Abe Kosoff

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAbe Kosoff
Biografía
Nacemento31 de decembro de 1912
Nova York.
Morte19 de marzo de 1983 (70 anos)
Palm Springs, California.
Lugar de sepulturaCemiterio de Wellwood. 
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense
EducaciónUniversidade de Nova York.
Universidade de Columbia.
Actividade
OcupaciónComerciante numismático.
Familia
CónxuxeMolly Katzke (1933).


Abraham Kosoff, máis coñecido como Abe Kosoff, nado en Nova York o 31 de decembro de 1912 e finado en Palm Springs, California, o 19 de marzo de 1983, foi un comerciante de moedas e autor numismático estadounidense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Abe Kosoff graduouse na Universidade de Nova York, e tamén cursou estudos no New York City College e na Universidade Columbia.[1]

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

Aínda que inicialmente pensara en traballar como contable, en 1929 Kosoff foi contratado en Nova York por A. Celender como empregado para comerciar con xoias e moedas antigas, e froito desta experiencia percibiu a alta rendibilidade do comercio numismático naquela época.[2]

A súa vida profesional posterior estivo permanentemente relacionada coa numismática, inicialmente como comerciante e distribuidor, e logo tamén como autor e editor de diversas publicacións. En 1937 abriu a súa primeira tenda de moedas, e en 1940 estableceu en Nova York o comercio Numismatic Gallery, do que inaugurou unha sucursal en Beverly Hills, California, en 1948.[3] En 1944 constituíu unha sociedade con Abner Kreisberg.[1][2]

Baixo diferentes denominacións comerciais, Kosoff levou a cabo 85 poxas numismáticas entre 1940 e 1971, nas que vendeu 106.590 lotes, entre as que destacan oito vendas nas convencións celebradas pola American Numismatic Association (ANA).[1][3]

En 1954 fundou o Professional Numismatists Guild, entidade que presidiu durante o primeiro ano de existencia,[2][3] e novamente entre 1964 e 1965.[1]

Como autor de literatura numismática cómpre salientar a súa obra Early U. S. Dimes, de 1945. Kosoff colaborou co editor Kenneth E. Bressett para establecer os estándares de clasificación oficiais da American Numismatic Association para as moedas dos Estados Unidos, que se publicaron orixinalmente en 1977.[4] Tamén se ocupou da compilación da sétima edición de United States Pattern, Experimental and Trial Pieces, publicada en 1982.[5]

Kosoff mantivo unha columna na revista Coin World denominada "Kosoff Commentary". Estas colaboracións periódicas en Coin World foron recompiladas e publicadas en 1981 baixo o título de Abe Kosoff Remembers.[6] Igualmente, Kosoff colaborou asiduamente coa revista Numismatic Scrapbook.[5]

En 1982 entrou a formar parte da Xunta de Supervisores do Instituto de Estudos Numismáticos e Filatélicos da Universidade Adelphi.[1]

A biblioteca de Kosoff vendeuse en dúas poxas realizadas por George Kolbe en 1985. Por outra banda, a casa de poxas Bowers and Merena levou a cabo unha venda da súa importante colección numismática en novembro de 1985 en Nova York.[7]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Abe Kosoff casou con Molly Katzke o 24 de decembro de 1933, con quen tivo un fillo e unha filla.[1]

Kosoff finou no hospital Eisenhower Center,[8] de Palm Springs, California, o 19 de marzo de 1983,[1] como consecuencia dun tumor cerebral.[3]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Smith, P. (2012).
  2. 2,0 2,1 2,2 "Abraham "Abe" Kosoff"". Stacks and Bowers (Stacksbowers.com). 28 de xullo de 2022.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Obituaries: Abraham Kosoff". En The Numismatist. Vol 96. Nº 5. Maio de 1983. Páxina 981.
  4. Bresset, A.; Kossof, B. (1977). Official American Numismatic Association Grading Standards for United States Coins. Western Publishing Company. ISBN 978-0307090973
  5. 5,0 5,1 Judd, J. H.; Kosoff. A. (1982).United States pattern, experimental, and trial pieces. Bowers and Ruddy Galleries, Wolfeboro. ISBN 978-0307090591
  6. Abe Kosoff Remembers... 50 Years of Numismatic Reflections. S. J. Durust. ISBN 9780915262458
  7. Rare Coins from the Abe Kosoff Estate. Public Aution Sale. November 4, 5, and 6, 1985. New York City. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. 1985
  8. Bowers, Q. D. (1985). Páxina 308.
  9. 9,0 9,1 "American Numismatic Association Past Award Recipients". American Numismatic Association.
  10. 10,0 10,1 Bowers, Q. D. (1985). Páxina 329.
  11. "The Clemy Award". Numismatic Literary Guild (NLGonline.org).
  12. "Past Hall of Fame inductees by year". American Numismatic Association.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]