Severino Varela
Varela | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Severino Varela Puerta | ||
Nacemento | 14 de setembro de 1913 | ||
Lugar de nacemento | Montevideo | ||
Falecemento | 29 de xullo de 1995 | ||
Lugar de falecemento | Montevideo | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
–1932 | Olimpia | ||
1932–1935 | River Plate (Uruguai) | ||
1935–1942 | Peñarol | 74 | (46) |
1943–1945 | Boca Juniors | 67 | (43) |
1946–1947 | Peñarol | ||
Selección nacional | |||
1935–1942 | Uruguai | 24 | (19) |
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Severino Varela Puente, nado en Montevideo o 14 de setembro de 1913 e finado na mesma cidade o 29 de xullo de 1995, foi un futbolista uruguaio, de orixe galega, que xogaba de dianteiro.
Era alcumado "El Gallego" e tamén "Boina fantasma" por xogar sempre cunha boina branca. Desenvolveu a súa carreira principalmente entre Peñarol e Boca Juniors, conquistando catro ligas uruguaias e dúas arxentinas. entre as décadas de 1930 e 1940.
Foi internacional coa selección uruguaia e é o máximo goleador desta na Copa América, con 15 goles. Gañou coa selección a Copa América de 1942.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes
[editar | editar a fonte]Fillo de emigrantes galegos no Uruguai, traballou como repartidor de carne e tamén na UTE, a compañía eléctrica uruguaia, ao tempo que xogaba ao fútbol.[1][2]
O seu primeiro club foi o Olimpia de Montevideo, no que xogou ata 1932, cando este se fusionou co Capurro dando lugar ao River Plate uruguaio. Despois de tres anos en River, nos que disputou as tres primeiras tempadas da era do profesionalismo na Primeira División do Uruguai, pasou ao Peñarol en 1935.
Primeira etapa en Peñarol
[editar | editar a fonte]O seu pase ao Peñarol orixinou unha batalla legal na Asociación Uruguaia de Fútbol.[3] Debutou co equipo o 30 de abril de 1935 e na súa primeira campaña conquistou o seu primeiro campionato uruguaio, ao que sumaría outros tres durante os tres anos seguintes, formando parte do primeiro equipo uruguaio en gañar catro títulos de xeito consecutivo.[3] En Peñarol converteuse nunha célebre figura e fixo famosa a súa boina branca, coa que xogara sempre e que continuou usando máis tarde por un convenio publicitario, moito antes de que este tipo de publicidade se fixese habitual.[2] Con todo, en 1942 sufriu un baixón de forma e foi relegado ao segundo equipo.[4]
Boca Juniors
[editar | editar a fonte]En 1943 fichou por Boca Juniors, que levaba un par de tempadas sen conseguir rematar entre os tres primeiros clasificados. O prezo do seu traspaso foi de 38.000 pesos arxentinos e incluíu as cesións a Peñarol de Raúl Emeal e Ángel Laferrara.[2] En Boca formou dianteira con Boyé, Corcuera e Sarlanga, e o equipo de Buenos Aires acabou conquistando o seu 11º campionato arxentino, manténdose invicto dende a xornada 6. Varela foi autor de 20 tantos naquela tempada. Ao ano seguinte o equipo xeneize conseguiu gañar o campionato de novo, con 15 goles de Varela, que foi o máximo goleador do equipo xunto a Corcuera.[5] Ao ano seguinte o equipo reforzouse con Rodolfo De Zorzi e Juan Carlos Lorenzo entre outros, co obxectivo de lograr o terceiro campionato consecutivo, pero este foi finalmente para o seu máximo rival, RIver Plate.[6] Precisamente os seus goles fronte a River foron en gran parte os que o fixeron célebre no seu paso por Boca. Fíxolle cinco goles ao equipo "millonario" en seis encontros, destacando un dos dous que anotou o 26 de setembro de 1943 na Bombonera, lanzándose ao chan para cabecear un centro de Carlos Adolfo Sosa e batendo ao porteiro Eduardo Lettieri.[2] Deixou o equipo en 1945, despois de gañar a Copa de Confraternidade Escobar-Gerona contra Nacional, e a pesar de que Boca lle ofreceu renovar co soldo que el quixese.[2]
Segunda etapa en Peñarol e retirada
[editar | editar a fonte]Regresou entón ao Peñarol, onde militou durante dúas tempadas máis, sen poder gañar de novo o campionato uruguaio, que foi nas dúas ocasións para o Nacional. Ao remate da tempada 1948 colgou as botas.[7]
En 1949, Boca estaba a realizar a peor campaña da súa historia e estaba a piques de descender. Severino Varela ofreceuse entón a xogar de balde para axudar ao seu querido club, pero os dirixentes non aceptaron.
Faleceu o 29 de xullo de 1995 aos 81 anos de idade.[3]
Selección nacional
[editar | editar a fonte]Foi internacional coa selección uruguaia en 24 ocasións, marcando 19 goles. É o máximo goleador da escuadra uruguaia na Copa América, onde anotou 15 goles. Participou en tres edicións, 1937, 1939 e 1942, anotando cinco goles en cada unha delas e conquistando a de 1942, nunha selección na que destacaba outro Varela, o histórico Obdulio Varela.[8]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Peñarol
- Primeira división do Uruguai (4): 1935, 1936, 1937 e 1938.
Boca Juniors
- Primeira división da Arxentina (2): 1943 e 1944.
- Copa de Confraternidade Escobar-Gerona (1): 1945.
Selección uruguaia
- Copa América (1): 1942.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Son todos de Boca: Atilio García" (en castelán). 4 de outubro de 2020. Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2021. Consultado o 24 de abril de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Severino Varela, la "boina fantasma" de Boca que frenó a La Máquina de River" (en castelán). 1 de xaneiro de 2021. Consultado o 24 de abril de 2021.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Severino Varela" (en castelán). Consultado o 24 de abril de 2021.
- ↑ "Severino Varela". informexeneize.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 3 de marzo de 2016.
- ↑ "Boca Juniors en 1944". historiadeboca.com.ar (en castelán). Consultado o 24 de abril de 2021.
- ↑ "Boca Juniors en 1945". historiadeboca.com.ar (en castelán). Consultado o 24 de abril de 2021.
- ↑ "“La Boina Fantasma” ídolo en ambos márgenes del Plata" (en castelán). 5 de marzo de 2019. Consultado o 24 de abril de 2021.
- ↑ "De local, Uruguay nunca falla" (en castelán). 14 de abril de 2015. Consultado o 24 de abril de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Severino Varela |