Lingua hebrea
| Lingua hebrea | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| עברית | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Propiedades | |||||||||||||||||||
|
Alfabeto
| |||||||||||||||||||
|
Institución de normalización
| |||||||||||||||||||
|
Tipoloxía lingüística
| |||||||||||||||||||
|
Xénero gramatical
| |||||||||||||||||||
|
Estado de lingua da UNESCO
| |||||||||||||||||||
| Clasificación lingüística | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||||||||||
O hebreo[1] ou hebraico[2][3] (en hebreo: עִבְרִית ʿIvrit) é unha lingua semítica da familia lingüística afroasiática. Historicamente, é a lingua dos israelitas e dos seus antergos, malia que a lingua non aparece co nome de hebreo no Tanakh. No Tanakh (Biblia xudía), a lingua é chamada "yehudit" (a lingua de Xudá) ou "səpaṯ kəna‘an" (a lingua de Canaan). Os exemplos máis antigos de paleohebreo datan do século -X, na forma de debuxos primitivos, mais "a cuestión da lingua usada na inscrición queda sen responder, facendo imposible probar que era hebreo e non outra lingua local".[4] Permaneceu en uso regular como primeira lingua ata despois do ano 200 e como a lingua litúrxica do xudaísmo (dende o Período do Segundo Templo) e do samaritanismo.[5]
O hebreo deixou de ser unha lingua falada nalgún momento entre os séculos I e IV[6] e sobreviviu no período medieval só como lingua litúrxica e da literatura dos rabinos. Porén, no século XIX, foi revivida como lingua falada e da literatura, e segundo Ethnologue, hoxe é a lingua de 9 millóns de persoas en todo o mundo,[7][8] dos cales 7 millóns son de Israel.[9] Nos Estados Unidos está a segunda maior poboación hebreo falante, con 221.593 falantes fluídos,[10] a maioría procedentes de Israel.
O hebreo moderno é unha das dúas linguas oficiais de Israel (a outra é o árabe), mentres que o hebreo bíblico é usado para a oración e estudo polas comunidades xudías de todo o mundo. O hebreo antigo é aínda hoxe a lingua litúrxica dos samaritanos, mentres que o hebreo ou árabe modernos é a lingua vernácula. Como lingua estranxeira, é estudada por estudantes de xudaísmo e por arqueólogos e lingüistas especializados no Oriente Medio e as súas civilizacións, así como por teólogos.
A Torah (os primeiros cinco libros da Biblia hebrea), está escrita en hebreo bíblico, lingua da cal deriva a moderna, e que os estudosos cren floreceu no século -VI, na era do exilio babilonio. Por este motivo, o hebreo é chamado polos xudeus Leshon HaKodesh (לְשׁוֹן הַקֹּדֶשׁ), "A lingua sagrada", dende tempos antigos.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A palabra moderna "hebreo" deriva da palabra "Ibri" (plural "Ibrim"), un dos moitos nomes do pobo xudeu. Tradicionalmente, enténdese como un adxectivo baseado no nome dun suposto antergo de Abraham, Eber ("Ebr" עבר en hebreo), mencionado no libro da Xénese 10:21. O nome está posiblemente baseado na raíz "ʕ-b-r" (עבר) que significa "cruzar".[11] As interpretacións de "ʕibrim" están relacionadas con este verbo; xa que fai referencia ós hebreos como o pobo que cruzou o río Éufrates.[12] A palabra habiru ou a asiria ebru teñen idéntico significado.[13]
Na Biblia, a lingua hebrea é chamada Yәhudit (יהודית) porque Xudá (Yәhuda) foi o reino existente no momento da cita (finais do século -VII (Is 36, 2 Reis 18)). En Isaías 19:18, tamén é chamada "Lingua de Canaan" (שְׂפַת כְּנַעַן).
Historia
[editar | editar a fonte]O hebreo pertence ao grupo de linguas cananeas. As linguas cananeas son unha rama da familia de linguas semíticas do noroeste.[14]
Segundo Avraham Ben-Yosef, o hebreo floreceu como lingua falada no Reinos de Israel e Xudá durante o período de aproximadamente 1200 a 586 a.C.[15] Os estudosos debaten o grao en que o hebreo era unha lingua vernácula falada na antigüidade despois do exilio babilónico cando a lingua internacional predominante na rexión era o arameo antigo.
O hebreo extinguiuse como lingua coloquial na Antigüidade tardía, mais seguiu usándose como lingua literaria, especialmente en España, como lingua de comercio entre xudeus de diferentes linguas nativas, e como lingua litúrxica do xudaísmo, evolucionando varios dialectos do hebreo medieval literario, ata o seu renacemento como lingua falada a finais do século XIX.[16][17]
Inscricións hebreas máis antigas
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Antigos textos hebreos.

En xullo de 2008, o arqueólogo israelí Yossi Garfinkel descubriu un fragmento de cerámica en Khirbet Qeiyafa que, segundo el, podería ser a primeira escritura hebrea descuberta ata agora, datada de hai uns 3.000 anos.[18] O arqueólogo da Universidade Hebrea Amihai Mazar dixo que a inscrición era "protocananea", mais advertiu que "a diferenciación entre as escrituras e as linguas propias dese período segue sen estar clara", polo que suxeriu que chamar ao texto hebreo podería considerarse como ir demasiado lonxe.[19]
O calendario de Gezer tamén se remonta ao século -X, a comezos do período monárquico, a época tradicional do reinado de David e Salomón. Clasificado como hebreo bíblico arcaico, o calendario presenta unha lista de estacións e actividades agrícolas relacionadas. O calendario de Gezer (nomeado así pola cidade en cuxa proximidade se atopou) está escrito nunha antiga escritura semítica, semellante ao fenicio que, a través dos gregos e etruscos, máis tarde se converteron no alfabeto latino. O calendario de Gezer escríbese sen ningunha vogal, e non usa consoantes para implicar vogais mesmo nos lugares nos que a ortografía hebrea posterior as require.
Na rexión atopáronse numerosas táboas máis antigas con escrituras semellantes escritas noutras linguas semíticas, por exemplo, a protosinaítica. Crese que as formas orixinais da escritura se remontan aos xeróglifos exipcios, aínda que os valores fonéticos están inspirados no principio acrófónico. O devanceiro común do hebreo e do fenicio chámase cananeo, e foi o primeiro en usar un alfabeto semítico distinto do exipcio. Un documento antigo é a famosa estela de Mesha, escrita no dialecto moabita; a inscrición de Siloé, atopada preto de Xerusalén, é un exemplo temperán do hebreo. As mostras menos antigas do hebreo arcaico inclúen o ostracon atopado preto de Laquis, que describe os acontecementos que precederon á captura final de Xerusalén por Nabucodonosor II e a catividade babilónica do 586 a.C.
Rexurdimento do hebreo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Recuperación da lingua hebrea.

O hebreo foi revivido varias veces como lingua literaria, sobre todo polo movemento Haskalah (Ilustración) de principios e mediados do século XIX en Alemaña. A principios do século XIX, xurdiu unha forma de hebreo falado nos mercados de Xerusalén entre xudeus de diferentes orixes lingüísticas para comunicarse con fins comerciais. Este dialecto hebreo era, ata certo punto, un pidgin.[20] Preto de finais dese século, o activista xudeu Eliezer Ben-Yehuda, debido á ideoloxía do renacemento nacional (שיבת ציון, Shivat Tziyon, máis tarde o sionismo), comezou a revivir o hebreo como lingua falada moderna. Finalmente, como resultado do movemento local que creou, pero máis significativamente como resultado dos novos grupos de inmigrantes coñecidos baixo o nome da Segunda Aliyah, substituíu unha vintena de linguas faladas polos xudeus naquel momento. Esas linguas eran dialectos xudeus de linguas locais, incluíndo o sefardí (tamén chamado "xudezmo" e "ladino"), o yiddish, as xudeoárabe e o bukhori (taxí), ou linguas locais faladas na diáspora xudía como o ruso, o persa e o árabe.
O principal resultado do traballo literario dos intelectuais hebreos ao longo do século XIX foi unha modernización léxica do hebreo. Novas palabras e expresións foron adaptadas como neoloxismos do gran corpus de escritos hebreos desde a Biblia hebrea, ou tomadas prestadas do árabe (principalmente por Ben-Yehuda) e do arameo e latín máis antigos. Moitas palabras novas foron tomadas prestadas ou acuñadas de linguas europeas, especialmente o inglés, o ruso, o alemán e o francés. O hebreo moderno converteuse en lingua oficial na Palestina gobernada polos británicos en 1921 (xunto co inglés e o árabe), e despois en 1948 converteuse en lingua oficial do recentemente declarado Estado de Israel. O hebreo é a lingua máis falada en Israel na actualidade.
No Período Moderno, a partir do século XIX, a tradición hebrea literaria reviviu como a lingua falada do Israel moderno, chamada de diversas maneiras: "hebreo israelí", "hebreo israelí moderno", "hebreo moderno", "novo hebreo", "hebreo estándar israelí", "hebreo estándar" e así sucesivamente. O hebreo israelí exhibe algunhas características do hebreo sefardí da súa tradición local de Xerusalén, pero adáptaa con numerosos neoloxismos, termos tomados prestados (a miúdo técnicos) de linguas europeas e termos adoptados (a miúdo coloquiais) do árabe.
O uso literario e narrativo do hebreo foi revivido a partir do movemento Haskalá. A primeira publicación periódica secular en hebreo, Ha-Me'assef (O Recolledor), foi publicada por maskilim en Königsberg (hoxe Kaliningrado) a partir de 1783.[21] A mediados do século XIX, multiplicáronse as publicacións de varios xornais en hebreo de Europa do Leste (por exemplo, Hamagid, fundado en Ełk en 1856). Poetas destacados foron Hayim Nahman Bialik e Shaul Tchernichovsky; tamén houbo novelas escritas na lingua.
A recuperación da lingua hebrea como lingua materna iniciouse a finais do século XIX polos esforzos de Ben-Yehuda. Uniuse ao movemento nacional xudeu e en 1881 emigrou a Palestina, que daquela formaba parte do Imperio Otomán. Motivado polos ideais circundantes de renovación e rexeitamento do estilo de vida "shtetl" da diáspora, Ben-Yehuda propúxose desenvolver ferramentas para converter a lingua literaria e a lingua litúrxica en lingua falada cotiá. Porén, o seu tipo de hebreo seguía normas que foran substituídas en Europa do Leste por unha gramática e un estilo diferentes, nos escritos de persoas como Ahad Ha'am e outros. Os seus esforzos organizativos e a súa participación na creación de escolas e na redacción de libros de texto impulsaron a actividade como lingua vernácula a un movemento gradualmente aceptado. Porén, non foi ata a Segunda Aliyá de 1904-1914 que o hebreo colleu un verdadeiro pulo na Palestina otomá coas empresas máis organizadas postas en marcha polo novo grupo de inmigrantes. Cando o Mandato Británico de Palestina recoñeceu o hebreo como unha das tres linguas oficiais do país (inglés, árabe e hebreo, en 1922), o seu novo status formal contribuíu á súa difusión. Unha lingua moderna construída cun vocabulario e aparencia escrita verdadeiramente semíticos, aínda que a miúdo europeos na fonoloxía, ocuparía o seu lugar entre as linguas actuais das nacións.
Aínda que moitos consideraban a súa obra fantasiosa ou mesmo blasfema[22] (debido a que o hebreo era a lingua sagrada da Torá e, polo tanto, algúns pensaban que non debería usarse para discutir asuntos cotiáns), moitos pronto comprenderon a necesidade dunha lingua común entre os xudeus do Mandato Británico que a principios do século XX chegaban en gran número desde diversos países e falaban diferentes linguas. Estableceuse un Comité da Lingua Hebrea. Despois do establecemento de Israel, converteuse na Academia da Lingua Hebrea. Os resultados do traballo lexicográfico de Ben-Yehuda publicáronse nun dicionario ("The Complete Dictionary of Ancient and Modern Hebrew", Ben-Yehuda Dictionary). As sementes do traballo de Ben-Yehuda caeron en terreo fértil e, a principios do século XX, o hebreo estaba no bo camiño de converterse na lingua principal da poboación xudía tanto da Palestina otomá como da británica. Naquel tempo, os membros do Antigo Yishuv e unhas poucas seitas hasídicas, especialmente as baixo os auspicios de Satmar, negábanse a falar hebreo e só falaban yiddish.
Na Unión Soviética, o uso do hebreo, xunto con outras actividades culturais e relixiosas xudías, foi suprimido. As autoridades soviéticas consideraban o uso do hebreo "reaccionario" xa que estaba asociado co sionismo, e o ensino do hebreo nas escolas primarias e secundarias foi oficialmente prohibido polo Comisariado do Pobo para a Educación xa en 1919, como parte dunha axenda xeral destinada a secularizar a educación (a lingua en si non deixou de ser estudada nas universidades con fins históricos e lingüísticos).[23] A ordenanza oficial establecía que o yiddish, sendo a lingua falada dos xudeus rusos, debía ser tratado como a súa única lingua nacional, mentres que o hebreo debía ser tratado como unha lingua estranxeira.[24] Os libros e publicacións periódicas hebreas deixaron de publicarse e foron confiscadas das bibliotecas, aínda que os textos litúrxicos seguiron publicándose ata a década de 1930. Malia as numerosas protestas,[25] unha política de supresión do ensino do hebreo operou a partir da década de 1930. Máis tarde, na década de 1980, na URSS, os estudos hebreos reapareceron debido á loita das persoas por obter permiso para ir a Israel (refusenik). Varios dos profesores foron encarcerados, por exemplo, Yosef Begun, Ephraim Kholmyansky, Yevgeny Korostyshevsky e outros responsables dunha rede de aprendizaxe do hebreo que conectaba moitas cidades da URSS.
Hebreo moderno
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Hebreo moderno.

O hebreo estándar, tal como foi desenvolvido por Eliezer Ben-Yehuda, baseouse na ortografía mishnaica e na pronuncia do hebreo sefardí. Porén, os primeiros falantes do hebreo moderno tiñan o yiddish como lingua materna e a miúdo introducían calcos procedentes do yiddish e correspondencias fonosemánticas de palabras internacionais.
Malia usar a pronuncia do hebreo sefardí como a súa base principal, o hebreo israelí moderno adaptouse á fonoloxía do hebreo asquenací nalgúns aspectos, principalmente os seguintes:
- a eliminación da articulación farínxea nas letras chet (ח) e ayin (ע) pola maioría dos falantes de hebreo .
- a conversión de (ר) /r/ dun flap alveolar [ɾ] nunha fricativa uvular sonora [ʁ] ou trilo uvular [ʀ], pola maioría dos falantes, como na maioría das variedades de alemán estándar ou yiddish. véxase r gutural
- a pronuncia (por moitos falantes) de tzere < ֵ > como [eɪ] nalgúns contextos (sifréj e téjša no canto do sefardí sifré e tésha)
- a eliminación parcial de Shva < ְ > (zmán no canto de zĕman sefardí)[26]
- na fala popular, penúltimo acento nos nomes propios (Dvóra no canto de Dĕvorá; Yehúda no canto de Yĕhudá) e algunhas outras palabras[27]
- do mesmo xeito na fala popular, penúltimo acento nas formas verbais cun sufixo de segunda persoa do plural (katávtem "escribiches" no canto de kĕtavtém).[28]
O vocabulario do hebreo israelí é moito máis amplo que o de períodos anteriores. Segundo Ghil'ad Zuckermann:
O número de palabras hebreas bíblicas testemuñadas é de 8198, das cales unhas 2000 son hapax legomena (o número de raíces hebreas bíblicas, nas que se basean moitas destas palabras, é de 2099). O número de palabras hebreas rabínicas certificadas é inferior a 20.000, das cales (i) 7879 son rabínicas por excelencia, é dicir, non apareceron no Antigo Testamento (o número de novas raíces hebreas rabínicas é de 805); (ii) arredor de 6000 son un subconxunto do hebreo bíblico; e (iii) varios miles son palabras arameas que poden ter unha forma hebrea. O hebreo medieval engadiu 6421 palabras ao hebreo (moderno). O número aproximado de novos elementos léxicos en israelí é de 17.000 (cf. 14.762 en Even-Shoshan 1970 [...]). Coa inclusión de termos estranxeiros e técnicos [...], o número total de palabras israelís, incluídas palabras de orixe bíblica, rabínica e medieval, supera as 60.000.[29]:64–65
En Israel, o hebreo moderno ensínase no presente en institucións chamadas Ulpanim (singular: Ulpan). Hai Ulpanim, cuxa propiedade pode ser do goberno ou privado, que ofrecen cursos en liña e programas presenciais.
Status actual
[editar | editar a fonte]O hebreo moderno é a lingua oficial principal do Estado de Israel. No ano 2013, había uns 9 millóns de falantes de hebreo en todo o mundo,[7] dos cales 7 millóns fálano con soltura.[30][9][31]
No 2013, o 90% dos xudeus israelís eran competentes en hebreo e o 70% eran altamente competentes.[32] Un 60% dos árabes israelís tamén eran competentes en hebreo,[32] e o 30% afirmou ter un dominio máis alto do hebreo ca do árabe.[33] En total, preto do 53% da poboación israelí fala o hebreo como lingua nativa,[34] mentres que a maioría do resto fálao con soltura. En 2013, o hebreo era a lingua nativa do 49% dos israelís maiores de 20 anos, sendo o ruso, o árabe, o francés, o inglés, o yiddish e o sefardí as linguas nativas da maioría do resto. Aproximadamente o 26% dos inmigrantes procedentes da antiga Unión Soviética dos anos 90 e o 12% dos árabes dixeron falar mal ou nada de hebreo.[32][35]
Tomáronse medidas para manter o hebreo como lingua principal de uso e evitar a incorporación a grande escala de palabras inglesas ao vocabulario hebreo. A Academia da Lingua Hebrea e a Universidade Hebrea de Xerusalén inventan unhas 2.000 palabras hebreas novas cada ano para conceptos modernos ao atopar unha palabra hebrea orixinal que capte o significado, sendo a alternativa a incorporar máis palabras en inglés ao vocabulario hebreo. O cidade de Haifa prohibiu aos funcionarios o uso de palabras en inglés nos documentos oficiais e loita para que as empresas non utilicen só sinais en inglés para comercializar os seus servizos.[36] En 2012, propúxose un proxecto de lei na Knesset para a preservación da lingua hebrea, que inclúe a estipulación de que toda a sinalización en Israel debe estar ante todo en hebreo, así como con todos os discursos de funcionarios israelís no estranxeiro. O autor do proxecto de lei, Akram Hasson, afirmou que o proxecto foi proposto como unha resposta á "perda de prestixio" do hebreo e a que as novas xeracións incorporan cada vez máis palabras en inglés no seu vocabulario.[37]
O hebreo é unha das linguas que a constitución de Suráfrica chama a ser respectadas no seu uso con fins relixiosos.[38] Ademais, o hebreo é unha lingua oficial da minoría nacional en Polonia, dende o 6 de xaneiro de 2005.[39]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "hebreo". TERGAL. Consultado o 22/03/2019.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para hebraico.
- ↑ "hebraico". TERGAL. Consultado o 22/03/2019.
- ↑ "Most ancient Hebrew biblical inscription deciphered". Physorg.com. Consultado o 25 de abril de 2013.
- ↑ Chomsky, William (1957). Hebrew: The Eternal Language (en inglés). Philadelphia: The Jewish Publication Society of America. pp. 1–13.
- ↑ ""Se non puideses falar grego por dicir a época do cristianismo primitivo non poderías conseguir un traballo. Non conseguirías un bo traballo. Un traballo profesional. Había que saber grego ademais da túa propia lingua. E así estabas chegando a un punto no que os xudeus... a comunidade xudía en Exipto e grandes cidades como Alexandría xa non sabían hebreo, só sabían grego. E así necesitas unha versión grega na sinagoga. Traducido do orixinal: "If you couldn't speak Greek by say the time of early Christianity you couldn't get a job. You wouldn't get a good job. a professional job. You had to know Greek in addition to your own language. And so you were getting to a point where Jews...the Jewish community in say Egypt and large cities like Alexandria didn't know Hebrew anymore they only knew Greek. And so you need a Greek version in the synagogue." -- Josheph Blankinsopp, Professor of Biblical Studies University of Notre Dame in A&E's Who Wrote the Bible
- ↑ 7,0 7,1 Klein, Zeev (18 de marzo de 2013). "A million and a half Israelis struggle with Hebrew". Israel Hayom. Arquivado dende o orixinal o 4 de novembro de 2013. Consultado o 2 de novembro de 2013.
- ↑ Nachman Gur, Behadrey Haredim. "Kometz Aleph – Au• How many Hebrew speakers are there in the world?". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2013. Consultado o 2 de novembro de 2013.
- ↑ 9,0 9,1 "Hebrew – UCL". University College London. Arquivado dende o orixinal o 6 de novembro de 2013. Consultado o 2 de novembro de 2013.
- ↑ "Table 53. Languages Spoken At Home by Language: 2009". The 2012 Statistical Abstract. U.S. Census Bureau. Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2007. Consultado o 27 de decembro de 2011.
- ↑ "Strong's Hebrew: 5676. עֵ֫בֶר (eber) – region across or beyond, side". biblehub.com. Consultado o 25 de marzo de 2018.
- ↑ "הספריה של מט"ח". Lib.cet.ac.il. Consultado o 25 de abril de 2013.
- ↑ Muss-Arnolt, William (1905). A Concise Dictionary of the Assyrian Languages (en inglés). Reuther & Reichard. p. 9.
- ↑ Ross, Allen P. Introducing Biblical Hebrew, Baker Academic, 2001.
- ↑ אברהם בן יוסף ,מבוא לתולדות הלשון העברית (Avraham ben-Yosef, Introduction to the History of the Hebrew Language), page 38, אור-עם, Tel-Aviv, 1981.
- ↑ Share, David L. (2017). "Learning to Read Hebrew". En Verhoeven, Ludo; Perfetti, Charles. Learning to Read Across Languages and Writing Systems. Cambridge: Cambridge University Press. p. 156. ISBN 978-1-107-09588-5. Consultado o 1 de novembro de 2017.
- ↑ Fellman, Jack (1973). The Revival of a Classical Tongue: Eliezer Ben Yehuda and the Modern Hebrew Language. The Hague: Mouton. p. 12. ISBN 978-90-279-2495-7. Consultado o 1 de novembro de 2017.
- ↑ "'Oldest Hebrew script' is found". BBC News. 30 de outubro de 2008. Consultado o 3 de marzo de 2010.
- ↑ "Have Israeli Archaeologists Found World's Oldest Hebrew Inscription?". Haaretz. AP. 30 de outubro de 2008. Arquivado dende o orixinal o 6 de agosto de 2011. Consultado o 8 de novembro de 2010.
- ↑ Bensadoun, Daniel (15 Oct 2010). "This week in history: Revival of the Hebrew language – Jewish World – Jerusalem Post". Arquivado dende o orixinal o 1 de abril de 2019. Consultado o 6 de abril de 2018.
- ↑ Spiegel, Shalom. Hebrew Reborn (1930), Meridian Books reprint 1962, New York p. 56.
- ↑ Eliezer Ben Yehuda and the Resurgence of the Hebrew Language Arquivado 15 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine. by Libby Kantorwitz
- ↑ "The Transformation of Jewish Culture in the USSR from 1930 to the Present (in Russian)". Jewish-heritage.org. Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2012. Consultado o 25 de abril de 2013.
- ↑ Nosonovsky, Michael (25 de agosro de 1997). "ЕВРЕЙСКАЯ СОВЕТСКАЯ КУЛЬТУРА БЫЛА ПРИГОВОРЕНА К УНИЧТОЖЕНИЮ В 1930–Е ГОДЫ" [Jewish Soviet Culture Was Sentenced to Destruction in the 1930s] (en ruso). Berkovich-zametki.com. Arquivado dende o orixinal o 7 de xullo de 2011. Consultado o 25 de abril de 2013.
- ↑ Protest against the suppression of Hebrew in the Soviet Union 1930–1931 signed by Albert Einstein, among others.
- ↑ Rosén, Haiim B. (1966). A Textbook of Israeli Hebrew. Chicago & London: The University of Chicago Press. pp. 0.161. ISBN 978-0-226-72603-8.
- ↑ Shisha Halevy, Ariel (1989). The Proper Name: Structural Prolegomena to its Syntax – a Case Study in Coptic. Vienna: VWGÖ. p. 33. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2011.
- ↑ Estas pronuncias poden ter a súa orixe en erros dos estudantes formados pola analoxía doutras formas sufixadas (katávta, alénu), no canto de ser exemplos de influencia residual asquenací.
- ↑ Zuckermann, Ghil'ad (2003), Language Contact and Lexical Enrichment in Israeli Hebrew. Palgrave Macmillan. ISBN 978-1-4039-1723-2 [1]
- ↑ "The differences between English and Hebrew". Frankfurt International School. Arquivado dende o orixinal o 6 de novembro de 2013. Consultado o 2 de novembro de 2013.
- ↑ "Why Learn a Language?". Consultado o 2 de novembro de 2013.
- ↑ 32,0 32,1 32,2 Druckman, Yaron (21 de xaneiro de 2013). "CBS: 27% of Israelis struggle with Hebrew – Israel News, Ynetnews". Ynetnews (Ynetnews.com). Consultado o 9 de novembro de 2013.
- ↑ "'Kometz Aleph – Au': How many Hebrew speakers are there in the world?". Nachman Gur for Behadrey Haredim. Arquivado dende o orixinal o 4 de novembro de 2013. Consultado o 2 de novembro de 2013.
- ↑ The Israeli Conflict System: Analytic Approaches
- ↑ "Some Arabs Prefer Hebrew – Education – News". Israel National News. 13 de xuño de 2009. Consultado o 25 de abril de 2013.
- ↑ Silverman, Anav (2013-01-17). "Keeping Hebrew Israel's living language – Israel Culture, Ynetnews". Ynetnews (Ynetnews.com). Consultado o 25 de abril de 2013.
- ↑ Danan, Deborah (28 de decembro de 2012). "Druse MK wins prize for helping preserve Hebrew | JPost | Israel News". JPost. Consultado o 25 de abril de 2013.
- ↑ "Constitution of the Republic of South Africa, 1996 – Chapter 1: Founding Provisions | South African Government". www.gov.za. Consultado o 2020-08-29.
- ↑ Pisarek, Walery. "The relationship between official and minority languages in Poland" (PDF). European Federation of National Institutions for Language. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de decembro de 2019. Consultado o 7 de novembro de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Existe unha versión da Wikipedia en Lingua hebrea |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Hoffman, Joel M, In the Beginning: A Short History of the Hebrew Language. Nova York: NYU Press. ISBN 0-8147-3654-8.
- Izre'el, Shlomo, "The emergence of Spoken Israeli Hebrew", in: Benjamin Hary (ed.), The Corpus of Spoken Israeli Hebrew (CoSIH): Working Papers I (2001)
- Kuzar, Ron, Hebrew and Zionism: A Discourse Analytic Cultural Study. Berlín & Nova York: Mouton de Gruyter 2001. ISBN 3-11-016993-2, ISBN 3-11-016992-4.
- Laufer, Asher. "Hebrew", in: Handbook of the International Phonetic Association. Cambridge University Press 1999. ISBN 0-521-65236-7, ISBN 0-521-63751-1.
- Sáenz-Badillos, Angel, 1993 A History of the Hebrew Language (trans. John Elwolde). Cambridge, England: Cambridge University Press. ISBN 0-521-55634-1
- Zuckermann, Ghil'ad, 2003. Language Contact and Lexical Enrichment in Israeli Hebrew. Palgrave Macmillan. (ISBN 9781403917232 / ISBN 9781403938695)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Xeral
- Historia da Lingua Hebrea Antiga e Moderna Arquivado 22 de decembro de 2012 en Wayback Machine. por David Steinberg (en inglés)
- Short Historia da Lingua Hebrea Arquivado 23 de maio de 2012 en Wayback Machine. de Chaim Menachem Rabin (en inglés)
- Cursos, tutoriais, dicionarios
- Curso Completo de Hebreo Moderno Transliterado Arquivado 21 de agosto de 2021 en Wayback Machine. (con listaxe de raíces verbais e derivados verbais) (en inglés)
- Hebreo moderno para principiantes na Universidade de Texas (en inglés)
- Dicionario virtual Morfix
- Lingua hebrea, alfabeto e pronunciación
| Linguas semíticas | ||
|---|---|---|
| Ugarítico † | Fenicio † | Púnico † | Hebreo | Amonita † | Moabita † | Edomita † | Arameo | Acadio † | Babilonio † | Asirio † | Árabe | Sudarábiga | Etiópico
|
||
