e unha noites, en tres tomos en papel biblia, cunha extensa monografía introdutoria. Da década de 1950 é Mahoma y el Korán, biografía crítica y estudio y versión de su mensaje, publicado nunha editorial bonaerense minoritaria. A obra vai acompañada da tradución do Corán, tamén por primeira vez en español en versión directa, literal e íntegra. Tamén se debe indicar no seu haber a Antología de poetas persas. Desaparecida a comunidade xudía española tras a Guerra Civil, a súa relación co xudaísmo e as súas publicacións canalizáronse a través da Sociedade Hebraica de Bos Aires e do seu íntimo amigo César Tiempo.
Neses anos tamén escribiu un ensaio sobre o antisemitismo (Soñadores del galut, conservado na Biblioteca Nacional Arxentina) e La novela de un literato (1982-1995). Forma parte dunha colección de diarios e memorias aínda inéditos conservada na Fundación-Arquivo Rafael Cansinos Assens (ARCA). En 2002 a fundación editou a súa novela póstuma Bohemia, mentres que outra serie de obras foi reeditada en 2006.[4]
A vida que levou no Madrid da posguerra foi esencialmente nocturna, xa que durmía até ben entrada a mañá, cando empezaba a traballar. En 1946 finou a súa compañeira sentimental, Josefina Megías Casado, e en 1949 a súa irmá Pilar, coa que convivira toda a súa vida. En 1950 entrou a traballar no seu domicilio de Menéndez Pelayo Braulia Galán, quen se converteu anos despois na súa esposa e o coidou até o fin dos seus días. En 1958 tivo un fillo, Rafael Manuel, quen creou a Fundación que leva o nome do escritor. Grazas á súa viúva conservouse o arquivo literario do escritor, formado por máis de sesenta mil documentos, unha das pezas máis importantes da chamada Idade de Prata das letras españolas. A súa biblioteca, cuxa doazón foi desprezada por institucións franquistas, consérvase xunto coa de Juan Ramón Jiménezna Sala Zenobia-Juan Ramón Jiménez da Universidade de Porto Rico.
Pouco antes de morrer finalizou a tradución das Obras completas de Balzac. Foi correspondente da Academia Sevillana de Boas Letras e da Goethiana de São Paulo. En 1925 a Real Academia Española concedeulle o premio Castillo de Chirel e o ano seguinte foi distinguido coas Palmas Académicas francesas.[5]
Unha rúa de Sevilla leva o seu nome.[1]
Traducións
[editar | editar a fonte]O labor tradutor de Cansinos Assens, extenso e moi variado, remóntase aos inicios da súa carreira literaria. Desde 1914 traduciu para as editoriais América, Renacimiento, Calleja, Fe, Mundo Latino, Hernando ou La España Moderna distintas obras de Max Nordau, Alexandre Dumas (fillo), unha antoloxía do Talmud, Gorki, Pirandello, Machiavelli, Xuliano, Lombroso e Emerson, entre outros. A versión de La Atlántida de Pierre Benoit, na década de 1930, foi a súa primeira colaboración co editor Manuel Aguilar. Para esa editorial fixo traducións directas e cotexadas con versións noutras linguas das obras completas de Goethe, Dostoievski e Balzac, así como obras escollidas de Schiller, Turgenev e Andreiev. Realizou tamén para este editor as primeiras versións directas (tamén cotexadas coas principais edicións estranxeiras do momento) de As mil e unha noites ou o Corán. Todas son edicións con extensos prólogos en que leva a cabo un minucioso estudo da vida dos autores e dos textos, amais de trazar a historia da súa tradución ao español.
Cansinos Assens, consciente das limitacións que toda tradución ten, preocupouse pola literalidade dos textos. Buscou sempre vocabulario e expresións en castelán acordes ao tempo do autor para unha maior verosimilitude literaria.
Foi un gran políglota, algo moi infrecuente en España, pois falaba inglés, francés e alemán. Amais desas linguas tamén traducía do ruso e árabe e tiña coñecementos de hebreo, latín e grego antigo. Foi descrito como o único escritor español realmente extraterritorial.
Andalucía na súa literatura
[editar | editar a fonte]Rafael Cansinos Assens abandonou Sevilla con quince anos, en 1898, e instalouse de forma definitiva en Madrid. Porén, é un dos autores andaluces en que a saudade da súa terra natal e de Andalucía deixou unha ampla e fonda pegada na súa obra. Cansinos Assens, membro correspondente dende 1915 da Academia Sevillana de Boas Letras, é autor de novelas como En la tierra florida ou La santa niña catalina, que transcorren en Sevilla, ou outras como Los sobrinos del diablo e Las luminarias de Janucá, onde a evocación andaluza é permanente.
En novelas curtas como El manto de la Virgen, El hechizo del Sur lejano, La casa de las cuatro esquinas, e en numerosos contos, poemas e artigos, o andaluz e as súas xentes son protagonistas. Nas súas memorias, La novela de un literato, hai máis de cen referencias a Sevilla. Entre os seus inéditos quedan novelas autobiográficas como Los escolapios, Desencanto e Childhood, que fan referencia á Sevilla de finais do século XIX. Boa parte da súa obra crítica presta especial atención aos autores do sur de España. Mesmo escribe libros completos como Sevilla en la literatura: Las novelas sevillanas de José Más ou La copla andaluza.
Obras
[editar | editar a fonte]Poesía e prosa poética
[editar | editar a fonte]- El candelabro de los siete brazos (psalmos) (1914)
Ensaio
[editar | editar a fonte]- Estética y erotismo de la pena de muerte (1916)
- Poetas y prosistas del novecientos (España y América) (1918)
- El divino fracaso (1918)
- España y los judíos españoles (1920)
- Salomé en la literatura (1920)
- Ética y estética de los sexos (1921)
- La nueva literatura (1917–1927), catro volumes
- Los temas literarios y su interpretación (1924)
- Los valores eróticos en las religiones: De Eros a Cristo (1925)
- Los valores eróticos en las religiones: el amor en el Cantar de los cantares (1930)
- Evolución de los temas literarios (la copla andaluza. Toledo en la novela. Las novelas de la torería. El mito de don Juan) (1936)
- Los judíos en la literatura española (1937)
- Mahoma y el Korán (1954).
- Los judíos en Sefarad (1950)
Narrativa
[editar | editar a fonte]- El pobre Baby (1914)
- La encantadora (1916)
- El eterno milagro (1918)
- La madona del carrusel (1920)
- En la tierra florida (1920)
- El movimiento V.P. (1921)
- La huelga de los poetas (1921)
- La novia escamoteada (1921)
- Las pupilas muertas (1921)
- La dorada (1921)
- La leyenda de Sophy (1922)
- El último trofeo (1922)
- La amada fúnebre (1922)
- El pecado pretérito (1923)
- El gran borracho (1923)
- Alma carne (1923)
- Ancilla domini (1923)
- La señorita Perséfone (1923)
- La prenda del amor (1924)
- Cristo en la morería (1924)
- Las luminarias de Janucá (1924)
- La casa de las cuatro esquinas (1926)
- Bohemia (póstuma, 2002)
Memorias e diarios
[editar | editar a fonte]- La novela de un literato: hombres, ideas, efemérides, anécdotas (Editada en tres volumes: 1982 —vols. I e II— e 1996 —vol. III—)
- Diarios de la Guerra Civil (inéditos, redactados en inglés, francés, alemán e alxamía)[6]
- Diario de posguerra en Madrid, 1943 (Arca Ediciones, 2023).[7]
Antoloxías
[editar | editar a fonte]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "«A Borges le fascinaba el parentesco entre mi padre y Rita Hayworth»". ABC (en castelán) (Sevilla). 21 de maio de 2006. Consultado o 2 de decembro de 2023.
- ↑ "Roban un manuscrito inédito de Rafael Cansinos Assens". ABC (en castelán). 2 de setembro de 2014. Consultado o 3 de decembro de 2023.
- ↑ Martínez Pérsico, Marisa (2012). La gloria y la memoria. El Ultraísmo iberoamericano 'suivant les traces' de Rafael Cansinos Assens (en castelán). Books on Demand. ISBN 9782810623600.
- ↑ Belausteguigoitia, Santiago (5 de xuño de 2009). "Un tesoro literario del siglo XX". El País (en castelán) (Sevilla). Consultado o 3 de decembro de 2023.
- ↑ Fillière, Carole (2020). "Traducir el siglo XIX: la labor de Rafael Cansinos Assens". En González Herrán, José Manuel; Sotelo Vázquez, Marisa; Carbonell, Marta Cristina; Ripoll Sintes, Blanca. El siglo que no cesa: el pensamiento y la literatura del siglo XIX desde los siglos XX y XXI (en castelán). Edicions de la Universitat de Barcelona. p. 564. ISBN 9788491684152.
- ↑ Valenzuela, Alfredo (28 de marzo de 2022). "Nuevos fragmentos de las memorias de Cansinos Assens". Diario de Sevilla (en castelán) (Sevilla). Consultado o 4 de decembro de 2023.
- ↑ "Diario de posguerra en Madrid, 1943". Librería de la Fundación Cansinos Assens (en castelán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bonet, Juan Manuel (2009). "Fragmentos sobre Rafael Cansinos Assens y El movimiento V. P.". El movimiento V. P. (en castelán). Madrid: Arca Ediciones. ISBN 9788493497668.
- Borges, Jorge Luis (1924). "Definición de Cansinos Assens". Martín Fierro (en castelán) (Bos Aires) (12-13): 5.
- Chiappini, Julio O. (1995). Borges y Cansinos-Asséns (en castelán). Rosario: Zeus Editora. OCLC 35100573.
- Estrella Cózar, Ernesto (2005). Cansinos Assens y su contexto crítico (en castelán). Granada: Universidad de Granada - Diputación de Granada. ISBN 9788433832511.
- Fuentes Florido, Francisco (1979). Rafael Cansinos Assens novelista, poeta, crítico, ensayista y traductor (en castelán). Madrid: Fundación Juan March. ISBN 8470751417.
- Linares, Abelardo (1978). Fortuna y fracaso de Rafael Cansinos-Asséns (en castelán). Sevilla: Gráficas del Sur.
- Oteo Sans, Ramón (1996). Cansinos-Assens: entre el modernismo y la vanguardia (en castelán). Alacant: Editorial Aguaclara. ISBN 9788480180955.
- De Villena, Luis Antonio (1997). "Rafael Cansinos-Assens, el poeta de los mil años". Biografía del fracaso (en castelán). Barcelona: Planeta. ISBN 9788408021704.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rafael Cansinos Assens |