Imperio Babilónico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaImperio Babilónico
Imaxe

Localización
Editar o valor em Wikidata Mapa
 32°30′N 44°30′L / 32.5, 44.5Coordenadas: 32°30′N 44°30′L / 32.5, 44.5
CapitalBabel Editar o valor em Wikidata
Poboación
Lingua usadalingua acadia Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Creaciónséculo XIX a. C. Editar o valor em Wikidata
Disolución539 a. C. Editar o valor em Wikidata

Babilonia (en acadio-babilonio Bābili ou Babilim) foi un antigo imperio localizado na rexión central-meridional de Mesopotamia, con centro na cidade de Babilonia e que chegou a estenderse por Acad e Sumeria, arrebatando a hexemonía ás dinastías amorritas de Isin e Larsa do chamado renacemento sumerio. A súa historia divídese en dúas etapas principais, separadas entre si polo período de dominación asiria; o imperio paleobabilónico ou amorrita (1792 a.C.–1595 a.C.) e o imperio neobabilónico ou caldeo (626 a.C.–539 a.C.). O imperio babilónico foi sucedido polo persa tralas conquistas de Ciro II o Grande.

En Babilonia falábase o acadio (lingua semítica) e mantivo a linguaxe escrita acadio para uso oficial (lingua da súa poboación nativa), a pesar dos seus fundadores, os amorreos e os seus sucesores os casitas, que non tiñan o acadio como lingua nativa. Con todo, conservou a lingua sumeria para o uso relixioso, a pesar de que no momento en que se fundou Babilonia, probablemente xa non era unha lingua falada. As antigas tradicións acadias e sumerias tiveron un papel importante nas culturas babilonia e asiria, e a rexión continuou a ser un importante centro cultural, mesmo en períodos prolongados de gobernos externos.

Etimoloxía e referencias históricas[editar | editar a fonte]

Mesopotamia
Río ÉufratesTigris
Cidades / Imperios
Sumeria: UrukUrEridu
KishLagashNippur
Imperio acadio: Agadé
BabiloniaIsínLarsaSusa
Asiria: AsurNínive
NuziNimrud
Imperio BabilónicoCaldea
ElamAmorreos
MitanniCasitas
Cronoloxía
Reis sumerios
Reis de Asiria
Reis de Babilonia
Lingua
Escrita cuneiforme
Lingua sumeriaAcadio
Elamita
Mitoloxía
GilgameshMarduk

A forma galega do topónimo, Babilonia, provén do grego Babylon, a través do latín Babylonia. Ambas reflicten o termo acadio Babilum, que significa "a porta de Deus". No libro bíblico da Xénese é chamada Babel.

Entre as fontes clásicas sobre Babilonia destacan:

  • Heródoto (século V a.C.), menciónaa na Historia. Entre outras, narra o matrimonio sacro dunha sacerdotisa cun deus, celebrado nun cigurat, mediante un ritual para asegurar a prosperidade do lugar. Sobre as súas murallas, dicía que eran tan largas na súa superficie, que un carro tirado por oito cabalos podía dar a volta nelas.
  • Beroso o Caldeo (século III a.C.), sacerdote babilónico, que na súa crónica en grego Babiloniaka, deixou unha historia de Babilonia, aínda que só se conservaron citas.
  • Plinio o Vello (século I), na súa obra Naturalis Historia, falaba de Babilonia polo seu sistema de regadío como o ager totius orientis fertilissimus («a terra máis fértil de todo o Oriente»).

Historia[editar | editar a fonte]

O Imperio amorreo ou paleobabilónico[editar | editar a fonte]

Os amorreos establecéronse entre os ríos Tigris e Éufrates, facéndose sedentarios e mesturándose coa poboación sumeria; como consecuencia, subiron ao poder dinastías de orixe amorrea en varias cidades do centro e do sur de Mesopotamia.

A máis importante foi Babilonia, xa que o propio Hammurabi debía ser amorreo. Aos inicios do imperio paleobabilónico a poboación era pois unha mestura acadia e amorrea.

Os amorreos que seguiron a ser nómades foron contidos facilmente ao principio mais segundo o imperio de Ur III foi perdendo o seu poder, estes foron volvéndose máis perigosos.

Coa caída de Ur III e finalizada a época de dominio sumerio, comezou unha época en que os semitas chegaron a ter a maior importancia grazas a pobos como os acadios ou os amorreos. Os elamitas apenas gozaron a súa conquista.

Os grandes vencedores da caída de Ur foron primeiro os acadios do reino de Isin e despois os amorreos, que nun século encheron Mesopotamia de reinos, quedando o que foi o imperio de Ur fragmentado en numerosos reinos amorreos e acadios con capitais en cidades que ata ese momento tiveran pouca importancia.

Na alta Mesopotamia, a cidade de Asur cos reis de orixe amorrea comezou a gañar importancia tras vencer nunha guerra polo control das rutas comerciais a Ešnunna e Mari.

O Código de Hammurabi é a primeira lei escrita da que se ten constancia. A figura superior mostra o propio Hammurabi en posición humilde ante Šamaš, deus do Sol. Baixo ela están escritas case 282 leis con obxecto de rexer as decisións dos xuíces. Erixida orixinalmente no templo da cidade de Sippar, na beira do Éufrates, foi trasladada a Susa por Shutruk-Nakhunte en 1200 a.C. Actualmente atópase no Museo do Louvre de París.[1][2]

Situada a ambas as beiras do Éufrates, a cidade de Babilonia mantivo na súa orixe unha posición moderada, baixo a sombra da veciña e máis poderosa Kiš.[1] Comezou a aumentar a súa importancia coa chegada dos amorreos entre o 2000 e o 1800 a.C., que acabaron por erixirse como reis da cidade.[1]

Os amorreos, tamén semitas, adaptáronse facilmente á lingua acadia, propiciando o declive do sumerio. Tamén asumiron con facilidade o panteón mixto sumerio-acadio, rendendo culto a Marduk, deidade protectora da cidade.[1]

Arredor de 1782 a.C. chegou ao trono o sexto membro desta dinastía, Hammurabi. Nese tempo ao norte e ao sur da cidade atopábanse os territorios das cidades de Assur (que posteriormente deu nome a Asiria) e Larsa, máis poderosas pero con monarcas envellecidos.[1] En 1763 a.C., Hammurabi venceu a Rim-Sen de Larsa, apoderándose da parte sur de Mesopotamia. En 1755 a.C. conquistou igualmente Asus, facéndose co poder de todo o val dos ríos Tigris e Éufrates.[1] Co triunfo de Babilonia sobre o resto de Mesopotamia, tamén o seu deus principal, Marduk, foi alzado á cabeza do panteón dos deuses locais.

Contra 1800 a.C. comezaron a producirse unha serie de invasións nómades provenientes do norte do Cáucaso e de Escitia. O ataque por parte de nómades á rexión fora unha constante durante os séculos anteriores, mais coa domesticación do cabalo e a súa utilización para o tiro de carros de guerra, os nómades conseguiran unha vantaxe militar que lles permitiu entrar na zona.[1]

Un destes grupos foron os hurritas, que ocuparon gran parte do territorio que Asiria conquistara durante o reinado de Šamši-Adad I, fundando o reino de Mitanni contra 1500 a.C. e convertendo os asirios en subsidiarios seus. Tamén se estenderon por Canaán, onde fundaron algúns reinos, chegando ata Exipto, onde conquistaron a parte norte e foron coñecidos como hicsos.[1]

Outro destes grupos foron os hititas, que se estableceron na parte oriental de Anatolia a partir de 1700 a.C. fundando o coñecido como Antigo Reino. A lingua hitita era de orixe indoeuropea, o cal non lles impediu adoptar a escrita cuneiforme dos acadios.[1]

Durante os anos seguintes, os hititas e os hurritas enfrontáronse no norte de Mesopotamia. Arredor do 1600 a.C., durante o reinado de Mursili I os hititas derrotaron os hurritas, dominando Asiria e facendo incursións en Babilonia, á que reduciron ata as dimensións anteriores ás conquistas de Hammurabi.[1] Este período coincidiu coa entrada dos nómades casitas provenientes dos montes Zagros, que aproveitaron o enfraquecemento de Babilonia para atacala. Finalmente tomaron a cidade en 1595 a.C.[1]

A Babilonia dos casitas[editar | editar a fonte]

Babilonia durante a dinastía casita, século XIII a.C.
A pedra Michaux é un kudurru pertencente ao período da dominación casita de Babilonia. Está escrita en acadio con símbolos cuneiformes. Descuberta en 1782 polo botánico francés Michaux, foi o primeiro testemuño da civilización mesopotámica que chegou á Europa moderna.[3][4]

Os casitas non tardaron en adoptar a lingua e a relixión do territorio que ocuparon, restaurando mesmo o templo de Marduk de Babilonia. Contra 1330 a.C. reconstruíron Ur.

Mentres, os antigos invasores nómades continuaron a ser expulsados do resto dos territorios. Así, contra 1580 a.C. os nativos exipcios derrotaron os hicsos do baixo Exipto e seguiron o seu avance alén do Sinaí, derrotando durante o reinado de Thutmose III unha confederación de cidades cananeas na batalla de Megido, en 1479 a.C. Posteriormente seguiron cara ao norte, derrotando o reino de Mitanni, ao cal obrigaron a render tributo. Trala morte de Thutmose III, Exipto perdeu forza no norte, rexurdindo os hititas, que formaron cara a 1375 a.C. o chamado Novo Reino.

En Asiria, Ashur-uballit I chegou ao trono en 1365 a.C. e emprendeu unha serie de reformas ata constituír o chamado Primeiro Imperio Asirio. O seu sucesor atacou Mitani, saqueando a súa capital no século XVI a.C. e conquistando o resto do territorio nos trinta anos seguintes. En 1274 a.C. subiu ao trono asirio Salmanasar I, quen emprendeu unha serie de conquistas cara ao oeste, chegando ata a fronteira do reino hitita. O seu sucesor Tukulti-Ninurta I ampliou as fronteiras polo norte, penetrando no Cáucaso e polo leste, cara aos montes Zagros.

Finalmente, o monarca asirio dirixiuse cara ao sur, cara aos territorios administrados polas casitas, entre os que se atopaba Babilonia. Os casitas foron vencidos e obrigados a pagar tributos ao rei de Asiria.

Cara a 1200 a.C. comezaron a chegar vagas duns novos invasores provenientes do Mediterráneo. Foron coñecidos como Pobos do Mar e a súa presenza sentiuse practicamente en todas as rexións do Mediterráneo oriental. O pobo que se viu máis afectado por estas invasións foi o hitita, cuxo imperio, previamente debilitado pola expansión asiria, foi completamente destruído por elas. Os Pobos do Mar tamén danaron tanto Exipto como Asiria, polo que Babilonia e especialmente o reino de Elam, no extremo oriental de Mesopotamia, se viron beneficiados.

Os elamitas aproveitaron a situación marchando cara ao oeste, tomando Babilonia e as cidades veciñas. En 1174 a.C. levaron da cidade as táboas que contiñan o código de Hammurabi e a estela de Naram-Sen.

1124 a.C. foi o ano que viu o fin da dinastía casita, coa toma do poder dun nativo babilonio, Nabucodonosor I. O novo rei derrotou os elamitas, iniciando un breve período de independencia para a rexión.

O dominio asirio[editar | editar a fonte]

Cara ao 1300 a.C. nas montañas do Cáucaso desenvolveuse un novo tipo de metalurxia, a do ferro. Durante ese período a rexión fora controlada polos hititas, mais coa súa caída, o manexo do novo metal pasou aos asirios.

É posible que o dominio desta nova técnica contribuíse ás posteriores vitorias militares dos asirios, ao dotarlles de armas máis resistentes que as dos seus pobos veciños e proporcionarlles un ben valioso co que comerciar.[5] Sendo ou non así, en 1115 a.C. chegou ao trono asirio Teglatfalasar I, quen emprendeu unha campaña de conquistas ata recuperar o territorio dominado durante o reinado de Tukulti-Ninurta I. En 1103 a.C. atacou e venceu a Nabucodonosor I de Babilonia.

Contra o século XII a.C. emerxeu do deserto de Arabia un novo pobo semita, os arameos. Durante o reinado de Teglatfalasar I, Asiria conseguiu mantelos fóra das súas fronteiras, mais trala súa morte, os arameos comezaron a penetrar no país, debilitándoo durante o século e medio seguinte. Esta situación foi aproveitada polos pobos veciños para fortalecerse. Foi o período de auxe do reino de Israel (reinado de David) e do reino de Damasco.[5]

O 911 a.C. Adad-nirari II ascendeu ao trono de Asiria e tras reorganizar o exército conseguiu derrotar os principados que fundaran os arameos. A este rei sucedeuno Tukulti-Ninurta II, que só reinou cinco anos.[5] Durante ese período incrementouse a explotación e as subministracións de ferro dispoñibles, o cal permitiu equipar completamente o exército con armas dese metal.[5] Outro factor decisivo foi o desenvolvemento de maquinaria de asedio, como o ariete, que permitiu a derriba de murallas e polo tanto acabou coa necesidade de organizar longos asedios para conquistar as cidades.[5]

Todos estes avances aproveitounos Assurnasirpal II quen conseguiu derrotar definitivamente os principados arameos, chegando ata o Mediterráneo. O seu sucesor, Salmanasar III, tamén contou con esta vantaxe, mais as súas forzas estiveron divididas en tantas frontes que non conseguiu inflixir ningunha derrota definitiva aos seus inimigos.[5] Os seus principais opoñentes foron o reino de Urartu, situado ao norte do Imperio asirio, ao redor da actual Armenia, a tribo semítica dos caldeos, proveniente de Arabia, e os medos, de orixe indoeuropea. Estes últimos introduciron na rexión un tipo de cabalo, posiblemente conseguido mediante crianza, de maior tamaño e forza, de forma que podían ser cabalgados por unha persoa. Este avance expandiuse rapidamente, chegando a Asiria á vez que os novos pobos.[5]

Antes da morte de Salmanasar III o seu fillo máis vello rebelouse para tratar de tomar o trono, chegando esta revolta ata a morte do rei, trala cal foi o seu fillo máis novo, Shamshi-Adad V, o que herdou o trono e derrotou o seu irmán. Trala súa morte o seu fillo Adadnarari III, aínda un neno, recibiu o título, pero debido á súa idade foi a esposa do rei, Semíramis, a que gobernou como rexente.[5]

Este foi un período de estancamento para Asiria e de reforzamento para os reinos que a rodeaban. Así, Urartu acadou o seu apoxeo no reinado de Argishti I (778 a.C.-750a.C.) e o reino de Israel viviu un novo período de prosperidade co reinado de Xeroboam II.[5]

Está situación estendeuse durante os reinados de Salmanasar IV, Ashurdan III e Ashur-nirari V, rematando ao producirse un levantamento militar que culminou co nomeamento dunha nova dinastía e un novo rei, Tiglath-Pileser III, quen, tras reorganizar o exército, se dispuxo a conquistar os reinos veciños.[5] Derrotou os medos no leste, obrigándoos a render tributo a Asiria. No oeste, terminou co período de independencia dos reinos locais, facendo vasalo a Israel e conquistando o reino arameo de Damasco. No norte conquistou a metade meridional de Urartu e no sur, en Babilonia, aproveitando unha disputa dinástica da dinastía caldea, fíxose co título de rei.[5]

A Tiglath-Pileser III sucedeuno Salmanasar V, quen ademais do trono de Asiria herdou tamén o de Babilonia. O seu reinado durou cinco anos pois en 722 a.C. foi deposto nunha revolta que acabou coa nova dinastía.[5] O novo rei, talvez un xeneral, asumiu o nome de Sargón II (en acadio rei lexítimo) polo que el e os seus sucesores foron chamados sargónidas. Cos sargónidas Asiria viviu unha etapa de esplendor militar, mais as continuas guerras e rebelións, a pesar de seren sufocadas, foron socavando a economía da rexión.[5]

Este período correspondeu coa entrada dos cimerios na rexión, provenientes de Escitia, ao norte do mar Negro. Atacaron o que quedaba de Urartu, o que foi aproveitado por Sargón II para invadir o país. Ante isto, Urartu tivo que aceptar render vasalaxe a Asiria, xunto á cal conseguiu derrotar os nómades.[5]

En Babilonia, un nobre local aproveitou a guerra no norte para autoproclamarse rei, facéndose chamar Marduk-apal-iddina II (chamado na Biblia Merodac-Baladán). Conservou este título durante dez anos, ata que os asirios puideron marchar cara ao sur e depolo, sendo entón enviado ao exilio en 711 a.C. e recuperando o título Sargón II.[5]

Trala morte deste, o seu sucesor, Senaquerib, tivo que enfrontarse a unha nova rebelión en Babilonia, esta vez auspiciada polos elamitas.[5] Para derrotalos ideou unha enxeñosa campaña. En lugar de atravesar Babilonia ata chegar a Elam, mandou construír unha frota na parte superior do Éufrates, e dirixiuna río abaixo, cara á súa desembocadura no golfo Pérsico. Unha vez alí, navegou e desembarcou directamente en Elam, mais os elamitas idearon un contraataque igual de enxeñoso. No canto de combater contra o exército asirio, dirixíronse cara ao territorio destes, pasando por Babilonia, deixando as súas terras defendidas por uns poucos homes. Ante esta situación, o exército asirio non podía máis que volverse.[5] Senaquerib entón dirixiuse a Babilonia, conquistouna e destruíuna en 689 a.C. A destrución foi practicamente completa e só os esforzos do seu sucesor, Asarhaddón, permitiron a súa reconstrución.[5] Durante o seu reinado mantívose o Imperio asirio, chegando á súa máxima extensión. Emprendéronse unha serie de campañas, principalmente cara a Exipto, logrando os asirios saquear a cidade de Menfis.[5] Trala morte de Asarhaddón sucedeuno o seu fillo máis novo, Asurbanipal e o seu reinado estivo marcado tanto polas guerras contra os cimerios e os elamitas, a quen derrotou completamente destruíndo Susa en 639 a.C.,[5] como pola construción da biblioteca de Nínive.[5] Durante o final do seu reinado, chegou ao trono de Babilonia Nabopolasar, aínda como vasalo, mais trala morte do rei, Babilonia declarou a súa independencia.[5]

O Imperio Caldeo ou neobabilónico[editar | editar a fonte]

A independencia de Babilonia supuxo de inmediato a guerra entre esta e Asiria. Coincidindo coa rebelión no sur, ao noroeste, un xefe medo chamado Ciáxares conseguiu unificar baixo o seu mando un grupo de tripos medas e escitas. Ciáxares asinou unha alianza con Nabopolasar, selándoa co matrimonio entre a súa filla e o fillo do rei babilonio en 616 a.C. Desta forma, os medos desde o norte e os caldeos desde o sur, atacaron conxuntamente Asiria, que véndose arrodeada, asinou unha alianza cos seus antigos inimigos de Exipto. A axuda exipcia non chegou a tempo. En 614 a.C. caeu a cidade de Assur e finalmente en 611 a.C. os medos e os caldeos tomaron a capital asiria, Nínive, que foi saqueada de tal xeito que non quedaron máis que ruínas. A caída asiria foi celebrada polos reinos anteriormente sometidos. A Biblia relátao así:

Ábrense as portas que dan ás canles e o templo derrúbase. A imaxe da deusa é levantada e levada cativa, laméntanse as súas sacerdotisas coma pombas que arrolan, dan golpes sobre os seus corazóns. [...] Velaí Nínive! Toda ela é unha poza: como corre a auga! [...] Ai da cidade asasina! Toda ela é un grande engano, está chea de botíns, non para de rapinar.[6]
Mapa do Oriente Medio contra o ano 600 a.C. Esta data estivo marcada pola recente desaparición do Imperio neoasirio e a súa repartición entre caldeos e medos así como a vitoria do monarca caldeo, Nabucodonosor II ante os exipcios, conseguindo así o control de toda a rexión de Canaán.

Trala caída de Nínive, o exército asirio resistiu uns anos máis na cidade de Harran. O exército exipcio, entretido nunha campaña contra os xudeus, non chegou a tempo para rescatar a cidade, que caeu finalmente en 605 a.C. Trala derrota asiria, o exército babilonio, marchou contra o exipcio. Ao mando xa non estaba Nabopolasar, que estaba enfermo, senón o seu fillo, que foi coñecido como Nabucodonosor II. Enfrontouse aos exipcios na batalla de Karkemiš, derrotándoos completamente. Esta batalla supuxo que toda a rexión de Canaán quedase baixo control caldeo. A partir deste momento naceu o chamado Imperio babilónico ou caldeo, que chegou a dominar unha extensión de terreo tan importante como o seu predecesor, o Imperio asirio.

O dominio de Canaán non estivo exento de problemas. Os exipcios alentaron as revoltas locais e sucedéronse os levantamentos dos reinos e cidades-estado da rexión. Así, en 598 a.C., o reino de Xudá rebelouse. Foi derrotado e algúns líderes da rebelión foron enviados ao exilio, chegando ao trono un novo rei, Sedecías. Isto non impediu que se producisen novas rebelións e en 587 a.C. o pobo de Xudá, cun rei que estaba a ser alentado polos exipcios, volveu levantarse en armas. Este período coincidiu coa actividade do profeta Xeremías, que segundo a Biblia pediu ao rei xudeu a rendición ante os caldeos, profetizando en caso contrario a destrución de Xerusalén:

Entón Xeremías díxolle a Sedecías: ‑Así fala o Señor, Deus dos Exércitos, Deus de Israel: Se te rendes ós xenerais do rei de Babilonia, salvarás a túa vida, e esta cidade non será queimada; vivirás ti e mais a túa familia. Pero se non te rendes ós xenerais do rei de Babilonia, entregarei esta cidade nas mans dos caldeos, que lle prenderán lume, e ti non fuxirás das súas mans.[7]

De novo foron derrotados e nesta ocasión a represión foi máis dura: segundo o mesmo Xeremías, os babilonios, durante a súa entrada á cidade, asasinaron a familia de Sedecías e a el sacáronlle os ollos e conducírono ao exilio á cidade de Babilonia. O resto da poboación tamén foi enviada ao exilio, tanto nobres como plebeos. Con todo, mantiveron os pobres en liberdade, concedéndolles terras.[8] A cidade de Xerusalén foi arrasada e o palacio real, as vivendas e as murallas destruídas.[8]

Outro foco de insurrección foi a cidade de Tiro no oeste, situada entón nunha illa (actualmente é unha península) na beira do Mediterráneo, no actual Líbano. Nabucodonosor II enviou alí o seu exército, que se situou na costa, fronte á illa, e levantou un asedio. Non obstante, a superioridade naval tiria fixo inútil o sitio, que durou trece anos, tempo tralo que se asinou unha paz, consistente na vasalaxe da cidade.

Durante a segunda metade do seu reinado, Nabucodonosor II dedicouse a embelecer Bablionia, converténdoa na maior metrópole da súa época.

Desta etapa datan algúns dos monumentos máis coñecidos da cidade mesopotámica, como a Porta de Ishtar ou os xardíns colgantes de Babilonia.

Nabucodonosor faleceu en 562 a.C. e foi sucedido polo seu fillo Evilmerodac (Amel-Marduk) quen aos dous anos foi vítima dunha conspiración e deposto polo seu cuñado, que se fixo chamar Neriglisar (Nergal-sharusur). Catro anos despois morreu o novo rei, que foi sucedido polo seu fillo Labashi-Marduk; o reinado deste rematou ese mesmo ano ao ser vítima dunha conspiración e acabou así a dinastía iniciada por Nabopolasar.

Tras isto, foi elevado ao trono Nabu-naid, máis coñecido como Nabonido, que delegou as tarefas militares no seu fillo Balâtsu-usur (en acadio: Baal protexe o rei), máis coñecido como Baltasar ou Belsasar. Mentres tanto, o monarca dedicouse ás tarefas culturais, recompilando e estudando escrituras antigas.

A fin do Imperio Babilónico: a conquista persa[editar | editar a fonte]

Durante o reinado de Nabonido, na veciña Media sucedeuse a inestabilidade. Un novo xefe chegou ao principado de Anshan, vasalo do reino medo. Fíxose chamar Ciro II de Anshan, que chegou a ser coñecido como Ciro o Grande.[9] En 559 a.C. o novo rei declarouse independente de Media, o que provocou a guerra. Non só conseguiu manter a independencia do principado, senón que en 550 a.C. tomou a capital meda, Ecbatana, converténdose así no novo monarca de toda a rexión. A continuación Ciro iniciou a conquista do reino de Lidia, en Asia Menor, unha conquista que completou en 547 a.C.[9]

Durante estas campañas Nabonido de Babilonia mantívose inactivo. Con todo, trala caída de Lidia, buscou a alianza de Exipto contra o posible invasor. Esta resultou inútil e en 539 a.C. Ciro estaba atacando a capital babilonia.

Coa conquista persa rematou a historia de Babilonia como reino independente. Outros rebeldes e xefes locais posteriores tomaron o título de rei de Babilonia, mais non se tratou máis que de actos cerimoniais ou de rebeldía fronte ao poder central.

Tecnoloxía[editar | editar a fonte]

Os babilonios herdaron os logros técnicos dos sumerios en rega e agricultura. O mantemento do sistema de canles, diques, presas e depósitos construídos polos seus predecesores necesitaba dun considerable coñecemento e habilidade de enxeñaría. A preparación de mapas, informes e proxectos implicaban o emprego de instrumentos de nivelación e balices de medición. A matemática asirio-babilónica utilizaba o sistema de numeración sexaxesimal sumeria que, ao ser un sistema de notación posicional (análogo ao actual sistema decimal, mais con base 60), facilitou o desenvolvemento dunha álxebra e dunha aritmética temperás; deste sistema derívanse por exemplo a división do círculo en 360 graos, ou a dunha hora en 60 minutos. Continuaron a utilizarse as medidas de lonxitude, área, capacidade e peso normalizadas anteriormente polos sumerios. A agricultura era unha ocupación complicada e metódica que precisaba previsión, dilixencia e destreza. Un documento escrito en sumerio, aínda que utilizado como libro de texto nas escolas babilónicas, resulta ser un verdadeiro almanaque do agricultor, e rexistra unha serie de instrucións e direccións para guiar as actividades da granxa, desde a rega dos campos ata o aventamento dos cultivos.

Os artesáns babilonios eran destros na metalurxia, nos procesos de abatanado, branqueamento e tinguidura, e na preparación de pinturas, pigmentos, cosméticos e perfumes. No campo da medicina, coñecían ben a cirurxía, que ademais se practicaba con frecuencia, a xulgar polo Código de Hammurabi, que lle dedica varios parágrafos. Tamén se desenvolveu a farmacopea, aínda que a única proba importante diso procede dunha táboa sumeria escrita algúns séculos antes do reinado de Hammurabi.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Asimov, Isaac (1986). "Los amorreos: el pilar de la ley". El Cercano Oriente. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 978-84-206-3745-7. 
  2. Rivero, Pilar. "El Código de Hammurabi". Clío. History and history teaching, núm. 7 (1999). Consultado o 19 de marzo de 2007. 
  3. Prieto González, Isabel. "Mesopotamia: historia de unha investigación". Arquivado dende o orixinal o 8 de abril de 2007. Consultado o 21 de marzo de 2007. 
  4. Margueron, Jean-Claude (1996). "El tiempo reencontrado o la constitución de fuentes mediante la exploración arqueológica". Los mesopotámicos. Madrid: Cátedra. ISBN 84-376-1477-5. 
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 5,15 5,16 5,17 5,18 5,19 5,20 5,21 Asimov, Isaac (1986). "Los asirios". El Cercano Oriente. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 978-84-206-3745-7. 
  6. Nahúm
  7. Xeremías (38, 17-18)
  8. 8,0 8,1 Xeremías (39)
  9. 9,0 9,1 Asimov, Isaac (1986). "Los persas". El Cercano Oriente. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 978-84-206-3745-7. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]