European Rugby Challenge Cup

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «European Challenge Cup»)

A European Challenge Cup, coñecida como a Parker Pen Shield do 2001 ao 2003 e como Parker Pen Challenge Cup de 2003 a 2005, é a segunda competición europea de rugby en importancia, trala Heineken Cup. Nela compiten equipos de Inglaterra, Francia, Gales, Irlanda, Italia, Romanía, e ás veces Portugal e España, en cinco grupos de catro equipos cada un, e logo en enfrontamentos directos nunha fase final. Dende a disolución do terceiro equipo profesional de Escocia, este país no foi reprensentado máis, aínda que os seus dous equipos profesionais, o Glasgow Warriors e o Edinburgh Rugby compiten na Heineken Cup. O gañador actual da temporada 2008-2009, é o club inglés dos Northampton Saints, quen venceu os franceses do Bourgoin por 15-3 na final celebrada no estadio Twickenham Stoop de Londres o 22 de maio de 2009.

Na tempada 2009-2010 imponse un novo regulamento de acceso á fase final polo cal só se clasifican os cinco mellores equipos da European Challenge Cup e os 3 mellores equipos eliminados da Heineken Cup.[1]

Actualmente está en curso a tempada 2010/11.

Historia[editar | editar a fonte]

A European Challenge Cup foi creada en 1996, un ano despois da creación da Heineken Cup como unha competición de menor entidade que esta. Na actualidade, ambas as dúas son as únicas competicións europeas de clubs. A Challenge constituíuse como unha segunda Copa de Europa que permitise aos equipos das primeiras divisións inglesa e francesa disputar encontros internacionais. Esta competición atravesou varias etapas dende a súa creación:

Dominio Francés: 1996-1999[editar | editar a fonte]

A Challenge Cup comezou como "European Conference" (máis tarde volveuse cambiar o nome polo de European Shield) en 1996 con 24 equipos de Inglaterra, Francia, Italia, Romanía, Escocia e Gales divididos en catro grupos de seis equipos cada un. Trala fase de grupos pasábase a unhas roldas finais, pasando os sete equipos franceses (nesta primeira tempada) aos cuartos de final xunto co club inglés Northampton Saints, sendo este o único non francés que accedeu a esta fase. Como era de esperar, esta primeira edición rematou cunha final francesa, entre o Bourgoin e o Castres Olympique, con vitoria dos primeiros por 18-9.

Ao ano seguinte, a competición aumentou coa entrada de novos equipos, facendo un total de 32 divididos en oito grupos de catro equipos cada un. O Colomiers continuou co dominio francés na European Shield, gañando ao Agen (tamén francés) por 43 a 8 na final.

Na tempada 1998-99 destacou a ausencia dos equipos ingleses e escoceses, reducindo a competición a 21 equipos, divididos en tres grupos de sete cada un, e coa inclusión das seleccións nacionais de España e Portugal. Porén, isto non foi impedimento para que un equipo francés fose de novo campión, con Montferrand gañando ao Bourgoin por 35 a 16 na final que tivo lugar en Lión (Francia).

A seguinte tempada (1999-2000) vén marcada pola volta á competición dos clubs ingleses e escoceses, co que fan un total de 28 equipos divididos en sete grupos de catro. Nesta tempada, por primeira vez, dous equipos ingleses acadan as semifinais: London Irish e Bristol, mais non poden evitar outra final completamente francesa na que Pau se converte en campión tras vencer a Castres Olympique na final por 34 a 21.

Unha nova era: A fin do dominio francés (dende o 2000 ata a actualidade)[editar | editar a fonte]

Na tempada 2000-2001 na que por primeira vez non había trocos no formato da competición, a pesar de que non xogou ningún equipo romanés. As semifinais foron, unha completamente inglesa e a outra completamente francesa co que se aseguraba unha final cun equipo inglés e un francés por primeira vez dende o comezo da competición en 1996. A devandita final inédita, xogárona o NEC Harlequins fronte ao Narbonne, na que gañaron os ingleses rematando así co dominio francés na European Shield, tras unha final moi disputada que rematou con 27-26 logo de xogarse un tempo suplementario.

A seguinte tempada chegou co desembarco dun novo patrocinador, co que pasou a denominarse: "Parker Pen Shield". Participaron 32 equipos divididos en oito grupos de catro coa novidade de que participaron dous clubs españois e Romanía tamén estaba representada. Nesta ocasión só un equipo francés acadou os cuartos de final, xunto con 5 ingleses e 2 galeses. E ademais, este equipo francés de Pau non superou esta fase tras perder contra London Irish, co que se deron unhas semifinais atípicas con só equipos ingleses e galeses. Ademais, o equipo galés Pontypridd chegou á final, que perdeu ante os Sale Sharks no Kassam Stadium de Oxford cun marcador final de 25-22 a favor dos ingleses.

Un novo troco no formato foi levado a cabo na tempada 2002-2003, eliminouse o formato de liga e transformouse nun torneo con enfrontamentos directos entre equipos. Nesta ocasión participaron 32 equipos de oito países distintos, a metade deles divididos segundo a súa calidade e enfrontándose contra outros de menor calidade (deportivamente falando) nun choque de ida e volta. O nome de "Parker Pen Shield" foi aplicado ao torneo de repesca para aqueles equipos que non se clasificaban para a segunda rolda da Parker Pen Challenge Cup. O galador desta competición ademais, gañaba unha praza automaticamente para a Heineken Cup da seguinte tempada. Neste caso foron os London Wasps os que venceron na final ao Bath por 48-30 no Madejski Stadium, de Reading (Inglaterra).

A tempada 2003-2004 a competición sofre outro troco, mais desta vez propiciado porque a Welsh Rugby Union votou a favor da creación de rexións que participasen na Liga Celta e que estes novos equipos representasen a Gales dentro das competicións europeas. Esta redución do número de clubs profesionais galeses de nove a cinco fixo que non houbese representación nesta tempada de equipos galeses. Ademais, Romanía tampouco tomou parte nesta edición, que por outra banda non sufriu grandes trocos no formato de competición. En termos deportivos, os NEC Harlequins proclamáronse campións tras gañaren no último segundo por 27 a 26 a Montferrand no Madejski Stadium, gañando así o campionato por segunda vez.

A nova tempada 2004-2005, non sufriu trocos e Sale Sharks consegue unha fácil vitoria na final de 2005 por 27-3 sobre Pau.

Finalmente, na tempada 2005-2006 abandónase a "Parker Pen Shield" reestruturando a European Challenge Cup outra vez nun formato de liga seguido de eliminatorias. Fixéronse cinco grupos de catro equipos que participarían en partidos de ida e volta. Ademais, volveu o interese romanés pola competición cun combinado de xogadores da liga romanesa que participan no equipo Bucureşti Oaks formado ex-profeso para representar a Romanía na competición europea, con todo, non houbo representación española nin portuguesa. Esta tempada deparou a final máis igualada ata o momento, na que Gloucester adiantou no tempo extra aos London Irish e venceu por 36-34.

Na tempada 2006-2007 o formato da competición seguiu sendo de cinco grupos de catro equipos cada un, co que fan un total de 20 equipos de seis países diferentes. A competición en si non sofre moitas variacións máis, si que sofre a sorpresa do retorno á vitoria dun equipo francés, o Montferrand que derrotou na final celebrada en Twickenham Stoop de Londres (Inglaterra) por 22 a 16 ao Bath Rugby inglés, converténdose así no primeiro equipo francés que gañaba dúas European Challenge Cup.

A tempada 2007-2008, trae de volta a un equipo español á competición, o Club de Rugby El Salvador vencedor da División de Honra española en calidade de convidado. No entanto, non hai modificacións no formato que leva a xogar a tódolos equipos seis encontros da fase de grupos. Non hai sorpresas con respecto á clasificación para as seguintes fases e na final de Gloucester (Inglaterra) enfróntanse: Bath Rugby contra Worcester Warriors nunha final que gañaron os primeiros cun marcador final de 24-16.

Durante a temporada 2008-2009, volve ser convidado o equipo español de El Salvador tras ter vencido, de novo, a liga española na tempada anterior. Trala fase de grupos pasan 5 clubs ingleses, 2 franceses e o participante irlandés. Na fase final destaca a clasificación, inesperada polas súas malas tempadas nas súas ligas nacionais, dos Northampton Saints ingleses e o club francés CS Bourgoin-Jallieu. Vencendo os primeiros por 15-3 na final disputada no estadio londiniense de Twickenham Stoop.

Na fala común, á European Challenge Cup a equiparan coa Copa da UEFA de fútbol, e á Heineken Cup coa Liga de Campións.

Participación na European Challenge Cup[editar | editar a fonte]

Na European Challenge Cup participan 20 equipos de sete países, divididos en cinco grupos de catro equipos cada un.[2]

Os 20 equipos que participan no torneo de 2009-2010 están compostos de:

Diagrama que amosa a clasificación para a Heineken Cup e a European Challenge Cup.

Cómpre salientar que como Escocia perdeu a un dos seus equipos profesionais convidouse a participar ao campión da liga española dende a tempada 2007-2008. Na tempada 2009-2010 esa praza foi parar a un equipo nado da fusión de xogadores internacionais españois xunto con xogadores do campión da liga, o CRC Madrid, chamando a este equipo Olympus Rugby XV Madrid. O equipo galés tamén perdeu a súa praza debido á redución do número de equipos desta nacionalidade na Magners League pasando de 5 a 4 e participando todos eles na Heineken Cup e deixando esa praza a outro conxunto italiano, esta praza dispútase nun partido entre o cuarto equipo galés e o terceiro italiano, xogando o gañador a Heineken Cup e o perdedor a Challenge. A praza adxudicada a Romanía dispútaa unha selección romanesa de xogadores chamada Bucureşti Oaks.

O sistema de formación dos grupos realízase por sorteo segundo o ránking europeo de cada equipo, dividindo aos mesmos en catro divisións de equipos e tentando que non haxa 2 equipos dun mesmo país por grupo sendo imposible, na tempoda 2009-2010, no caso dos equipos franceses, mais permitindo que haxa 2 equipos do devandito país no seu grupo. Tampouco é posible que haxa 2 equipos da mesma división dentro do mesmo grupo.[3] As divisións para esta tempada quedaron do seguinte xeito:

División 1 Inglaterra London Wasps Inglaterra Saracens F.C. Francia Bourgoin Inglaterra Worcester Warriors Inglaterra Newcastle Falcons
División 2 Francia Castres Olympique Inglaterra Leeds Carnegie Italia Rugby Calvisano Connacht Francia Montauban
División 3 Francia Montpellier Italia Overmach Parma Francia Aviron Bayonnais Italia Petrarca Rugby Francia RC Toulon
División 4 Italia Rugby Rovigo Francia Racing Métro 92 Francia Sporting Club Albi Romanía Bucureşti Oaks España Olympus Rugby XV Madrid

Equipos 2009-2010[editar | editar a fonte]

Tralo sorteo realizado o 15 de xuño de 2009 na sede da European Rugby Cup en Irlanda, estes equipos son os que compoñen os grupos:

Grupo 1 Grupo 2 Grupo 3 Grupo 4 Grupo 5
Francia Bourgoin Inglaterra Worcester Warriors Inglaterra Saracens F.C. Inglaterra Newcastle Falcons Inglaterra London Wasps
Inglaterra Leeds Carnegie Connacht Francia Castres Olympique Italia Rugby Calvisano Francia Montauban
Italia Overmach Parma Francia Montpellier Francia RC Toulon Francia Aviron Bayonnais Italia Petrarca Rugby
Romanía Bucureşti Oaks España Olympus Rugby XV Madrid Italia Rugby Rovigo Francia Racing Métro 92 Francia Sporting Club Albi

Finais[editar | editar a fonte]

Tempada Campión Marcador Subcampión Sede da Final
2011/12 Biarritz Olympique Pays Basque 21 - 18 RC Toulon Twickenham Stoop,
Londres, Inglaterra
2009/10 Cardiff Blues 28-21 Toulon Stade Vélodrome,
Marsella, Francia
2008/09 Northampton Saints 15 - 3 CS Bourgoin-Jallieu Twickenham Stoop,
Londres, Inglaterra
2007/08 Bath Rugby 24 - 16 Worcester Warriors Kingsholm Stadium,
Gloucester, Inglaterra
2006/07 ASM Clermont Auvergne 22 - 16 Bath Rugby Twickenham Stoop,
Londres, Inglaterra
2005/06 Gloucester 36 - 34 London Irish Twickenham Stoop,
Londres, Inglaterra
2004/05 Sale Sharks 27 - 3 Section Paloise Kassam Stadium,
Oxford, Inglaterra
2003/04 Harlequins 27 - 26 AS Montferrand Madejski Stadium,
Reading, Inglaterra
2002/03 London Wasps 42 - 33 Bath Rugby Madejski Stadium,
Reading, Inglaterra
2001/02 Sale Sharks 25 - 22 Pontypridd RFC Kassam Stadium,
Oxford, Inglaterra
2000/01 Harlequins 42 - 33 Racing Club Narbonne-Mediterranée Reading,
Londres, Inglaterra
1999/2000 Section Paloise 34 - 21 Castres Olympique Stade des Sept Deniers,
Tolosa, Francia
1998/99 AS Montferrand 35 - 16 CS Bourgoin-Jallieu Stade Gerland,
Lión, Francia
1997/98 US Colomiers 43 - 5 SU Agen Stade des Sept Deniers,
Tolosa, Francia
1996/97 CS Bourgoin-Jallieu 18 - 9 Castres Olympique Stade de la Méditerranée,
Béziers, Francia

Histórico de vitorias[editar | editar a fonte]

Ránking País Equipo Competición
nacional
Veces
Gañador
Veces
Finalista
1 Francia
Francia
ASM Clermont Auvergne Top 14 2 1
2 Inglaterra
Inglaterra
NEC Harlequins Guinness Premiership 2 0
Inglaterra
Inglaterra
Sale Sharks Guinness Premiership 2 0
4 Inglaterra
Inglaterra
Bath Guinness Premiership 1 2
5 Francia
Francia
Bourgoin Top 14 1 2
Francia
Francia
Pau Top 14 1 1
7 Francia
Francia
Colomiers Top 14 1 0
Inglaterra
Inglaterra
London Wasps Guinness Premiership 1 0
Inglaterra
Inglaterra
Gloucester Guinness Premiership 1 0
Inglaterra
Inglaterra
Northampton Saints Guinness Premiership 1 0
Francia
Francia
Castres Top 14 0 2
11 Inglaterra
Inglaterra
London Irish Guinness Premiership 0 1
Francia
Francia
Narbonne Top 14 0 1
>br />Gales Pontypridd RFC Welsh Premier Division 0 1
Inglaterra
Inglaterra
Worcester Warriors Guinness Premiership 0 1

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

En Inglés:

  1. "Equipos da Heineken Cup intégranse aos cuartos de final da Challenge Cup (inglés)". Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2009. Consultado o 02 de marzo de 2010. 
  2. http://www.ercrugby.com/eng/268_4700.php Arquivado 06 de maio de 2008 en Wayback Machine. Normas e Regulacións da European Rugby Cup (ERC)
  3. http://www.ercrugby.com/eng/174_12799.php Arquivado 14 de xuño de 2009 en Archive.is Sorteo de Grupos da European Challenge Cup 2009-2010

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]