María Ruido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
María Ruido
María Ruido, artista.jpg
Nacemento1967
 Xinzo de Limia
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo
Ocupaciónartista plástica, investigadora e catedrática
editar datos en Wikidata ]

María Ruido, nada en Pidre (Xinzo de Limia) en 1967, é unha artista visual, realizadora e investigadora feminista galega.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Procedente dunha familia de clase traballadora, María Ruido licenciouse en 1991 en Historia na Universidade de Santiago de Compostela. É doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo (cunha tese que versou sobre a identidade, o corpo e o contexto social) e cursou estudos de Teoría do Arte no Centro de Arte e Comunicação de Lisboa. Viviu en diversos lugares, como Tánxer e Madrid. Imparte clases na Universidade de Barcelona como profesora no Departamento de Deseño e Imaxe da Facultade de Belas Artes. Desde 1998 o seu traballo artístico e a súa produción escrita centráronse no desenvolvemento de estudos sobre as políticas de representación e as súas relacións contextuais.[2] Na súa produción videográfica, destaca a constante relectura de materiais de arquivo a través da re-montaxe e a recontextualización. Interésase polos dispositivos sociais de elaboración dos corpos no capitalismo posfordista, o feminismo, as formas de construción da memoria colectiva e persoal e os imaxinarios decoloniais.

Práctica artística[editar | editar a fonte]

Traballou a performance, a videoacción, o formato documental, o videoensaio e a videoinstalación. Traballa principalmente o formato vídeo aplicando un "repensamento crítico" ás imaxes procedentes de material de arquivo (ou found footage), combinada coa produción videográfica propia. Con esta fórmula desenvolveu proxectos interdisciplinares que se concentraron en cuestións como a formación de traballo imaxinario no capitalismo posfordista, a construción da memoria e a súa relación coas formas narrativas da historia ou a construción social do corpo e identidade. Tense interesado polas posibilidades dos imaxinarios decoloniais e as súas posibilidades emancipatorias. "Traballar con imaxes como unha praxe política", ten dito.

Dous elementos chave nas súas obras videográficas e fotográficas, son, por unha banda, o emprego de material de arquivo e, en segundo lugar, o emprego de entrevistas e fontes testemuñais relacionadas cos seus temas de investigación. Ás veces recorre a experiencias da súa propia vida persoal ou familiar coa fin de "contextualizar os seus proxectos artísticos dentro dun marco histórico e cronolóxico concreto".

Entre as súas publicacións cómpre salientar textos como: "Nai, quero ser un artista! Notas sobre a situación dalgúns traballadores do sector de produción de imaxes, aquí e agora", "A deriva a través dos circuítos de precariedade feminino", "A máquina retórica. Construcións de xénero, de asimilación e resistencia na cinematografía española e arxentina dos anos 40 e 50".

O cerne do seu traballo é amplo e abrangue o produtivismo soviético, a vangarda dos anos sesenta e setenta, a crítica feminista da construción da mirada, a primeira xeración de vídeo e a guerrilla televisión, como ela mesma recoñece. María Ruido cita entre as súas influencias a Marguerite Duras, Hito Steyerl, Agnès Varda, Harun Farocki, Jean-Luc Godard, Alexander Kluge, Chris Marker, Félix Pérez-Hita ou Pier Paolo Pasolini, a quen se dedica a súa peza Electroclass.

Produción fílmica[editar | editar a fonte]

En 1997 María Ruido desenvolveu dúas videoaccións: A voz humana e Cronoloxía, no marco da Escola de Imaxe e Son da Coruña. A primeira, baseada nun fragmento do libro de Miguel Cereceda, El origen de la mujer sujeto (1996), reflexiona sobre a voz e o discurso das mulleres, que non sempre son propias, senón que a miúdo reproducen formas patriarcais.[3] O escrito que enmarcou esta acción comeza coas palabras de Ingeborg Bachmann en Malina: "A Esfinxe: Vou revelar un terrible segredo: a lingua é castigo. Nela cómpre que entren todas as cousas e nela cómpre parir segundo a súa culpa e consonte á súa culpa".[4]

A segunda acción en vídeo, Cronología, avanza outro dos temas neurálxicos da súa carreira, a separación entre a Historia e a historia. A acción consistiu na viaxe fragmentaria a través dun libro de historia contemporánea en paralelo ao percorrido polo propio corpo do artista, onde se marcaron certas datas chave na cultura occidental.

De novo na Escola de Imaxe e Son da Coruña, en 1998, realiza Hansel e Gretel, onde a inxestión de lambetadas e a presenza dun taboleiro escolar con varios escritos serviron para reflexionar sobre o control social e familiar dos corpos mentres unha televisión reproducía unha versión animada da popular historia recollida polos irmáns Grimm. Doutra banda, os textos utilizados formaron a peza de vinilo Les faux mots (As palabras falsas) que tamén se usou como parte do proxecto La femme-fleur, presentada en Madrid e Huesca en 1997, onde amosaba as cuestións que de xeito común se asocian ás mulleres na cultura occidental.

En 1999, co apoio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela, elabora Ethics of Care, un videoensaio a partir da gravación dunha rave na Sala Nasa en Santiago de Compostela en maio dese ano. Propuña a bricolaxe (DIY) e a fragmentación "como unha práctica política activa" e esculcaba na "posibilidade de construír unha mirada transformadora compracente dunha lectura transversal de representacións mediáticas homologadas (pornografía, publicidade ou canon tradicional artístico)".[5] Apoiábase no texto “El ojo saturado de placer: sobre fragmentación, porno-evidencia y brico-tecnología". Ademais de ser incluída no Lost in Sound nas instalacións do CGAC ese ano, a peza forma parte do ciclo de proxeccións Bon rotllo programadas polo Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (MACBA) para dar "conta das historias das culturas musicais cunha énfase especial nos seus aspectos políticos e sociais, é dicir, tendo en conta tanto as formas artísticas como os estilos de vida alternativos e os contextos onde están situados".[6]

Desde o 2001, María Ruido forma parte do grupo de traballo El Sueño Colectivo, xunto coa artista Virginia Villaplana ea xestora cultural Montse Romaní.[7]

En 2003 recibiu o premio Nuevos Medios no Generaciones 2003 (Madrid) polo seu traballo La memoria interior. O proxecto, apoiado polo Ministerio de Cultura e o distribuidor de videoarte Hangar (estreitamente vinculado como productor á súa carreira), é o resultado dunha viaxe a Alemaña que a artista realizou a finais de 2000 e mais de dous anos de pescuda persoal sobre o construción da memoria e os mecanismos de produción da historia. Partindo da súa propia historia familiar, a creadora remóntase á importante emigración dos galegos e españois a Europa nos anos sesenta e setenta e reflexiona sobre os procesos de esquecemento e lembranza para establecer unha defensa da construción da memoria persoal e colectiva, como reivindicación política, contra a historia e a memoria oficiais.

Con Uqui Permui, e como curadora, entre 2002 e 2003 produce Corpos de producción, un proxecto interdisciplinar de intervención na cidade de Santiago de Compostela no que colaboraron artistas, activistas e especialistas en teoría procedentes de diversos eidos. Co subtítulo Miradas críticas e relatos feministas en torno aos suxeitos sexuados nos espacios, o proceso de traballo levou un ano en dúas fases distintas e procuraba o diálogo entre artistas, colectivos e público. "Partindo da confluencia con certos discursos alternativos (ou abertamente discrepantes) aos elaborados polas institucións homologadas, Corpos de producción reflexiona sobre os mecanismos de xeración de coñecemento, sobre a posibilidade de construír imaxes críticas dos nosos corpos nos espazos públicos, sobre novas formas de visibilidade implicada e sobre a confluencia dalgunhas prácticas artísticas e algunhas prácticas políticas nesta última década".[8]

Tiempo real é un ensaio documental que combina material de arquivo, entrevistas e imaxes gravadas pola propia cineasta na Barcelona do momento. A peza versa sobre “a posibilidade/oportunidade de construír unha visibilidade e unha narratividade propias da nova clase traballadora (…) afastadas do cine militante clásico ou do documental televisivo bempensante e, ao tempo, reflexiona sobre a capacidade de xerar formas políticas efectivas a través de textos (imaxes e palabras) que desaloxen as estratexias da acción do ámbito produtivo e as reintroducisen, como apunta Paolo Virno, na esfera pública”.​[9]

A partir da súa posición como “traballadora cultural”, a artista traza en Tiempo real unha reflexión sobre o concepto de traballo, que nas últimas décadas se transformou radicalmente, e incide na precariedade do traballo realizado polas mulleres e nas implicacións do chamado “traballo inmaterial”. Ao tempo, apunta que as dicotomías espaciais e conceptuais entre tempos/lugares de lecer e laborais xa non resultan operativas. Propón unha nova representación como práctica política a partir de dous eixos principais, “(des)organización” e “(re)aloxo”, e recorre nunha parte da metraxe á deconstrución da longametraxe Jeanne Dielman, 23 Quai lleva Commerce, 1080 Bruxelles, da cineasta belga Chantal Akerman á que Ruido lle sobrepón a lectura de pasaxes en off de Robert Musil, Franz Kafka ou Donna Haraway.

Cómo expón Patricia Mayayo no artigo “Otros miradas: mujeres artistas, nuevas tecnologías y capitalismo transnacional”:

el sistema económico actual se ha expandido al territorio más privado de nuestra experiencia para convertirla en experiencia de producción: las nuevas formas de empleo (muchas de ellas vinculadas a la externalización de servicios, la extensión del trabajo autónomo y de los contratos por obra o la multiplicación incesante de las variaciones en los tipos de contrato), la dislocación de los tiempos y los espacios de trabajo (en los horarios flexibles, a tiempo parcial, en el teletrabajo y los talleres domésticos), el desarrollo de nuevas tecnologías que presuponen la disponibilidad constante de la trabajadora o trabajador (móvil, correo electrónico, etc.) y la conversión de la subjetividad misma del individuo (la paciencia, la capacidad de trabajar en equipo, la versatilidad…) en herramienta productiva hacen que vivamos, como subraya el vídeo de María Ruido, en el tiempo del “trabajo total”, de los cuerpos productivos más allá del horario laboral.​[10]

Este vídeo exhibiuse por primeira vez como parte dunha exposición comisariada a finais de 2003 por Montse Romaní na sala Montcada da Fundació La Caixa de Barcelona co título Trabajo total.

De 2005 datan a instalación Banco de espacio e a película Ficciones anfibias. A primeira concibiuse dentro do proxecto Corner, comisariada por Martí Peran, e consistía nunha escolma de textos de xornais que se mostraban sucesivamente nun panel electrónico no escaparate da Sala de Exposicións de Caja Madrid en Barcelona. Algunas das novas facían referencia á especulación sobre a vivienda en Barcelona e no resto de España.[11]Banco de espacio nunca chegou a mostrarse porque foi censurada pola mesma institución que a comisariou, alegando que mancaba a súa imaxe.

A partir da metáfora do anfibio como vehículo crítico, Ficciones anfibias é un retrato de Terrassa e Mataró, dúas localidades barcelonesas historicamente vencelladas ao sector téxtil que na contemporaneidade sufriron unha transformación substancial. Combinando novamente material de arquivo, testemuños de traballadores, ex-traballadores, economistas, etc., e a súa voz en off, suxire que a carreira pola competitividade é unha das coartadas empregadas para xustificar o desmantelamento do estado de benestar. Pon en evidencia que as dúas cidades “converxen na reutilización do seu patrimonio industrial con xeitos que esquecen ou maquillan, a miúdo, a memoria da clase traballadora e a historia dunha forma de produción que construíu as nosas cidades, igual que nestes momentos se deseña o que han ser estas mesmas cidades no futuro”.[12]

No ano 2008, Plan Rosebud. Sobre documentalidades, lugares y políticas de memoria comenza como un proxecto de investigación interdisciplinario centrado na representación dos dispositivos de control sobre os corpos e as subxectividades durante a prolongada ditadura franquista e mais a Transición. Esta obra de case catro horas de duración ten estrutura de díptico: Plan Rosebud 1: La escena del crimen e Plan Rosebud 2: Convocando a los fantasmas. Cada parte, pola súa vez, subdivídese en catro capítulos e tres intermedios. Plan Rosebud 1 céntrase no debate social suscitado pola denominada Lei de Memoria Histórica de España e amosa o contraste existente entre os lugares de memoria, as políticas de memoria e as industrias culturais. Plan Rosebud fai comparacións coa historia recente do Reino Unido, a era do thatcherismo e outras políticas de memoria europeas activadas despois da Segunda Guerra Mundial.

Respecto do concepto de “memoria histórica”, María Ruido afirma:

A combinación "memoria histórica" é unha especie de oxímoro imposible. Son dúas cousas distintas que empregamos dun xeito solapado. É obvio que a historia é un relato académico, que se nutre da memoria. Pero a memoria colectiva constrúese a través de moi diferentes axentes institucionais de poder, dende a escola ata os media. Converte o documento en monumento. En algo inamovible, que non se pode pensar doutra maneira, que é así. Explicábame Carme Molinero que un labor dos historiadores consiste en delimitar ambas e repensar a segunda documentalmente. Non para se apropiaren dela, senón para desentrañar esa institucionalización que ademais, depende do momento e do lugar.​[13]

No mesmo ano 2008, María Ruido foi investigadora convidada no CILAVS (Centre for Iberian and Latin American Visual Studies, Departamento de Estudios culturais español, portugués e latinoamericano) no Birkbeck College, da Universidade de Londres.

En colaboración con Pablo Marte, desenvolve en 2009 o proxecto Zona franca, que despois foi incorporado na exposición Low Cost (FAD, Barcelona 2009). O tema central é a zona franca do porto barcelonés, antiga zona industrial e comercial que experimentou unha reconversión capitalista orientada aos servizos e ao turismo e deu en ser o novo albo da especulación inmobiliaria.

A artista volve sobre a memoria da Transición en Lo que no puede ser visto debe ser mostrado, curtametraxe realizada en 2010 “a partir de certas produccións do cinema militante que contradin as imaxes oficiais coas que se artellou a nosa memoria do final do franquismo e do inicio da democracia”. Nesta peza faise especial énfase no fóra de campo, naquelas imaxes que non existen e que, xa que logo, se obviaron na transmisión oficial dunha determinada memoria histórica.

O título do documental remite ao imperativo ético das imaxes formulado por Wacjman na súa reflexión sobre a arte no século XX. A capacidade de facer ver as cousas propia da arte transfórmase na posibilidade de facer xurdir no visible aquilo que falta, o que non se pode ver. Profundando nesta proposta, María Ruido fundamenta o seu traballo nese amosar o que non pode ser visto e que, daquela, está ausente da representación que se transmitiu como memoria histórica.[14]

En 2011, María Ruido repara en Bilbao. ElectroClass, producida por Consonni, é unha peza onde se nutre, entre outras fontes, de material procedente do arquivo da ETB para reflexionar sobre a disolución do concepto tradicional de clase traballadora, os efectos do capitalismo nas condicións laborais ao longo do tempo e a transformación urbana.[15]

O filme explora a posibilidade de construír, mesturando os cascallos desa mesma narración cun corte doutro filme ou unha canción do rock radical vasco, un novo imaxinario para a clase traballadora postindustrial. “Iso é o que a converte en incómoda”, arrisca Ruido. “Que empregando as mesmas imaxes, as que están no arquivo, na súa maioría xa emitidas, se poida describir a connivencia dos políticos e desas oligarquías que se están lucrando coa privatización do espazo público. É a mestura o que desacouga. O potencial dunha imaxe posta onda a outra”.[16]

Margot Vollmer in Madrid é unha curtametraxe sobre a situación social española en 2012, en plena crise económica, comisariado polo Festival Aarhus (Dinamarca). María Ruido dirixiuno e guionizouno unha vez máis con Pablo Marte. Despois crea o filme Le rêve est fini / El sueño ha terminado, que combina imaxes gravadas en HD e vídeos en super 8. Encádrase dentro dun proxecto máis amplo titulado “Violencias invisibles”, coproducido polo ARTIUM de Vitoria e mais o MoCAB de Belgrado e artéllase a partir do concepto de necropolítica acuñado polo politicólogo camerunés Achille Mbembe en referencia á política de inmigración europea. Como xa viña acontecendo na súa traxectoria, volven converxer a súa traxectoria vital e mais o momento histórico no Mediterráneo sur, particularmente logo das primaveras árabes de 2011. Naquel momento, a parella da creadora era orixinaria de Túnez e tiveron que enfrontarse a atrancos diplomáticos e patriarcais durante a súa unión.

Daquela o noso traballo non podía máis que imbricar as nosas vidas. Así intentamos reflectilo a través de imaxes e palabras sobre as dificultades que os dous incorporamos, e por medio dos residuos e das pegadas daqules e daquelas que permanecen na súa tumba marítima, ob-scenae, que teñen que permanecer invisibles para o simulacro da democracia e os dereitos humanos neocoloniais e necropolíticos sigan funcionando. O soño europeo finou, ao tempo que agoniza a nosa hexemonía e se afunde a nosa autonomía; mais tamén o soño da revolución semella ter finado, cando menos polo de agora, e o levantamento de África que Frantz Fanon esperaba, aínda está por vir.[17]

Obra[editar | editar a fonte]

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • 1997 Hansel y Gretel (15’)
  • 1997 La voz humana (7’). Colección MACBA.
  • 1997 A Sereíña (22’). Con Chus Pato e María Esteirán.
  • 1998 Cronología (9’). Colección MACBA.
  • 1999 ethics of the care (17’). Colección MACBA.
  • 2001 new flesh (9’)
  • 2002 La memoria interior (32’40’’). Colección MACBA.
  • 2003 tiempo real (43'), (2003). Colección MACBA.
  • 2005 Ficciones anfibias (33’). Colección do Museo Reina Sofía, Madrid.[18]
  • 2005 Las narrativas del trabajo (28’). En colaboración con Virginia Villaplana e Montse Romaní.
  • 2008 Plan Rosebud. Sobre documentalidades, lugares e políticas de memoria. Consta de dous documentais: Plan Rosebud 1. La escena del crimen (114') e Plan Rosebud 2. Convocando a los fantasmas (120'). Proxecto de investigación interdisciplinar centrado na representación dos dispositivos de control sobre os corpos e as subxectividades durante a longa ditadura de Franco e a Transición.
  • 2009 Zona Franca (20')
  • 2009 Le paradís (4')
  • 2010 Lo que no puede ser visto debe ser mostrado (12')
  • 2011 ElectroClass (53')
  • 2013 La place et la galeríe / La piazza e la galleria (9')
  • 2014 le rêve est fini / the dream is over (47')
  • 2015 l'oeil impératif / el ojo imperativo / the imperative eye (63')
  • 2017 Mater amatísima. Imaginarios y discursos sobre la maternidad en tiempos de cambio (55')

Exposicións individuais[editar | editar a fonte]

  • 2003 Total Work, Sala Montcada, Barcelona. Con Ursula Biemann.
  • 2006 Os traballos e os días, Galería Ad Hoc, Vigo.
  • 2008 La escena del crimen, Sala A. Palacios, Círculo de Bellas Artes, Madrid.
  • 2009 Work & Words (1997- 2008), Museo Carrillo Gil, México D.F.
  • 2010 Plan Rosebud: Producing Bodies, Building Memories, C.C. Puertas de Castilla, Murcia
  • 2015 l'oeil impératif / el ojo imperativo / the imperative eye, Centre d'Art Santa Mònica, Barcelona.
  • 2015 Sesión continua: memorias y olvidos a ambos lados del Atlántico, CCEBA, Bos Aires.
  • 2016 L'écran en conflit, Galería Rosa Santos, Valencia.

Publicacións[editar | editar a fonte]

Selección de textos de investigación e ensaio. Algúns deles acompañan os seus proxectos creativos.

  • El ojo saturado de placer. Sobre fragmentación, porno-evidencia y brico-tecnología". Banda aparte (18), 2000: 51-62.
  • Ana Mendieta, Hondarribia, Guipúzkoa, 2002.
  • “Mamá, quiero ser artista! Apuntes sobre la situación de algunas trabajadoras en el sector de la producción de imágenes, aquí y ahora”, Precarias a la deriva (eds): a la deriva por los circuitos de la precariedad femenina, Madrid, 2004.
  • "El silencio material. El lenguaje como territorio de debate / el cuerpo como generador de discurso (después de algunos años...)", María Ruido. Works & Words, 2004.
  • Carmen Navarrete / María Ruido / Fefa Vila: "Trastornos para devenir: entre artes y políticas feministas y queer en el Estado español", en Carrillo, Jesús / Estella Noriega, Ignacio / García-Merás, Lidia (eds.), Desacuerdos 2. Sobre arte, políticas y esfera pública en el Estado español, Arteleku / Museu d'Art Contemporani de Barcelona / UNIA arteypensamiento, 2005.
  • “La máquina retórica. Construcciones de género, asimilaciones y resistencias en la cinematografía española y argentina de los años 40 y 50”, en Aznar, S. / Wechsler, D. (eds.): La memoria compartida. Buenos Aires, 2005.
  • Uqui Permui / María Ruido (eds.): Corpos de producción: Miradas críticas e relatos feministas en torno aos suxeitos sexuados nos espacios, Santiago de Compostela, 2005.
  • “Just do it! Cuerpos e imágenes de mujeres en la nueva división del trabajo” a Sánchez Leyva, Mª José / Reigada Olaizola, Alicia (coord.): Crítica feminista y comunicación. Sevilla, 2007.
  • María Ruido (ed.): Plan Rosebud: Sobre imágenes, lugares y políticas de memoria, Santiago de Compostela, 2008.
  • "Work and days", Vibrations Art Journal For Creative Writing, 28/01/2014.
  • "Los trabajos y los días", Politització del malestar, 2018.

Conferencias[editar | editar a fonte]

Escolma de conferencias de María Ruido en congresos, espazos artísticos e de pensamento accesíbeis en vídeo.

Festivais e premios[editar | editar a fonte]

  • 2009 Plan Rosebud 2, Mellor documental internacional no 47º Festival de Cinema Independiente de Nova York.
  • 2011 Zinebi 53, Festival Internacional de Cinema Documental e Curtametraxe de Bilbao – Ciclo Artists Killed Media Stars.
  • 2012 Screen from Barcelona, X Screen Festival, Barcelona.
  • 2012 9ª Muestra de Cine de Lavapiés, Madrid.
  • 23º FID Marseille, Marsella – Sección Écran Parallèl.
  • National Centre for Contemporany Artes, Moscova.
  • Xociviga, 29º Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Un documental de María Ruido, premio en Nueva York El País 21/04/09 (en castelán).
  2. Lario, Sergi. "Hamacaonline | María Ruido". www.hamacaonline.net (en inglés). Consultado o 2018-08-03. 
  3. "La voz humana – Arxiu en línia de la Mostra Internacional de Films de Dones". arxiu.mostrafilmsdones.cat (en catalán). Consultado o 2018-08-03. 
  4. Ruído, María (2004). "El silencio material. El lenguaje como territorio de debate / el cuerpo como generador de discurso (después de algunos años...)" (PDF). 
  5. Ruido, María. "Ethics of care". www.workandwords.net (en castelán). Consultado o 2018-08-03. 
  6. "Bon rotllo". www.macba.cat (en catalán). Consultado o 2018-08-03. 
  7. "María Ruido. Cronología". www.macba.cat (en castelán). Consultado o 2018-08-03. 
  8. Ruido, María. "Cuerpos de producción. Algunas notas sobre cuerpos, miradas, palabras y acciones en tiempos de (ins)urgencia y precariedad." (PDF). Works & Words. 
  9. "Tiempo real". Works & Words (en castelán). Consultado o 2018-08-04. 
  10. Mayayo, Patricia (2007). "Otras miradas: mujeres artistas, nuevas tecnologías y capitalismo transnacional". Polis. Revista Latinoamericana (en castelán) (17). ISSN 0717-6554. 
  11. Ruido, María. "Banco de espacio". Work & Words (en castelán). Consultado o 2018-08-04. 
  12. Ruido, María. "Ficciones anfíbias". Work & Words (en castelán). Consultado o 2018-08-04. 
  13. Castro, Aurelio (24-01-2008). "A combinación 'memoria histórica' é un oxímoro imposible". Vieiros. Consultado o 2018-08-04. 
  14. "Lo que no puede ser visto debe ser mostrado". Arxiu en línia de la Mostra Internacional de Films de Dones (en catalán). Consultado o 2018-08-05. 
  15. "ElectroClass". Consonni (en castelán). Consultado o 2018-08-05. 
  16. Martínez, Iago (2012-04-30). "“Hay que reocupar la televisión”". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2018-08-05. 
  17. Ruido, María. "le rêve est fini / el sueño ha terminado". Work & Words (en castelán). Consultado o 2018-08-05. 
  18. Alonso Poza (03/2016). "María Ruido, Ibon Aranberri y Rosa Barba, fichajes destacados de la semana". Arteinformado (en castelán). Consultado o 2018-08-03.  |autor= e |apelidos= redundantes (Axuda)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Entrevistas en vídeo[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]