A Sala NASA (Nave de Servizos Artísticos) foi un espazo multidisciplinar de Santiago de Compostela promovido polo Grupo Chévere xunto con Blanca Cendán en outubro de 1992, localizado no número 51/53 da rúa de San Lourenzo. Nel realizábanse espectáculos teatrais, concertos e todo tipo de disciplinas artísticas. Desde 1992 foi o lugar de estrea e permanencia dos espectáculos da compañía creadora, ademais das súas funcións periódicas chamadas Ultranoites. Durante a súa existencia foi tamén un escenario de referencia no circuíto da música alternativa. Funcionou ata setembro de 2011[1], meses despois da supresión das axudas procedentes do Concello de Santiago coa toma de posesión do alcalde Gerardo Conde-Roa[2].
O local que ocupaba na rúa de San Lourenzo, actualmente a Sala Malatesta, era un garaxe particular que foi remodelado e adaptado ás novas funcións polos propios membros da compañía[2]. A Sala exercía tamén de editora de libros, CD, DVD ou CD-ROM[1] e en 2010 inspirou a creación da páxina Redenasa.tv, «converténdose na súa alma dixital e con intención de sobrevivila cando desaparecese o corpo material»[3]. Actualmente Redenasa.tv é usado como selo editorial das publicacións de Chévere.[4]