Batalla das Ardenas (1944)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla das Ardenas
Parte de Segunda guerra mundial

Data 14 de decembro de 1944 - 25 de xaneiro de 1945
Lugar As Ardenas, Bélxica
Resultado vitoria decisiva aliada
Belixerantes
Estados Unidos
Reino Unido
Canadá
Forzas belgas libres
Resistencia luxemburguesa
Alemaña

A batalla das Ardenas (en alemán: Offensive von Rundstedt, en inglés: Battle of the Bulge ou Ardennes Offensive), ocorrida entre o 14 de decembro de 1944 e o 25 de xaneiro de 1945, foi unha grande ofensiva alemá lanzada a través dos densos bosques e montañas da rexión das Ardenas, en Bélxica, e a través de áreas de Luxemburgo e Francia, na fronte occidental europea cara o final da segunda guerra mundial. O nome en código da ofensiva para a Wehrmacht era Unternehmen Wacht am Rhein ("operación vixilancia no Rin"), polo patriótico himno alemán "Die Wacht am Rhein".

A ofensiva alemá foi apoiada por varias operacións subordinadas coñecidas como Unternehmen Bodenplatte, Greif e Währung. O obxectivo alemán para esas operacións era dividir as liñas británicas e estadounidenses pola metade, capturar Antuerpe e despois proceder a rodear e destruír a catro exércitos inimigos, forzando aos Aliados occidentais a negociar un tratado de paz a favor das potencias do Eixo. Unha vez cumprido o ebxectivo, Hitler podería concentrarse totalmente na fronte do leste.

A ofensiva foi planeada no máis absoluto segredo, minimizano o tráfico de radio e movendo tropas e equipo baixo a cobertura da escuridade. A pesar de que Ultra suxerira un posible ataque e o persoal de intelixencia do terceiro exército estadounidense predixera unha grande ofensiva alemá, os Aliados aínda foron collidos por sorpresa. Isto logrouse mediante unha combinación dun exceso de confianza aliado, a preocupación polos seus propios plans ofensivos e un pobre recoñecemento aéreo.

O ataque comezou case por completa sorpresa contra unha sección pobremente defendida da liña aliada cun tempo moi anubrado, que deixou en terra á moi superiores forzas aéreas dos estadounidenses e británicos. A feroz resistencia na parte norte da ofensiva ao redor do contraforte Elsenborn do pobo de Hofen, e no sur ao redor de Bastoña bloquearon o acceso alemán ás estradas clave que precisaban para o seu éxito. Este feito e o terreo favoreceron aos defensores atrasando o calenario alemán. Os reforzos aliados, incluído o terceiro exército do xeneral George S. Patton, e unha mellora das condicións meteorolóxicas, permitindo ataques aéreos sobre as forzas alemás e as súas liñas de subministración, selaron o fracaso da ofensiva.

A raíz da derrota, moitas unidades experimentadas alemás quedaron severamente reducidas de homes e equipo, xa que os superviventes retiráronse ás defensas da liña Sigfrido. Para os estadounidenses, que duns 610 000 homes tiveron ao redor de 89 000 baixas, dos cales 19 000 morreron, a batalla das Ardenas foi a máis longa e sanguenta batalla da segunda guerra mundial.

Asalto alemán inicial[editar | editar a fonte]

O 16 de decembro de 1944, ás 5:30 A.M., os alemáns comezaron o asalto cun ataque masivo de artillaría. O ataque durou 90 e nel usáronse 1 600 pezas ao longo de 130 quilómetros en fronte das tropas aliadas que encaraban ao 6º Exército Panzer. A impresión inicial dos estadounidenses é de que se trataba dun contraataque localizado resultante do ataque dos Aliados no sector Wahlerscheid do norte, onde a 2ª División golpeara un anaco considerable da liña Sigfrido. No sector norte de Dietrich o 6º Exército Panzer asaltou Losheim Gap e Elsenborn Ridge nun esforzo de abrirse paso cara Liexa.

Fortes tormentas de neve envolveron partes da zona das Ardenas. Se ben tiveron o efecto desexado de manter os avión dos Aliados en terra, tamén resultaron problemáticas para os alemáns debido ás pobres condicións das estradas que obstaculizaron o seu avance. Un pobre control de tráfico levou a masivos atascos e escaseza de combustible nas unidades de vangarda.

No centro, o 5º Exército Panzer de von Manteuffel atacou cara Bastoña e St. Vith, ámbalas dúas cidades cruzamentos de estradas de vital importancia estratéxica. No sur, o 7º Exército de Brandenberger empurrou cara Luxemburgo nun esforzo de asegurar o flanco contra ataques dos Aliados. Só un mes antes 250 membros das Waffen-SS intentaran sen éxito capturar a vila de Vianden co seu castelo, en mans da resistencia luxemburguesa, durante a batalla de Vianden.

Ataque no norte[editar | editar a fonte]

A batalla por Elsenborn Ridge foi un decisivo compoñente da batalla das Ardenas, desviando o avance das unidades blindadas alemás máis fortes. O ataque foi liderado por unha das divisións alemás mellor equipadas da fronte occidental, a 1ª División Panzer SS (LSSAH). O SS Obersturmbannführer Joachim Peiper lideraba o Kampfgruppe Peiper, formado por 4 800 homes e 600 vehículos, e foi a encargada de levar a cabo o ataque principal.

Os ataques das unidades de infantaría do 6º Exército Panzer no norte foron mal a causa da resistencia inesperada das 2ª e 99ª Divisións de Infantaría estadounidenses. O primeiro día, un batallón alemán enteiro de 500 homes foi retido durante 10 horas na pequena vila de Lanzerath, a través da cal pasaba unha ruta clave cara o Losheim Gap. Para manter a cantidade de blindados dispoñible, á infantaría do 9º Rexemento Fallschirmjaeger, da 3ª División Fallschirmjaeger, ordenouselle que limpase a vila primeiro. Un único pelotón de intelixencia e recoñecemento de 18 homes da 99ª División, xunto con catro controladores aéreos avanzados, aguantou ao batallón de 500 paracaidistas alemáns ata a posta do sol, ao redor das 4 da tarde, causando 92 baixas entre os alemáns.

Isto creou un atasco no avance alemán. Ao Kampfgruppe Peiper, á cabeza do 6º Exército Panzer do SS Oberstgruppenführer Sepp Dietrich, ordenouselle tomar a estrada Losheim-Losheimergraben, pero estaba pechada por dúas pontes colapsadas. Peiper non comezaría o seu avance ata as 4:00 pm, con máis de 16 horas de atraso.

O Kampfgruppe Peiper acadou a estación de Bucholz a primeira hora da mañá do 17 de decembro e rapidamente capturou porcións do 3º Batallón do 394º Rexemento de Infantaría. Pouco despois fixéronse cun depósito de combustible en Büllingen, onde pararon para repostar antes de continuar cara o oeste. Ao norte, a 277ª División Volksgrenadier intentou romper a liña de defensa da 99ª División de Infantaría estadounidense e posicións da 2ª División de Infantaría. A 12ª División SS Panzer, reforzada con divisións de infantaría adicionais (Panzergrenadier e Volksgenadier), tomaron o cruzamento de estradas clave en Losheimergraben, xusto ao norte de Lanzerath, e atacaron as vilas xemelgas de Rocherath e Krinkelt.

A súa intención era controlar as vilas xemelgas para despexar o camiño á terras altas de Elsenborn Ridge. A ocupación dese terreo dominante podería permitir controlar as estradas do sur e do oeste e garantir o abastecemento da forza blindada Kampfgruppe Peiper. A ríxida defensa estadounidense impedíu que os alemáns chegasen á gran cantidade de subministracións preto das cidades de Liexa e Spa, en Bélxica, e a rede de estradas ao oeste de Elsenborn Ridge que conducían cara o río Meuse. Despois de máis de dez días de intensa batalla, sacaron aos estadounidenses das vilas pero foron incapaces de botalos da cordilleira, onde elementos do 5º Corpo do 1º Exército estadounidense impediron que as forzas alemás chegasen á rede de estradas do oeste.

A 99ª División de Infantaría no seu conxunto, cunha vantaxe numérica de 5 a 1, inflixiu baixas dunha proporción de 8 a 1. A división perdeu ao redor dun 20% dos seus efectivos, incluídos 465 mortos e 2 524 evacuados debido a feridas, lesións, fatiga ou pé de trincheira. As perdas alemás foron moito maiores. No sector do norte oposto á 99ª División, os alemáns tiveron máis de 4 000 mortos e perderon uns 60 carros de combate e pezas de artillaría. O historiador John S.D. Eisenhower escribiu, "...a acción da 2ª e a 99ª Divisións no norte podería considerarse como a máis importante da campaña das Ardenas".

O Kampfgruppe Peiper diríxese cara o oeste[editar | editar a fonte]

Indo cara o sueste de Elsenborn, o Kampfgruppe Peiper entrou en Honsfield, onde se atopou cun dos centros de descanso da 99ª División, obstruído por confusas tropas estadounidenses. Mataron a moitos homes, destruíron un fexe de unidades blindadas e vehículos aliados, e colleron varias ducias de prisioneiros que foron asesinados por elementos do propio Kampfgruppe. Peiper capturou doadamente a cidade e 190 000 litros de combustible para os seus vehículos. Posteriormente avanzou cara o noroeste en dirección a Büllingen, mantendo o plan de moverse cara o oeste, aparentemente sen saber que estivera preto de tomar a cidade e deixando escapar a oportunidade de flanquear e atrapar totalmente ás 2ª e 99ª Divisións. Peiper xirou cara o sur para desviarse e evitar Hünningen, elixindo unha ruta designada Rollbahn D, xa que se lle dera liberdade para elixir a mellor ruta cara o oeste.

Masacre de Malmedy[editar | editar a fonte]

Ás 12:30 do 17 de decembro, o Kampfgruppe Peiper estaba preto da aldea de Baugnez, a metade de camiño entre Malmedy e Ligneuville, cando se atopou con elementos do 285º Batallón de Observación de Artillaría, da 7ª División Blindada estadounidense. Despois dun breve combate as tropas aliadas, lixeiramente armadas, rendéronse. Foron desarmadas e, con outros estadounidenses capturados anteriormente (uns 150 homes), retidos nun campo preto do cruzamento de estradas con pouca vixilancia. 15 minutos despois de que as primeiras tropas de Peiper tomasen a zona, o corpo principal do grupo baixo o mando do SS Sturmbannführer Werner Pötschke chegou. Por razóns descoñecidas hoxe en día, as tropas das SS de súpeto abriron fogo contra os prisioneiros. Cando os disparos comezaron, os estadounidenses entraron en pánico. A meirande parte foron asasinados no mesmo sitio, aínda que algúns conseguiron fuxir. As cifras sobre os asasinados varían, pero 84 dos prisioneiros morreron. Un feixe sobreviviron, e as noticias sobre asasinatos de prisioneiros de guerra correron ao longo das liñas aliadas. Despois do final da guerra, soldados e oficiais do Kampfgruppe Peiper, incluídos Joachim Peiper e o xeneral das SS Sepp Dietrich, foron xulgados polo incidente no xuízo polo masacre de Malmedy.