Movemento antinuclear
O movemento antinuclear é a resposta organizativa que reúne persoas, organizacións ou partidos políticos cun compromiso expreso antinuclear e ecoloxista. O movemento xorde en resposta ao suposto perigo do uso, desenvolvemento e expansión tanto civil como militar da tecnoloxía nuclear.
Xustificación do movemento
[editar | editar a fonte]A maioría das persoas que se opoñen á enerxía nuclear considera que os principais problemas son o perigo de accidentes ou ataques militares ou terroristas.[1][2] Tamén sinalan a cuestión dos residuos radioactivos, un perigo que se estende a decenas e mesmo centenares de miles de anos.[2] Outros argumentos en contra son o seu elevado custo e o feito de tratarse de enerxía non sustentábel.[2]
Actividades
[editar | editar a fonte]A actividade do movemento céntrase en dúas áreas fundamentais:
- a oposición ás armas nucleares, ás bombas sucias e ás armas que usan uranio empobrecido
- o apoio ao desarmamento nuclear
- a oposición á enerxía nuclear civil
Historia
[editar | editar a fonte]A partir da década dos setenta, conforme diversos gobernos adoptaban a enerxía nuclear como unha das súas opcións para combateren a crise enerxética, o movemento nuclear foi adquirindo forza con rapidez. As primeiras centrais nucleares, construídas a partir dos anos 50, prometeran cantidades enormes de enerxía a un prezo «demasiado baixo para ser medido».[3]
Porén, axiña se desvelaron tamén algúns dos problemas fundamentais desta tecnoloxía. Entre eles atopábanse os residuos radioactivos, que manteñen o seu perigo durante decenas e mesmo centenares de miles de anos, e as enormes cantidades de plutonio producidas, que podían contribuír á proliferación nuclear. Posteriormente fixéronse patentes outros problemas tamén graves, entre eles o perigo de accidentes como o de Chernóbil.
Inicios
[editar | editar a fonte]Pódese determinar o inicio do movemento coas acción dos matrimonios Bohlen e Stowe, quen se opuñan aos ensaios nucleares dos EUA no Refuxio de Fauna Nacional de Amchitka, unha illa volcánica ao suroeste de Alasca. Fundaron o comité Don't Make A Wave (Non Fagades Unha Onda), que o 15 de setembro de 1971 fretou unha viaxe en barco á zona de ensaios nucleares. A expedición, bautizada como Greenpeace I, deu orixe á organización ecoloxista Greenpeace. O 12 de abril de 1971 unha manifestación de varios centos de persoas fronte ás obras da central nuclear de Fessenheim (Alsacia) dá inicio ao movemento antinuclear en Francia.
Década dos setenta
[editar | editar a fonte]O 18 de febreiro de 1975 varios centenares de activistas ocuparon os terreos onde se proxectaba a construción da central nuclear de Wyhl, no estado de Baden-Württemberg, que entón formaba parte da República Federal de Alemaña.[4] Malia o brutal desaloxo inicial, retomouse a ocupación cinco días despois, e prolongouse durante oito meses. O inicio das obras foi paralizado o 21 de marzo por orde xudicial[5] e o 14 de marzo de 1977 descartouse definitivamente a súa construción. A zona foi declarada reserva natural en 1995.[6] A ocupación de Wyhl supuxo o nacemento do movemento antinuclear en Alemaña.
O 22 de marzo de 1975 produciuse o primeiro accidente grave coñecido nunha central nuclear, en Browns Ferry (Alabama, Estados Unidos. Dende ese ano o movemento ecoloxista adquiriu un crecente carácter antinuclear. Logrou a paralización dos programas nucleares da maioría dos países industrializados, fundamentalmente tras os accidentes de Harrisburg (Estados Unidos) en 1979[7] e Chernóbil (URSS) en 1986. Na primavera de 1975 continuou a mobilización social contra a nuclearización do Rin tanto dende Alemaña como dende Francia, o que referendou o carácter internacional do movemento.
O 30 de outubro de 1976 varios miles de persoas repiten a ocupación de terreos destinados á construción dunha central nuclear na RFA, desta vez en Brokdorf, no estado de Schleswig-Holstein. A «batalla de Brokdorf» prolongouse durante varios meses, con continuos desaloxos policiais e reocupacións, e a participación de miles de persoas.[8][9][10]
O 30 de xullo de 1977 arredor de 60.000 persoas manifestáronse en Creys-Malville (Francia) contra o reactor reprodutor rápido (FBR, do inglés Fast Breeder Reactor) Superphénix. Esta marcha, en que participou o grupo Fédération Anarchiste, rematou con miles de persoas feridas e unha vítima mortal, o anarquista Vital Michalon.[11][12] O reactor permaneceu activo até 1997, cando pechou polo seu alto custo de mantemento.[13] Este acontecemento supuxo o cénit do movemento antinuclear no país galo.
O 24 de setembro tivo lugar na RFA unha multitudinaria manifestación contra o FBR de Kalkar, no estado de Renania do Norte-Westfalia.[14] A construción deste rematou en 1985, mais nunca chegou a entrar en funcionamento por mor da presión política e social.
O 5 de novembro de 1978 o movemento antinuclear austríaco logrou a paralización do programa nuclear nun referendo.[15][16]
O 28 de marzo de 1979 produciuse un accidente na central nuclear de Three Mile Island en Harrisburg, (Pensilvania, Estados Unidos).[7] A súa gravidade e repercusión paralizaron o programa nuclear estadounidense. Tres días máis tarde, o 31 de marzo, decenas de miles de persoas manifestáronse na RFA, na cidade de Hannover, en contra da planta de reprocesamiento nuclear de Gorleben, no estado de Baixa Saxonia.[17][18]
O 9 de decembro de 1979 celebrouse en Bruxelas unha manifestación contra a instalación dos euromísiles (mísiles nucleares de alcance medio) en Europa.[19] Este foi o inicio dun novo movemento pacifista europeo que cristalizou coa formación en 1980 da Campaña Europea polo Desarmamento Nuclear (END). Nela evidenciáronse as estreitas relacións entre o movemento antinuclear e o movemento pola paz dos anos oitenta.
Década dos oitenta
[editar | editar a fonte]O 23 de marzo de 1980 o pobo sueco, mediante un referendo non vinculante, instaba ao seu goberno a programar o abandono da enerxía nuclear para 2010 no país. Porén, en xuño dese ano o parlamento aprobou a reversión de dita política.[20]
O 26 de abril de 1986 produciuse o accidente nuclear máis grave da Historia até entón. O reactor número 4 da central nuclear de Chernóbil (RSS de Ucraína) estoupou e fundiuse o núcleo do reactor. En 1990 640.000 persoas atopábanse baixo control médico debido ás emisións radioactivas. Segundo datos de decembro de 2000, 492.099 persoas foron desprazadas.[21] Calculouse que uns 150.000 km² de territorio de Belarús, Rusia e Ucraína permanecerán contaminados durante varias xeracións. A nube radioactiva estendeuse polo occidente da URSS e mesmo alcanzou a Europa Occidental.
Os custos económicos calculáronse en centenares de miles de millóns de dólares e as vítimas mortais estimáronse entre 4.000 e centenares de miles.[22] En xuño dese ano 4.000 mulleres finlandesas iniciaron unha folga pola que renunciaban a quedaren embarazadas até que o Goberno abandonase o programa nuclear.[23] Chernóbil supuxo a extensión das moratorias nucleares por toda Europa.
En 1987 tentouse levar a cabo en España o proxecto IPES (Instalación Piloto Experimental Subterránea), un experimento para estudar a resposta dos granitos a fontes de radioactividade. O obxectivo era coñecer a súa viabilidade como enclave de futuros cemiterios nucleares. Estaba previsto desenvolver o laboratorio experimental de residuos radioactivos na caverna granítica da central hidroeléctrica de Aldeadávila de la Ribera (Salamanca). Porén, o rexeitamento social foi unánime, e mesmo levou ao secuestro popular na casa consistorial do vicepresidente segundo da Deputación Provincial o 3 de abril.[24] En setembro mesmo se chegaron a utilizar explosivos roubados para derrubar unha torre do tendido eléctrico.[25] A situación rematou co abandono definitivo do proxecto antes deste poñerse en marcha.[25][26]
En Galiza
[editar | editar a fonte]En 1973 sóubose que Fenosa tiña intención de instalar unha central nuclear en Regodela (Xove). A noticia foi ben acollida nun principio pola veciñanza do concello, e tamén pola de Cervo e Viveiro.[27] Daquela, a poboación galega non coñecía en xeral os riscos da enerxía nuclear. Nun contexto de elevado crecimiento industrial, a central ofrecía posibilidades de crecemento nun concello en que a agricultura era a base da economía.
Posteriormente a veciñanza foi informada do impacto ambiental na ría, así como dos notábeis recortes na cifra estimada de empregos xerados. A finais de 1976 e principios de 1977 destacou a figura de Pencha Santasmarinas, quen iniciou no ámbito rural unha campaña contra a central. Celebrouse en Viveiro un debate entre partidarios e detractores da enerxía nuclear, na sala de festas Os Verxeles.[28] Unhas 2.000 persoas escoitaron a representantes de Fenosa e tamén a técnicos e enxeñeiros da Universidade de Santiago de Compostela. Estes últimos expuxeron os perigos da enerxía nuclear, o que fixo que moitas veciñas e veciños cambiasen a súa opinión sobre o proxecto. O debate, xa que logo, inclinou o sentir popular contra a central. O descubrimento dunha falla baixo o terreo onde se ía instalar a central, xunto co risco de terremoto, determinaron que, de producirse un incidente nuclear, a contaminación podería estenderse nunha área de 100 km á redonda. Estes datos foron clave para o posicionamento da maioría da poboación contra o proxecto.[27]
A primeira gran mobilización tivo lugar o domingo 10 de abril de 1977. Máis de 8.000 persoas, segundo a organización, percorreron os 11 km que separaban Viveiro e Regodela, desafiando a prohibición do goberno civil de Lugo.[28] Nas súas pancartas podíase ler «Galicia é nosa e non de Fenosa» ou «Non Xove nuclear». O 20 de maio de 1979 produciuse unha nova gran marcha entre as dúas localidades. Participaron entre 7.000 e 10.000 persoas, entre elas unha delegación da Comisión de Defensa de una Costa Vasca No Nuclear,[29] así como organizacións ecoloxistas de recente creación, como o Comité Antinuclear Galego e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA). De feito, en xuño dese ano ADEGA celebrou o Día Mundial do Ambiente cunha xornada antinuclear a nivel galego centrada na oposición popular á central de Xove. Este acontecemento foi a culminación de todas as mobilizacións precedentes.[29]
A inicios da década de 1980, demostrouse que as previsións de consumo eléctrico incluídas no I Plan Enerxético Nacional (PEN) de 1975 e reforzadas co II PEN en 1979 foran disparatadas. Trala denegación da licenza de obra por parte do concello de Xove, en 1984 cancelouse de xeito definitivo o proxecto de instalación da central na Mariña lucense.[27][29]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Imagine a world without nuclear power...". wiseinternational.org. Consultado o 2023-12-10.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Greenpeace España (2008). Una energía sin futuro: Desmontando las mentiras de la industria nuclear (PDF) (en castelán).
- ↑ "6 reasons why nuclear energy is not the way to a green and peaceful world". Greenpeace (en inglés). 18 de marzo de 2022. Consultado o 28 de xaneiro de 2023.
- ↑ Rüdig, Wolfgang (1990). Anti-nuclear Movements: A World Survey of Opposition to Nuclear Energy (en inglés). Longman. p. 135. ISBN 9780582902695.
- ↑ Mills, Stephen; Williams, Roger (1986). Public Acceptance of New Technologies: An International Review (en inglés) (1ª ed.). Croom Helm Ltd. pp. 375-376. ISBN 9780709943198.
- ↑ Isenson, Nancy (9 de outubro de 2009). "Atomic dermany". dw.com (en inglés). Consultado o 29 de xaneiro de 2023.
- ↑ 7,0 7,1 "Three Mile Island: cómo fue el mayor accidente nuclear en la historia de EE.UU. y por qué se cerró 40 años después la planta donde ocurrió". BBC News Mundo (en castelán). 21 de setembro de 2019. Consultado o 29 de xaneiro de 2023.
- ↑ Geuther, Gudula (19 de xullo de 2017). "Polizei und Protest in Brokdorf - Die Demo, die die politische Kultur veränderte". Deutschlandfunk Kultur (en alemán) (Deutschlandradio). Consultado o 30 de xaneiro de 2023.
- ↑ "AKW Brokdorf: Chronik der Bau- und Protestgeschichte". Norddeutscher Rundfunk (en alemán). 25 de xaneiro de 2023. Consultado o 30 de xaneiro de 2023.
- ↑ Glaser, Alexander (1 de novembro de 2012). "From Brokdorf to Fukushima: The long journey to nuclear phase-out". Bulletin of the Atomic Scientists (en inglés) 68 (6): 10–21. ISSN 0096-3402. doi:10.1177/0096340212464357.
- ↑ "CHRONOLOGIE". sebastien.schifres.free.fr (en francés). Consultado o 30 de xaneiro de 2023.
- ↑ "30 ans après, hommage au manifestant tué". L'Obs (en francés). 31 de xullo de 2007. Consultado o 30 de xaneiro de 2023.
- ↑ Le Renard, Claire (xaneiro de 2018). "The Superphénix Fast Breeder Nuclear Reactor: Cross-border Cooperation and Controversies". Journal for the History of Environment and Society 3: 107–144. ISSN 2506-6730. doi:10.1484/J.JHES.5.116796.
- ↑ Breuer, Helmut; Josing, Wolfgang (26 de setembro de 1977). "Scharfe Kontrollen verhinderten Chaos". Rheinische Post (en alemán) (Kalkar). Consultado o 30 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Zwentendorf und die erste Volksabstimmung". Politiklexikon für junge Leute (en alemán). Consultado o 30 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Volksabstimmungen". Bundesministerium Inneres (en alemán). Consultado o 30 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Demonstration gegen Atommüll-Deponie Gorleben - 1979 - Zeitstrahl". Zeitklicks (en alemán). Consultado o 5 de febreiro de 2023.
- ↑ Meier, Bettina (17 de setembro de 2021). ""Albrecht, wir kommen!" - Gorleben-Protest in Hannover". Norddeutscher Rundfunk (en alemán). Consultado o 5 de febreiro de 2023.
- ↑ Béni, Jos (1984). "The peace movement in Belgium". Journal of Area Studies (en inglés) (Londres) 5 (9): 13–18. ISSN 1478-2790. doi:10.1080/02613530.1984.9673629.
- ↑ "New Swedish government seeks expansion of nuclear energy". World Nuclear News (en inglés). 17 de outubro de 2022. Consultado o 6 de febreiro de 2023.
- ↑ The Human Consequences of the Chernobyl Nuclear Accident: A Strategy for Recovery - A Report Commissioned by UNDP and UNICEF with the support of UN-OCHA and WHO (PDF) (en inglés). 22 de xaneiro de 2002. p. 32. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 1 de febreiro de 2017.
- ↑ Gray, Richard (12 de setembro de 2019). "Chernóbil: ¿cuál fue el número total de víctimas del desastre nuclear?". BBC News Mundo (en castelán). Consultado o 6 de febreiro de 2023.
- ↑ Rytömaa, Tapio; Auvinen, Anssi; Vahteristo, Mikko; Arvela, Hannu; Suomela, Matti; Rahola, Tua; Hakama, Matti (febreiro de 2001). "Chernobyl Fallout and Outcome of Pregnancy in Finland" (PDF). Environmental Health Perspectives (en inglés) 109 (2): 179–185. ISSN 1552-9924. PMID 11266330. doi:10.1289/ehp.01109179.
- ↑ Galán, Lola (4 de abril de 1987). "La Policía libera de su retencion al vicepresidente de la Diputación de Salamanca". El País (en castelán) (Aldeadávila: Prisa). Consultado o 6 de febreiro de 2023.
- ↑ 25,0 25,1 Hernández Barreña, Daniel (2019). Ipes (en castelán). MaLuma, S.L. ISBN 9788494965845.
- ↑ Hernández Barreña, Daniel (24 de febreiro de 2017). "IPES, cuando un pueblo decidió decir «No» a sus gobernantes". Daniel Hernández Barreña - Web Oficial (en castelán). Consultado o 6 de febreiro de 2023.
- ↑ 27,0 27,1 27,2 Casal, Iago (18 de marzo de 2011). "El día en que Xove venció a la energía nuclear". El Progreso (en castelán). Consultado o 18 de marzo de 2023.
- ↑ 28,0 28,1 Lombao, David (29 de abril de 2017). "O BNG reivindica a loita contra a central nuclear de Xove 40 anos despois das mobilizacións". Praza. Consultado o 18 de marzo de 2023.
- ↑ 29,0 29,1 29,2 Lanero Táboas, Daniel; López Romo, Raúl (xaneiro de 2011). "Antinucleares y nacionalistas. Conflictividad socioambiental en el País Vasco y la Galicia rurales de la Transición". Historia Contemporánea (en castelán) (43): 749–777. ISSN 1130-2402.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Movemento antinuclear |