Lua de alén mar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Lua de alén mar
Autor/aErnesto Guerra da Cal
Xénero(s)poesía
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.1959

Lua de alén mar é un poemario de Ernesto Guerra da Cal, publicado o 31 de outubro de 1959 pola editorial Galaxia. Este foi o primeiro poemario do autor e traballou nel durante vinte anos, desde 1939 até 1958. A primeira edición do libro, de 132 páxinas, inclúe 48 composicións. A capa foi deseñada por Fernando Teixidor, exiliado en Estados Unidos de América ao igual que da Cal. O feito de que Ernesto Guerra da Cal estivera fóra de Galiza é fundamental para entender a pouca relevancia que tivo a súa produción literaria na súa terra natal.

En 1992 a Associaçom Galega da Língua (AGAL) publicou unha reedición deste libro escrito en galego reintegrado.

Estilo[editar | editar a fonte]

A poesía de Ernesto Guerra da Cal é monocorde e de temática humanística. Neste poemario hai unha tendencia subxectivista e intimista que é moi habitual na poesía galega contemporánea. Ademais, hai fórmulas neotrobadorescas que serven como única ligazón coa tradición literaria galega xa que hai que ter en conta o illamento da poesía de Ernesto Guerra da Cal no contexto literario da posguerra.

Este autor trata temas de sempre como a angustia do tempo, a saudade (tratado por diferentes escritores como Valentín Lamas Carvajal ou Rosalía de Castro), o sortilexio do mar e súa admirada e tantas veces mencionada Rosalía. As paisaxes que aparecen nestes poemas recordan ao Val de Quiroga (provincia de Lugo) e ás beiras do río Sil e do río Lor. En xeral, está moi presente Galiza tanto as súas paisaxes como os seus mitos, mais dun xeito melancólico e nostálxico polo feito de que pasou moitos anos da súa vida fóra da súa terra natal.[Cómpre referencia]

Nos seus versos destacan ritmos moi traballados e de gran complexidade; recursos idiomáticos tanto novos como vellos; e o emprego de constantes enumeracións nas que adoita haber imaxes surrealistas.

Estrutura[editar | editar a fonte]

A edición de Galaxia de Lua de alén mar inclúe un limiar escrito por Jacinto Prado Coelho (anterior membro da Real Academia Galega) que está seguido da dedicatoria que Guerra da Cal (1992) fai a súa tía:

A Teteyo, tía e mai,

que gorentou a minha infancia no Sil

con mundos solerminhos de fantasía poética.[1]

O autor apenas ten un ano cando lle morre o pai e a nai marcha a estudar á Escola Superior Normal en Madrid, o que fixo que deixara a Da Cal e a seu irmán co seu avó e coa súa tía Consuelo, "Teteyo", en Quiroga (Lugo).

A continuación, está a "Nota" (titulada no índice "Nota do autor") que máis tarde, na edición da AGAL, estará recollida como "Nota de autor" e na que Ernesto Guerra da Cal fai unha proposta de galego reintegrado, seguindo o consello de Manuel Murguía que era partidario da unificación lingüística con Portugal. Isto aparece xustificado por Da Cal (1992) na "Nota do autor" de Lua de alén mar:

Empregamos grafía portuguesa para todo-los fonemas galegos que por meio dela poden ser representados sen se deturpar o caráiter da nosa peculiaridade idiomática. Moven-nos a isto duas razóns, ao noso ver válidamente xustificadoras: —a primeira é a evidencia de que o sistema gráfico vixente ata hoxe entre nós non ten base algũha respeitábel nen histórica, nen científica; a segunda, i-ainda mais importante, é o considerarmos inadiábel o restabelecimento dos vencelhos tradicionaes das nosas letras com o ámbito amplo e rico da cultura luso-brasileira, à cal, tanto pola verba, canto polo esprito pertencemos.[2]

Este libro é o primeiro despois do Rexurdimento escrito en galego reintegrado, e que en 1992, 33 anos máis tarde da publicación de Lua de alén mar por parte de Galaxia, AGAL fixo unha reedición en galego reintegrado seguindo o padrón da comunidade luso-falante.

Os poemas están divididos en seis partes: "Tríptico", "Fiestra da saudade", "Cançonetas do amor em clave de Lua", "Desenhos à toa", "Miradouro infindo" e "Alemparte do espelho". Na primeira das seis partes hai tres poemas dedicados a poetas importantes da literatura galega: o primeiro "Triadas a Dom Paio Gomes Chaminho", o segundo "Cantiga a Luís de Camões" e o terceiro "Ladainha a Rosalía de Castro" a quen Ernesto Guerra da Cal homenaxea publicando Antologia poética. Cancioneiro rosaliano, libro recompilatorio das obras da autora. Esta antoloxía foi publicada en Lisboa en 1985 para conmemorar o centenario da súa morte.

E por último o "Glosario de termos para portugueses e brasileiros" que amosa o público ao que este libro estaba dirixido.

Segunda edición[editar | editar a fonte]

A reedición de Lua de alén mar da man de Associaçom Galega da Língua, revisada e anotada polo propio autor, data do 19 de decembro de 1991, que coincide co 80º aniversario do autor e co 10º aniversario da Associaçom, mais este libro sae ao mercado en 1992. Nesta reedición inclúense dous poemarios Lua de Alén-Mar e Rio de sonho e tempo, do mesmo autor. Non é casualidade que fose AGAL quen publicase esta reedición xa que Da Cal é Membro de Honra. No 40º aniversario de Lua de alén mar, AGAL conmemora o libro sinalando a súa importancia para o reintegracionismo, dato importante polo feito de que este foi o primeiro con esta proposta normativa ortográfica publicado pola asociación.

Ademais do limiar, da dedicatoria e da nota de autor que xa aparecen na primeira edición de Galaxia, esta reedición inclúe:

  1. A presentación do volume pola presidenta de AGAL, María do Carmo Henríquez Salido, tamén profesora da Universidade de Vigo.
  2. "Guerra da Cal, Poeta de Aquém e Além-Minho", por Carlos Durán.
  3. O esbozo biográfico de Guerra da Cal que foi extraído do seu currículum vítae, por Elsie Allen da Cal.
  4. Nota preambular do propio autor, exclusiva para esta edición.

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

Lua de alén mar foi coñecido fóra de Galiza, pois Da Cal pasou moitos anos no estranxeiro o que dificultou o contacto coa súa terra. Esta repercusión vese recollida na edición de AGAL de 1992 onde Carlos Durán afirma: "A publicação de Lua de além mar [...] causou uma verdadeira sensação nas letras galegas, faltas como estavam de horizontes abertos além Minho e além mar"[3] . En 1960 gañou os Jogos Florais Galaico-portugueses celebrados en Guimarães (Portugal).

Lua de alén mar tivo un amplo recoñecemento internacional en publicacións como a Revista Hispánica Moderna da Universidade de Columbia e Books Abroad da Universidade de Oklahoma dos Estados Unidos. Ademais, moitos escritores e escritoras fóra de Galiza manifestáronse e valoraron Lua de alén mar, entre eles destacan: en Brasil, Manuel Bandeira; en Francia, Eugenio Granell; en Portugal, Manuel Rodrigues Lapa; en Porto Rico, Aurora de Albornoz; en Italia, Giuseppe Carlo Rossi; nos Estados Unidos, Daniel Cortezón; en Mozambique, Joaquim Montezuma de Carvalho; en Checoslovaquia, Zdenek Hampejs; e en México, Manuel García Barros. Ningunha obra da literatura galega adoitaba ter tal impacto internacional.

A pesar de todo este recoñecemento internacional da obra de Ernesto Guerra da Cal, en Galiza foi moi descoñecida incluso chegando a ignorar ao autor nalgúns dos libros sobre historia da literatura galega e en moitos dos medios académicos oficiais.[Cómpre referencia] Aínda que non foi moi coñecido en Galiza si que foi moi apoiado pola crítica literaria, en parte pola súa oposición ao franquismo que tanto afectaba á produción literaria da época tendo en conta que este poemario está escrito en galego reintegrado.

Dentro da crítica positiva cara o poemario de Da Cal destacan as dos xornais galegos de autores como: Ánxel Fole, Manuel Rabanal, Xosé Luís Franco Grande, Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón Lorenzo, Vicente Risco, Fernando Mon Rodríguez e Otero Pedrayo; que destacan a innovación que facía Lua de alén mar na literatura galega.

Reprodución dos poemas de Lua de alén mar noutras obras[editar | editar a fonte]

Algúns dos poemas de Lua de alén mar están recollidos noutros libros do propio Da Cal e tamén doutros autores. Un exemplo disto é antoloxía 50 Anos de Poesía Galega que foi publicada en 1994 e na cal Guerra da Cal incluíu un "Decálogo lírico" e dezasete composicións dos seus poemarios, en concreto catro de Lua de alén mar. En segundo lugar, na última parte do libro Caracol ao pôr-do-sol de Guerra da Cal, titulada "Sumo parnaso nosso", inclúe a composición "Cantiga a Luís de Camões" xa integrada en Lua de alén mar. Un terceiro exemplo é Guerra da Cal. Breve Antologia Poética, onde Carlos Durão inclúe dúas composicións de Lua de alén mar.[cando?]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Guerra da Cal (1959), p.13
  2. Guerra da Cal (1959), p. 14
  3. Guerra da Cal (1992), p. 17

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Imaxes externas
Imaxe do índice da edición de 1959