A Thousand Leaves é o décimo álbum da banda estadounidense de rock alternativoSonic Youth, editado o 12 de maio de 1998 polo selo DGC Records. Foi o seu primeiro grande traballo en ser gravado no seu estudo privado de Manhattan, chamado Echo Canyon e construído cos cartos que gañaron no festival de Lollapalooza de 1995. Como a banda tivo liberdade de tempo para traballar no seu estudio, o álbum conta con varios temas longos e de carácter improvisado que foron desenvolvidos desigualmente. Tres EPs altamente experimentais, Anagrama, Slaapkamers met slagroom e Invito al ĉielo, foron gravados de xeito simultáneo a este disco.
Tras o seu lanzamento o disco acadou o número 85 na lista Billboard 200[1] e o 38 na lista británica de álbums.[2] A canción "Sunday" foi editada como sinxelo contando cun vídeo musical dirixido por Harmony Korine e protagonizado polo actor Macaulay Culkin.[3] En xeral o álbum tivo unha boa recepción, louvando os críticos as longas e tranquilas interaccións de guitarra entre Thurston Moore e Lee Ranaldo. Porén, algúns criticaron a forzada entrega vocal de Kim Gordon e atoparon varias cancións innecesariamente longas e pobremente construídas.
A Thousand Leaves é a continuación do álbum de 1995Washing Machine, que foi editado pouco despois de que a banda rematase o seu período como cabeza de cartel do festival de Lollapalooza.[4] Cos cartos que fixeron no festival decidiron construír un estudio de gravación, bautizado como Echo Canyon, na rúa Murray do Lower Manhattan.[4][5] O espazo de preto de tres anos entre Washing Machine e A Thousand Leaves representou o espazo máis longo entre álbums de estudio de Sonic Youth ata a data. O cantante e guitarrista Thurston Moore explicou que a banda precisaba un descanso, destacando que estiveran xirando sen parar durante 16 anos. Moore dixo, "Estamos tendo fillos, estamos facéndonos vellos, imos arrefriarnos un pouco e a construír este taller, e seguir así, traballando esa ruta".[6] No seu estudio, a banda comezou a escribir novas cancións de improvisacións realizadas nos ensaios.[6] Varias jams instrumentais foron editadas como EPs a través do propio selo do grupo, Sonic Youth Recordings, e distribuídas por Smells Like Records, unha discográfica independente fundada polo batería Steve Shelley.[6] Entre eses EPs estaban Anagrama, Slaapkamers met slagroom e Invito al ĉielo'.[6]
Ao ser A Thousand Leaves o primeiro álbum de Sonic Youth en ser gravado no seu propio estudio, a banda tivo máis tempo e liberdade para traballar nel.[6] Como resultado, as cancións evolucionaron de xeito desigual e foron gravadas dende unha fase temperá de desenvolvemento. Segundo o guitarrista Lee Ranaldo, o álbum é "un reflexo de onde estabamos nese momento. Non queríamos facer nada conciso. Estabamos sinxelamente tocando o que queríamos tocar. Realmente non sentíamos que o que tiñamos que facer era producir outro disco coo Goo".[4] A canción de 11 minutos "Hits of Sunshine (For Allen Ginsberg)" inicialmente quería editarse nun dos EPs como un tema instrumental, pero finalmente foi incluída no álbum con voces.[6] O disco foi coproducido pola banda e o produtor de Confusion Is SexWharton Tiers. Foi masterizado por Greg Calbi en Masterdisk, en Nova York.
A Thousand Leaves foi publicado en vinilo, CD e casete o 12 de maio de 1998 por DGC Records.[7] A portada do álbum foi realizada pola artista Marnie Weber, e amosa un hámster e á propia Weber con 10 anos levando cornos de animais.[4] Segundo Moore, a imaxe é unha referencia ao recompilatorio Unlimited Edition da banda alemá de rock experimentalCan. Orixinalmente o disco foi titulado Mille Feuille (A Thousand Leaves en francés) e a portada ía ser unha imaxe de Moore sostendo pasteis.[4] Para promover o álbum editouse unha versión de "Sunday" para a radio como sinxelo en abril de 1998.[6] A banda tamén promoveu o traballo cunha xira polos Estados Unidos e o Canadá dende maio a xuño dese ano.[8]
Tras o seu lanzamento A Thousand Leaves chegou ao número 85 na lista estadounidense Billboard 200 e ao 38 da list británica de álbums.[1][2] O álbum tamén entrou nas listas doutros países, como Francia, Bélxica, Suecia e Noruega.[9][10][11][12] O sinxelo "Sunday" acadou o número 72 na lista británica de sinxelos e foi finalmente publicado en vinilo e CD o 14 de xullo de 1998, contendo unha versión de Nirvana, "Moist Vagina", como unha das súas caras b.[2][13] Un videoclip dirixido por Harmony Korine e protagonizado por Macaulay Culkin foi realizado para o sinxelo.[14] A banda elixiu a Korine debido ao seu traballo nos filmes Kids (1995) e Gummo (1997), o primeiro dos cales contaba con varios actores novos que anteriormente apareceron no vídeo musical do sinxelo de 1993 "Sugar Kane", incluída a actriz estadounidense Chloë Sevigny. Cara ao mes de xullo de 1999 o álbum levaba vendidas 54.000 copias nos Estados Unidos segundo Nielsen SoundScan.[15], e no ano 2005 levaba unhas vendas de 66.000 unidades.[16]