Quim Monzó

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Quim Monzó
Quim Monzo 36.jpg
Nome completo Joaquim Monzó i Gómez
Nacemento 24 de marzo de 1952
  Barcelona
Nacionalidade España
Ocupación xornalista, escritor, guionista, tradutor e ensaísta
Coñecido/a por Uf, va dir ell, El perquè de tot plegat, A magnitude da traxedia e Mil cretinos
Premios Premio Nacional de Literatura de Cataluña, Gold Letter, Serra d'Or Critics Award, Prudenci Bertrana Prize, City of Barcelona Award, Premi Trajectòria e Prêmio de Honor de las Letras Catalanas
editar datos en Wikidata ]

Joaquim Monzó i Gómez, coñecido como Quim Monzó, nado en Barcelona o 24 de marzo de 1952, é un escritor e xornalista catalán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou deseño gráfico na Escola Massana de Barcelona. A súa andaina profesional iniciouna como traballador nas artes gráficas e, máis tarde, como deseñador gráfico e guionista de televisión. Na década de 1970 pasouse ao xornalismo, con colaboracións como correspondente de guerra e columnista de opinión en xornais.[1] En colaboración con Albert Abril escribiu reportaxes sobre Vietnam, Camboxa, Irlanda do Norte e a África do Índico para Tele/eXprés. En xaneiro de 1982 acadou unha bolsa para ir estudar a Nova York, onde viviu ata 1983. Ten diagnosticada a síndrome de Tourette.[2]

Deuse a coñecer ao gañar o premio Prudenci Bertrana coa novela L’udol del griso al caire de les clavegueres (1976) e dende entón construíu unha moi persoal obra narrativa onde predomina o xénero do relato breve. Recoñecido con galardóns como o Nacional de Literatura, o Premio de Narrativa Ciutat de Barcelona, o Lletra d’Or, o dos lectores de El Temps e, en varias ocasións, o Premio da Crítica, a súa narrativa está traducida a máis de vinte idiomas. É columnista habitual no xornal La Vanguardia. En 2007 escribiu e leu o discurso inaugural da Feira do Libro de Frankfurt, ano en que a cultura catalá foi a convidada. Monzó deseñou un aplaudido escrito en forma de conto que difería totalmente dos discursos tradicionais.[3] De decembro de 2009 a abril de 2010 tivo lugar na sala Arts Santa Mònica de Barcelona unha gran exposición retrospectiva sobre a súa vida e a súa obra, que levaba por título Monzó. Acadou diversos premios, nacionais e internacionais, como o Premi d'Honor de les Lletres Catalanes, no que ofreceu un discurso sobre a súa relación na infancia cos libros, a lingua catalana e os presos e presas políticas independentistas.[4]

Estilo[editar | editar a fonte]

Nos dous primeiros libros de Monzó percíbese a influencia do textualismo, un movemento que procuraba abolir a herdanza literaria recorrendo á innovación lingüística e a experimentación formal. Porén, Monzó, e mais outros nomes desta corrente, de seguida foi consciente das limitacións de seguir esa vía experimental e a súa prosa virou cara a formas máis lexibles. A maior parte dos contos escritos desde finais da década de 1970, o escritor leva ao absurdo todos os aspectos da vida cotiá no mundo urbano contemporáneo, nunha combinación de caricatura, humor, retranca e angustia existencial. O autor defende a miúdo a súa aposta polo humor como un ingrediente funtamental na ficción. Así o fixo nunha estadía en Santiago de Compostela:

O sentido do humor é un método para entender a vida dun xeito máis serio. Fago humor sempre, como cando digo que quero mexar nos muros da catedral. Esa é a miña maneira de entender o mundo e tamén a literatura. Un escritor pode crerse a si mesmo, e crer que o que está a facer ten algún valor, pero se o diviniza, se o entroniza, cagouna. É unha opinión persoal. Unha novela seria, daquelas nas que o escritor se toma tan en serio a si mesmo que non hai nin miguiña de humor, desa navela en vinte anos no vai falar ninguén. O humor é angustiante. As películas de terror sen un puntiño de humor non mete medo.[5]

Nas escolmas de contos publicados entre 1878 e 1999 Monzó explora factores tan humanos como o desexo sexual, a amargura das relacións ou os círculos viciosos que imposibilitan as decisións persoais. Abundan na súa obra as historias lineais, de ritmo ágil, protagonizados por personaxes correntes e anódinos. Monzó ofrece fórmulas ficcionais para un novo costumismo urbano. Co tempo Monzó tende cara á depuración formal. Os relatos parten de situacións prototípicas que, debidamente reenfocadas, conseguen crear un efecto de ridículo. O escritor sabe termar da demora co obxectivo de condicionar a lectura e, a miúdo, de levalo cara a unha resolución insospeitada e anticlimática.[1]

Téñense apuntado entre os seus modelos e referentes literarios a narrativa minimalista norteamericana, como Robert Coover, John Barth e Donald Barthelme; nomes representativos da narrativa de avangarda en Latinoamérica, como Guillermo Cabrera Infante, Julio Cortázar e Adolfo Bioy Casares; e, sobre todo nos seus primeiros textos, a influencia teórica de Raymond Queneau. Adóitase citar tamén entre as súas influencias, a narrativa de Francesc Trabal e Pere Calders. Con estes autores comparte temas comúns, particularmente unha paisaxe que abala, inestable, entre o baleiro e o desexo, entre a utopía e o escepticismo.[1]

Un dos recursos máis característicos da ficción de Monzó é a parodia dos usos convencionais da linguaxe e dos xéneros literarios.

Obras[editar | editar a fonte]

Narrativa[editar | editar a fonte]

Artigos[editar | editar a fonte]

  • El dia del senyor, 1984.
  • Zzzzzzzz, 1987.
  • La maleta turca, 1990.
  • Hotel Intercontinental, 1991.
  • No plantaré cap arbre, 1994.
  • Del tot indefens davant dels hostils imperis alienígenes, 1998.
  • Tot és mentida, 2000.
  • El tema del tema, 2003.
  • Catorze ciutats comptant-hi Brooklyn, 2004.
  • Esplendor i glòria de la Internacional Papanates, 2010

Tradutor[editar | editar a fonte]

Traduciu unha ampla nómina de escritores do inglés ao catalán: Truman Capote, J.D. Salinger, Ray Bradbury, Thomas Hardy, Harvey Fierstein, Ernest Hemingway, John Barth, Roald Dahl, Mary Shelley, Javier Tomeo, Arthur Miller e Eric Bogosian.

Recepción en Galicia[editar | editar a fonte]

Traducións e crítica[editar | editar a fonte]

Hai tres libros en galego de Quim Monzó e forman parte do que Dolores Vilavedra considera unha viraxe na tradución seguindo criterios non só testemuñais senón comerciais, procurando un público actual.[7] A magnitude da traxedia, traducida por Manuel Cortés (Edición Positivas, 1989; reedición en 1991). Vinte e nove contos é unha selección de contos traducida por María Xesús Lama (Sotelo Blanco, 2008). Mil cretinos, traducida por Helena González Fernández, publicouse en 2008, ao mesmo tempo que o libro Se comes un limón sen facer xestos, de Sergi Pàmies, os dous con ilustración na cuberta do artista Fran Herbello, para reforzar a aposta de Edicións Xerais pola literatura en catalán contemporánea.

A recepción dos títulos traducidos de 2008 foi moi positiva e considerouse que marcaba un fito na traxectoria de tradución literaria ao galego. Ramón Nicolás salienta que Monzó é un escritor heterodoxo e gaba os contos da primeira parte de Mil cretinos.[8] O escritor Samuel Solleiro valora de maneira positiva a tradución do autor catalán, rexeita a cota periférica que fai que o sistema literario español reducise na década de 1990 a un só nome os autores en catalán, éuscaro e galego, tal como explicou Helena González:

Nun primeiro momento incluírono no grupo de escritores do que se deu en chamar "a España periférica" e na que estaban tamén Manuel Rivas e Bernardo Atxaga. Monzó desmarcouse de contado porque dicía que non tiña nada que ver, malia o respecto entre os tres [..]. E daquela en Galicia empezouse a dicir que Monzó era o equivalente catalán de noso Suso de Toro, por moitas razóns.[9]

Por iso salienta que Monzó debe ser lido alén diso polo seu experimentalismo formal, a súa frialdade e a capacidade para escribir sobre a morte sen cruzar as fronteiras do pathos.[10] O narrador Mario Regueira, súmase á crítica á cota periférica e subliña o estilo deshumanizado, un estilo que denomina de "realismo vacilante" e o desenlace anticlimático.[11] Un dos contos máis gabados nas críticas anteriores son "O señor Benesset", que se localiza nun xeriátrico no que a vellez e a demencia levan a unha inversión dos roles, como sinala Rafael Fernández Lorenzo.[12] Montse Pena, ao tempo que reclama traducir de maneira sistemática a Monzó, salienta nos relatos a tensión, unha linguaxe coidada e un estilo que se basea na "lucidez brutal e unha tranquilidade inesperada".[13]

Adaptacións dramáticas[editar | editar a fonte]

  • O porqué das cousas, con dirección e dramaturxia de Roberto Cerdá, da compañía Nove-Dous, interpretada por Josi Lage, quen xa participara na versión teatral en español da compañía ITAE en 1994, Jouse García e Lois Seoane, foi estreada na Mostra de Teatro de Chantada o 19 de agosto de 2003.[14][15]
  • "Os suicidas" da compañía de teatro amador Aula de Teatro Municipal de Pontevedra, sobre textos de Manuel Rivas, Manuel Lourenzo e Quim Monzó, estreada en Pontevedra en 2014.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 «Biografia de Quim Monzó». Generalitat de Catalunya. Departament de Cultura. [Consulta: 18 novembro 2012].
  2. Moliner, Empar. «Redefinir la dopamina». El País. [Consulta: 7 marzo 2016].
  3. Monzó, Quim. «Discurs inaugural de la Fira del Llibre de Frankfurt 2007». VilaWeb, 09-10-2007. [Consulta: 28 setembro 2011]
  4. Son moi interesantes a carta que Jordi Cuixart, presidente de Òmnium Cultural e preso político no cárcere de Soto del Real lle dedica ao escritor; o discurso de Quim Monzó; e mais o vídeo dos tradutores de Monzó a outras linguas.
  5. "Quim Monzó, Escritor. "De una novela que no tenga humor no hablará nadie en veinte años"". Faro de Vigo. Consultado o 2018-06-10. 
  6. Tradución ao galego de M.ª X. Lama como Vinte e nove contos (Sotelo Blanco, 2008).
  7. Vilavedra, Dolores (2015). "La importación de narrativa en Galicia, a la búsqueda de orientación". Literaturas extranjeras y desarrollo cultural. Peter Lang. 
  8. Nicolás, Ramón (6/12/2008). "Monzó e os seus Mil cretinos". La Voz de Galicia. 
  9. "Quim Monzó, un autor universal i atemporal segons els seus traductors". VilaWeb.cat (en catalán). Consultado o 2018-06-10. 
  10. Solleiro, Samuel (2009). "Uf, dixo el". Protexta. 
  11. Regueira, Mario (10/01/2009). ""Cataláns na Galiza"". Vieiros. Consultado o 10/06/2018. 
  12. Fernández Lorenzo, Rafael (2008). "«Mil cretinos» ou o home que miraba pola fiestra". Cartafol de libros. 
  13. Pena Presas, Montse (2008). "Furgar no ser humano. A extraña maxia de Monzó". Supl. Faro da Cultura, Faro de Vigo. 
  14. "Nove-Dous aborda las relaciones de pareja en «O porqué das cousas»". La Voz de Galicia (en español). 2003-12-04. Consultado o 2018-06-10. 
  15. "Afeccións que crean escola". La Voz de Galicia (en español). 2003-07-30. Consultado o 2018-06-10. 
  16. "“Os suicidas”, o 14 de xuño, nova función teatral no Centro Cultural Xaime Illa De Raxó – www.raxocultural.org". raxocultural.org. Consultado o 2018-06-10. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]