Descolonización

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Principais organizacións actuais que seguen a división de territorios estabelecida na época colonial.

Descolonización é o proceso polo cal unha ou varias colonias adquiren ou recuperan a súa independencia, xeralmente por acordo entre a potencia colonial e un partido político (ou coalición) ou movemento de liberación. Trátase dun proceso oposto ao do colonialismo.

Características[editar | editar a fonte]

A descolonización prodúcese mediante a independencia, mediante a integración dentro dun poder administrativo ou dentro doutro estado, ou mediante o estabelecemento dun status de libre asociación. A Organización das Nacións Unidas estabeleceu que no proceso de descolonización non hai alternativa ao principio de autodeterminación. A descolonización pode comportar unha negociación pacífica e/ou unha revolta violenta por parte da poboación nativa. A descolonización, no sentido estrito do termo, é diferente da desmembración dos imperios tradicionais, e no discurso académico moderno o período de descolonización refírese xeralmente a dúas grandes ondadas de independencia dos imperios coloniais europeos:

1.Dende finais do século XVIII e durante todo o XIX, a descolonización produciuse en América, comezando pola chamada Revolución Americana contra o Imperio Británico, que deu lugar aos actuais Estados Unidos de América, a Guerra de Independencia Hispanoamericana e a constitución do Imperio do Brasil ao dividirse o Portugués.

2.Nos séculos XX e XXI, a descolonización refírese, habitualmente, aos logros independentistas de varias colonias e protectorados europeos en Asia e África tras a segunda guerra mundial. Este proceso deu lugar, ademais, a un movemento intelectual denominado poscolonialismo. Un período especialmente activo de descolonización tivo lugar entre 1945 e 1960, empezando coa independencia de Paquistán e a India do Reino Unido en 1947.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O crecemento de poboación e económico en varios países de Europa, fundamentalmente, levou a un tipo de colonización, co carácter de dominación (e, ás veces, exterminio) de pobos que ocupaban amplos territorios, e dos seus recursos naturais, creando grandes imperios coloniais. Un dos aspectos máis importantes desta colonización foi a escravitude, coa exportación dunha gran parte da poboación africana para as Américas, con consecuencias nefastas, tanto para o Continente Africano, como para os descendentes dos escravos, que perduran até hoxe.

Será dende mediados do século XIX, sobre todo a partir de 1880, e tralo proceso de grande expansión económica que tivo lugar en Europa, cando moitos países europeos, especialmente Gran Bretaña, estendéronse, primeiro de forma non oficial e máis tarde anexionando territorios e formando colonias en África, Asia e o Pacífico. Así se constituíron inmensos imperios coloniais abranguendo practicamente todo o mundo. Esta expansión foi consecuencia da procura fóra de Europa de mercados e materias primas para a revolución industrial e deuse ata o comezo da primeira guerra mundial, en 1914 e permaneceron os seus vestixios ata a descolonización, nos anos 60.

Mapa coa cronoloxía do acceso á independencia dos territorios colonizados por código de cores.

Causas da descolonización[editar | editar a fonte]

Os resultados da primeira guerra mundial non deixaran indiferentes ás colonias, non só pola política de mandatos estabelecida nos tratados de paz, senón polo reforzo que experimentou a administración colonial. Nos anos seguintes ó final da guerra foi o momento histórico no que occidente controlou maior espazo do planeta coa desaparición do Imperio Otomán. Porén despois duns anos de espoliación sistemática dos recursos coloniais, as relacións entre as metrópoles e as súas colonias fíxose máis difícil.

Causas económicas[editar | editar a fonte]

Co crack do 29 e a Gran Depresión deuse unha gran crise económica a nivel mundial que determinaría o comezo do proceso de cambio. En efecto, vaise producir o empobrecemento progresivo das economías coloniais ó estaren, fundamentalmente, especializadas na produción de produtos de monocultivo (cacao, arroz, caucho ou azucre), destinadas á exportación, ó descenderen os prezos das materias primas no mercado mundial, e, pola contra, mantérense os prezos dos bens industriais. Comeza a quebrar pois a relación entre as metrópoles industrializadas europeas e os países produtores de materias primas. A isto cabe engadir a irrupción nos mercados coloniais de novas potencias económicas como EEUU ou Xapón. O declive económico dos imperios europeos e un feito decisivo da época de entreguerras, tendo cada vez menos protagonismo no conxunto da economía mundial.

Esta deterioración dos termos de intercambio entre as colonias e as metrópoles levou a estas a reduciren os presupostos destinados a manteren as administracións coloniais e nalgúns casos procederen a súa transferencia a mans de funcionarios autóctonos. E o que fai sobre todo, o imperio británico coa súa política de concesión de autonomía e elaboración de estatutos tendentes a organizar un autogoberno dentro da Commonwealth. Ceilán en 1920, India en 1935 e Nixeria en 1922 son algúns dos exemplos deste proceso. Asemade o desenvolvemento social e político producido tanto nos países europeos como nas colonias influíu na toma de conciencia das metrópoles a prol das reivindicacións das colonias.

Causas sociais e ideolóxicas[editar | editar a fonte]

A expansión colonial levou a unha paulatina transformación nas sociedades dominadas. A oligarquía local, antes composta por propietarios agrícolas na súa maioría, conforman agora unha clase burguesa comercial ou administrativa que elabora as principais manifestacións de carácter nacionalista e de onde xorden os principais líderes que actúan a modo de pais fundadores dos países descolonizados. As transformacións do Terceiro Mundo son obra de minorías ilustradas, que deben actuar no seo de sociedades profundamente atrasadas e iletradas.

As ideoloxías de carácter anticolonial toman diversas formas, debendo combinar do modo máis eficaz tradición e modernidade. Nuns casos, as ideoloxías emancipadoras fundaméntanse na defensa e recuperación dos valores propios da cultura autóctona, sexa da "negritude" na definición do poeta Sedar Senghor, sexa a través do panafricanismo e panislamismo ou na defensa das tradicións da civilización hindú no caso da India.

Pero tamén exercen enorme influencia as ideas anticolonialistas forxadas en Europa dende a época da II Internacional e que logo difundirán os partidos comunistas a partir do triunfo da revolución soviética. As posicións anticoloniais da III Internacional animan a creación de partidos comunistas de tanta influencia na descolonización como o de Indonesia (creado en 1920) ou o de Indochina. En xeral, pode dicirse que tódolos movementos de liberación nacional que triunfaron no mundo colonizado antes de 1960 non estaban inspirados por ideoloxías de carácter tradicional, aínda que houberon de buscar o seu apoio no seo dunha poboación analfabeta, apegada a valores tradicionais culturais e relixiosos e ás veces profundamente antioccidentais. No entanto, predominaron as ideas de carácter occidental, de raíz liberal, socialista ou nacionalista, o mesmo que moitos dos métodos empregados: uso dos medios de comunicación, campañas de masas e socialización dos valores políticos. Os dirixentes dos países colonizados deberon aplicar na súa estratexia algo semellante o que acontecía no mundo occidental, como era a adaptación das súas propostas a unha sociedade de masas. Incluso un caso tan excepcional como o de Gandhi, baseado na pasividade e a non violencia das súas accións fronte ós británicos, fundamentouse na práctica dun ascetismo persoal e un trato cos grupos sociais máis desfavorecidos que lle outorgou unha inmensa popularidade.

A segunda guerra mundial e a nova orde internacional[editar | editar a fonte]

A influencia da Segunda guerra mundial foi decisiva en varios aspectos. Por unha banda contribuíu a debilitar as potencias coloniais europeas, que ficaron illadas das súas colonias asiáticas. Os holandeses perderon decontado Indonesia, así como os franceses Indochina. De forma indirecta, a ocupación xaponesa destas colonias exerceu unha grande influencia, xa que alentou as aspiracións de independencia dos territorios invadidos, mediante a defensa dun antioccidentalismo radical e a proposta dunha solidariedade étnica e cultural. Ademais a guerra amosou pola vía dos feitos que as potencias coloniais non eran invencibles e foi escola de formación de guerrillas contra os ocupantes e de líderes populares coma Ho Chi Minh na Indochina francesa.

De tódolos xeitos a guerra non tivo efectos universais e transformou moito máis profundamente o Imperio británico que o francés. Quizais isto explique a evolución posterior: a descolonización pactada e rápida das posesións británicas en contraste coa resistencia dos franceses. No caso do Imperio francés no continente africano, as colonias exerceron un papel decisivo ó convertérense na reserva principal da Francia libre do xeneral De Gaulle como puxo de manifesto a Conferencia de Brazzaville de 1944.

Pero a maior influencia que a segunda guerra mundial exerceu sobre o mundo colonial foi a conversión de Francia e Inglaterra en potencias de segunda orde, fronte as dúas superpotencias do mundo bipolar deseñado a partir de Ialta. Hai dous factores que interveñen neste proceso. O primeiro e a posición anticolonialista das dúas grandes potencias, no caso de EEUU por razóns históricas (a tradición wilsoniana asumida por Roosevelt) e tamén de carácter económico e comercial, e no caso da URSS, por cuestións ideolóxicas. O segundo factor decisivo foi a creación da ONU, cuxos principios fundacionais proclaman a igualdade entre os pobos e recoñece o dereito a súa autodeterminación. Na medida en que a ONU, a pesar do dereito de veto dos cinco grandes, acolle cada vez máis países do Terceiro Mundo, serve como gran forza lexitimadora dos movementos de descolonización.

A estes dous factores habería que engadir a capacidade organizativa dos países descolonizados a través da creación dun Movemento de Países non Aliñados. A grande expresión desta emerxencia diplomática dos países afroasiáticos foi a Conferencia de Bandung, celebrada en 1955.

O papel dos líderes[editar | editar a fonte]

O papel desenvolvido polos líderes xurdidos das elites locais foi decisivo na construción do proceso descolonizador. A maioría deles foran formados nos valores occidentais nas universidades europeas. Mais o seu denominador común é que de volta a súa patria redescobren os valores culturais da súa civilización e rematan fundamentando sobre ela os seus movementos políticos. Ghandi e Nehru, aínda que formados en universidades inglesas, redescobren a cultura hindú, as súas tradicións e as súas linguas, Senghor, formado en universidades francesas postula os valores da negritude e reclama un trato de igualdade por parte de Francia, após a súa liberación en 1944... O legado da cultura occidental e máis forte do que puidera pensarse, sobre todo na división artificial dos territorios que logo se converteron en estados independentes. Será coa gran depresión cando estes líderes e minorías ilustradas conectan coas masas populares das colonias duramente golpeadas pola caída dos prezos dos seus produtos de exportación.

O caso máis paradigmático constitúeo o conxunto dos países asiáticos. Tanto os líderes indios (Gandhi e Nehru) como Ho Chi Minh en Indochina ou Sukarno en Indonesia afrontan nesta época a tarefa de difusión masiva das súas propostas políticas. Os camiños que conducían a descolonización xa estaban abertos, o estalido da Segunda guerra mundial acabou por consolidalos.

Descolonización de América[editar | editar a fonte]

Artigo principal: descolonización de América.

No século XIX as colonias europeas no continente americano comezan a se independizar das potencias coloniais. A descolonización de América iniciou un proceso de descolonización mundial que se completou no século XX dando orixe aos Estados modernos.

Descolonización de África[editar | editar a fonte]

Cando os estados de Europa ao final da Idade Media comezaron a "descubrir" África, atoparon reinos ou estados, ben de tipo árabe ou islamizados, principalmente no norte e occidente daquel continente, ou ben de tradición bantú. Os primeiros contactos entre estes pobos non foron inmediatamente de dominación, senón de carácter comercial. No entanto, os conflitos orixinados pola competición entre as diferentes potencias europeas levaron á dominación política deses reinos, que culminou coa repartición do Continente africano polos estados europeos na Conferencia de Berlín, en 1885.

Así e todo, as dúas grandes guerras que fustrigaran Europa durante a primeira metade do século XX deixaron aqueles países sen condicións para manteren un dominio económico e militar nas súas colonias. Estes problemas, asociados a un movemento independentista que tomou unha forma máis organizada na Conferencia de Bandung, levou as antigas potencias coloniais a negociaren a independencia das colonias.

Gandhi, líder independentista indio

Descolonización da Asia e Oceania[editar | editar a fonte]

Artigo principal: descolonización de Asia.

A descolonización de Asia e de Oceanía deuse axiña tras a segunda guerra mundial, que debilitou os países participantes, que ficaron sen recursos dabondo como para manteren as súas colonias, tanto en África canto en Asia. Outro factor importante foi a desobediencia civil na India, influenciada por un dos maiores líderes pacifistas do mundo, Mahatma Gandhi. Os indios deixaron de pagar impostos á coroa inglesa e deixaron de cumprir as súas obrigas para coa metrópole, atinxindo os seus obxectivos fronte a Inglaterra polo cansazo e desgaste desta.