Concha Méndez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaConcha Méndez

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) María de la Concepción Méndez y Cuesta Editar o valor em Wikidata
27 de xullo de 1898 Editar o valor em Wikidata
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Morte7 de decembro de 1986 Editar o valor em Wikidata (88 anos)
Cidade de México Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónResidencia de Señoritas Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía e literatura Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónescritora , poeta , dramaturga Editar o valor em Wikidata
Membro de
Xénero artísticoPoesía Editar o valor em Wikidata
Pseudónimo literarioConcha Méndez Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá e lingua francesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeManuel Altolaguirre (1932–1944)
ParellaLuis Buñuel Editar o valor em Wikidata
FillosPaloma Altolaguirre Méndez (en) Traducir
 () Manuel Altolaguirre Editar o valor em Wikidata
IrmánsPedro Méndez (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

IMDB: nm0617614 Editar o valor em Wikidata

Concepción Méndez Cuesta, nada en Madrid o 27 de xullo de 1898 e finada na Cidade de México o 7 de decembro de 1986, foi unha escritora, poeta, dramaturga e guionista española, contemporánea da Xeración do 27.[1] Pertencía ao grupo de Las Sinsombrero.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

De familia rica, foi a maior dos dez fillos de Pascual Méndez e Luisa Cuesta.[3] Recibiu educación nun colexio francés, o que quizais se percibe nos seus primeiros versos. Afeccionada ao deporte, destacou na ximnasia e a natación.[4] Adoitaba pasar os veráns en familia en Donostia. En 1919 coñeceu alí a Luis Buñuel, quen foi o seu primeiro noivo.[5] Esa relación durou sete anos, durante os que Concha, amiga ademais de Maruxa Mallo, relacionouse con Luis Cernuda, Rafael Alberti e Federico García Lorca.[5]

En 1926 publicou Inquietudes; dous anos despois, Surtidor; e en 1930, Canciones de mar y tierra. Nese período viuse influída por Maruxa Mallo, con quen compartiu o que se coñeceu como o seu «primeiro exilio».[6]

Independizada da súa familia a principios de 1929, iniciou un periplo que a levou desde Londres a Montevideo e Buenos Aires. Na capital arxentina contactou con Guillermo de Torre, escritor e crítico que dirixía a sección de letras do diario La Nación, onde comezou a publicar un poema semanal.[7] En Arxentina fixo amizade con Consuelo Berges e Alfonsina Storni.[8] Dese período é o seu poemario Canciones de mar y tierra (1930). Este foi o seu «segundo exilio».[6]

Monumento á Xeración do 27 en Punta de Torremolinos. De esquerda a dereita: Concha Méndez, Manuel Altolaguirre, Salvador Dalí e Emilio Prados

Coa proclamación da Segunda República en 1931 regresou a España, e comezou a frecuentar os faladoiros do café Granja El Henar. Alí, Federico García Lorca presentoulle ao malagueño Manuel Altolaguirre, con quen casou o ano seguinte. Foron testemuñas Federico García Lorca, Juan Ramón Jiménez, Jorge Guillén e Luis Cernuda.[1] Xuntos crearon a imprenta La Verónica nun cuarto do hotel Aragón e empezaron a editar a revista Héroe, en que apareceron obras de Juan Ramón Jiménez, Miguel de Unamuno, Pedro Salinas, Luis Cernuda e Jorge Guillén.[7]

Nesa época comezou o seu interese polo teatro e o cinema. Publicou as obras El personaje presentido (1931), El ángel cartero (1931) e El carbón y la rosa (1935), as dúas últimas para público infantil.[8] Tamén por entón publicou varios libros de poesía vangardista en obras como Vida a vida (1932), Niño y sombras (1936) e Lluvias enlazadas (1939). Viviron de 1933 a 1935 en Londres, onde perdeu o primeiro fillo que estaba a esperar. Reflectiu esa experiencia no libro Niño y sombra. En 1935 naceu a súa filla Paloma. Xunto co seu marido, activo impresor, contribuíu á difusión da obra da Xeración do 27. Editaron coleccións de poesías e revistas como Poesía, 1616 (título que aludía o ano da morte de Shakespeare e Cervantes) e Caballo Verde para la Poesía, dirixida por Pablo Neruda.[7]

Guerra Civil e exilio[editar | editar a fonte]

O matrimonio e a súa filla regresaron a España en 1935, e ao estalar a guerra civil española, ambos tomaron partido pola República. Porén, Concha pronto abandonou Madrid para protexer a súa filla, mentres que Manuel permaneceu en España. Tras residir en Inglaterra, Bélxica e Francia, regresou a Barcelona para reunirse co seu marido, camiño xa do exilio.[7] Trasladáronse a París, onde os recibiu Paul Éluard, e máis tarde á Habana. Alí permaneceron até 1943 e coincidiron con outros moitos exiliados.

No seu exilio en Cuba, estabeleceron outra imprenta chamada igualmente La Verónica e publicaron a colección poética El ciervo herido entre 1939 e 1943. En 1944 trasladáronse a México, onde Altolaguirre a abandonou pola cubana María Luisa Gómez Mena. En 1959 morreron ambos nun accidente en España cando volvían do Festival de cine de San Sebastián.[6]

Concha seguiu publicando poemas na revista Hora de España, onde publicou en 1938 o seu prólogo de El Solitario (Nacimiento). As dúas entregas ou actos seguintes publicáronse na Habana en 1941 e en México en 1945. En 1944 publicou Villancicos de Navidad e Sombras y sueños. De 1944 a 1979 deixou de publicar, aínda que en 1976 editouse unha Antología poética. En 1979 apareceu o seu último libro, o poemario Vida o río. Malia realizar tres viaxes puntuais a Madrid a partir de 1966, continuou residindo en México até o seu falecemento en 1986.[9]

En 1991 publicáronse as súas Memorias habladas, memorias armadas, obra compilada a partir das cintas que fora gravando a súa neta, Paloma Ulacia Altolaguirre.[10]

Obra poética[editar | editar a fonte]

A súa obra poética está recollida en Poemas entre 1926-1986. A edición foi preparada polo marido da súa filla Paloma, o profesor James Valender.[11]

A súa poesía pódese dividir nas seguintes etapas, relacionadas de maneira moi íntima coa súa vida:

Primeira etapa[editar | editar a fonte]

A primeira etapa está constituída por tres libros: Inquietudes (1926), Surtidor (1928) e Canciones de mar y tierra (1930). Constitúen unha triloxía caracterizada polos mesmos temas que empregaba o Alberti neopopularista e pola incorporación ao verso de todo o que representaba a modernidade nos anos 20: o deporte, o cinema ou o automóbil.[1]

En Inquietudes están os seus primeiros poemas, de corte ultraísta, coas viaxes, a natureza e o mar como temas principais. Son 75 poemas breves de rima asonante en que predominan os versos heptasílabos e octosílabos. En Surtidor a súa voz poética é máis vangardista, con versos nominais, visuais e moi plásticos. Estrutúranse na procura dunha imaxe múltiple sen pretensións de transcendencia conceptual. Son 53 Canciones na primeira parte (poemas breves) e 24 Ritmos, algo máis longos.

En Canciones de mar y tierra obsérvase a influencia mutua entre Concha Méndez, Alberti e Lorca. Reflicte a súa experiencia vital ao longo de todo o libro, coa viaxe como eixo estruturador. Son 79 Canciones seguidas por tres Momentos en prosa. Ilustrado por Norah Borges, inclúe un epílogo que constitúe un manifesto poético.[12]

Segunda etapa[editar | editar a fonte]

En Vida a vida (1932) mostra unha voz máis depurada e persoal, menos colorista e lúdica. Son 20 poemas que terminan en exclamacións. A súa madurez vital choca coa súa contorna, e neste libro explora cos seus soños a realidade. Continúa o ton autobiográfico en Niño y sombras (1936), unha elexía ao seu primeiro fillo, que non chegou a nacer. Deixa atrás a vangarda e depura a súa poesía, cun léxico sinxelo e natural e alargando os seus versos. Son 28 poemas en que a morte e o dó xunto á maternidade son o eixo vertebrador do libro.

Eses dous libros, xunto con 12 poemas novos escritos durante a guerra, reedítanse en Lluvias enlazadas (1939). Publicado na Habana, mostra o desencanto e escepticismo do exilio e o desarraigamento. Este poemario editouse dentro da colección de libros El ciervo herido, da súa propia imprenta. Sombras y sueños (1944) inclúe 97 poemas con catro núcleos temáticos:

  • Poemas das sombras, soidade e dor
  • Poemas da resistencia
  • Poemas do abandono: mostran a nostalxia da separación, da súa terra natal, do seu compañeiro e da súa nai, falecida neses días
  • Poemas que homenaxean os seus poetas preferidos[12]

Con todo, en 1944 publicou tamén Villancicos de Navidad. A obra, moito máis vitalista e esperanzada, contrasta co poemario anteriormente descrito.

Terceira etapa[editar | editar a fonte]

En 1967 reedita unha edición ampliada de Villancicos. Son 85 poemas breves inmersos na tradición popular de arte menor, con recursos estilísticos moi sinxelos. O eixo temático é a alegría polo nacemento do Neno Jesús. Os 100 poemas breves de Vida o río (1979) son expresión de estados de ánimo, cos soños e recordos como proxeccións da súa intimidade, da que necesita preservar certos momentos ou sensacións e salvalos do esquecemento. Os eixos estruturadores son o tempo, os recordos, os soños, a natureza, a morte e a existencia mesma. Entre el soñar y el vivir é o título, ben significativo, do seu último libro (1981). Son 47 poemas máis oito dedicados ao seu marido. Constitúe unha exploración continua do sentido último da existencia.[12]

Obra teatral[editar | editar a fonte]

Desde mediados da década de 1920, a renovación da escena teatral volveu os seus ollos ao teatro infantil en busca de inspiración. Pretendía fuxir do excesivo realismo mimético que predominaba na escena e buscaba novas vías de expresión máis acordes ás vangardas. De entre as iniciativas propostas destaca a creación dun teatro estábel, o Teatro Pinocho, con Salvador Bartolozzi e Magda Donato como artífices. Tamén contribuíu a esa renovación Elena Fortún, autora dun volume con 12 obras de Teatro para niños.

Así mesmo, Carmen Baroja representou unha obra de monicreques no Mirlo Blanco. Concha Méndez representou El carbón y la rosa no Lyceum Club Feminino o mesmo día que Rafael Alberti realizaba unha lectura dos seus poemas. A decoración correu a cabo de Maruxa Mallo.[13] A escritora manifestou sempre unha gran preocupación pola función pedagóxica do teatro infantil, na procura dunha educación global.[14]

Autobiografía[editar | editar a fonte]

Cara ao final da súa vida Concha Méndez xa non tiña a capacidade física de escribir as súas memorias. Con todo, a fortaleza e empeño da autora fixeron posíbel a creación das súas Memorias habladas, memorias armadas (1990). Estas foron ditadas á súa filla, Paloma Ulacia Altolaguirre, quen posteriormente creou o libro a partir das cintas gravadas.

No prólogo, Paloma Ulacia revela que Concha Méndez non escribiu a súa propia autobiografía. Consideraba que aceptar a súa vida como un feito xa consumado equivalía a admitir a vellez e, xa que logo, a proximidade da morte. Cando a autora sentiu a necesidade de relatar a súa vida, aos 80 anos, xa non podía facelo fisicamente. Malia a idade, as súas expresións e o detalle das memorias mostran como aínda mantiña moita enerxía, trazo sempre presente no seu carácter. O prólogo tamén advirte que a estrutura do libro segue unha orde cronolóxica e resumíronse os sucesos temporais máis extensos.

Semella que Concha Méndez autocensurou algunhas pasaxes da súa vida á hora de narrar as súas memorias. Trata de forma esquiva feitos como as súas relacións sentimentais. En lugar de narrar con precisión a súa vida, preferiu expresala como unha serie de anécdotas, coa poesía e as viaxes coma alicerces fundamentais. Conta como de nena soñaba con ser capitá de barco, unha idea non moi ben acollida pola súa familia, e na súa mocidade alcanza a emancipación viaxando. A autora conclúe a obra cunha reflexión sobre as decisións tomadas.

Relación de obras[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Inquietudes (Imprenta de Juan Pueyo, Madrid, 1926)
  • Surtidor (1928)
  • Canciones de mar y tierra (Talleres Gráficos Argentinos, Bos Aires, 1930)
  • Vida a vida (La Tentativa Poética, Madrid, 1932)
  • Niño y sombras (Ediciones Héroe, Madrid, 1936)
  • Lluvias enlazadas (A Habana, El Ciervo Herido, 1939)
  • Poemas. Sombras y sueños (México, Rueca, 1944)
  • Villancicos de Navidad (México, Rueca, 1944)
  • Vida o río (Caballo Griego para la Poesía, 1979)
  • Entre el soñar y el vivir (1985)[7]
  • Poemas 1926-1986 (Madrid, Hiperión, 1995), edición preparada polo marido da súa filla Paloma, o profesor James Valender.
  • Mapas

Teatro[editar | editar a fonte]

  • La caña y el tabaco (inédita até 2012): Publicada pola Asociación de Directores de Escena de España, dentro da colección literatura dramática iberoamericana)
  • El ángel cartero (Acto único infantil, representada en 1929 no Lyceum Club Femenino de Madrid)[14]
  • El personaje presentido (1931)[14]
  • El pez engañado (comedia infantil nun acto, escrita en 1933 e editada en 2006 pola Asociación de Directores de Escena)[7]
  • Ha corrido una estrella (comedia infantil escrita en 1934, editada en 2006 por la Asociación de Directores de Escena)[7]
  • El carbón y la rosa (1935)[14]
  • Las barandillas del cielo. Comedia para guiñol[14](1938), editada en 2006 pola Asociación de Directores de Escena[7]
  • Prólogo de El solitario (El nacimiento) (1938)
  • El solitario (Amor) (1941)
  • El solitario (Soledad) (1945)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Belausteguigoitia, Santiago (24 de xaneiro de 2004). "Dos escritoras de la Generación del 27". El País (en castelán) (Sevilla). Consultado o 27 de xuño de 2023. 
  2. Balló, Tania (2016). Las Sinsombrero: Sin ellas, la historia no está completa (en castelán). Espasa. ISBN 9788467046038. 
  3. Valender, James. "Concepción Méndez Cuesta". Real Academia de la Historia (en castelán). Consultado o 27 de xuño de 2023. 
  4. "Concha Méndez". Centro de Información Documental de Archivos (CIDA) (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2023. Consultado o 29 de xuño de 2023. 
  5. 5,0 5,1 Sánchez, Alfonso (xullo-agosto de 1998). "Concha Méndez: una voz singular de la generación del 27". Residencia (en castelán) (6). 
  6. 6,0 6,1 6,2 Trallero Cordero, María del Mar (decembro de 2004). La huella de la amistad en los exilios de Concha Méndez (PDF) (en castelán). Texas A&M University. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 7,7 Calles Moreno, Juan María (2014). "Concha Méndez, la seducción de una escritora en la modernidad literaria". Dossiers feministes (en castelán) (18): 151–167. ISSN 2340-4930. 
  8. 8,0 8,1 Valender, James, ed. (2001). Concha Méndez en su mundo (en castelán). Madrid: Residencia de Estudiantes. ISBN 9788495078018. 
  9. García Chacón, Irene (2022). "Semblanza de Concha Méndez (Madrid, 1898 - México D. F., 1986)". Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes - Portal Editores y Editoriales Iberoamericanos (siglos XIX-XXI) (en castelán). 
  10. García-Posada, Miguel (1 de setembro de 1990). "Memorias habladas, memorias armadas". ABC (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2023. 
  11. Méndez, Concha (1995). Valender, James, ed. Poemas (1926-1986) (en castelán). Madrid: Hiperión. ISBN 9788475174303. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Martínez Trufero, Begoña (2011). La construcción identitaria de una poeta del 27: Concha Méndez Cuesta (1898-1986) (PDF) (en castelán). Madrid: UNED. 
  13. Nieva de la Paz, Pilar (2001). "El teatro infantil de Concha Méndez". En Valender, James. Concha Méndez en su mundo (en castelán). CSIC - Residencia de Estudiantes. ISBN 9788495078018. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 Bados Ciria, Concepción (27 de maio de 2009). "Rinconete. Intelectuales de la Edad de Plata (14). Concha Méndez y el teatro infantil". Centro Virtual Cervantes (en castelán). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bellver, Catherine G. (1993). "Exile and the female experience in the poetry of Concha Méndez". Anales de la literatura española contemporánea (en inglés) (Boulder, Colorado) 18 (1): 27–42. ISSN 0272-1635. 
  • González-Allende, Iker (2010). "Cartografías urbanas y marítimas: Género y Modernismo en Concha Méndez". Anales de la Literatura Española Contemporánea (en castelán) 35 (1): 89–116. ISSN 0272-1635. 
  • Jiménez Faro, Luzmaría (1996). Poetisas españolas. Antología general (en castelán). Tomo II: De 1901 a 1939. Madrid: Torremozas. pp. 123–133. ISBN 9788478391745. 
  • Muñoz Cáliz, Berta (2018). "Infancia y exilio. El teatro de Concha Méndez". En Aznar Soler, Manuel. La literatura dramática del exilio republicano de 1939 (en castelán). Sevilla: Renacimiento. ISBN 9788417550578. 
  • Nieva de la Paz, Pilar (1993). Autoras dramáticas españolas entre 1918 y 1936: texto y representación (en castelán). Madrid: CSIC. ISBN 9788400073602. 
  • Pérez de Ayala, Juan (setembro de 1990). "Concha Méndez: una mujer en la vanguardia del 27". Cómplice (en castelán) (86): 120–123. 
  • Ulacia Altolaguirre, Paloma (1990). Concha Méndez. Memorias habladas, memorias armadas (en castelán). Madrid: Mondadori. ISBN 9788417266462. 
  • Valender, James, ed. (2001). Concha Méndez en su mundo. Una mujer moderna (1898-1986) (en castelán). Madrid: Residencia de Estudiantes. ISBN 9788495078018. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]