Logograma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un logograma (do grego λόγος, « palabra » e γράμμα, « carácter, letra ») é un grafema único que denota un lema completo e non soamente unha parte dos seus fonemas. Na maioría dos casos nada indica, nun logograma, o seu significante (como debe ser pronunciado). Noutros termos, é un signo único escrito que representa unha palabra completa, con independencia da lingua.

Un logograma que denota un elemento abstracto da realidade (como unha noción, un morfema ou un lema) é un ideograma. O que representa directamente, debuxándoo, un elemento concreto da realidade é un pictograma. Logograma non debe ser confundido con logotipo.

Logogramas habituais das linguas occidentais[editar | editar a fonte]

As linguas occidentais con alfabeto latino teñen unha parte moi escasa de logogramas na súa escritura. Porén, entre os logogramas empregados, algúns son de uso moi corrente.

É o caso das cifras chamadas « árabes », por exemplo. En efecto, se collemos o logograma 1, este corresponde en cada lingua a un significante diferente. Dado que estas cifras se empregan case en todo o mundo, o número de significantes que 1 pode representar é moi importante:

Ademais, na serie de logogramas como 10, 1 xa non se le un, one etc. senón que o conxunto se le, na mesma orde, dez, dix, ten, diez, عَشْرَة ʿašraʰ, etc.

Á parte das cifras, hai outros logogramas coñecidos:

  • o e comercial, &, que se ha ler, segundo a lingua, e, et, and, und, y etc.
  • a arroba, @, que se pode pronunciar chez en francés e at en inglés.

Os logogramas teñen a característica de permitiren unha grande intercomprensión escrita: un prezo escrito por un polaco será comprensíbel a un vasco sen que este poida necesariamente pronuncialo en polaco.

Sinogramas[editar | editar a fonte]

Ademais, os sinogramas (e tamén os kanji e os hanja) baséanse principalmente sobre o sistema logográfico: a intercomprensión escrita permanece posíbel, en graos diversos, entre locutores de linguas moi diferentes como o xaponés ou o mandarín. Un chinés ha ler, por exemplo, o carácter 貓 māo mentres que para un xaponés representará neko. Os dous han comprender « gato ». Concíbese ademais que unha escritura logográfica implica un gran número de grafemas diferentes para representar todos os lemas do léxico (por outra banda é falso pensar que a cada lema lle corresponde un carácter único, ver sinograma).

A principal dificultade destas escrituras é que fronte a un carácter descoñecido, e segundo a súa complexidade, un lector pode non ser capaz de adiviñar o seu senso, a pronunciación, mesmo ámbolos dous, mentres que cun alfabeto é posíbel, a través dun número limitado de signos, descifrar a pronunciación da maioría das palabras dunha lingua e ligar a súa grafía a un significante, que pode chamar polo significado.

Por exemplo, non hai que aprender especificamente a ler e escribir a palabra francesa chat (gato) para sabelo pronunciar. En todo caso, a única dificultade reside no coñecemento ou non do feito de que a consoante final é muda: todo francófono pode ler /ʃa/ (ou /ʃat/, por erro) e ligar estes sons ao significado correcto.

Para os chineses, pero tamén para os xaponeses e os coreanos, a dedución do significante e do significado de 貓 vese facilitada polo feito de que a parte dereita se corresponde á onomatopea do berro do gato e a parte esquerda á clave que representa un animal con poutas. Porén, a parte fonética deste ideo-fonograma lese miáo e non māo e a clave só de maneira xeral indica que se trata dun animal con poutas, que son moi numerosos. Sería xa que logo esaxerado afirmar que tanto o significante como o significado se deducen « naturalmente » da lectura.

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]