Sociedade Numismática Brasileira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Sociedade Numismática Brasileira
Presentación
Data fundación19 de xaneiro de 1924.
FundadorJosé Vieira da Costa Valente (1º presidente).
LocalizaciónBrasão da cidade de São Paulo.svg São Paulo
Flag of Brazil.svg Brasil
Area servidaBrasil
MétodoInvestigación, publicacións, biblioteca, museo e organización de eventos.
Páxina webhttp://www.snb.org.br
PremiosMedalla ao Mérito Numismático

A Sociedade Numismática Brasileira (SNB) e unha entidade asociativa sen ánimo de lucro de carácter cultural, instituída na cidade brasileira de São Paulo en 1924 e recoñecida de utilidade pública en 1951, que ten como obxectivo a promoción e o desenvolvemento da investigación numismática e do coleccionismo de moedas, medallas e billetes.[1][2]

Na procura dos seus obxectivos, a SNB mantén, na súa sede no número 247 da rúa 24 de Maio de São Paulo, un museo numismático, unha importante biblioteca especializada en numismática e disciplinas anexas, con máis de 2.000 volumes, e publica periodicamente un boletín con artigos relativos á súa área de estudo.[1][3][4][5] Así mesmo, organiza dous encontros semanais, así como outros de carácter extraordinario, para fomentar as relacións e os intercambios entre os seus asociados, e emite medallas conmemorativas de diversos eventos relacionados coa numismática.[6][7][8]

Historia[editar | editar a fonte]

Contexto previo á SNB[editar | editar a fonte]

Xa a mediados do século XIX, coñécense algunhas referencias en xornais dos primeiros coleccionistas de moedas no Brasil, case sempre residentes nas zonas máis desenvolvidas do país. É salientable, tamén, o acervo numismático dos emperadores, que logo pasou ao Museo Nacional, e a colección da Biblioteca Nacional de Río, que en 1922 pasou ao Museo Histórico Nacional e que alberga a maior colección numismática do Brasil.[9][10]

No coleccionismo privado tivo unha relevancia singular a figura de Julius Meili (1839-1907), un coleccionista de orixe suíza, estudoso e divulgador numismático, autor dunha obra de referencia na numismática luso-brasileira, en tres volumes, titulada O Meio Circulante no Brasil 1645 a 1900. Parte da colección Meili constituíu os alicerces do fondo numismático do Museo do Banco do Brasil.[9][10]

Fundación da SNB[editar | editar a fonte]

Neste contexto, en 1922 un grupo de sociois da Sociedade Philatelica Paulista creou nesa institución unha sección de numismática, que se constituíu no xermolo da Sociedade Numismática Brasileira.[11][12]

Naquela época probablemente houbese en todo o Brasil arredor dunha centena de coleccionistas numismáticos, moitos dos cales comezaron a reunirse na rúa São Bento de São Paulo, no consultorio dun dos que logo sería membro da sociedade, o doutor Raul Whitaker. A partir daquelas xuntanzas organizouse a dirección provisional da incipiente sociedade, presidida por Agostinho Pardini, que exerceu ata a elección da definitiva, baixo a presidencia de José Vieira da Costa Valente, coa que se aprobaron os estatutos e se formalizou a constitución da Sociedade Numismática Brasileira, o 19 de xaneiro de 1924.[11][12]

Sedes da sociedade[editar | editar a fonte]

Nos seus inicios, os lugares de reunión seguían a ser salas prestadas por algúns dos seus asociados mais, co aumento da masa social, a dirección decidiu alugar dúas salas do Instituto Histórico Xeográfico de São Paulo. Desde a presidencia de José Benedito de Moura en 1964 comezouse a xestar a idea da disposición dunha sede propia e en 1968 inaugurouse a sede do número 488 da rúa Libero Badaró, onde a sociedade radicou durante un decenio, ata a adquisición dunha sede en propiedade. Os boletíns da Sociedade deses anos salientaron a estrea e a cerimonia de inauguración: " A SNB adquiriu en febreiro de 1979 un local de 150 m2 no edifício Adelilda, situado no número 247 da rúa 24 de Maio, no centro de São Paulo e a poucos pasos da praza da República”. Ese espazo foi posteriormente ampliado coa adquisición en 1992, de novos locais anexos, de xeito que a SNB pasou a ocupar todo o segundo andar do edificio, cunha superficie de 245 m2.[13]

Presidentes da sociedade[editar | editar a fonte]

Esta é unha listaxe dos presidentes da entidade desde a súa fundación:[14]

  • Agostinho Pardini (xaneiro de 1924 - febreiro de 1924).
  • Jose Vieira da Costa Valente (febreiro de 1924 - agosto de 1924).
  • Arthur Martins Passos (agosto de 1924 - xaneiro de 1925).
  • Joaquim Marra (xaneiro de 1925 - febreiro de 1926).
  • Arthur Martins Passos (febreiro de 1926 - xaneiro de 1933).
  • Álvaro de Salles Oliveira (xaneiro de 1933 - xaneiro de 1943).[15]
  • Zuinglio Marcondes Homem de Mello (xaneiro de 1943 - abril de 1953).
  • Álvaro da Veiga Coimbra (abril de 1953 - xaneiro de 1959).
  • Carlos Furtado de Mendonça (xaneiro de 1959 - maio de 1959).
  • Antonio Luiz Ippolito (maio de 1959 - decembro de 1963).
  • Alceu de Campos Pupo (decembro de 1963 - xuño de 1964).
  • José Benedito de Moura (xuño de 1964 - xaneiro de 1987).[16]
  • José Alcides Barrichello (xaneiro de 1987 - xaneiro de 1989).
  • Wilson Honorato Rodrigues (xaneiro de 1989 - xaneiro de 1995).
  • Manoel dos Santos (xaneiro de 1995 - xaneiro de 2003).
  • Cláudio Patrick Amato (xaneiro de 2003 - xaneiro de 2007).[17]
  • Cláudio Marcos Angelini (xaneiro de 2007 - xaneiro de 2011).
  • Gilberto Fernando Tenor (xaneiro de 2011 - xaneiro de 2015).
  • Ismael Toledo Jr. (xaneiro de 2015 - marzo de 2015).
  • Gilberto Fernando Tenor (2015- ).

Medalla ao Mérito Numismático[editar | editar a fonte]

A xunta directiva da Sociedade Numismática Brasileira acordou o 13 de xullo de 2013 a creación da Medalla ao Mérito Numismático, de concesión anual, para o recoñecemento dos seus membros que destaquen por diferentes méritos. A medalla, cuñada en ouro e en prata, ten un diámetro de 35 milímetros, e amosa no seu anverso o escudo da sociedade rodeado pola lenda SOCIEDADE NUMISMÁTICA BRASILEIRA S. PAULO, en tanto que o reverso está ocupado por unha coroa de loureiro e un espazo interior para gravar o nome da persoa agraciada e a data de concesión, todo iso coa lenda MEDALHA AO MÉRITO NUMISMÁTICO no seu exterior.

  • Medalla de ouro. Concédeselles aos ex-presidentes da entidade que, pola súa dedicación e capacidade profesional, contribuísen destacadamente ao seu prestixio.
  • Medalla de prata. Concédeselles aos asociados cun mínimo de dez anos de afiliación que teñan destacado pola realización de accións a prol da SNB.[18]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Para levar a cabo o seu propósito de difusión da numismática, a SNB editou, ao longo da súa historia diversas publicacións de carácter tanto periódico como mográfico.[19][20]

Publicacións periódicas[editar | editar a fonte]

  • Revista Numismática (1933-1954).
  • Boletim (desde 1959). Ao longo da súa existencia alternou os seguintes nomes: Boletim da SNB (ata 1969), Boletim de Numismática (1970-1983), Notícias de Sociedade (1983-1991), Notícias de Sociedade/Boletim da SNB (1992-1995), Boletim da Sociedade (1996-1999) e Boletim (desde 1999). É unha publicación de periodicidade variable creada en 1959 por César Ferrari.[21]

Monografías[editar | editar a fonte]

  • (1934): Lista official de preços de moedas brasileiras: prata, nickel, liga.
  • (1937-1940): Anais do 1º Congresso de Numismatica Brasileira. Vol. I (1937); vol. II (1940).
  • (1942): Catálogo oficial de preços de moedas brasileiras 1643-1942.
  • (1952): Catálogo da Biblioteca da Sociedade Numismatica Brasileira.
  • (1960): Dessart, G. Ensaio histórico e descritivo das primeiras moedas cunhadas no Brasil. Moedas obsidionais e de necessidade, cunhadas pelos invasores Holandêses, em Recife, Pernambuco, em 1645/1646 e 1654.
  • (1978): Ferrari, C. Catálogo Manual CF das moedas do Brasil República.
  • (1978): Ferrari, C. Moedas do Brasil: como iniciar uma coleção, método facil e prático, para principiantes.
  • (1985): Ferreira Gomes, W. Curso de Classificação de Patacões.

Congresos nacionais e internacionais de numismática[editar | editar a fonte]

Congresos nacionais[editar | editar a fonte]

No Brasil leváronse a cabo ata 2018 vinte e dúas edicións do Congreso Brasileiro de Numismática; o primeiro en 1936, o segundo en 1986 e, a partir de aí, cunha periodicidade non fixa pero comunmente cada un ou dous anos (1988, 1989, 1992, 1994, 2000, 2002, 2003, [...] 2016, 2017, 2018...), todos eles contaron coa participación da Sociedade Numismática Brasileira. As actas do primeiro congreso foron editadas en dous volumes en 1937 e en 1940.

Congresos internacionais[editar | editar a fonte]

Ademais dos congresos nacionais, en 1988 comezou a proxectarse a celebración dun encontro internacional que reunise numismáticos de Brasil e de Portugal e, en colaboración coa Sociedade Portuguesa de Numismática, organizouse o I Congresso Luso Brasileiro de Numismática, que tivo unha primeira fase en 1999 en Portugal, na cidade de Porto, e unha segunda en 2000 no Brasil, entre São Paulo e Río de Xaneiro. O éxito deste congreso levou os organizadores a unha segunda edición en 2002, que tivo lugar en Brasilia, e, na procura da internacionalización da actividade da SNB, en 2003 organizou en São Paulo o I Congresso Latino Americano de Numismática, que viu o ano seguinte a súa segunda edición.[22]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Schroeder, C. (2004). Páxina 41.
  2. "Estatuto Social". No sitio web da SNB.
  3. "Biblioteca". En Schroeder, C. (2004). Páxina 50.
  4. "Biblioteca". No sitio web da SNB.
  5. "Boletín". No sitio web da SNB.
  6. "Encontros especiais". No sitio web da SNB.
  7. "Medalhas emitidas pela SNB". En Schroeder, C. (2004). Páxinas 56-68.
  8. "Medalhas cunhadas pela SNB": No sitio web da SNB.
  9. 9,0 9,1 "Historia: a coleção de moedas no Brasil antes da SNB". No sitio web da SNF.
  10. 10,0 10,1 "A colacção de moedas no Brasil antes da SNB". En Schroeder, C. (2004). Páxinas 43-44.
  11. 11,0 11,1 "Historia: A fundação". No sitio web da SNF.
  12. 12,0 12,1 Schroeder, C. (2004). Páxina 44.
  13. "A Sede Própria". En Schroeder, C. (2004). Páxina 47.
  14. "Galería de presidentes". No sitio web da SNB.
  15. "Dr. Álvaro de Salles Oliveira, 1893-1946, Presidente da SNB entre 1922/1942". En Schroeder, C. (2004). Páxina 45.
  16. "José Benedito de Moura, 1909-1995. Presidente da SNB entre 1963-1986". En Schroeder, C. (2004). Páxina 46.
  17. "Claudio Patrick Amato, 1950- , Atual Presidente da SNB gestão 2003-2004". En Schroeder, C. (2004). Páxina 48.
  18. "Resolución do 13 de xullo de 2013, pola que se crea a Medalla ao Mérito Numismático.
  19. "Cronologia das publicações da Sociedade Numismática Brasileira". En Schroeder, C. (2004). Páxinas 50-52.
  20. "Sociedade Numismatica Brasileira". En Worldcat.
  21. "Boletins". No sitio web da SNB.
  22. "Congressos de numismática no Brasil". En Schroeder, C. (2004). Páxinas 52-56.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]