Cristovo de Licia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
San Cristovo pintado polo artista da Lorena: Claude Bassot (1607).

Cristovo de Licia, coñecido coma San Cristovo (grego: Άγιος Χριστόφορος, latín: Christophorus) é un santo venerado por Católicos Romanos, Ortodoxos e Umbandistas (no sincretismo afro-brasileiro). É un dos tres patróns do peregrino.

Considerado un mártir cristián, Cristovo morreu durante o reinado de Decio, emperador romano do século III.[1][2] A pesar de ser un dos santos máis populares do mundo, sábese moi pouco da súa vida.[3]

San Cristovo venérase o 9 de marzo en Grecia, o 9 de maio na Igrexa Ortodoxa, o 16 de novembro en Cuba e o 10 de xullo nalgunhas localidades de España. O Calendario Tridentino da Igrexa Católica permitía a celebración de San Cristovo no día 25 de xullo, só en misas privadas. Esta restrición foi retirada máis tarde. A Igrexa Católica recoñece que pouco se sabe da vida do santo[4] agás varias lendas atribuídas ao personaxe. A máis popular orixínase da Lenda dourada, unha compilación de historias de santos do século XIII.

Atributos: póla xigante, torrente, árbore, home con Cristo nos seus ombros.

Lenda de San Cristovo[editar | editar a fonte]

San Cristovo, na igrexa de Santa María de Labrada, Guitiriz

Un rei pagán en Canaá ou en Arabia, a través das pregaria da súa dona tivo un fillo a quen bautizou de Reprobus (Offerus), dedicándoo ao deus Apolo. Roprobus medrou axiña e acadou un gran tamaño e unha forza extraordinaria, e decidiu servir só aos mais fortes e bravos. Na súa procura de tales individuos, acabou servindo a un rei poderoso e a un individuo que alegaba ser o propio Satanás, mais acabou por considerar que ambos os dous carecían de coraxe, xa que o primeiro temía o nome do demo e o outro asustábase coa visión dunha cruz. Despois atopouse cun eremita que lle educou na fe cristá, bautizándoo. Reprobus rexeito xaxuar e rezar a Cristo, mais aceptou a tarefa de axudar as persoas a atravesar un perigoso río no que morreran moitos tentándoo cruzar.

Certo día, Reprobus atopou na beira do río un cativo e axudouno a cruzar, porén cada vez o neno pesaba máis e máis, de tal xeito que sentía coma se o mundo enteiro estivese sobre os seus ombros. Após a travesía, o rapaz reveloulle ser o Creador e o Redentor do mundo. De aí provén o nome Cristovo, que significa "aquel que carga a Cristo". O neno ordenou a Reprobus que chantase o seu caxato no chan. Na mañá seguinte, apareceu no lugar unha exuberante palmeira. Este milagre fixo que moitos se convertisen, espertando a furia do rei da rexión. Cristovo foi preso e, despois dun martirio cruel, foi decapitado.

A análise histórica das lendas de San Cristovo suxestiona que Reprobus (Christovo) viviu durante o período de perseguimento aos cristiáns do emperador Decio ou do emperador Diocleciano, e que foi capturado e martirizado polo gobernador da Antioquía[5] De acordo co historiador David Woods, os restos mortais de Cristovo foron posibelmente levados para Alexandría por Pedro I, onde serían confundidos cos do mártir exipcio San Menas.

Veneración e padroado[editar | editar a fonte]

San Cristovo por Juan Martínez Montañés

A lenda de San Cristovo, de orixe grega, provabelmente tivo inicio no século VI. A mediados do século IX, xa se espallara por Francia. Orixinalmente Cristovo era só un mártir e, como tal, atópase rexistrado nos antigos martiroloxios. A pasaxe simple sobre a súa vida despois deu lugar a lendas máis elaboradas. A idea vinculada ao seu nome, primeiramente entendida no sentido espiritual, como "aquel que leva a Cristo no corazón", foi tomando un sentido máis literal por volta dos séculos XII e XIII, volvéndose o principal feito do santo. O feito de ser frecuentemente chamado de "gran mártir" pode ter dado orixe á historia de que posuía unha estatura enorme. O río e o peso do neno puideron acrecentarse coma maneira de identificar as probas e loitas dunha alma que ten sobre si o xugo de Cristo neste mundo.

Antes da canonización formal de San Cristovo no século XV, moitos santos eran proclamados divinos por aclamación popular. Isto significa que os procesos de canonización de entón se daban de maneira moito mais rápida, mais moitos dos santos baseábanse en lendas, na mitoloxía pagá ou até mesmo noutras relixións. En 1969, a Igrexa Católica estudou todos os santos do seu calendario para ver se realmente habían evidencias históricas de que existiran e vivirán unha vida de santidade. Nesta análise, a Igrexa concluíu que había pouca evidencia de que moitos santos, incluíndo algúns moi populares, existiran de feito. Cristovo foi un dos santos cuxa vida foi baseada en gran parte en lendas e por iso o seu nome foi retirado do calendario haxiolóxico. A vida dalgúns santos, como Santa Úrsula, foron consideradas tan lendarias que os seus cultos foron completamente reprimidos. Cristovo, pola súa banda, quedou co seu culto restrinxido a calendarios locais.

Cristovo sempre foi un santo moi popular, sendo reverenciado especialmente por atletas, mariñeiros, barqueiros e viaxantes. É considerado un dos catorce santos auxiliares. O seu padroado é vasto, sendo máis coñecido por asuntos relacionados coas viaxes. Tamén é padroeiro de varios lugares coma Baden, Barga, Mecklemburgo, Brunswick, Rab, Illa de San Cristovo, Mondim de Basto, Vilnius e A Habana. Pola súa banda en Galicia é padrón de 65 parroquias (Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de San Cristovo); ademais forma parte do nome do concello ourensán de San Cristovo de Cea.

Referencias na cultura popular[editar | editar a fonte]

Non se pode negar a existencia deste mártir, como ben demostra a obra do xesuíta Nicholas Serarius, no seu tratado sobre ladaíñas, "Litaneutici" (Colonia, 1609), e Molanus na súa historia sobre retratos sagrados, "De picturis et imaginibus sacris" (Louvain, 1570). Nunha pequeña igrexa dedicada ao mártir San Cristovo , soterrouse o corpo de San Remixio de Reims , 532 (Acta SS., 1 out., 161). San Gregorio o Grande (f. 604) fala dun mosteiro de San Cristovo (Epp., x., 33). O brevario e misal mozárabe, atribuído a San Isidoro de Sevilla (f. 636), contén unha cita especial na súa honra. En 1386 fundouse unha irmandade baixo o padroado de San Cristovo en Tirol e Vorarlberg, para guiar os viaxeiros cara Arlberg. En 1517, existíu unha sociedade de temperanza de San Cristovo en Carintia, Estiria, en Saxonia, e en Múnic. Amosábase moita veneración en Venecia, ao longo das marxes do Danubio e o Rin e doutros ríos que sufrían de asolagamentos. O retrata máis antigo do santo áchase no mosteiro do Monte Sinaí que data do tempo de Xustiniano (527-65). Atopáronse moedas coa súa efixie en Würzburg, en Würtemberg, e en Bohemia.

A imaxe de San Cristovo aparece nas entradas de moitas igrexas e vivendas, e tamén moitas veces en pontes; estas estatuas e tamén moitas das pinturas levan a inscrición: "Quen olle a imaxe de San Cristovo nin desfalecerá nin caerá en todo o día." Invócase contra as treboadas, raios, a epilepsia, a peste.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]