Cidades

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Cidades
Autor/a Fran Alonso
Orixe Galiza
Lingua galego
Colección Merlín e Sopa de Libros
Xénero(s) Poesía
Editorial Edicións Xerais
Data de pub. 1996 e 2013
Formato Tapa branda
Páxinas 72
ISBN ISBN 978-84-9914-191-6

Cidades é un conxunto de 41 poemas escritos por Fran Alonso, publicado por Edicións Xerais de Galicia na Colección Merlín (1996) na primeira edición e na Colección Sopa de Libros (2013) na segunda edición. A obra foi finalista do certame Premio Lazarillo de Literatura Infantil no ano 1996 e gañadora no ano 1997 ao mellor libro do ano dentro da categoría de literatura infantil e xuvenil no certame literario Premio Rañolas e asemade, dedicoúselle unha mención especial nos Premios da Crítica Galicia. É o primeiro libro de literatura infantil escrito polo autor.

Tema[editar | editar a fonte]

Como indica o título, o tema da obra é a cidade como obxecto de análise e reflexión; o autor leva a cabo esta a través dun ton lírico moi persoal e intimista co que intenta transmitir a súa experiencia nelas ao longo da súa traxectoria de vida (cidades nas que viviu durante a súa infancia e xuventude, que lle impactaron ben pola súa estética ou polas emocións -tanto positivas coma negativas- que estas lle produciron, que visitou...).

O autor quere facer ver ós lectores e lectoras que os lugares nos cales se vive, se visita ou se está non son simplemente un contexto sen máis, senón que poden ser un pretexto para analizar, pensar e cambiar - paramellor- a sociedade; non pretende que os receptores e receptoras lean a obra sen máis, se non que vexan a lectura literaria -poética- coma unha forma de aprendizaxe.

Temática[editar | editar a fonte]

  • A poboación: o autor describe o comportamento da xente que vive na cidade coma monótono (sen fixarse nos demais e vendo para si, indo de aquí para alá...), despreocupado e pouco altruísta, polo menos dende a súa perspectiva. Neste aspecto destacan poemas coma "Pero eu non os coñezo" (páx. 9), no que se reflexa o grande que pode chegar a ser unha cidade até tal punto de que se fala dun invidivuo ou varios pero case ninguén os coñece ou non se queren coñecer; "Teño un amigo" (páx. 21) ou "Bartolo, O tolo" (páx. 31). Estes poemas reflexan a gran diversidade de poboación que se pode atopar nunha cidade, ben referido a aspectos socioeconómicos coma socioculturais, no caso dos dous poemas refírese ó primeiro aspecto, pois fala do mundo marxinal que deambula polas rúas por diversas causas.
  • Os espazos: o autor fala dos cambios cualitativos e cuantitativos que se poden chegar a dar nunha cidade, ben sexa a curto ou longo prazo. Neste aspecto, destacan poemas coma "Estudei nun pupitre de auga gorda" (páx. 16), no que se fala da escola na que estivo o autor durante a súa infancia e de onde se ubicaba esta e as características que o propio espazo atribuían á escola dende o punto de vista persoal; "As rúas da cidade" (páx. 19), onde se reflexiona e se comparan os cambios a curto prazo que se poden dar ó longo do día nunha cidade (maior ou menor ruído, máis ou menos xente, máis ou menos axitación, máis ou menos luminosidade...) independentemente das dimensións que esta teña e da súa ubicación espazo-temporal, pois o fundamental para o autor é fixarse no contexto; "A cidade muda de pel" (páx. 56), conceptualiza os posibles cambios -positivos ou negativos- que pode sufrir unha cidade de forma metafórica e comparativa, definíndoos coma se fosen a pel dunha serpe que vai cambiado de cor (ben por ter novas áreas verdes, novas construcións...) e incluso de forma (por ter novas urbes, unha maior extensión urbana...).
  • Os inconvenientes: o autor refléxao en múltiples poemas da súa obra, pois é algo que por regra xeral caracteriza ás cidades, independentemente do seu gusto por elas. O principal inconveniente da cidade é a contaminación, xa sexa atmosférica, hídrica ou do solo. Neste aspecto, destacan poemas coma "s ambulancias" (páx. 36), no que consta a contaminación de tipo acústica cando di: "pasan correndo ás tentas coa súa sinfonía de colores", sumada aos ruídos que pode haber xa de por si nas calzadas da cidade; en "Os peixes da cidade" (páx. 12), consta a contaminación de tipo hídrica e atmosférica, pois fala do porto -xa sexa comcercial ou de recreo- da cidade e os contras que este pode causar á auga do mar e aos seres vivos que se desenvolven nela, este feito refléxase durante todo o poema pois ben di: "os peixes da cidade morren nas augas violetas do peirao. Afogan entre os fumes dos barcos e o sabor agre do mar"; en "Sangue de figo" (páx. 37) faise referencia á contaminación acústica, lumínica e atmosférica: "a cidade é de sangue de figo. Produce berros de cristal" (isto referíndose e comparando metaforicamente as luces fluorescentes dos semáforos, carteis, locais... que pode haber nunha cidade coa auga do froito mencionado que é de color avermellada e, ademais, ao ruído xa mencionado con anterioridade da cidade).

Métrica e estilo[editar | editar a fonte]

O estilo de autor situáse no período literario que inclúe dende 1980 ata a actualidade, seguindo a data na cal foi nado. Este período literario caracterízase por acoller un abano de obxectos artísticos de natureza literaria ben variada que sobardan ampliamente os covencionáis lindes xenéricos, onde empeza a verse a literatura coma un medio de plasmar a propia versión da vida (Vilavedra,1999); dentro desta, inclúese o xénero de literatura infantil e xuvenil no cal destaca o autor da obra a analizar e polo cal foi premiado.

Cidades caracterízase por ser unha publicación moi innovadora á vez que intimista e personal, pois o propio autor defínese nas notas da mesma coma "unha persoa creativa, imaxinativa, con moita iniciativa e sempre disposta a abordar novos retos" (páx. 61), aspecto que vén sendo demostrado en cada unha das pezas da obra, escritas -na súa gran maioría- en primeria persoa e cun versolibrismo abraiante, que mostra a creba do medo ás formas dun novo estilo literario.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alonso, F. (2013): Cidades. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
  • Mejía, C. (2010): "Vigo: Ciudad serpiente. Ciudad del corazón", en Ángulo Recto. Revista de estudios sobre la ciudad como espacio plural, 2(2), pp. 137–149.
  • Sampedro, P. (2003): Cidades: proxecto de lectura. Vigo: Edicións Xerais.
  • Vilavedra, D. (1999): Historia da literatura galega. Vigo: Edicións Galaxia S.A.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]