EVOL

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

EVOL
Álbum de Sonic Youth
Publicadomaio de 1986
Gravaciónmarzo de 1986
Duración39:09
Xénero(s)rock alternativo, noise rock
Selo(s)SST
Producido porSonic Youth con Martin Bisi
Cronoloxía
Bad Moon Rising EVOL Sister

EVOL é o terceiro álbum de estudio da banda estadounidense de rock alternativo Sonic Youth, editado en maio do ano 1986 a través do selo SST Records. É o primeiro traballo no que aparece o actual batería da banda Steve Shelley, que substituíra a Bob Bert a mediados de 1995. No disco pódese ver unha transición da sonoridade da banda, indo do son máis noise rock dos seus álbums anteriores cara a unha maior sensibilidade rock. A portada é unha fotografía de Lung Leg, tomada da película Submit to Me, de Richard Kern.

Neste disco atópase a primeira verdadeira colaboración nun traballo de Sonic Youth, ao gravar Mike Watt, da banda Minutemen, o baixo nos temas "In the Kingdom #19" e "Bubblegum" (esta segunda só aparecía como canción extra no CD). Nese momento foi cando o proxecto Ciccone Youth comezou a coller forma, e realmente as cancións "Into The Groovey" e "Tuff Titty Rap", aparecidas no seu The Whitey Album, foron gravadas nas sesións de EVOL[1].

En abril do ano 2016 a revista Rolling Stone colocouno no posto 30 da súa lista dos 40 mellores álbums de punk de todos os tempos.[2]

Antecedentes e gravación[editar | editar a fonte]

En xuño de 1985, durante a xira de Bad Moon Rising, Bob Bert deixou a banda e foi substituído por Steve Shelley. A nova formación comezou a traballar rapidamente en material para o seu terceiro álbum. A banda asinou un contrato con SST Records xa que, cara 1986, o seu fundador Greg Ginn estaba ansioso por afastarse das súas raíces hardcore. Sonic Youth tomou un descanso tras a xira e rematou as composicións para EVOL. En marzo de 1986 a banda gravou o disco en BC Studio con Martin Bisi.[3] EVOL foi a segunda vez na que o grupo traballou coa cantante e artista de Nova York Lydia Lunch. Lunch compartiu voces no tema "Death Valley '69" e compuxo a canción "Marilyn Moore" con Thurston Moore.

Mike Watt tocou o baixo nos temas "In the Kingdom #19" e na versión de "Bubblegum". A banda animouno a tocar no primeiro deses temas pouco despois da morte do seu compañeiro en Minutemen D. Boon nun accidente de tráfico. Casualmente, a canción fala tamén dun accidente na estrada. Watt entrara nunha severa depresión tras a morte de Boon e estaba considerando deixar a súa carreira na música. Watt falou do tempo que pasou cos membros de Sonic Youth durante a gravación do disco como un factor importante na súa decisión de continuar tocando.[3][4] A seguinte banda de Watt, Firehose, actuaría con Sonic Youth na xira Flaming Telepaths. Durante ese tempo o grupo iniciou o proxecto Ciccone Youth, que contaba con todos os membros de Sonic Youth e con Watt. Editaron un sinxelo formado por tres temas: "Into the Groove(y)" (unha versión do éxito de Madonna "Into the Groove", que incorporaba fragmentos da súa gravación) e a curta "Tuff Titty Rap" na cara a (ámbalas dúas interpretadas polos membros de Sonic Youth), e "Burnin' Up" (interpretada por Watt con guitarras adicionais de Greg Ginn) na cara b.[5] O proxecto deu como resultado en 1988 o disco The Whitey Album.

No álbum en formato vinilo, a lonxitude de "Expressway to Yr. Skull" está indicada co símbolo de infinito (∞); a parte final do tema ten unha rañura de bloqueo (locked groove), marcando o seu final teórico. A versión en CD engade unha canción extra: a versión do tema de Kim Fowley "Bubblegum". Segundo Watt, el e Shelley tocaron o ritmo básico sobre a gravación real de Fowley, que posteriormente foi eliminada cando os outros músicos engadiron as súas partes.

Listaxe de cancións[editar | editar a fonte]

Tódolos temas escritos e compostos por Sonic Youth (Thurston Moore, Kim Gordon, Lee Ranaldo, Steve Shelley), agás onde se indique.. 

N.º TítuloLetrasVoces Duración
1. "Tom Violence"  MooreMoore 3:05
2. "Shadow of a Doubt"  GordonGordon 3:32
3. "Star Power"  MooreGordon 4:48
4. "In the Kingdom #19"  RanaldoRanaldo 3:24
5. "Green Light"  MooreMoore 3:46
6. "Death to Our Friends"     3:16
7. "Secret Girl"  GordonGordon 2:54
8. "Marilyn Moore"  Lydia Lunch, Moore   
9. Sin título   Moore 4:04
10. "Expressway to Yr. Skull"     7:19
N.º TítuloEscritor(es)Voces Duración
11. "Bubblegum"  Kim FowleyGordon, Ranaldo 2:49

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2011. Consultado o 16 de febreiro de 2011. 
  2. Rolling Stone (ed.). "Lista dos '40 mellores álbums de punk de todos os tempos'". Arquivado dende o orixinal o 07 de abril de 2016. Consultado o 7 de abril de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Sonic Youth (ed.). "EVOL". Consultado o 13 de outubro de 2016. 
  4. Browne, David (2009). Goodbye 20th Century: A Biography of Sonic Youth. Da Capo Press. ISBN 0306816032. 
  5. Discogs (ed.). "Ciccone Youth Into the Groovy / Burnin' Up". Consultado o 13 de outubro de 2016.