SST Records

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
SST Records
SST Records logo.svg
Compañía nai
Fundado en 1978
Fundador Greg Ginn
Desaparición {{{desaparición}}}
Estado activa
Distribuidoras auto-distribución
Xénero(s) hardcore punk, punk rock, rock alternativo, indie rock, jazz
País de orixe Estados Unidos Flag of the United States.svg
Localización Taylor, Texas
Web oficial sstsuperstore.com

SST Records é un selo independente estadounidense formado en 1978 en Long Beach, California polo músico Greg Ginn. A compañía inicialmente chamouse Solid State Tuners debido a que Ginn vendía equipamentos electrónicos. Ginn transformouna nun selo discográfico para editar material da súa banda Black Flag.

SST inicialmente centrouse na edición de material de bandas de hardcore punk de Southern California. Coma moitas das bandas do selo trataban expandirse máis aló das limitacións do xénero, SST editou moitos álbums clave na evolución do rock alternativo estadounidense, incluíndo a bandas coma Minutemen, Hüsker Dü, Meat Puppets, Sonic Youth ou Dinosaur Jr. Despois de alcanzar o seu pico de edición a finais dos anos 80, SST comezou a aventurarar con publicacións de jazz. SST está hoxe en día baseado en Taylor, Texas. Sonic Youth, Dinosaur Jr. e Meat Puppets reclamron os dereitos do material de SST antes de deixar o selo.

Historia[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Greg Ginn creou Solid State Tuners (SST) cando tiña 12 anos. SST era un negocio de podidos por correo que vendía equipos de radio da Segunda Guerra Mundial modificados. A empresa era pequena pero prosperou durante os seus primeiros anos.[1]

En 1976 Ginn formou a banda de punk rock Panic. Panic gavou oito cancións en xaneiro de 1978, pero ningún selo se interesou en editar ese material agás a discográfica de Los Angeles Bomp! Records. Cara finais de ano Bomp aínda non accedera formalmente a pubicar a súa música nun disco, polo que Ginn decidiu que tiña a suficiente experiencia nos negocios con SST como para publicalo el mesmo.[2] SST Records editou a música gravada pola banda de Ginn (agora chamada Black Flag) como o EP Nervous Breakdown en xaneiro de 1979.[3]

Moitos dos primeiros concertos de Black Flag remataban con violencia, a miúdo coa aparición da policía de Los Angeles. Como resultado disto, a policíu intervíu os teléfonos do selo e mantivo a oficina de SST baixo vixilancia. Ginn afirma que policías de incógnito disfrazados como xente sen fogar sentábanse preto da porta de SST. A banda foi incapaz de contratar un avogado debido á falta de cartos. Cara 1980 os clubs de Los Angeles comezaron a prohibir os concertos de hardcore punk, sumando así máis problema a SST.[4]

SST lanzou o EP de estrea de Minutemen, Paranoid Time, como a súa segunda edición e 1980.[5] As cancións graváronse e mesturáronse nunha noite por 300 dólares. Encarando a hostilidade cara o hardcore punk, os grupos de SST como Black Flag e Minutemen tocaron onde puideron, principalmente festas en casas particulares e en sótanos. Black Flag comezou a viaxar pola costa californiana para tocar no Mabuhay Gardens de San Francisco, facendo sete viaxen en total ata alí. O produtor da SST, Spot, acompañounos como técnico de son e mánager de xira, un traballo que faría durante varios anos, ademais de axudar a gravar gran parte da música do selo.

SST vendeu as súas edicións a pequenos distribuidores a un prezo deliberadamente baixo; porén, xa que os distribuidores normalmente vendían discos de importación, as gravacións normalmente acabaan en tendas especializadas onde se vendían a prezos altos. Ginn decidiu publicar o primeiro álbum de Black Flag, Damaged (1981), a través dun gran distribuidor. SST chegou a un acordo con MCA Records para co-editar Damaged a través de Unicorn Records, un pequeno selo distribuído por MCA. Xusto antes ao lanzamento do disco, MCA decidiu non facelo, citando a súa temática "anti-pais". SST demandou a Unicorn alegando que o selo non pagara os dereitos e os gastos do álbum. Unicorn respostu con outra demanda e obtivo unha medida cautear que impedía a Black Flag editar máis material ata que o case se resolvese. Cando SST lanzou o recompilatorio da banda Everything Went Black, Unicorn demandou a SST en xullo de 1983. Ginn e o baixista de Black Flag, Chuck Dukowski (que se convertera en co-propietario de SST) foron acusados de incumplir a medida cautelar e foron enviados á prisión do condado de Los Angeles cinco días. Posteriormente nese mesmo ano Unicorn entrou en bancarrota e Black Flag puido editar discos novamente.

Expansión e diversificación[editar | editar a fonte]

A pesar dos seus problemas legais, SST continuou publicando discos de artistas como Minutemen, Saccharine Trust e Meat Puppets. En 1982 o grupo hardcore de Minneapolis Hüsker Dü converteuse na primeira banda do selo que non era da costa oeste.[6] Tras a resolución do problema con Unicorn Records, SST publicou catro álbums de Black Flag en 1984. Os múltiples traballos de Black Flag, xunto coa edición dos álbums duplos Zen Arcade e Double Nickels on the Dime de Hüsker Dü e Minutemen respectivamente, aumentaron os recursos do selo. Aínda que SST cría que Zen Arcade tería un éxito considerable no underground, os lanzamentos dunhas 5.000 copias eran un territorio descoñecido para o selo, polo que cometeron o erro de ser demasiado cautos e non fabricar máis dese número de copias na edición inicial. Premiado coa aclamación da crítica en varios medios mainstream, Zen Arcade esgotouse rapidamente e estivo descatalogado durante meses.[7] Ginn decidiu recortar os custes de promoción dos álbums de Black Flag lanzándoos nunha sucesión rápida e tendo á banda de xira tras os lanzamentos.[8]

Durante mediados dos anos 80 Hüsker Dü converteuse na estrela de SST. As súas fortes composicións e a súa música cada vez máis melódica foi unha peza clave na conexión entre o hardcore punk e o desenvolvemento do son do college rock.[9] A gravación e edición constante de discos da banda (que publicou tres álbums entre 1984 e 1985) traducíuse nun aumento dos ingresos do selo que lle permitiu aforrar cartos para pagar novos lanzamentos aos distribuidores.[10] . Porén, a banda sentía que SST non prestaba a suficiente atención aos seus traballos; tras deixar o selo o batería de Hüsker Dü Grant Hart dixo, "Creo que hai un pouco de reticencia pola súa parte para permitir que algo consiga un pouco máis de atención que Black Flag".[11] En 1985 Hüsker Dü quería autoproducir o seu terceiro álbum de estudio, New Day Rising. Ignorando os desexos do grupo, SST asignou a Spot para que supervisase as sesións. Grant Hart explicou posteriormente: "Non non queda outra elección que traballar con el. SST fíxonos traballas con el".[12] Consciente da tensión, Spot "tivo que facer o que a discográfica quería". New Day Rising, como resultado, sería unha das últimas gravacións que Spot fixo para o selo,[13] e a banda asinaría pouco tempo despois con Warner Bros. Records.[14]

O plantel de SST reduciríase aínda máis coa desaparición en 1985 de Minutemen (como resultado da morte do seu guitarrista D. Boon) e coa ruptura en 1986 de Black Flag. O selo substituíu a esas bandas asinando con Sonic Youth, Dinosaur Jr e Bad Brains. Sonic Youth adoitaba a mencionar a SST en entrevistas e segundo o escritor musical Michael Azerrad, "semellaba estar facendo unha campaña activamente para asinar cos puntais do indie";[15] á súa vez, Sonic Youth foi determinante para que SST asinase con Dinosaur Jr. Gerard Cosloy, dono do anterior selo de Dinosaur Jr, Homestead Records, dixo, "SST era o selo onde todos querían estar... As bandas favoritas de todo o mundo estaban na discográfica; SST era máis divertido e máis interesante e tamén tiña a maquinaria".[16]

En 1986 Ginn mercoulle New Alliance Records a Mike Watt, que fundara o selo con D. Boon.[17] Ginn e SST procederon a reeditar con SST algúns dos lanzamentos clave de New Alliance; álbums de Descendents, o Land Speed Record de Hüsker Dü, e todos os lanzamentos de Minutemen con ese selo. Unha vez feito convertería a New Alliance nunha etiqueta baseada ao redor de edicións de jazz pouco convencional, rock e palabra falada.

A finais dos 80 e principios dos 90 Ginn creou dous subselos distribuídos por SST. O primeiro, Cruz Records, fundado en 1987, publicou tres álbums en solitario de Ginn no espazo dun ano, e tamén lanzou discos de ALL, Big Drill Car e Chemical People. O segundo, o selo de curta vida Issues Records, concentrouse en edicións de palabra falada, incluíndo un álbum duplo do antigo xogador da NBA Bill Walton con música de Ray Manzarek.

Descenso da fama[editar | editar a fonte]

Varios artistas deixaron SST a finais dos 80. Cara 1987, xusto un ano despois de asinar co selo, o desencanto de Sonic Youth medrara. O guitarrista Thurston Moore dixo, "A contabilidade de SST era un pouco sospeitosa para nós", e Lee Ranaldo criticou a calidade administrativa de SST.[18] A banda tampouco estaba satisfeita coas novas fichaxes de Ginn. Descontentos con que os ingresos dos seus discos acabasen axudando a financiar "gravacións lame-cus", Sonic Youth deixou o selo e asinou con Enigma Records en 1988.[19] Dinosaur Jr abandonaría SST por Blanco y Negro Records en 1990. O seu líder J Mascis dixo, "Gústame Greg Ginn e as súas cousas, pero eles non ían pagarte".[20]

En 1987 SST publicou ao redor de 80 títulos, unha "cantidade ridícula incluso para os estándares de grandes selos", segundo Azerrad. O prestixio de SST decreceu en cara 1990 o selo independente de Seattle Sub Pop Records eclipsara a SST. O reputación do selo quedou gravemente danada cando o grupo Negativland librou unha longa batalla legal con SST a raíz da súa demanda polos samples usados na súa versión do tema de U2 "I Still Haven't Found What I'm Looking For", no seu EP de 1991 U2. O caso resolveuse cando Ginn e SST accederon a editar a meirande parte dos masters de Negativland (principalmente a súa serie de casetes Over The Edge) a cambio de completar o traballo para un disco ao vivo que fora planeado moito antes de que comezase a batalla legal, ademais de manter as tres edicións da banda en SST por un curto período de tempo no selo (os dereitos dende entón pasaron a pertencer a Negativland). Esta batalla foi posteriormente a base do libro/CD de Negativland Fair Use: The Story of the Letter U and the Numeral 2, publicado en 1995.

SST entrou en semi-hibernación a mediados dos 90, borrando gran parte do seu catálogo de jazz e publicando pouco material novo á parte dos proxectos de Ginn (incluídos Confront James e Mojack), pero aínda mantendo os catálogos de Black Flag, Minutemen, Firehose, Hüsker Dü, Descendents e Bad Brains. Varios antigos artistas do selo, como Sonic Youth e Meat Puppets, demandaron a SST para reclamar os seus masters, reclamando dereitos sen pagar.[21] O selo deixou de editar discos cara finais da década. Ginn culpou á quebra da distribuidora da discográfica, DNA.[22] Co tempo SST reanudaría a edición de material novo a mediados da década dos 2000. Porén, esas novas edicións limitáronse aos proxectos relacionados con Ginn, como Gone, Hor, Jambang e Greg Ginn and the Taylor Texas Corrugators.

En 2002 Ginn asinou un novo contrato de distribución con Koch Records e prometeu material novo dos seus distintos proxectos musicais. En 2006 o distriuidor dixital independente The Orchard anunciou que 94 títulos do fondo de catálogo de SST estarían dispoñibles en servizos dixitais como eMusic e a iTunes Music Store.[23]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Azerrad, p. 16
  2. Azerrad, p. 18
  3. Azerrad, p. 19
  4. Azerrad, p. 21
  5. Azerrad, p. 68
  6. Azerrad, p. 171
  7. Azerrad, p. 182-83
  8. Azerrad, p. 44-45
  9. Azerrad, p. 159
  10. Azerrad, p. 184
  11. Azerrad, p. 187
  12. Azerrad, 2001. p. 185
  13. Azerrad, 2001. p. 186
  14. Azerrad, 2001. p. 190
  15. Azerrad, p. 261
  16. Azerrad, p. 358
  17. Azerrad, p. 94
  18. Azerrad, p. 268
  19. Azerrad, p. 269
  20. Azerrad, p. 374
  21. Azerrad, p. 496
  22. Mark Prindle (2003). http://www.markprindle.com/ginn-i.htm. Consultado o 25 de outubro de 2016.  Falta o |title= (Axuda)
  23. Alternative Press (ed.). "SST Records to make back catalog available for download". Consultado o 25 de outubro de 2016. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Azerrad, Michael. Our Band Could Be Your Life. Little, Brown and Company, 2001. ISBN 0-316-78753-1
  • Blush, Steven. American Hardcore: A Tribal History. Feral House, 2001. ISBN 0-922915-71-7

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]