Saltar ao contido

Maragota

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maragota
Labrus bergylta
Peter Ascanius 1767 Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Nome curto
L. bergylta Editar o valor en Wikidata
Conservación
Especie pouco preocupante
Clasificación taxonómica
 Categoría taxonómica
 Taxon superior
ReinoAnimalia
FiloChordata
SubfiloVertebrata
ClaseActinopterygii
OrdePerciformes
SubordePercoidei
SuperfamiliaPercoidea
FamiliaLabridae
XéneroLabrus
EspecieL. bergylta
Códigos e identificadores
Freebase/m/09dtpb Editar o valor en Wikidata
ITIS170737 Editar o valor en Wikidata
OTT292710 Editar o valor en Wikidata
UICN187398 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
 URL de xenoma secuenciado
Wikidata G:Commons C:Commons

A maragota,[1] Labrus bergylta, é un peixe osteíctio mariño da orde dos perciformes, suborde dos percoideos, superfamilia dos perocideos e familia dos lábridos,[2][3] unha das 4 especies integradas no xénero Labrus, segundo o WoRMS e a FishBase, ou as 17, segundo o ITIS.[4]

Esta especie presenta dúas variedades con distintas coloracións, parda verdosa na maragota e vermella alaranxada con pintas brancas na coñecida popularmente nalgúns portos de Galicia e nos mercados como pinto.[5]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1767 polo zoólogo noruegués Peter Ascanius, no seu traballo Icones rerum naturalium, ou figures enluminées d'histoire naturelle du Nord, editado en Copenhagen.[2][3]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome válido actualmente, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[2][3]

  • Crenilabrus multidentatus Thompson, 1837
  • Labrus balanus Fleming, 1828
  • Labrus ballan Bonnaterre, 1788
  • Labrus ballan Walbaum, 1792
  • Labrus ballanus Shaw, 1803
  • Labrus berggylta Ascanius, 1767 (ortografía incorrecta)
  • Labrus comber Bonnaterre, 1788
  • Labrus comber Walbaum, 1792
  • Labrus donovani Valenciennes, 1839
  • Labrus maculatus Bloch, 1792
  • Labrus neustriae Lacepède, 1801
  • Labrus nubilus Valenciennes, 1843
  • Labrus reticulatus Lowe, 1839
  • Labrus variabilis Thompson, 1837

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Labrus bergylta vive en augas costeiras, en fondos de 1 a 20 m, sobre rochas e algas,[6] podendo chegar ás veces até os 50,[7] ou os 60 cm.[6] Os individuos novos a miúdo atópanse na zona intermareal.[8]

Distribución

[editar | editar a fonte]

Pódese encontrar no Atlántico oriental, onde é moi común, desde Noruega até Marrocos,[7] incluíndo Madeira, Azores e Canarias, e no Mediterráneo occidental, con informes dubidosos no Mediterráneo, Adriático e o mar de Mármara, onde adoita confundirse con Labrus merula.[8]

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

As principais características morfolóxicas de Labrus bergylta son as seguintes:[6][9][10][11]

Maragota
  • Corpo ovalado, cuberto de escamas relativamente grandes e duras, xeralmente con menos de 50 (de 42 a 48) na liña lateral. É o lábrido de maior tamaño, podendo acadar os 60 cm de lonxitude e os 3 kg de masa corporal (no caso dos pintos), aínda que os espécimes pescados miden normalmente entre os 30 e os 50 cm.
  • A coloración é moi variábel (recórdese o dito sobre a maragota e o pinto no encabezamento deste artigo).
  • Cabeza de bo tamaño, con boca pequena con labios grandes, protuberantes. Ambos os maxilares están armados de grandes dentes cónicos separados os uns dos outros.
  • A porción branda da aleta dorsal (con até 10 raios) é máis alta cá espiñenta (constituída por uns 21 raios) e ten fórmula de lóbulo de contorno arredondado.
  • A porción branda da aleta anal (cuns 10 raios) é máis alta cá espiñenta (con tres raios), e tamén presenta esa lobulación.
  • A aleta caudal ten a marxe posterior pouco arredondada, case recta.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Os datos da súa bioloxía son:[6][9][10][12][13][14][15][16]

Nas costas atlánticas medias estes peixes atópanse escondidos baixo algas ou en buratos. Non son demasiado bravos e si curiosos, o que os fai vulnerábeis aos pescadores submarinos. Son extremadamente sedentarios (non se desprazan máis de 1 000 m ao día), e son moi fieis ao seu territorio, que non abandonan en todo o ano.

Detalle da cabeza dun pinto

Aliméntanse principalmente de pequemos crustáceos e moluscos (mexillóns en especial) que trituran cos seus dentes. Os ourizos tamén forman parte importante da súa dieta, así como as algas e as miñocas. Os grosos labios e os afiados dentes cónicos frontais son unha adaptación para extraeren mariscos das rochas, e compleméntanse con potentes dentes farínxeos situados máis atrás, na garganta, que poden romper as cunchas para accederen á carne do interior.

Reprodúcense na primavera, de marzo a abril. No momento da desova os machos dominan un pequeno territorio a onde acudirán as femias, e constrúen un niño con algas, onde as femias poñen de 500 a 3 000 óvulos, que son custodiados, e fecundados polos machos. Os machos defenden o niño até que os óvulos eclosionan en larvas peláxicas ao cabo de unha ou dúas semanas. Os individuos xuvenís presentan unha coloración críptica, que coincide co seu hábitat, e que varía do verde claro ao verde escuro, e algúns se describiron como de cor verde esmeralda brillante. Son hermafroditas e, ao naceren, son todos femias. Alcanzan a madurez sexual aos dous anos de vida, e o cambio de sexo prodúcese entre os 4 e os 14 anos, cando algúns transfórmanse en machos. Os peixes máis grandes desta especie son case sempre machos.

Interese pesqueiro e comercial

[editar | editar a fonte]

En Galicia, o pinto e a maragota teñen fama de seren peixes espiñentos e, polo tanto, pouco apreciados; porén a maragota substitúe con frecuencia ao abadexo e ao bacallau fresco. Péscase en litorais rochosos e pouco profundos, xeralmente en augas limpas, capturándose ao trasmallo,[14] con liña, con cana polos pescadores deportivos, sendo tamén unha peza moi cobizada polos practicantes da pesca submarina.[17]

Porén, esta especie é popular como peixe para a alimentación humana nas illas Orcadas e en Galway,[18] aínda que non é moi considerado en gran parte do Reino Unido e Irlanda.[13]

Nos últimos anos converteuse nun popular obxectivo de captura para os pescadores deportivos que usan aparellos de pesca lixeiros.[13][19]

Tamén se usa para eliminar os parasitos do salmón de granxa en Noruega,[20] técnica que tamén se está a desenvolver en Escocia.[21][22]

Así mesmo, a especie tamén se pode encontrar nos comercios de peixes de acuario.[12]

En Galicia

[editar | editar a fonte]

A primeira cita da presenza desta especie en augas galegas débese a José Cornide Saavedra, na súa obra Ensayo de una historia de los peces y de otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo[23], publicada en 1788, onde aparece citada como Labrus pavo e L. guaza.[24]

A maragota e o pinto son uns dos principais obxectivos da frota artesanal e dos pescadores deportivos de practicantes da pesca submarina galegos e cuxas capturas anuais conxuntas alcanzan as 300 toneladas.[5]

No ano 2013 publicouse un estudo realizado por membros do grupo de Ecoloxía Pesqueira do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo, que, durante tres anos e baixo a coordinación do investigador Fran Saborido analizaron a bioloxía, a ecoloxía e o comportamento de máis de 1 500 individuos de pinto, maragota e abadexo, nos seus movementos polo Parque Nacional das Illas Atlánticas e, en concreto, no canal das illas Cíes dentro do proxecto Artevigo, con financiamento da Xunta de Galicia e a participación do Instituto Mediterráneo de Estudios Avanzados (Imedea). O proxecto, que deu lugar tamén lugar á tese de doutoramento do investigador David Villegas, permitiu contrastar que contra a estendida crenza de que pinto e maragota son o mesmo coa cor como única diferenza, pertencen á mesma especie (Labrus bergylta) aínda que son diferentes. Ambos son hermafroditas —nacen femias e contra os 10 anos cambian de sexo—, pero teñen diferenzas biolóxicas significativas, entre elas o tamaño ao que se produce o cambio de sexo —36 cm para a maragota e 47,2 cm para o pinto— e o seu patrón de crecemento, xa que o pinto alcanza maior tamaño.[5]

Nomes galegos

[editar | editar a fonte]

O nome máis corrente é maragota compartido co portugués, e que esporadicamente pode aplicarse a outros lábridos, aínda que en xeral con determinante diferenciador. Outros son: bicuda (dito máis da pequena), botúa, ferrola, martela (a pequena), pinto e vello (cfr. francés vieille). Bodión ou budión son tamén sinónimos nalgúns portos, pero que se aplica de xeito máis xeral a outro lábrido, o Labrus merula.[25]

A designación maragota en castelán é probablemente un préstamo galego ou portugués. O étimo non está claro.[26]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) non hai ameazas importantes coñecidas para esta especie o que, unido a que está moi estendida no Atlántico nordeste, fai que o seu status se cualifique como LC (pouco preocupante).[27]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para maragota.
  2. 1 2 3 Labrus bergylta Ascanius, 1767 no WoRMS.
  3. 1 2 3 Labrus bergylta Ascanius, 1767 no GBIF.
  4. Labrus, Linnaeus, 1758 no ITIS.
  5. 1 2 3 P.p. (23 de maio de 2013). "Pinto y maragota desvelan su vida". Faro de Vigo. Consultado o 1 de agosto de 2020.
  6. 1 2 3 4 Rodríguez Villanueva & Vázquez 1999, p. 180.
  7. 1 2 Bauchot & Pras 1982, p. 307.
  8. 1 2 Quignard, J.-P. & A. Pras (1986): "Labridae". pp. 919-942. In P. J. P. Whitehead, M.-L.: Bauchot, J.-C.; Hureau, J.: Nielsen & E. Tortonese, (ds.) Fishes of the north-eastern Atlantic and the Mediterranean. Vol 2. París: UNESCO.
  9. 1 2 Rodríguz Solórzano, Devesa & Soutullo 1983, p. 129.
  10. 1 2 Muus et al. 1998, p. 202.
  11. Estévez, Xosé Manuel, Maragota, s.v., in Gran Enciclopedia Gallega, t. XX.
  12. 1 2 Froese, Rainer & Pauly, Daniel, eds. (2006): "Labrus bergylta" in FishBase.
  13. 1 2 3 "Wrasse". BritishSeaFishing. 23 de novembro de 2013. Consultado o 3 de agosto de 2020.
  14. 1 2 Guía do consumidor de peixe fresco, Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, sen data (pero editado en 1999), p. 101.
  15. Alwyne Wheeler (1997): The Pocket Guide to Salt Water Fishes of Britain and Europe. Parkgate Books. ISBN 978-1-8558-5364-5.
  16. O. E. D. Ager; H. Tyler-Walters & K. Hiscock, eds. (2008): "Ballan wrasse (Labrus bergylta)". Marine Life Information Network. Marine Biological Association of the United Kingdom.
  17. Rodríguz Solórzano, Devesa & Soutullo 1983, pp. 129-130.
  18. Alan Davidson (1979): North Atlantic Seafood. Morganton, North Carolina, USA: Chris Hartmann, Bookseller. ISBN 0-670-51524-8.
  19. David Erwin & Bernard Picton (1987): Guide to Inshore Marine Life. The Marine Conservation Society. ISBN 0-907151-34-5.
  20. "New approach to combating sea lice: Wrasse to the rescue". The Research Council of Norway. 23-04-2010 vía ScienceDaily.
  21. "Western Isles salmon farm in wrasse 'first'". BBC News - Scotland Business. 09-01-2012.
  22. Henderson, David (19-11-2013). "'Cleaner fish' eat salmon parasites". BBC News - Scotland Business.
  23. Cornide Saavedra, J. (1788): Ensayo de una historia de los peces y de otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo.
  24. Rodríguez Villanueva & Vázquez 1999, p. 181.
  25. Ríos Panisse, Mª del Carmen (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I, Invertebrados y peces. Verba. Anuario gallego de filología. Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84 -7191-008-X, páxs. 328-330).
  26. "Etim. Palabras de origen desconocido. Se trata de una palabra especialmente viva en el NO de la Península (como lo demuestran sus treinta y pico documentaciones) y en Portugal, donde no conozco exactamente la frecuencia con que aparece, pero sí las formas: margota, moragota y maragota. Ocasionalmente también aparece fuera de estas áreas: en Asturias, en Santander y en Andalucía (en San Fernando; v. para esta última doc., Alvar, "Ictionimia" 94). Es, por lo tanto, probable que se trate de un préstamo gallego-portugués fuera de esta área. Aunque no es sorprendente, Machado ignora la palabra. Lo inismo GdD. Corominas con razón, puesto que no es castellana" (Ríos Panisse, Op. cit., pp. 329-330).
  27. Pollard, D. (2010): Labrus bergylta na Lista vermella da UICN. Versión 2020-2. Consultada o 1 de agosto de 2020.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Campbell, A. C.(1979): Guía de campo de la flora y fauna de las costas de España y se Europa. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0543-4, páx. 288.
  • Bauchot, M. K. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0685-6.
  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. St. Louis: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Hoboken: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Paxton, J. R. & Eschmeyer, W. N., eds. (1988): Encyclopedia of Fishes. San Diego: Academic Press. ISBN 0-12-547665-5.
  • Rodríguz Solórzano, Manuel; Devesa Regueiro, Sergio e Soutullo Garrido, Lidia (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Galaxia, ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1994): Peixes do mar de Galicia (II). Peixes óseos: xeneralidades e orde perciformes. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-784-6.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]