A magnitude da traxedia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A magnitude da traxedia
Título orixinalLa magnitud de la tragèdia
Autor/aQuim Monzó
OrixeCataluña
Linguacatalán
Xénero(s)novela
EditorialQuaderns Crema Cataluña
Edicións Positivas Galicia
Data de pub.1989 Cataluña
1991 Galicia
Páxinas280 Cataluña
224 Galicia
ISBN978-84-7727-433-9 Cataluña
978-84-87783-06-7 Galicia
TraduciónManuel Cortés Tallón

A magnitude da traxedia é unha novela en lingua catalá do escritor Quim Monzó, publicada en 1989 pola editorial Quaderns Crema co título orixinal de La magnitud de la tragèdia. Foi traducida ao galego por Manuel Cortés Tallón e publicado por Edicións Positivas en 1991. En 1989 recibiu o Premio de Novela da revista El Temps.

Trama[editar | editar a fonte]

Ramon-Maria é un home viúvo que traballa como trompetista nun teatro de variedades. Unha noite, logo de cear cunha vedette compañeira de traballo, vai con ela á cama, pero está moi bébedo e non logra ter unha erección. Porén, conségueo ao cabo dunhas horas, e a erección acaba por ser permanente. Ao cabo duns días vai á consulta dun urólogo, e dinlle que ten unha doenza mortal, e que lle quedan sete semanas de vida.

Ramon-Maria vive coa filla da súa muller, Anna-Francesca, unha adolescente que quere adicarse ao teatro ou ser doutora. A relación entre eles é moi mala, e a pesar de compartir vivenda, non dialogan, chegando ela a desexar a morte del.

Unha vez que é consciente de que lle queda pouco tempo de vida, procura aproveitar o tempo que lle queda. Adoptando diversos roles, sempre coa erección enriba. Xa cara ao final, decide que lle vai deixar uns bos cartos á súa fillastra, aínda que só sexa para que ela se sinta culpable.

Pola súa parte, Anna-Francesca está nunha fase de descubrir a propia sexualidade e sentimentos amorosos. Ten relacións cun profesor de latín do seu instituto que sae cunha amiga súa, e despois descobre que o profesor xa fora amante da súa nai e amigo do seu padrastro. Por outra banda, pensa en diversas formas para matar a Ramon-Maria sen que pareza un crime, ben cun envelenamento, ou ben simulando un accidente ou un suicidio.

Finalmente, o día en que Ramon-Maria sabe que a súa fin está preto, ao lle saír sangue pola uretra ao exacular, vai falar con Anna-Francesca para explicarllo. Porén, antes de escoitarlle, ela dille que suba ao tellado a arranxar o depósito de auga. Ramon-Maria cae do tellado e morre, e as autoridades explícanlle a Anna-Francesca a enfermidade do seu padrastro. Ela comeza a facer plans de futuro na súa casa, pero aos poucos días recibe unha carta do banco explicándolle que ten que facer fronte a unha hipoteca.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra desenvólvese en terceira persoa, cun narrador omnisciente, que coñece os sentimentos, desexos e pensamentos dos personaxes. Hai numerosas descricións de diversas accións, como as relacións sexuais.

A trama ten lugar na cidade de Barcelona. Ramon-Maria e Anna-Francesca viven nunha casa nun barrio residencial, pero adoitan ir até o centro. Amais, Anna-Francesca vai de excursión a uns 100 km, a casa dun profesor nunha pequena vila da costa. O tempo da narración dura uns dous meses, e ten lugar entre marzo e maio de finais da década de 1980.

Traducións[editar | editar a fonte]

Amais do galego, a obra foi traducida ao castelán, alemán, inglés, finés, francés hebreo, italiano, neerlandés, sueco e checo, entre outras.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]