Obdulio Varela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Obdulio Varela
Obdulio varela uruguay.jpg
Información persoal
Nome Obdulio Jacinto Muiños Varela
Nacemento 20 de setembro de 1917
Lugar de nacemento Montevideo
Falecemento 2 de agosto de 1996
Lugar de falecemento Montevideo
Altura 1,83 m.
Posición Medio central
Carreira xuvenil
Fortaleza
Dublín
Pascual Somma
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1936–1938 Deportivo Juventud 60 (20)
1938–1943 Montevideo Wanderers 105 (42)
1943–1955 Peñarol 302 (72)
Total 467 (134)
Selección nacional
1939–1954 Uruguai 45 (9)
Adestrador
1955 Peñarol
Na rede
FIFA: 44727 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Obdulio Jacinto Muiños Varela, nado en Montevideo o 20 de setembro de 1917 e finado na mesma cidade o 2 de agosto de 1996, foi un futbolista uruguaio alcumado El Negro Jefe. Xogaba de centrocampista e foi un dos xogadores máis destacados da historia do fútbol uruguaio e suramericano.

Fillo dun galego e dunha uruguaia negra, usaba sempre o apelido materno, "Varela". Foi capitán do Montevideo Wanderers e do Peñarol, xogando neste último durante 12 anos, nos que gañou seis campionatos de Primeira División, oito Torneos de Honor e seis Torneos Competencia.

É especialmente lembrado por ser o capitán da selección uruguaia que gañou o Mundial de 1950 no Brasil e polo seu papel no Maracanazo, a final na que o Uruguai ante sorpresa mundial derrotou ao Brasil por 1-2 no Estádio do Maracanã. Gañou ademais o Campionato Suramericano de 1942, no que foi elixido mellor xogador do torneo. Foi incluído pola IFFHS na lista dos mellores futbolistas suramericanos do século XX, compartindo o 13º posto con Arthur Friedenreich e Tostão.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe e primeiros anos[editar | editar a fonte]

Obdulio Jacinto Muiños Varela naceu o 20 de setembro de 1917 no barrio montevideano de La Teja.[2] Era fillo dunha uruguaia negra e dun galego que abandonou á familia, motivo polo que Obdulio usou sempre o apelido materno.[3][4] Súa nai, Juana Varela, descendía duns escravos africanos que eran propiedade dunha familia galega de Montevideo.[5][6] Con nove irmáns, asmático e pobre, apenas asistiu uns anos á escola e durante a súa infancia desempeñou varios traballos como limpabotas e vendedor de xornais.[7]

Comezou xogando ao fútbol en varios equipos modestos da capital uruguaia, como o Fortaleza, o Dublín e o Pascual Somma, recibindo neste último un emprego como peón de albanel.[8] En 1936 fichou polo Club Deportivo Juventud, da Divisional Intermedia, naquel entón a segunda categoría do fútbol uruguaio. Debutou na Intermedia o 30 de agosto de 1936, nun encontro fronte ao Intrépido Belgrano.[9]

Montevideo Wanderers[editar | editar a fonte]

Xogou neste club ata 1938, cando pasou ao Montevideo Wanderers, o seu primeiro club como profesional. Foi capitán do equipo e acadou tres terceiros postos na Primeira División do Uruguai, nos anos 1939, 1940 e 1942.

Peñarol[editar | editar a fonte]

En 1943 foi traspasado ao Club Atlético Peñarol, co que debutou o 17 de abril nun partido contra Sud América correspondente ao Torneo Competencia, competición na que se proclamou campión ese mesmo ano. Na tempada seguinte, con Aníbal Tejada no banco, Peñarol empatou no liderado do Campionato Uruguaio co seu máximo rival, Nacional, que estaba adestrado por Héctor Castro, polo que se disputou unha final no Estadio Centenario. O partido rematou con empate a cero goles despois de dúas prórrogas de media hora cada unha, polo que se celebrou un novo partido de desempate unha semana despois. Neste, adiantouse Nacional con dous goles de Atilio García, pero Luis Prais e Varela puxeron o empate antes de que Ernesto Vidal completase a remonta.[10]

Xogou durante máis dunha década no club negro e amarelo, do que foi capitán e onde compartiu equipo con algúns dos xogadores máis destacados da historia do club, como Roque Máspoli, Juan Alberto Schiaffino, Severino Varela, Alcides Ghiggia, Óscar Míguez, Juan Eduardo Hohberg ou William Martínez. En 1945 gañou o seu segundo campionato uruguaio consecutivo, aos que sumou os de 1949, 1951, 1953 e 1954. Ademais gañou un total de oito Torneos de Honor e seis Torneos Competencia.[11]

No seu último ano en Peñarol foi xogador-adestrador, tarefa que compartiu co gardameta Roque Máspoli. O 15 de xuño de 1955 disputou o seu derradeiro partido, contra o América de México no Estádio do Maracanã, no que se incluíu no segundo tempo.[9]

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Campionatos suramericanos[editar | editar a fonte]

Foi internacional coa selección do Uruguai en 45 ocasións, nas que marcou 9 goles. Debutou o 29 de xaneiro de 1939 nun partido do Campionato Suramericano contra Chile no Perú, entrando na segunda parte como substituto de Abdón Reyes (3–2).[12] O equipo uruguaio acabou o torneo como subcampión, resultado que repetiu na seguinte edición, en 1941, na que Varela marcou o seu primeiro gol internacional, contra a selección do Perú. En 1942, no seu terceiro campionato suramericano, disputou todos os encontros do seu equipo, adestrado polo galego Pedro Cea, marcou un gol, gañou o título e foi elixido mellor xogador do torneo.[13] Disputou dúas edicións máis do campionato continental, en 1945 e 1946.

Maracanazo[editar | editar a fonte]

Obdulio Varela coa camiseta da selección uruguaia no Mundial de 1950.

Foi o capitán do equipo uruguaio no Mundial de 1950 que se celebrou no Brasil. Dirixida no banco por Juan López Fontana, a selección uruguaia goleou por 8-0 a Bolivia no primeiro partido, clasificándose para o grupo final, xunto a España,Suecia e o Brasil. No partido contra España no Pacaembú, Varela marcou o seu primeiro gol nun Mundial, superando a Ramallets para colocar o 2-2 definitivo no marcador.[14] No seguinte encontro, Uruguai venceu por 3-2 a Suecia con dous goles de Óscar Míguez e un de Alcides Ghiggia.

Deste xeito a selección celeste enfrontouse no derradeiro partido ao Brasil, que só precisaba dun empate para se proclamar campión do mundo. Antes do partido, Varela deulle aos seus compañeiros un famoso discurso motivador, en contraste co pesimismo dos directivos uruguaios, que xa daban por bo o subcampionato e só lle pedían aos futbolistas que non caesen goleados.[11] Fronte aos preto de 200.000 espectadores que ateigaban o Estádio do Maracanã, Friaça puxo por diante aos anfitrións pouco despois de comezar a segunda parte. Varela agarrou entón o balón debaixo do brazo, e co obxectivo de arrefriar o partido dirixiuse lentamente con protestas ao árbitro inglés George Reader, que pediu un intérprete para dialogar co capitán uruguaio.[7][15] Trala reanudación o equipo celeste pasou a dominar o partido e poucos minutos despois dous goles de Schiaffino e Ghiggia déronlle a volta ao marcador, dando lugar ao que se deu en chamar dende entón o Maracanazo.[2] Varela recibiu o trofeo de mans dun desconcertado Jules Rimet, sen a debida cerimonia protocolaria.[15][11][7] Xa fóra do estadio fixo caso omiso á prohibición de saír do hotel e pasou a noite bebendo cos entristecidos afeccionados brasileiros polas rúas de Río de Xaneiro.[16][17][18]

Mundial de Suíza[editar | editar a fonte]

Volveu capitanear ao Uruguai no Mundial de 1954 en Suíza. Participou nas vitorias sobre Checoslovaquia (2-0) e Escocia (7-0) e marcou un dos catro goles uruguaios nos cuartos de final contra a Inglaterra de Billy Wright e Stanley Matthews, partido no que caeu lesionado.[19] Xa en semifinais, pero sen Varela no campo, os uruguaios foron derrotados na prórroga ante a selección favorita, Hungría, na que xogaban entre outros Kocsis e Czibor, e coa súa maior estrela, Puskás, tamén lesionado. Con Obdulio Varela no campo, a selección uruguaia nunca perdeu un partido nun Mundial.[15]

Estilo e personalidade[editar | editar a fonte]

Xogaba na antiga posición de medio central, e aínda que non sobresaía nin pola súa velocidade nin polos seus recursos técnicos; a súa personalidade, o seu liderado e o seu carisma dentro e fóra dos terreos de xogo convertérono nun dos futbolistas máis importantes do fútbol mundial.[20][7][21] Capitán dos clubs polos que pasou, así como da selección, destacou tamén polo seu compañeirismo. Na súa etapa en Peñarol, negouse a recibir unha prima maior á dos seus compañeiros despois dunha vitoria, esixindo aos directivos do club, que ou ben baixasen a súa ou que subisen a dos demais, sendo a segunda opción a que finalmente aconteceu. Tamén en Peñarol, negouse a levar publicidade na camiseta, argumentando que xa pasaran os tempos nos que aos negros os transportaban "cunha argola no nariz". Deste xeito xogou coa súa camiseta libre de publicidade, a diferenza dos seus compañeiros.[22][23]

Entre 1948 e 1949 liderou a folga de futbolistas que paralizou o fútbol uruguaio durante sete meses, pedindo mellores condicións e a creación dun sindicato.[24][25] Durante ese tempo volveu traballar como albanel e rexeitou subornos para que parase a folga.[17] Coa proximidade do Mundial do Brasil, recibiu a visita do presidente da República, Luis Batlle Berres, que lle ofreceu un posto público se acudía ao Mundial. Varela esixiu o mesmo para todos os seus compañeiros.[26] Finalmente, a folga conseguiu os seus obxectivos e creouse o sindicato de futbolistas.[26]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou en 1946 coa húngara Catalina Keppel, á que coñecera cando xogaba no Deportivo Juventud.[17] Naceu e morreu na pobreza. Co diñeiro que recibiu como campión do mundo comprou un Ford de 1931 que lle roubaron unha semana despois.[27] Trala súa retirada viviu afastado da atención dos medios, ata a súa morte en 1996, só uns meses despois do falecemento da súa esposa.[27][7]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Peñarol

Selección uruguaia

Individual

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Mellores futbolistas suramericanos do século XX". rsssf.com (en inglés). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 "Entró en la gloria con la pelota bajo el brazo" (en castelán). 17 de setembro de 2017. Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  3. "Juana Varela, la madre de Obdulio" (en castelán). 11 de maio de 2014. Consultado o 4 de outubro de 2021. 
  4. Duarte, Fernando; Silva, Gilberto (2014). "1950: The Big Silence". Shocking Brazil: Seven Games That Shook the World Cup (en inglés). Birlinn. ISBN 9780857908544. 
  5. "70 años del “maracanaço”" (en castelán). 22 de xullo de 2020. Consultado o 4 de outubro de 2021. 
  6. "Se cumplen hoy 100 años del nacimiento de Obdulio Jacinto Varela" (en castelán). 20 de setembro de 2017. Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 De Hegedüs, Jorge (Setembro de 2006). "Obdulio Varela: empatía y tristeza de un campeón" (en castelán). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  8. "Obdulio Varela: el héroe del Maracanazo" (en castelán). 29 de mayo 2014. Consultado o 4 de outubro de 2021. 
  9. 9,0 9,1 "Obdulio Varela" (en castelán). Consultado o 4 de outubro de 2021. 
  10. "Campionato uruguaio de 1944". rsssf.com (en inglés). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  11. 11,0 11,1 11,2 "Obdulio Varela, centenario" (en castelán). 20 de setembro de 2017. Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  12. "Campionato Suramericano de 1939". rsssf.com (en inglés). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  13. "Mellores xogadores da Copa América". rsssf.com (en inglés). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  14. "Uruguai - España 1950". Asociación Uruguaia de Fútbol (en castelán). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  15. 15,0 15,1 15,2 "El Capitán Leyenda" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2011. Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  16. "Obdulio Varela: el héroe del Maracanazo" (en castelán). 29 de maio de 2014. Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  17. 17,0 17,1 17,2 "A 100 años del nacimiento de Obdulio Varela" (en castelán). 20 de setembro de 2017. Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  18. Lissardy, Gerardo (19 de xuño de 2014). "Maracanazo: lo que ocurrió en la noche más épica del fútbol uruguayo". BBC (en castelán). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  19. "Revivió, que no ni no" (en castelán). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  20. "Obdulio Varela: el capitán del Uruguay que enmudeció Maracaná" (en castelán). 17 de abril de 2015. Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  21. González, Enric (25 de maio de 2008). "La noche del Negro Jefe". El País (en castelán). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  22. "Obdulio no se vende" (en castelán). 30 de abril de 2010. Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  23. Padilla Montoliu, Toni (2014). Brasil 50: Retratos del Mundial del Maracanazo (en castelán). Contraediciones. ISBN 978-84-943319-3-0. 
  24. "La huelga del ’49, un hito para el futbolista como trabajador" (en castelán). 30 de abril de 2014. Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  25. Ferro, Juan (4 de novembro de 2017). "La huelga más larga en la historia del fútbol" (en castelán). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  26. 26,0 26,1 "El pueblo no te olvida, Obdulio: 20 años del adiós al "Negro Jefe"" (en castelán). 2 de agosto de 2016. Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  27. 27,0 27,1 González, Ángel (17 de xullo de 2015). "Así fue el Maracanazo, según Obdulio Varela". El Mundo (en castelán). Consultado o 5 de outubro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]