Ernesto Guerra da Cal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ernesto Guerra da Cal
Guerra da Cal con Castelao, nunha reunión con amigos en Nova York.jpg
Guerra da Cal (cun vaso na man) con Castelao, nunha reunión con amigos en Nova York.
Nome completoErnesto Román Laureano
Ernesto Pérez Güerra
Ernesto Guerra da Cal [1]
Nacemento19 de decembro de 1911
LugarFerrol
Falecemento28 de xullo de 1994
LugarLisboa
SoterradoLisboa
NacionalidadeEspañola e estadounidense
OcupaciónFilólogo e escritor
CónxuxeMatilde Ucelay
FillosEnric Ucelay Da Cal
PremiosBolsa Guggenheim
editar datos en Wikidata ]

Ernesto Román Laureano Pérez Guerra, máis coñecido como Ernesto Guerra da Cal, nado en Ferrol o 19 de decembro de 1911 e finado en Lisboa o 28 de xullo de 1994, foi un filólogo e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacido en Ferrol, tras a temperá morte do seu pai, a súa nai trasladouse a Madrid para retomar os seus estudos na Escola Superior Normal, deixándoo a el e o seu irmán ao cargo da familia de Quiroga, Lugo, vila onde pasou a súa infancia e coa que conservou sempre unha fonda ligazón sentimental.

Cando contaba con apenas once anos a súa nai obtivo praza de mestra en Madrid, e levou a ambos os fillos con ela. Ernesto viveu na capital entre os once e os vinte e cinco anos. Nela cursou o bacharelato e a carreira de Filosofía e Letras, ao tempo que comezou a desenvolver unha certa conciencia política que o levou a participar das protestas estudantís contra a ditadura de Miguel Primo de Rivera, sendo detido varias veces. Tamén entrou en contacto coa vida intelectual da capital, asistindo ás sesións do Ateneo e entrando en contacto con algunhas figuras destacadas. No ano 1931 coñeceu a Federico García Lorca, persoa coa que vai ter unha grande amizade e coa que compartirá a ideoloxía republicana. Nos primeiros anos da Segunda República Española, ambos acudiron xuntos a diversos faladoiros da capital, tanto aos da Casa de las Flores, organizados por Pablo Neruda, como aos do Café Regina, de carácter galeguista. Guerra da Cal asistiu tamén á fundación de La barraca, o grupo teatral de Lorca, e puxo a este en relación con algúns intelectuais galegos, destacadamente con Eduardo Blanco Amor. A relación entre ambos está tamén no fondo da composición do seu libro Seis poemas galegos, do que Guerra da Cal actuaría como un dos incitadores e como puntual auxilio lingüístico[2].

Cando comezou a Guerra Civil española, Ernesto foi combater do lado republicano formando parte das Milicias Gallegas. No 1937 apareceu na revista Nova Galiza o seu poema Mariñeiro fusilado, a súa primeira publicación literaria. En 1939, a derrota republicana sorprendeuno en Nova York, cumprindo unha misión para o goberno da República. Ficou exiliado na cidade norteamericana, onde nos primeiros anos entrou en contacto novamente con Castelao e outros exiliados.

Placa en Ferrol.

Nos Estados Unidos vai desenvolver unha frutífera carreira académica. Primeiro ocupou a cátedra de Linguas e Literaturas Románicas, e despois foi director do Departamento de Español e Portugués do Washington Square College. Neses anos publicou Língua e estilo de Eça de Queirós (1954), un dos estudos máis importantes sobre o autor portugués. En 1956 colaborou tamén no Dicionário das Literaturas Portuguesa, Brasileira e Galega de Jacinto do Prado Coelho, encargándose das entradas referidas á literatura galega. Tamén neses anos desenvolveu a creación literaria, dando ao prelo libros de poemas como Lúa de além-mar (1959), Poemas (1961), Rio de sonho e tempo (1962) ou Motivos de eu (1966).

Ao adoptar a nacionalidade estadounidense, no ano 1954 adoptou tamén legalmente o nome de Ernesto Guerra da Cal, aplicando as regras anglosaxoas de formación de nomes, nas que o apelido da nai vai en primeiro lugar, motivo polo que o seu fillo Enric leva os apelidos Ucelay da Cal.

No ano 1977, xa xubilado, pasou a vivir en Estoril, Portugal. Neses anos publicou entre outros libros, os poemarios Futuro inmemorial (1985), Deus, tempo, morte, amor e outras bagatelas (1987), Espelho cego (1990) e Caracol ao Pôr-do-Sol.

É de destacar, tanto na súa traxectoria académica como literaria, o firme compromiso, político e ortográfico, coa unidade da lingua galego-portuguesa e co espazo da lusofonía.

Morreu en xullo do ano 1994, en Lisboa, cidade na que está enterrado.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

A súa primeira muller foi Margarita Ucelay Maórtua, irmá da arquitecta Matilde Ucelay[2].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]