Escrita cuneiforme

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cuneiforme»)
Mesopotamia
Río ÉufratesTigris
Cidades / Imperios
Sumeria: UrukUrEridu
KishLagashNippur
Imperio acadio: Agadé
BabiloniaIsínLarsaSusa
Asiria: AsurNínive
NuziNimrud
Imperio BabilónicoCaldea
ElamAmorreos
MitanniCasitas
Cronoloxía
Reis sumerios
Reis de Asiria
Reis de Babilonia
Lingua
Escrita cuneiforme
Lingua sumeriaAcadio
Elamita
Mitoloxía
GilgameshMarduk
Escrita cuneiforme nunha táboa de arxila da colección Kirkor Minassian na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos.

A escrita cuneiforme é a forma máis temperá coñecida de expresión escrita da que se atoparon restos arqueolóxicos. Creada polos sumerios a finais do cuarto milenio a.C., a escrita cuneiforme xurdiu como un sistema de pictogramas. Co tempo, as representacións pictóricas simplificáronse e fixéronse máis abstractas, dando lugar ao que se coñece como escrita cuneiforme.

O alfabeto sumerio adaptouse para a escrita das linguas acadia, elamita, hitita e luvita e inspirou os alfabetos do persa antigo e o ugarítico.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Os primeiros pictogramas fixéronse sobre táboas de arxila en columnas verticais, cunha pluma fabricada a partir dun estilo de cánabo afiado. Dous desenvolvementos posteriores fixeron o proceso máis rápido e doado. Por unha banda, a xente comezou a escribir de esquerda a dereita en filas horizontais (rotando tódolos pictogramas en sentido levoxiro 90º no proceso). Por outra banda, usouse un novo estilo de punta de cuña que se introducía na arxila, o que deu lugar a caracteres en forma de cuña (cuneiformes). Mediante o axuste da posición relativa da táboa fronte ao estilo, o escribán podía usar unha única ferramenta para unha ampla variedade de signos.

Esta táboas podíanse cocer en fornos para dar lugar a un rexistro permanente, ou podíanse reciclar se non era necesario que perdurasen. Moitas das táboas atopadas polos arqueólogos consérvanse porque se cocían accidentalmente no momento en que exércitos atacantes prendían lume ao edificio onde se gardaban.

Creada polos sumerios para rexistrar a lingua sumeria, a escrita cuneiforme foi posteriormente adoptada polos pobos acadio, babilonio, elamita, hitita e asirio para as súas propias linguas. Foi amplamente usada en Mesopotamia durante 3000 anos, malia que a natureza silábica do alfabeto, ao ser refinado polos sumerios, resultaba pouco intuitiva aos falantes de linguas semíticas. Este feito, antes de que a civilización Sumeria fose redescoberta, levou a moitos filólogos a sospeitar dunha civilización anterior a Babilonia.

A maioría das adaptacións posteriores da escrita cuneiforme preservaron polo menos certos aspectos do alfabeto sumerio. O acadio escrito incluía tanto símbolos fonéticos do silabario sumerio, como logogramas lidos como palabras completas. Moitos signos no alfabeto eran polivalentes, cun significado á vez fonético e logográfico. Cando o alfabeto cuneiforme se adaptou para escribir a lingua hitita, engadiuse ao alfabeto unha nova capa de pronunciacións logográficas acadias, co resultado de xa non se coñecer a pronunciación de moitas palabras hititas convencionalmente escrita con logogramas. A complexidade do sistema ten certa semellanza co xaponés clásico, escrito nun sistema de escrita derivado do chinés. Algúns destes sinogramas foron usados como logogramas e outros como caracteres fonéticos. O xaponés contemporáneo distingue graficamente os logogramas (kanji) dos caracteres silábicos (kana) pero á parte diso é un sistema similar.

Esta complexidade deu lugar a varias versións simplificadas do sistema de escrita. O persa antigo escribíase nun subconxunto de caracteres cuneiformes simplificados, que formaban un simple alfabeto semi-silábico. Utilizaba bastantes menos trazos en forma de cuña que o asirio, xunto cuns cantos logogramas para palabras que aparecían con frecuencia, como "deus" ou "rei". A lingua ugarítica escribíase usando o alfabeto ugarítico, un alfabeto padrón de estilo semítico (un abjad) que se escribía co método cuneiforme.

O uso do arameo chegou a ter gran difusión durante o imperio asirio e o alfabeto arameo foi substituíndo gradualmente o cuneiforme. A última inscrición cuneiforme coñecida, un texto astronómico, data do ano 75 a.C..

Descifrado[editar | editar a fonte]

Escrita cuneiforme

O coñecemento da escrita cuneiforme estaba perdido ata que en 1835 Henry Rawlinson, un oficial da armada británica, atopou algunhas das inscricións de Bisitún nun acantilado en Bisitún en Persia. Talladas durante o reinado do rei Darío I de Persia (522 a.C. - 486 a.C.), consistían en textos idénticos nas tres linguas oficiais do imperio: o persa antigo, o babilonio, e o elamita. A inscrición de Bisitún permitiu o descifrado da escrita cuneiforme, igual que a pedra de Rosetta para os xeroglíficos exipcios. É mérito de Grotefend os primeiros pasos do seu desciframento.

Rawlinson deduciu acertadamente que o persa antigo era un alfabeto silábico e descifrouno correctamente. Traballando de forma independente, o asiriólogo irlandés Edward Hincks tamén contribuíu ao descifrado. Logo de traducir o persa, Rawlinson e Hincks comezaron a traducir os outros. En gran medida foron axudados polo descubrimento da cidade de Nínive por parte de Paul-Émile Botta en 1842. Entre os tesouros descubertos por Botta estaban os restos da gran librería de Asurbanipal. Este arquivo real contiña varios miles de táboas de arxila cocida con inscricións cuneiformes.

Por 1851 Hincks e Rawlinson podían ler xa 200 signos babilonios. Axiña se lles uniron outros dous criptólogos, o estudante de orixe alemá Julius Oppert e o orientalista británico William Henry Fox Talbot. En 1857 os catro homes coñecéronse en Londres e tomaron parte nun famoso experimento para comprobaren a precisión das súas investigacións.

Edwin Norris, secretario da Real Sociedade Asiática, deulles a cada un deles unha copia dunha inscrición recentemente descuberta do reino do emperador asirio Tiglath-Pileser I. Un xurado de expertos foi convocado para examinar as traducións resultantes e certificar a súa exactitude.

En tódolos puntos esenciais as traducións dos catro expertos coincidían. Houbo por suposto algunhas pequenas discrepancias. O inexperto Talbot cometera algúns erros e a tradución de Oppert contiña algunhas pasaxes dubidosas debido a que o inglés non era a súa lingua materna. Pero as versións de Hincks e Rawlinson eran virtualmente idénticas. O xurado declarouse satisfeito e o descifrado da escrita cuneiforme acadia pasou a ser un fait accompli.

Transliteración[editar | editar a fonte]

A escrita cuneiforme ten un formato específico de transliteración. Debido á polivalencia do sistema de escrita, a transliteración non é unicamente sen perda, senón que ademais pode conter máis información que o documento orixinal. Por exemplo, o signo DINGIR nun texto hitita pode representar tanto a sílaba hitita an, ou pode ser parte dunha frase acadia, representando a sílaba il, ou pode ser un sumerograma, representando o significado sumerio orixinal, deus.

Unicode[editar | editar a fonte]

O sistema de escrita cuneiforme foi aceptado para a súa inclusión nunha futura versión de Unicode:

12000?12373 (883 caracteres) "Cuneiforme sumerio-acadia"
12400?12473 (103 caracteres) "Números cuneiformes"

Véxase tamén[editar | editar a fonte]