Saltar ao contido

Tradución

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Tradutor»)

Tradución
Imaxe
 Subclase de
 Caracterizado por
 Estudado por
Implicados
 Practicado por
Identificadores
Freebase/m/07h26 Editar o valor en Wikidata
MeSHD014177 Editar o valor en Wikidata
OpenAlexC2986862884 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Enciclopedia Galega Universal: 193626 BNE: XX534583
Wikidata C:Commons

A tradución[1] (do latín traducere: facer pasar dun lugar a outro) é unha actividade que comprende a interpretación do significado dun texto nun idioma, o texto orixe, a un texto equivalente noutro idioma, o texto meta. Tamén o produto desta actividade, o texto meta, denomínase tradución. A disciplina que estuda sistematicamente a teoría, a descrición e a aplicación da tradución e a interpretación denomínase tradutoloxía.[2]

O obxectivo da tradución é crear unha relación entre o texto orixe e o texto meta, é dicir, que ambos textos comuniquen unha mensaxe equivalente. Cómpre, xa que logo, ter en conta aspectos coma o xénero textual, o contexto, as regras gramáticais de cada idioma, as convencións estilísticas ou a fraseoloxía, entre outros.

É importante diferenciar a tradución da interpretación. No primeiro caso, a mensaxe transmítese por escrito, mentres que na interpretación, a mensaxe exprésase de xeito oral ou mediante xesticulación, como acontece na lingua de signos.

Mentres que a interpretación é indubidablemente máis antiga que a escritura, a tradución só xurdiu despois do xurdimento da literatura escrita. Existen rexistros históricos con traducións parciais da Epopea de Gilgamesh, que se atopa entre os textos máis antigos coñecidos, (sobre o 2000 a. C.) a idiomas de Oriente Próximo desa época.[3] É posible que a Epopea de Gilgamesh fose lida, nas súas propias linguas, polos primeiros escritores da Biblia e da Ilíada.[4]

Un tradutor sempre corre o risco de introducir inadvertidamente palabras, gramática ou sintaxe do idioma de orixe na tradución ao idioma de destino. Doutra banda, estes "contaxios" ás veces importaron calcos e palabras prestadas útiles do idioma de orixe que enriqueceron os idiomas de destino.

Tradicionalmente, a tradución foi unha actividade desenvolvida por humanos. Porén, hai numerosos intentos de automatizar a tarefa de traducir textos naturais (tradución automática) ou de utilizar ordenadores para apoiar esta tarefa (tradución asistida por ordenador). Un exemplo de tradución asistida sería o uso dunha memoria de tradución.

Debido á laboriosidade do proceso de tradución, desde a década de 1940 realizáronse esforzos, con diversos graos de éxito, para automatizar a tradución ou para axudar mecanicamente ao tradutor humano.[5] Máis recentemente, o auxe de Internet fomentou un mercado mundial para os servizos de tradución e facilitou a «localización lingüística».[6]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo tradución provén do latín traductĭo, -ōnis,[7] «facer pasar dun lugar a outro», e foi utilizado por primeira vez polo editor francés Robert Estienne en 1539. Xa en 1440 o verbo tradurre fora utilizado nese sentido polo escritor italiano Leonardo Bruni.[8] No latín clásico adoitábase falar de translatio (translación), versio (versión) ou interpretatio (interpretación), aínda que non queda excesivamente clara cal era a diferenza entre eles.[9] Devandito termo está relacionado cos termos gregos μεταφορά (metaforá, «translación»), μετάθεσις (metáthese, «transposición») e μετάφρασις (metáfrase, «reexpresión»).[10] A maior parte das linguas europeas modernas utilizan algunhas destas raíces ou construcións análogas, como o alemán übersetzen («pasar á outra beira»).[11] No castelán medieval adoitaba empregarse o termo "trujamán", de orixe árabe, referido tanto ao tradutor como ao intérprete.[12]

Definición

[editar | editar a fonte]
O memorial do tradutor, en St Asaph. No centro aparece William Morgan, o tradutor da Biblia ao galés.

Foron moitos os intentos de definir a «tradución» ao longo da historia, aínda que aumentaron enormemente desde a década de 1960 e o auxe da tradutoloxía como disciplina autónoma. Cinco son os enfoques principais que se sucederon á hora de buscar unha definición completa:[13]

  • Actividade entre linguas: «pasar dunha lingua Á unha lingua B para expresar a mesma realidade» (Vinay, J. P. e Darbelnet, J.),[14] «enunciar noutra lingua o que foi enunciado nunha lingua fonte, conservando as equivalencias semánticas e estilísticas» (García Yebra, V.).[15]
  • Actividade entre textos:«transmitir o sentido das mensaxes que contén un texto»(Seleskovitch e Lederer),[16] «a substitución dun texto en lingua de partida por un texto semántica e pragmáticamente equivalente en lingua meta» (House).[17]
  • Acto de comunicación: «reproducir na lingua terminal a mensaxe da lingua orixinal por medio do equivalente máis próximo e máis natural, primeiro no que se refire ao sentido, e logo no que incumbe ao estilo» (Nida),[18] «un proceso comunicativo que ten lugar nun contexto social» (Hatim e Mason).[19]
  • Proceso: «analizar a expresión do texto da lingua orixinal en termos de oracións prenucleares, trasladar as oracións prenucleares de lingua orixinal en oracións prenucleares equivalentes de lingua termo e, finalmente, transformar estas estruturas de lingua termo en expresións estilisticamente apropiadas» (Vázquez Ayora),[20] «operación que consiste en determinar a significación dos signos lingüísticos en función dun querer dicir concretizado nunha mensaxe, e restituír despois esa mensaxe integramente mediante os signos doutra lingua» (Delisle).[21]
  • Actividade textual, comunicativa e cognitiva: « É un proceso interpretativo que consiste na reformulación dun texto cos medios dunha lingua que se relacionan dentro dun contexto social e cunha finalidade determinada» (Hurtado Albir)[22]

O proceso tradutolóxico

[editar | editar a fonte]

O proceso tradutor é o proceso mental polo cal se permite transmitir un texto formulado nunha lingua, utilizando os medios doutra lingua.[23] Historicamente distinguíronse nel tres procesos diferenciados: comprensión, desverbalización e reexpresión.[23] Algúns autores inclúen a desverbalización como un proceso interno da comprensión, e por tanto distinguen só dous procesos básicos.[24][25]

Na súa obra, Teoría y práctica de la traducción, Valentín García Yebra recoñece dúas fases no proceso tradutolóxico: "a fase da comprensión do texto orixinal, e a fase da expresión da súa mensaxe, do seu contido, na lingua receptora ou terminal".

Na etapa de comprensión, decodifícase o sentido do texto orixe, nunha actividade denominada semasiolóxica (do grego, sema, sentido ou significado). Na etapa de expresión, recodifícase este sentido na lingua meta; etapa tamén chamada onomasiolóxica (do grego, onoma, nome).

Na etapa de decodificación do sentido do texto, cómpre identificar en primeiro lugar os segmentos que compoñen o texto orixinal, é dicir, as unidades mínimas con sentido. O segmento pode ser unha palabra, unha frase, unha ou máis oracións ou mesmo un texto completo.

Na etapa de recodificación na lingua meta, débese manter o sentido do segmento orixinal nun segmento da lingua meta, respectando o xenio da mesma. A reunión do segmento orixe co segmento meta é o que se denomina unidade de tradución.

Ambas etapas son de índole recursiva e non necesariamente sucesivas. É dicir, pódese volver desentrañar o sentido do texto orixe unha vez recodificado o sentido na lingua meta.

Após este procedemento, sinxelo a primeira vista, agóchase unha operación cognitiva complexa. Para decodificar o sentido completo do texto orixe, cómpre interpretar e analizar todas as súas características de forma consciente e metódica. Este proceso require un coñecemento profundo da gramática, semántica, sintaxe e fraseoloxía da lingua orixe, así como dos elementos culturais. É esencial contar con estes coñecementos para recodificar o sentido na lingua meta. De feito, estes adoitan ser máis importantes e, polo tanto, máis fondos cós da lingua orixe. Por ese motivo, a práctica máis habitual é traducir á lingua materna. Ademais, é esencial coñecer a área que se está tratando.

Os estudos realizados nos últimos anos en lingüística cognitiva permitiron comprender mellor o proceso cognitivo da tradución.

Historia da tradución

[editar | editar a fonte]
Pedra de Rosetta.

A tradución é unha actividade moi antiga. Unha das primeiras evidencias escritas de tradución é a Pedra de Rosetta, onde un mesmo texto atópase en exipcio xeroglífico, exipcio demótico e grego, que serviu para descifrar o significado dos xeroglíficos exipcios.

O rei Carlos V de Francia o Sabio encarga unha tradución de Aristóteles. O primeiro recuadro mostra como ordena a tradución; o segundo, como se realiza a tradución. O terceiro e cuarto recuadros mostran como leva a tradución terminada ao rei e presentalla.

Unha parte significativa da historia da tradución en Occidente ten que ver coa tradución dos textos bíblicos. As primeiras traducións escritas testemuñadas foron da Biblia, xa que como os xudeus levaban moito tempo sen falar a lingua hebrea, esta perdeuse e as Sacras Escrituras deberon traducirse para que as entendesen os xudeus que non falaban a súa lingua orixinal. Tolomeo II Filadelfo no século III a,C. mandou traducir do hebreo ao grego koiné as Sacras Escrituras a 72 sabios que dominaban o hebreo e o grego. Esta versión coñécese como versión alexandrina, versión dos 70 ou Septuaginta.[3] Ao longo dos séculos I e II d. C. a Biblia traduciuse de maneira intermitente do grego ao latín. Este conxunto de textos coñécese como Vetus Latina. San Xerome realizou a primeira tradución sistemática da Biblia ao latín do pobo: a Vulgata, que apareceu ao redor do 384 d. C.[24]

Nos séculos IX e X en Bagdad, os traballos dos antigos gregos nos campos da ciencia e a filosofía traducíronse ao árabe. Esta aprendizaxe espallouse por Europa a través de Al-Andalus, baixo o dominio musulmán desde principios do século VIII por oitocentos anos, até o XV, cando os musulmáns foron desterrados.[3]

A Escola de Tradutores de Toledo, onde se realizaron traducións do árabe ao romance castelán e logo ao latín, contribuíu ao desenvolvemento científico e tecnolóxico que permitiu o advenimiento do Renacemento europeo. Ao longo da Idade Media, o latín era a lingua franca do mundo occidental. No IX Alfredo o Grande, rei de Wessex, en Inglaterra, adiantouse ao seu tempo na tradución en lingua vernácula anglosaxoa da Historia Eclesiástica do Pobo Inglés de Beda e da Consolación de Filosofía de Boecio. Mentres tanto, a Igrexa Cristiá vía mal mesmo adaptacións parciais da Vulgata de San Xerome de ao redor de 384, a Biblia latina estándar.[24] Posteriormente, ao tempo da invención da imprenta de tipos móbiles, Martiño Lutero traduciu a Biblia ao alemán.

Teoría occidental

[editar | editar a fonte]

Os debates sobre a teoría e a práctica da tradución remóntanse á antigüidade e mostran unha notable continuidade. Os antigos gregos distinguían entre metáfora (tradución literal) e paráfrase. Esta distinción foi adoptada polo poeta e tradutor inglés John Dryden (1631-1700), quen describiu a tradución como a combinación xuiciosa destes dous modos de expresión ao seleccionar, na lingua de destino, "contrapartes" ou equivalentes para as expresións utilizadas na lingua de orixe:

Cando [as palabras] aparecen... literalmente elegantes, sería unha ofensa para o autor cambialas. Pero dado que... o que é belo nun [idioma] a miúdo resulta bárbaro, e mesmo ás veces sen sentido, noutro, non sería razoable limitar ao tradutor ao estreito ámbito das palabras do autor: abonda con que elixa algunha expresión que non altere o sentido.[7]

Con todo, Dryden advertiu contra a licenza da "imitación", é dicir, da tradución adaptada: "Cando un pintor copia da vida... non ten dereito a alterar os trazos e lineamentos...."[26]

Esta formulación xeral do concepto central da tradución —"equivalencia"— é tan axeitada como calquera outra que se propuxo desde Cicerón e Horacio, quen, na Roma do século I a. C., advertiron de xeito notorio e literal contra a tradución palabra por palabra.(verbum pro verbo).[26]

A pesar da diversidade teórica ocasional, a "práctica" real da tradución apenas cambiou desde a antigüidade. Excepto por algúns metafrasistas extremos nos primeiros tempos do cristianismo e a Idade Media e adaptadores en diversos períodos (especialmente a Roma preclásica e o século XVIII), os tradutores mostraron en xeral unha flexibilidade prudente na procura de equivalentes —"literais" cando era posible, "parafrásicos" cando era necesario— para o significado orixinal e outros "valores" cruciais (por exemplo, estilo, forma versificada, concordancia co acompañamento musical ou, nas películas, cos movementos articulatorios da fala), segundo se determinaba a partir do contexto.[26]

En xeral, os tradutores trataron de preservar o contexto reproducindo a orde orixinal dos sememas e, por tanto, a orde das palabras[27]—cando sexa necesario, reinterpretando a estrutura gramatical real, por exemplo, cambiando da voz activa á pasiva, ou viceversa. As diferenzas gramaticais entre os idiomas de "orde de palabras fixa"[28] (por exemplo, inglés, francés, alemán) e linguas de "orde de palabras libre"[29] (por exemplo, grego, latín, polaco, ruso) non supuxeron ningún impedimento neste sentido.[26] As características sintácticas particulares (estrutura das oracións) do texto do idioma de orixe axústanse aos requisitos sintácticos do idioma de destino.

Cando un idioma de destino carecía de termos que se atopaban nun idioma de orixe, os tradutores tomaban prestados eses termos, enriquecendo así o idioma de destino. Grazas en gran medida ao intercambio de calcos e préstamos entre idiomas, e á súa importación desde outros idiomas, hai poucos conceptos que sexan "intraducibles" entre os idiomas europeos modernos.[26] Con todo, un problema maior é traducir termos relacionados con conceptos culturais que non teñen equivalente no idioma de destino.[30] Para unha comprensión completa, este tipo de situacións requiren a provisión dunha glosa.

Polo xeral, canto maior é o contacto e o intercambio que existiu entre dúas linguas, ou entre esas linguas e unha terceira, maior é a proporción de metafrase e paráfrase que se pode utilizar na tradución entre elas. Con todo, debido aos cambios nos nichos ecolóxicos das palabras, unha etimoloxía común ás veces pode ser enganosa como guía do significado actual nun ou outro idioma. Por exemplo, a palabra inglesa «actual» non debe confundirse coa súa cognado francés actuel ("presente", "actual"), o polaco aktualny ("presente", "actual", «de actualidade», "oportuno", "factible"),[31] o sueco "aktuell" ("de actualidade", "actualmente importante"), o ruso актуальный ("urxente", "de actualidade") ou o neerlandés "actueel" ("actual").

O papel do tradutor como ponte para "transmitir" valores entre culturas debateuse polo menos desde Terencio, o adaptador romano de comedias gregas do século II a. C. Con todo, o papel do tradutor non é en absoluto pasivo nin mecánico, polo que tamén se comparou co dun artista. O motivo principal parece ser o concepto de creación paralela que se atopa en críticos como Cicerón. Dryden observou que "a tradución é unha especie de debuxo baseado na vida real...". A comparación do tradutor cun músico ou un actor remóntase polo menos á observación de Samuel Johnson sobre Alexander Pope interpretando a Homero nun flageolet, mentres que o propio Homero utilizaba un fagot.[31]

Ao tradutor da Biblia o alemán, Martiño Lutero (1483-1546), atribúeselle ser o primeiro europeo en postular que só se traduce satisfactoriamente cara á propia lingua. L. G. Kelly afirma que, desde Johann Gottfried Herder no século XVIII, "foi axiomático" que só se traduce cara á propia lingua.[32]

Ás esixencias que se lle impoñen ao tradutor súmase o feito de que ningún dicionario ou tesauro pode ser unha guía totalmente axeitada para traducir. O historiador escocés Alexander Tytler, no seu Essay on the Principles of Translation (Ensaio sobre os principios da tradución 1790), fixo fincapé en que a lectura asidua é unha guía máis completa para un idioma que os dicionarios. O mesmo punto, pero incluíndo tamén a escoita da linguaxe falada, xa fora sinalado anteriormente, en 1783, polo poeta e gramático polaco Onufry Kopczyński (en).[33]

Outras tradicións

[editar | editar a fonte]

Debido ao colonialismo occidental e ao dominio cultural dos últimos séculos, as tradicións occidentais de tradución substituíron en gran medida a outras tradicións. As tradicións occidentais baséanse tanto nas tradicións antigas e medievais como nas innovacións europeas máis recentes.

Aínda que os enfoques anteriores da tradución utilízanse menos hoxe en día, seguen sendo importantes á hora de tratar os seus produtos, como cando os historiadores examinan rexistros antigos ou medievais para reconstruír acontecementos que tiveron lugar en contornas non occidentais ou preoccidentais. Ademais, aínda que están moi influenciadas polas tradicións occidentais e son practicadas por tradutores formados en sistemas educativos de estilo occidental, as tradicións de tradución chinesas e afíns conservan algunhas teorías e filosofías propias da tradición chinesa.

Próximo Oriente

[editar | editar a fonte]

As tradicións de tradución entre as linguas do antigo Exipto, Mesopotamia, Asiria (lingua siríaca), Anatolia e Israel (lingua hebrea) remóntanse a varios milenios. Existen traducións parciais da Epopea de Gilgamesh sumeria (c. 2000 a. C.) a linguas do suroeste asiático do segundo milenio a. C.[34]

Un exemplo temperán de documento bilingüe é o Tratado de Kadesh de 1274 a. C. entre os imperios do antigo Exipto e os hititas.

Os babilonios foron os primeiros en establecer a tradución como profesión.[35]

As primeiras traducións de textos gregos e coptos ao árabe, posiblemente de forma indirecta a partir de traducións siríacas,[36] parecen haberse emprendido xa a finais do século VII d. C.[37]

O segundo califa abasí fundou unha oficina de tradución en Bagdad no século VIII.[38]

A Casa da Sabedoría ou "Casa do Saber" (en árabe بيت الحكمة‎ Bayt al-Hikmah) foi unha famosa biblioteca de Bagdad, que contaba con xenerosas doazóns e unha colección que incluía libros en moitos idiomas, converteuse nun centro líder para a tradución de obras da antigüidade ao árabe, co seu propio departamento de tradución.[39]

As traducións a linguas europeas de versións árabes de textos gregos e romanos perdidos comezaron a mediados do século XI, cando os eruditos europeos recoñeceron os beneficios que podían obter do coñecemento que os árabes tiñan dos textos clásicos, especialmente tras a creación da Escola de Tradutores de Toledo en España.

A obra Dictes or Sayengis of the Philosophres (Ditos dos filósofos, 1477) de William Caxton era unha tradución ao inglés dun texto exipcio do século XI que chegou ao inglés tras ser traducido ao latín e logo ao francés.

A tradución de obras estranxeiras para a súa publicación en árabe reactivouse coa creación da Madrasat al-Alsun (Escola de Linguas) en Exipto en 1813.[40]

Sutra budista traducido ao chinés por Kumārajīva – o libro impreso máis antigo do mundo (868 d. C.)

Existe unha tradición de tradución independente no sur, sueste e leste de Asia (principalmente de textos das civilizacións India e chinesa), relacionada especialmente coa tradución de textos relixiosos, en particular budistas, e do goberno do imperio chinés. A tradución clásica india caracterízase por unha adaptación libre, en lugar da tradución máis fiel que se atopa máis comunmente en Europa; e a teoría da tradución chinesa identifica varios criterios e limitacións na tradución.

Na esfera de influencia cultural chinesa do leste asiático, máis importante que a tradución per se foi o uso e a lectura de textos chineses, o que tamén tivo unha influencia considerable nos idiomas xaponés, coreano e vietnamita, con importantes préstamos do vocabulario chinés e do sistema de escritura. Cabe destacar o kanbun xaponés, un sistema para glosar textos chineses para falantes de xaponés.

Estratexias de tradución

[editar | editar a fonte]

A traducibilidade, un dos primeiros problemas da tradución, é a posibilidade de traducir con éxito un enunciado nun idioma a un equivalente noutro idioma. Isto non sempre é posíbel, polo que existen varias estratexias de tradución.

Adaptación

[editar | editar a fonte]

A adaptación ou tradución libre consiste en substituír unha realidade cultural ou social no texto orixinal por unha realidade equivalente no texto meta. Esta nova realidade resulta máis común para a audiencia do texto meta. Resulta acotío de utilidade, por exemplo, na tradución de poesía, teatro ou publicidade.

Préstamo

[editar | editar a fonte]

O préstamo consiste en utilizar unha palabra ou expresión do texto orixinal no texto meta. Adóitase escribir en cursiva.

O decalco léxico é a creación de neoloxismos seguindo a estrutura da lingua de orixe, como fútbol, da palabra inglesa football.

Modulación

[editar | editar a fonte]

Consiste en traducir unha palabra por unha frase explicativa ou unha descrición desta. É común nalgúns casos nos que hai diferenzas culturais.

Equivalencia

[editar | editar a fonte]

É a correspondencia en significado dunha palabra nun idioma fronte a outro. Dúas palabras son equivalentes se teñen o mesmo significado.

Tradución literal

[editar | editar a fonte]

Refírese ao paso da lingua de orixe á lingua meta sen emprego de estratexias de tradución máis cá conversión dos termos, sempre que o resultado sexa correcto en termos gramaticais. É unha tradución palabra por palabra:

Mon Dieu pardonnez-moi cette méprisable prière,
mais je ne puis écarter son nom de mes lèvres, nin oublier a peite de mon coeur
Deus meu, perdóame esta desprezable oración,
pero non podo apartar o seu nome dos meus beizos, nin esquece-la pena do meu corazón

Segundo Vinay e Dalbernet, a tradución literal é lícita sobre todo entre linguas que comparten unha mesma cultura.

Principais asociacións de tradución e interpretación de Galicia

[editar | editar a fonte]
  • ATG, Asociación de Tradutores Galegos, fundada en 1985. Realiza o seu labor fundamentalmente no ámbito literario. É responsable de BIVIR, un proxecto de biblioteca virtual. A ATG e o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo publican conxuntamente Viceversa dende 1995, unha revista académica centrada na tradución desde a perspectiva galega.
  • AGPTI, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación, fundada en 2001.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tradución.
  2. Hurtado Albir, A., Traducción y Traductología, p. 25.
  3. 3,0 3,1 3,2 Cohen, J. M., Translation, p. 12.
  4. J.M. Cohen, "Translation," Encyclopedia Americana, 1986, vol. 27, p. 12.
  5. W.J. Hutchins, Early Years in Machine Translation: Memoirs and Biographies of Pioneers, Amsterdam, John Benjamins, 2000.
  6. M. Snell-Hornby, The Turns of Translation Studies: New Paradigms or Shifting Viewpoints?, Philadelphia, John Benjamins, 2006, p. 133.
  7. 7,0 7,1 Christopher Kasparek, "The Translator's Endless Toil", p. 83.
  8. Hurtado Albir, A., Traducción y Traductología, p. 107
  9. Vélez, Fabio. Antes de Babel. pp. 3–21. 
  10. Vega, M. A., Textos clásicos de teoría de la traducción, p. 19.
  11. Vega, M. Á., Textos clásicos de teoría de la traducción, p. 20.
  12. Hurtado Albir, A., Traducción y Traductología, p. 99.
  13. Hurtado Albir, A., Traducción y Traductología, pp. 37-40
  14. Vinay, J. P. e Darbelnet, J., Stylistique comparée du français et de l'anglais
  15. García Yebra, V., Teoría y práctica de la traducción, p. 30.
  16. Seleskovitch, D. e Lederer, M., Interpréter pour traduire p.256
  17. House, J., A Model for Translation Quality Assessment, p.29
  18. Nida, E. A., La traducción: teoría y práctica, p. 29.
  19. Hatim, B. e Mason I., Discourse and the Translator p.13
  20. Vázquez Ayora, G. Introducción a la traductología, p.50
  21. Delisle, J., L'Analyse du discours comme méthode de traduction, p.68
  22. Hurtado Albir, A., Traducción y Traductología, p. 41
  23. 23,0 23,1 Hurtado Albir, A., Traducción y Traductología, p. 362-364
  24. 24,0 24,1 24,2 Hurtado Albir, A., Traducción y Traductología, p. 311-359
  25. García Yebra, V., Teoría y práctica de la traducción
    A fase da comprensión do texto orixinal, e a fase da expresión da súa mensaxe, do seu contido, na lingua receptora ou terminal.
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 Kasparek, "The Translator's Endless Toil", p. 84.
  27. Lydia Davis, "Eleven Pleasures of Translating", The New York Review of Books, vol. LXIII, no. 19 (8 de decembro de 2016), pp. 22–24. "Gústame reproducir a orde das palabras e a orde das ideas do [texto] orixinal sempre que sexa posible. [p. 22] A tradución é, eternamente, un compromiso. Un confórmase co mellor que pode facer en lugar de alcanzar a perfección, aínda que ocasionalmente hai solucións perfectas [ao problema de atopar unha expresión equivalente no idioma de destino]." (p. 23.)
  28. Typically, analytic languages.
  29. Normalmente, linguas sintéticas.
  30. Some examples of this are described in the article, "Translating the 17th of May into English and other horror stories", Consultado o 15 de abril de 2010.
  31. 31,0 31,1 Kasparek, «The Translator's Endless Toil», p. 85.
  32. L.G. Kelly, cited in Kasparek, "The Translator's Endless Toil", p. 86.
  33. Kasparek, "The Translator's Endless Toil", p. 86.
  34. J.M. Cohen, "Translation", Encyclopedia Americana, 1986, vol. 27, p. 12.
  35. Bakir, K.H. 1984. Arabization of Higher Education in Iraq. PhD thesis, University of Bath.
  36. Wakim, K.G. 1944. Arabic Medicine in Literature. Bulletin of the Medical Library Association 32 (1), January: 96-104.
  37. Hitti, P.K. 1970. History of the Arabs from the Earliest Times to the Present. 10th ed. Basingstoke, UK: Palgrave Macmillan.
  38. Monastra, Y., and W. J. Kopycki. 2009. Libraries. In: The Oxford Encyclopedia of the Modern Islamic World. edited by J.L. Esposito, 2nd ed., vol.3, 424-427. New York: Oxford University Press.
  39. Hussain, S.V. 1960. Organization and Administration of Muslim Libraries: From 786 A.D. to 1492 A.D. Quarterly Journal of the Pakistan Library Association 1 (1), July: 8-11.
  40. S.A. El Gabri, The Arab Experiment in Translation, New Delhi, India, Bookman’s Club, 1984.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bassnett, Susan (1990). Translation studies. Londres & Nova York: Routledge. ISBN 0-415-06528-3. 
  • Berman, Antoine, Pour une critique des traductions: John Donne. París: Gallimard, 1995. Translated into English by Françoise Massardier-Kenney as Toward a Translation Criticism: John Donne. Kent, OH: Kent State University Press, 2009.
  • Billiani, Francesca, Ethics. In: Routledge Encyclopedia of Translation Studies. Nova York e Londres: Routledge, 2001.
  • Cohen, J.M., "Translation", Encyclopedia Americana, 1986, vol. 27, pp. 12–15.
  • Darwish, Ali, "Towards a Theory of Constraints in Translation," 1999. (@turjuman Online)
  • Gouadec, Daniel, Translation as a Profession, Amsterdam, John Benjamins, 2007, ISBN 978-90-272-1681-6.
  • Kelly, L.G. (1979). The True Interpreter: a History of Translation Theory and Practice in the West. New York, St. Martin's Press. ISBN 0-312-82057-7. 
  • Miłosz, Czesław, The History of Polish Literature, 2nd ed., Berkeley, University of California Press, 1983, ISBN 0-520-04477-0.
  • Najder, Zdzisław, Joseph Conrad: A Life, translated by Halina Najder, Rochester, Nova York, Camden House, 2007, ISBN 1-57113-347-X.
  • Parks, Tim, Translating Style: A Literary Approach to Translation—A Translation Approach to Literature, Manchester, St. Jerome, 2007, ISBN 1-905763-04-2.
  • Rose, Marilyn Gaddis, guest editor, Translation: Agent of Communication (a special issue of Pacific Moana Quarterly, 5:1), 1980.
  • Routledge Encyclopedia of Translation Studies (2008), ed. Mona Baker, Gabriela Saldanha, Routledge ISBN 978-0-415-36930-5
  • Simms, Norman, editor (1983). Nimrod's Sin: Treason and Translation in a Multilingual World. 
  • Venuti, Lawrence (1994). The Translator's Invisibility. Routledge. ISBN 0-415-11538-8. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]