Melursus ursinus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Melursus»)

Melursus ursinus
Rango fósil: PlistocenoActualidade

Un oso beizudo no zoo de Washington, D.C.
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Familia: Ursidae
Subfamilia: Ursinae
Xénero: Melursus
Meyer, 1793
Especie: M. ursinus
Nome binomial
Melursus ursinus
(Shaw, 1791)
Área de distribución do oso beizudo (negro = área anterior, verde = área actual)
Área de distribución do oso beizudo
(negro = área anterior, verde = área actual)

Área de distribución do oso beizudo
(negro = área anterior, verde = área actual)
Ilustración de Nodder (1789)

Melursus ursinus, xeralmente chamado oso beizudo, é unha especie de mamífero carnívoro da familia dous úrsidos e subfamilia dos ursinos, o único representante do xénero Melursus.[2]

É un oso insectívoro nativo do subcontinente indio. O oso beizudo evolucionou dun oso pardo (Ursus arctos) durante o Plistoceno e adquiriu características que se encontran en mamíferos comedores de insectos por converxencia evolutiva. A poboación illada en Sri Lanka é considerada unha subespecie. Comparados cos osos pardos e negros, os osos beizudos teñen un corpo desamañado, pelame longa, greñuda que forma unha melena arredor da face (similar á melena do león), garras longas con forma de media lúa, e un beizo inferior especialmente adaptado e un padal que usan para succionar insectos. Os osos beizudos reprodúcense durante a primavera e o inicio do verán e dan a luz preto do inicio do inverno. Aliméntanse de térmites, colonias de abellas, e froitas. Os osos beizudos ás veces atacan os humanos que traspasan os seus territorios. Historicamente, os humanos reduciron drasticamente o seu hábitat e fixeron diminuír as súas poboacións pola caza para comelo ou obter produtos como o seu óso peneano ou báculo e garras. Estes úrsidos utilizáronse como mascotas para facer exhibicións pola súa natureza domable.[3] O oso beizudo está clasificado como especie vulnerable pola IUCN debido á perda de hábitat e o furtivismo.[1]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

Xénero

O xénero foi descrito en 1793 polo médico, botánico e zoólogo (ornitólogo e teriólogo) alemán Bernhard Meyer.[2]

Especie

A especie fora descrita, dous anos antes polo médico, botánico e zoólogo inglés George Shaw,[2] baixo o nome de Bradypus ursinus.

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Do xénero

Ademais de polo nome actualmente válido, o xénero coñceuse tamén polo sinónimos:[2]

  • Arceus Goldfuss, 1809
  • Chondrorhynchus Fischer de Waldheim, 1814
  • Prochilus Illiger, 1811
  • Prochylus Gray, 1821
Da especie

A especie coñeceuse tamén por estes sinónimos:[4]

  • Melursus lybius Meyer, 1793
  • Bradypus ursinus Shaw, 1791 (protónimo)

Nota taxonómica[editar | editar a fonte]

O nome científico deste animal acabou sendo Melursus ursinus despois de diversos cambios. Inicialmente creuse que este nimal estaba relacionado cos preguiceiros de Suramérica (Bradypus), e Shaw e Nodder en 1791 nomearon á especie Bradypus ursinus, indicando que era similar a un oso, pero dándolle máis valor ás súas grandes garras como as dos preguiceiros e ausencia de incisivos superiores. De feito, nalgúns idiomas o seu nome común aínda lembra aos preguiceiros, como en inglés, idioma no que se chama sloth bear (oso preguiceiro). Meyer (1793) identificouno claramente como un oso e chamouno Melursus lybius, e en 1817, de Blainville chamouno Ursus labiatus debido aos seus grandes beizos. Iliger denominouno Prochilus hirsutus, cun nome grego para o xénero que significa beizos grandes, mentres que o nome específico facía referencia ao seu pelo longo e basto. Fischer chamouno Chondrorhynchus hirsutus, mentres que Tiedemann o denominou Ursus longirostris.[4]

Subespecies[editar | editar a fonte]

Dentro da especie, reoñécense dúas subespecies:[2]

  • Melursus ursinus ursinus Shaw, 1791
  • Melursus ursinus inornatus Pucheran, 1855

Evolución[editar | editar a fonte]

Os osos beizudos deberon de chegar á súa forma actual no Plistoceno temperán, momento en que a familia dos osos se especializou e dispersou. Un fragmento de úmero fosilizado do Plistoceno atopado na cunca de Kurnool en Andhra Pradesh é idéntico ao dos modernos osos beizudos. O cranio fosilizado dun oso que se denominou inicialmente Melursus theobaldi encontrouse nos Shivaliks e data do Plistoceno temperán ou Plioceno temperán e certos autores pensan que representa un estadio intermedio entre os osos beizudos e os osos pardos ancestrais. O propio M. theobaldi ten dentes intermedios en tamaño entre os dos osos beizudos e os doutras especies de osos, aínda que o seu padal é do mesmo tamaño que as especies anteriores, polo que se teoriza que é o devanceiro directo do oso beizudo. A liñaxe que daría lugar aos osos beizudos probablemente se orixinou no Plioceno medio e evolucionaron no subcontinente Indio. Sufriron unha evolución converxente coa dos animais comedores de formigas.[5]

Descrición física[editar | editar a fonte]

Cranio de oso beizudo: Nótese a falta dos dous incisivos superiores.

Os osos beizudos distínguense dos osos do Himalaia polo seu corpo desamañado, pelame greñudo, fociño claro, e garras brancas.[6] Os adultos son osos de tamaño medio que pesan uns 130 kg como media, aínda que o peso pode variar de 55 a 124 kg nas femias e de 80 a 192 kg en machos.[7][8][9] A altura ata a cruz é de entre 60 e 90 cm, e ten unha lonxitude de 1,4 a 1,9 m.[10][11][12][13] As femias son menores que os machos e teñen máis pelame entre os ombreiros.[14]

O seu morro é groso e longo, con mandíbulas pequenas e fociño bulboso con amplas ventas nasais. Teñen uns beizos inferiores longos que poden ser estirados sobre o bordo exterior do fociño, e carecen de incisivos superiores, o que lles permite succionar gran cantidade de insectos. Os premolares e molares son máis pequenos que noutros osos, xa que non mastigan moita vexetación. En adultos, os dentes están xeralmente en mal estado, debido á gran cantidade de solo que succionan e mastigan cando se alimentan de insectos.[10] A parte posterior do padal é longa e ancha, como é típico noutros animais que comen formigas.[5] As poutas son desproporcionadamente grandes e cunhas garras romas e con forma de media lúa moi desenvolvidas que miden 10 cm de lonxitude. As almofadas das súas dedas están conectadas por unha membrana sen pelo. Teñen a cola máis longa da familia dos osos, que chega a 15 a 18 cm.[10] As patas traseiras non son moi fortes, aínda que teñen unha articulación do xeonllo que lles permite poñerse case en calquera posición.[14] As orellas son moi grandes e flexibles. É o único oso con pelos longos nas orellas.[15]

O seu pelame é completamente negro (oxidado nalgúns espécimes) agás unha marca abrancazada con forma de Y ou V no peito.[10] Esta característica está ás veces ausente, especialmente nos espécimes de Sri Lanka.[5] A mesma característica obsérvase no oso do Himalaia e no oso malaio, e pénsase que serve como unha exhibición de ameaza, xa que as tres especies son simpátricas co tigre.[5] A pelame é longa, greñuda e desordenada, malia o ambiente relativamente cálido no que vive, e é especialmente mesta detrás do pescozo e entre os ombreiros, formando unha melena que pode ter 30 cm de longo.[5][10] O ventre e partes baixo as patas están case espidas.

Comportamento[editar | editar a fonte]

Oso beizudo de Sri Lankan subido a unha árbore

Os adultos poden viaxar en parellas, e os machos son amables coas crías. Poden loitar pola comida. Camiñan cun paso lento e arrastrando os pés, e pisan facendo ruído, pero poden galopar rápido superando unha carreira humana.[16] Aínda que parecen lentos e torpes, tanto os individuos novos coma, en menor medida, os adultos son excelentes gabeadores.[17] Gabean para limentarse e descansar, pero non para escapar dos inimigos, xa que nese caso prefiren manterse firmes no seu lugar. As nais levan ás costas as crías ata os nove meses de idade como método de defensa primario contra os predadores, como tigres, leopardos e outros osos, en vez de facelos gabear a unha árbore.[18] Poden gabear por superficies lisas e colgarse boca abaixo como os preguiceiros suramericanos.[10] Son bos nadadores, e entran na auga principalmente para xogar.[10] Para marcar os seus territorios, rabuñan as árbores coas poutas anteriores, e esfréganse contra elas cos seus flancos.[16] Emiten variadas vocalizacións. Gary Brown, no seu Great Bear Almanac, fai unha lista duns 25 sons diferentes en 16 contextos, que poden emitir. Cando están incomodados, ameazados ou loitando fan sons como ladridos, chíos, gruñidos, ruxidos, sopridos e ouveos. Cando están feridos ou asustados, chían, ouvean ou xemen. Cando se alimentan fan un ruído forte de inhalación ou succión,[16] que se pode oír a máis de 100 m de distancia.[10] Cando descansan ou lamben as poutas fan sons parecidos a balbucir ou rumbar. As femias lactantes emiten sons suaves para as crías. É máis ruidoso cando se aparea, momento en que fai chamadas melodiosas altas. Non hibernan. Fan uns leitos para deitarse con ramas rotas nas árbores, e descansan en covas durante a estación húmida. Son os máis nocturnos de todos os osos, aínda que as nais lactantes son máis activas de día cando están coas crías.[16]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Nai cunha cría ás costas no Santuario do oso beizudo de Daroji, India
Crías de sete días de oso beizudo

A estación reprodutora do oso beizudo varía segundo a localización: na India, aparéanse en abril, maio e xuño, e dan a luz en decembro e inicios de xaneiro, mentres que en Sri Lanka o apareamento ten lugar durante todo o ano. As nais xestan durante 210 días, e normalmente dan a luz en covas ou refuxios baixo penedos. As camadas constan de só unha ou dúas crías, raramente de tres.[16] Os osiños nacen cegos e abren os ollos catro semanas despois.[19] As crías desenvólvense rapidamente en comparación con outras especies de osos: empezan a camiñar un mes despois de nacer, son independentes aos 24 a 36 meses, e chegan á madurez sexual aos tres anos. As crías novas soben ás costas das súas nais e permanecen así cando esta camiña, corre ou gabea polas árbores ata que chegan a ter un terzo do seu tamaño. As crías loitan entre elas para manter determinados postos a cabalo das súas nais. Os intervalos entre as camadas poden ser de dous a tres anos.[16]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Os osos beizudos son expertos cazadores de térmites, que localizan polo olfacto.[16] Cando chegan a un termiteiro, rabuñan a estrutura coas garras ata que chegan ao fondo das galerías, e retiran a terra con violentos sopridos. As térmites son succionadas co fociño producindo un forte son que pode ser escoitado a máis de 100 m de distancia.[19] O seu sentido do olfacto é dabondo agudo como para detectar larvas a case 1 m de profundidade. A diferenza doutros osos, non se congregan en grupos para a alimentación. Raramente depredan outros mamíferos.[16] Poden suplementar as súas dietas con froita e vexetais; en marzo e abril comen os pétalos caídos da árbore Madhuca longifolia e son afeccionados ás mangas, cana de azucre, froitos de Artocarpus heterophyllus e ás vaíñas da árbore Cassia fistula. Gustan moitísimo do mel.[19] Cando alimentan as crías, as femias regurxitan unha mestura de froitas semidixeridas (de Aegle marmelos ou Arthrocarpus heterophyllus) e de panais de abellas. Esta substancia pegañosa endurece tomando cor amarela escura e unha forma circular que parece un pan e do que se alimentan as crías. Este "pan de oso" é considerado un manxar por algúns nativos da India.[20]

Relacións con outros animais[editar | editar a fonte]

Os grandes dentes caninos do oso beizudo en relación co seu tamaño corporal e co tamaño dos caninos doutros osos, e a súa natureza agresiva poden ser unha defensa contra as interaccións con especies grandes e perigosas como os tigres, elefantes e rinocerontes.[21]

O tigre de Bengala ocasionalmente depreda osos beizudos. Os tigres xeralmente se manteñen afastados dos osos beizudos, aínda que algúns espécimes poden converterse en cazadores habituais destes osos[22] e non é infrecuente ver pelame de oso beizudo nos excrementos dos tigres.[23] Os tigres cázanos normalmente esperándoos preto dos termiteiros, e atácanos polas costas.[22][24] Cando se teñen que enfrontar a un tigre, os osos beizudos cargan contra el berrando ruidosamente e os tigres novos ou xa saciados xeralmente se retiran ante el, xa que as garras do oso poden inflixir graves feridas.[24] Informouse dun caso dunha femia de oso coas crías que venceu no enfrontamento contra dous tigres (femia e macho) un detrás doutro.[25] Os osos beizudos poden comer prea das capturas feitas polo tigre.[26] O leopardo indio pode ser tamén unha ameaza para os osos, xa que pode seguir os osos que gabearon polas árbores.[9] Pero ás veces, os osos beizudos poden espantar a leopardos para facerse coas súas capturas.[16]

O oso beizudo é simpátrico co oso do Himalaia no norte da India, e as dúas especies, xunto co oso malaio, coexisten nalgúns parques naturais e santuarios de vida silvestre. Tamén se encontran en Assam, Manipur e Mizoram, nas montañas do sur do río Brahmaputra, que son os únicos lugares onde viven as tres especies, as cales non actúan agresivamente entre si.[9] Esta coexistencia pacífica pode deberse a que teñen hábitos e preferencias alimenticias bastante diferentes.[9]

As mandas de dholes poden atacar os osos beizudos, pero normalmente non os depredan.[27] Cando os atacan, os dholes intentan impedir que o oso se retire a unha cova.[28]

Os elefantes asiáticos aparentemente non toleran que os osos beizudos estean na súa proximidade. Non se sabe a razón disto, xa que os elefantes manteñen a calma ante os tigres pero cargan contra os osos.[19] O rinoceronte indio ten unha intolerancia similar cara aos osos e carga contra eles.[16]

Subespecies e área de distribución[editar | editar a fonte]

Nome Distribución Descrición
Oso beizudo común
(Melursus ursinus ursinus) (Shaw, 1791)
India, Nepal, Bután e Bangladesh Na India, a súa distribución é en diversas zonas illadas, principalmente en zonas forestais. Están ausentes nas montañas altas de Himachal Pradesh e Jammu e Caxemira, os desertos do noroeste de Rajastán, e un ampla banda non forestada no sur, onde está situado Santuario de Vida Salvaxe de Monte Abu.[29] Os osos beizudos son a especie de osos máis espallada da India, E atópase nas Siwaliks (tamén en Paquistán), as montañas baixas que beirean as cadeas externas do Himalayas desde Punjab a Arunachal Pradesh, aínda que xa non se atopan no Punjab. Están illados das poboacións de oso beizudo do Nepal, debido a que a conexión quedou rota pola expansión agrícola. Os osos beizudos do Nepal están principalmente restrinxidos a Terai, a banda sur das terras baixas forestais e pradeiras que lindan coa India. Unhas poucas poboacións illadas poden aínda encontrarse nas rexións de Chittagong e Sylhet do leste de Bangladesh. Gujarat ten poboacións nos santuarios de Shoolpaneshwar, Ratanmahal, Jessore,[30] e Balaram Ambaji.[31][32]
Oso beizudo de Sri Lanka (Melursus ursinus inornatus) Pucheran, 1855
Sri Lanka Os osos beizudos de Sri Lanka teñen un pelo corporal máis curto, o que lles dá unha aparencia menos greñuda. Son tamén de dimensións máis reducidas, incluso nos dentes. Ás veces carecen da característica mancha branca do peito.[5] Antes estes osos atopábanse por todo Sri Lanka, pero o seu número reduciuse moito debido a unha conversión a grande escala dos bosques das terras altas en plantacións de e café, de modo que agora están restrinxidos ás terras baixas do norte e leste.[30]

Status e conservación[editar | editar a fonte]

A IUCN estima que sobreviven menos de 20 000 osos beizudos libres na natureza no subcontinente Indio e Sri Lanka. A especie está na lista do Programa I da Lei de Protección da Vida Silvestre de 1972 da India, que lle proporciona protección legal. O comercio internacional do oso beizudo etá prohibido, xa que figura no Apéndice I de Convención sobre o Comercio Internacional de Especies en Perigo.[1]

O goberno da India prohibiu o uso de osos beizudos para o entretemento (exhibicións en espectáculos), e o 'Proxecto do Benestar do Oso Beizudo' ten o obxectivo de acabar co seu uso como entretemento. Porén, esta actividade é aínda frecuente. Moitas organizacións están axudando á súa conservación en lugares seguros. Os maior santuario do oso beizudo na India é o de Daroji en Karnataka.[33]

Relacións cos humanos[editar | editar a fonte]

Ataques aos humanos[editar | editar a fonte]

Hai unha fráxil coexistencia entre o oso beizudo e os humanos no Santuario do Oso Beizudo de Ratanmahal, Gujarat, India

Os osos beizudos probablemente ven os humanos como potenciais predadores que poderían matalos, xa que as súas reaccións ante eles (ruxir, seguido de retirada ou carga) son similares ás que realizan en presenza de tigres ou leopardos.[5] As súas longas garras, adaptadas para escavar en termiteiros, fan que os adultos teñan menos capacidade para gabear ás árbores para escapar do perigo, como a que teñen outros osos como o oso do Himalaia. Por tanto, os ooso beizudos evolucionaron para enfrontarse ás ameazas sendo agresivos. Pola mesma razón, os osos pardos poden ter unha inclinación similar, tendo en conta a incidencia relativamente alta de agresións non predadoras en ambas as especies cara aos humanos.[34]

Segundo Robert Armitage Sterndale, na súa obra Mammalia of India (1884, p. 62):

[O oso beizudo] está tamén máis inclinado a atacar o home sen provocación que case calquera outro animal, e as baixas inflixidas por el son desafortunadamente moi comúns, e as vítimas son terriblemente desfiguradas incluso se non morren, xa que o oso golpea na cabeza e cara. Blanford estaba inclinado a considerar os osos máis perigosos que os tigres...

Hai moitos casos históricos de ataque a humanos, ben documentados desde o século XIX.[35][36][36][37] R.G. Burton deduciu comparando as estatísticas que os osos beizudos mataron máis persoas que o oso do Himalaia.[37] Só en Madhya Pradesh, os ataques de osos beizudos ocasionaron a morte de 48 persoas e feridas a outras 686 entre 1989 e 1994, probablemente debido á densidade de poboación e competición polas fontes de alimentación.[38] Entre abril de 1998 e decembro de 2000 ocorreron un total de 137 ataques co resultado de 11 mortes na División forestal de Bilaspur Norte de Chhattisgarh. A maioría dos ataques foron realizados por osos solitarios e ocorreron en xardíns das casas, campos agrícolas e bosques contiguos durane a estación monzónica.[39] En 2016, segundo un funcionario forestal, unha femia de oso matou 3 persoas e feriu outras 5 en Gujarat preto do Santuario de Vida Silvestre de Balaram Ambaji. Inicialmente intentouse capturar o oso nunha gaiola, pero cobrouse a vida dun funcionario, polo que un equipo de funcionarios e policías o mataron a tiros.[32]

Caza e produtos[editar | editar a fonte]

Un método de cazar osos beizudos é utilizando batedores, e un cazador que o espera nun posto para dispararlle na zona do ombro ou do peito. Son moi resistentes aos disparos no corpo e poden cargar contra os cazadores se os feren. Son fáciles de rastrear durante a estación húmida, xa que as súas claras pegadas poden seguirse ata a súa gorida. A maioría dos osos beizudos cazados nos bosques fórono por encontros causais con eles durante cacerías doutros animais. En rexións con moitos outeiros e montañas, úsabanse dous métodos para cazalo. Un era esperar agochado preto da súa gorida ao mencer ata que retornase da súa busca de alimentos nocturna. Outra era provocalo de día con fachos acesos na súa cova para facelo saír.[40] Ocasionalmente eran cazados con lanza a cabalo.[30] En Sri Lanka, o báculo do oso beizudo era antes utilizado como un talismán contra a esterilidade.[14]

Doma e espectáculos[editar | editar a fonte]

Un oso danzante domado e o seu dono en Pushkar

Os funcionarios da India británica a miúdo tiñan osos beizudos como mascotas.[19][41]

Os osos danzantes foron historicamente un entretemento popular na India, que databa do século XIII e da era premogola. Os kalandares, que practicaban a tradición de capturar o oso para espectáculos, eran a miúdo empregados nas cortes dos emperadores mogois para espectáculos con osos adestrados.[19] Foron noutros tempos comúns en Calcuta, onde a miúdo asustaban os cabalos dos funcionarios británicos.[19]

Malia a prohibición desta práctica en 1972, uns 800 osos danzantes estiveron actuando nas rúas da India durante os anos finais do século XX, especialmente na autoestrada entre Delhi, Agra e Jaipur. As crías de oso beizudo, que se adoitaban comprar á idade de seis meses a comerciantes e furtivos, eran despois adestradas no baile e a obedecer ordes por medio de estímulos coercitivos e privación de alimentos. Os machos eran castrados a unha idade temperá, e rompíanselles os dentes cando tiñan un ano de idade para impedir que ferisen gravemente os seus donos. Xeralmente se lles poñía un anel no fociño unido a unha correa. Comprobouse que algúns quedaron cegos por malnutrición.[42]

En 2009, despois dunha campaña de sete anos feita por unha coalición de grupos protectores dos animais indios e internacionais, o último oso danzante de kalandares foi posto en liberdade.[43] Os esforzos de protección incluíron tamén unha axuda aos donos dos osos para atoparen traballos e educación, que lles permitisen reducir a súa dependencia dos ingresos que obtiñan do espectáculo dos osos danzantes.[44]

Referencias culturais[editar | editar a fonte]

No The Jungle Book (Libro da selva) de Rudyard Kipling, Baloo "o vello oso pardo somnolento" ensina a lei da xungla ás crías de lobo da manda de lobos de Seeonee, e ao seu alumno máis estimulante, a "cría humana" Mowgli. Robert Armitage Sterndale, de quen Kipling obtivo a maioría do seu coñecemento da fauna india, usou a palabra indostaní bhalu para varias especies de oso, aínda que Daniel Karlin, que editou a reedición do Libro da selva de 1989, afirmou que, coa excepción da cor, as descricións de Kipling de Baloo son consistentes con que se trate dun oso beizudo, xa que os osos pardos e os osos negros do Himalaia non aparecen na área de Seoni, onde se desenvolve a historia da novela. Mesmo o nome en inglés usado na obra de Kipling, sloth bear (oso preguiceiro), cadra ben co carácter somnolento do personaxe. Porén, Karlin tamén sinala que a dieta de Baloo de ".. só raíces, noces e mel" é unha característica máis común do oso do Himalaia que do oso beizudo.[45]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Melursus ursinus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2008. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Melursus Meyer, 1793. En Wilson, Don E. & Reeder, D. M., editors (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference.
  3. Servheen, C.; Herrero, S.; and Peyton, B. (1999). Bears: Status Survey and Conservation Action Plan. Gland, Switzerland: International Union for Conservation of Nature (IUCN)
  4. 4,0 4,1 Owen, R. (1833). "The Labiated Bear". The Zoological Magazine. Number 3: 81–85. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Comcast.net Arquivado 27 de xaneiro de 2007 en Wayback Machine., Sloth Bear Melursus ursinus, Final draft: Chapter for the book “Mammals of South Asia” (Eds. Johnsingh, A. J. T. and Manjrekar, N.), Authors: K. Yoganand, Clifford G. Rice and A. J. T. Johnsingh
  6. WildLifeInformation.org Arquivado 08 de novembro de 2009 en Wayback Machine., Melursus ursinus – Sloth bear
  7. McNab, Brian K. (1992). "Rate of Metabolism in the Termite-Eating Sloth Bear (Ursus ursinus)". Journal of Mammalogy 73 (1): 168–172. JSTOR 1381879. doi:10.2307/1381879. 
  8. "Sloth bear videos, photos and facts – Melursus ursinus". ARKive. Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2011. Consultado o 18 April 2011. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Barbara Hadley The Sloth Bear. IUCN/SSC. Bear Specialist Group. IAR.org.uk
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 10,7 "Bear Anatomy and Physiology" in Brown, Gary (1993) The Great Bear Almanac, Lyons & Burford, Publishers
  11. "Sloth Bear". The Animal Files. Consultado o 18 April 2011. 
  12. "Sloth Bear". Arktofile.net. Consultado o 18 April 2011. 
  13. "San Diego Zoo's Animal Bytes: Sloth Bear". Sandiegozoo.org. Consultado o 18 April 2011. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Storey, Harry (2008). Hunting and Shooting in Ceylon. Dabney Press. pp. 268–. ISBN 978-1-4097-2852-8. 
  15. Servheen, p. 225
  16. 16,00 16,01 16,02 16,03 16,04 16,05 16,06 16,07 16,08 16,09 "Bear Behavior and Activities" in Brown, Gary (1993) The Great Bear Almanac, Lyons & Burford, Publishers
  17. Servheen, p. 219
  18. Servheen, p. 226
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 19,6 US.Archive.org, Sterndale's Mammalia of India, A New and Abridged Edition, thoroughly revised and with an Appendix on the Reptilia by Frank Finn, B.A., F.Z.S. Late Deputy Superintendent Indian Museum, Calcutta, 1929
  20. Anderson, Kenneth (1954). Nine Man-Eaters and One Rogue. p. 251. ISBN 1-887269-11-8. 
  21. Servheen, pp. 226–7
  22. 22,0 22,1 Mills, Stephen (2004). Tiger. Richmond Hill., Ont.: Firefly Books. p. 168. ISBN 1-55297-949-0. 
  23. Tigers eat sloth bears, don’t they?
  24. 24,0 24,1 Perry, Richard (1965). The World of the Tiger. p. 260. ASIN: B0007DU2IU.
  25. Bear Tiger confrontation – 10 pics that tell a story. Dickysingh.com (2011-04-10). Consultado o 2011-09-26.
  26. The Deer and the Tiger: A Study of Wildlife in India, Midway Reprint, Author George B. Schaller, Edition reprint, illustrated, University of Chicago Press, 1984, ISBN 0-226-73631-8
  27. Fox, Michael W. (1984). The Whistling Hunters: Field Studies of the Asiatic Wild Dog (Cuon Alpinus). Albany: State University of New York Press. p. 150. ISBN 0-87395-843-8. 
  28. Animal Kingdom of the World, Author S.K. Tiwari, Publisher Sarup & Sons, 1999, ISBN 81-7625-071-6
  29. Negi, Sharad Singh (2002). Handbook of National Parks, Wildlife Sanctuaries and Biosphere Reserves in India (3rd Edition). Indus Publishing. p. 151. ISBN 978-81-7387-128-3. 
  30. 30,0 30,1 30,2 Garshelis, David L.; Joshi, Anup R.; Smith, James L. D. & Rice, Clifford G. "Sloth Bear Conservation Action Plan" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de xullo de 2011. Consultado o 18 April 2011. 
  31. "Balaram Ambaji Wild Life Sanctuary". Forests & Environment Department. Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2016. Consultado o 8 February 2016. 
  32. 32,0 32,1 "Sloth bear killed in Gujarat". The Hindu. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 2016-02-08. 
  33. Kottur, Samad (2012). Daroji-an ecological destination. Hubli, Karnataka, India: Drongo media,. ISBN 978-93-5087-269-7. 
  34. Brown, Gary (1993) The Great Bear Almanac, Lyons & Burford, Publishers
  35. The forest, the jungle, and the prairie or, Scenes with the trapper and the hunter in many lands by Alfred Elliott. Publisher T. Nelson, and Sons, Paternoster Row; Edinburgh; and New York., 1868
  36. 36,0 36,1 “The Black Bear of Mysore”, from Man-Eaters and Jungle Killers, Kenneth Anderson, Allen & Unwin, 1957
  37. 37,0 37,1 A Book of Man Eaters by Brigadier General R.G. Burton, Mittal Publications
  38. Rajpurohit, K. S. & Krausman, P. R. (2000). "Human – sloth-bear conflicts in Madhya Pradesh, India". Wildl. Soc. Bull. 28 (2): 393–9. JSTOR 3783697. 
  39. Bargali, H. S.; Akhtar, Naim; Chauhan, N. P. S. (2005). "Characteristics of sloth bear attacks and human casualties in North Bilaspur Forest Division, Chhattisgarh, India" (PDF). Ursus 16 (2): 263–267. doi:10.2192/1537-6176(2005)016[0263:COSBAA]2.0.CO;2. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de decembro de 2010. Consultado o 25 de agosto de 2017. 
  40. Russell, C. E. M. (2008). Bullet and Shot in Indian Forest, Plain and Hill – With Hints to Beginners in Indian Shooting. Phillips Press. pp. 197–. ISBN 978-1-4437-6231-1. 
  41. 9. The Bond of Love
  42. Dancing Bears in India. wildlifesos.org
  43. "Last Indian dancing bear set free". BBC News. 18 December 2009. Consultado o 18 April 2011. 
  44. "Katrick Satyanarayan: How we rescued the "dancing" bears". Ted.com. Consultado o 18 April 2011. 
  45. Kipling, Rudyard; Karlin, Daniel (1989). The jungle books. Penguin. pp. 350–. ISBN 978-0-14-018316-0. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Field Trip Earth – Field Trip Earth é unha páxina web sobre educación da conservación da Sociedade Zoolóxica de Carolina do Norte.
  • Sloth Bear en Animal Diversity Web