Hormona peptídica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Hormona proteica»)
A oxitocina consta de só 9 aminoácidos.
O glicagón consta de 29 aminoácidos.
A hormona do crecemento (GH) é unha pequena proteína de 191 aminoácidos.

As hormonas peptídicas, hormonas polipeptídicas e hormonas proteicas son hormonas formadas por cadeas de aminoácidos, que forman péptidos, polipéptidos ou pequenas proteínas. Estas hormonas teñen un efecto sobre a regulación do organismo.[1] Os seus tamaños son moi variables; algunhas son moi pequenas, como a oxitocina, que é un péptido de só 9 aminoácidos; outras son maiores, como o glicagón, que é un polipéptido de 29 aminoácidos; outras son pequenas proteínas, como a hormona do crecemento, de 191 residuos de aminoácidos, e outras poden estar formadas por varias cadeas, como a relaxina, formada por dúas cadeas de 24 e 29 aminoácidos unidas.

Véxase tamén: Hormona.

Síntese e funcionamento[editar | editar a fonte]

Como todos os péptidos e proteínas, estas hormonas sintetízanse nos ribosomas das células a partir da tradución dun ARNm, o cal está codificado nalgún xene do ADN. As preprohormonas son precursores das hormonas peptídicas, que despois son procesadas en varios pasos, xeralmente no retículo endoplasmático, de maneira que se lle retira a secuencia sinal do extremo N-terminal e ás veces son glicosiladas, orixinando prohormonas. As prohormonas son despois empaquetadas en vesículas secretoras rodeadas de membrana, que poden ser secretadas da célula por exocitose en resposta a estímulos específicos (por exemplo, un incremento da concentración de Ca2+ e AMPc no citoplasma).[2]

Estas prohormonas a miúdo conteñen residuos de aminoácidos superfluos que eran necesarios para dirixir o pregamento da molécula hormonal na súa configuración activa pero non teñen ningunha función unha vez que a hormona se prega. Endopeptidases específicas presentes na célula clivan a prohormona xusto antes de que sexa liberada no torrente sanguíneo, xerando a forma da hormona madura da molécula. A hormona peptídica madura viaxa despois a través do sangue a todas as células do corpo, onde interaccionan con receptores específicos nas superficies das súas células diana.

Algúns neurotransmisores son segregados e liberados de modo similar ao das hormonas peptídicas, e algúns 'neuropéptidos' poden utilizarse como neurotransmisores do sistema nervioso ademais de actuar como hormonas cando se liberan no sangue.

As hormonas peptídicas e proteicas non penetran na célula, xa que non poden atravesar a membrana, polo que actúan uníndose a un receptor da superficie celular (ao contrario que as hormonas esteroides poden atravesar a membrana porque son liposolubles). Cando unha hormona peptídica se une ao seu receptor na membrana, fórmase unha molécula no citoplasma chamada segundo mensaxeiro que desencadea unha transdución de sinais que orixinan as respostas celulares.[3]

Algúns péptidos ou proteínas con función hormonal (anxiotensina II, factor de crecemento de fibroblastos básico-2, proteína relacionada coa hormona paratiroide) tamén interaccionan con receptores intracelulares localizados no citoplasma ou o núcleo por un mecanismo intrácrino.[4]

Exemplos de hormonas peptídicas[editar | editar a fonte]

Varias hormonas peptídicas importantes son segregadas na glándula pituitaria. A pituitaria anterior segrega tres: prolactina, que actúa sobre as glándulas mamarias; hormona adrenocorticotropa (ACTH), que actúa no córtex adrenal para regular a secreción de glicocorticoides; e a hormona do crecemento, que actúa sobre os ósos, músculos, e fígado. A glándula pituitaria posterior segrega a hormona antidiurética, tamén chamada vasopresina, e oxitocina. As hormonas peptídicas prodúcense en moitos órganos e tecidos, como o corazón (péptido natriurético auricular ou ANP ou factor natriurético auricular ou ANF) e páncreas (glicagón, insulina e somatostatina), o tracto gastrointestinal (colecistoquinina, gastrina), e o tecido adiposo almacena (leptina).[5][6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Peptide Hormone Secretion/Peptide Hormone Action: A Practical Approach, K. Siddle, J. C. Hutton, Oxford University Press, 1991, ISBN 0-19-963073-9.
  2. Siddle, K.; Hutton, J. C. (1990). Peptide Hormone Secretion: A Practical Approach (en inglés). IRL Press at Oxford University Press. ISBN 978-0-19-963069-1. 
  3. The Practice of Medicinal Chemistry, C. G. Wermuth, Academic Press, 2003, ISBN 0-12-744481-5.
  4. The Endocrine System in Sports and Exercise, William J. Kraemer, Alan D. Rogol, Blackwell Publishing, 2005, ISBN 1-4051-3017-2.
  5. Dictionary of Biological Psychology, Philip Winn, Taylor and Francis, 2001, ISBN 0-415-13606-7.
  6. McGraw-Hill Encyclopedia of Science & Technology, Sybil P. Parker, McGraw-Hill, 1997, ISBN 0-07-911504-7.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]