Sátira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
"Le e sátira l'epístola di Orazio Flacco Q. ", impresa en 1814.

A sátira é un xénero literario que expresa indignación cara a alguén ou algo, con propósito moralizador, lúdico ou simplemente burlesco. Escríbese en prosa ou verso, ou alternando ambas as formas (sátira menipea).

Historia[editar | editar a fonte]

Xorde en Grecia (os iambógrafos Simónides de Amorgos e Arquíloco de Paros principalmente, aínda que tamén a inclúe nas súas obras o comediógrafo Aristófanes. Achegáronse a ela o poeta Bión e os filósofos cínicos Menipo de Gádara e Luciano de Samosata). Desenvólvese fundamentalmente en Roma (Ennio, Lucilio, Varrón, Catulo, Horacio, Xuvenal, Persio, Marcial, por orde cronolóxica). Tanto é así, que Marco Fabio Quintiliano consideraba á sátira como un xénero completamente romano.

A sátira adóitase valer do humor, da anécdota e do enxeño para ridiculizar defectos sociais ou individuais; ás veces adopta para iso a forma máis concentrada do epigrama, que expresa un só concepto e un único tema de burla; pola contra, a sátira adoita ser moito máis extensa e prolixa.

Ennio, Lucilio e Varrón escribiron sátiras menipeas inspiradas pola filosofía cínica ou estoica, que se expresaba a través de discursos ou «sermóns» morais chamados diatribas. Epicteto, Bión, Menipo e Luciano de Samosata escribiran xa este tipo de discursos que ridiculizaban os defectos morais e sociais e serviron de modelo a estes escritores latinos.

En España o xénero cultivouse dende a Idade Media; o primeiro foi Juan Ruiz, arcipreste de Hita, que atacou o poder igualador do diñeiro ao trastocar o inmutable orde social estamental medieval. O satírico entrou ata na composición de numerosos xéneros como a novela picaresca, a fábula, o artigo xornalístico ou a peza teatral de costumes, o esperpento de Ramón María del Valle-Inclán ou a traxedia grotesca de Carlos Arniches; é máis, forma parte esencial de obras tan importantes como o Don Quixote da Mancha de Miguel de Cervantes.

Na literatura galega, ademais de exemplos evidentes na Cantiga de escarnio (Abadesa, oí dizer... de Afonso X), encontramos Contribución ao plan de desenvolvemento económico (Índices estadísticos) na cal Celso Emilio Ferreiro critica con ironía o atraso e a explotación en que o sistema capitalista tiña sumida a Galicia durante a ditadura franquista.