Dólar Susan B. Anthony

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Dólar Susan B. Anthony [1]
1981-S SBA$ Type Two Deep Cameo.jpg
A/: Busto de perfil de Susan B. Anthony cara á dereita. R/: Aguia cunha póla de loureiro nas súas poutas sobre paisaxe lunar, baseado na insignia da misión Apollo 11.
· Datas: 1979-1999.

· Cecas: Filadelfia (P), Denver (D) e San Francisco (S).

· Gravador: Frank Gasparro.

· Aliaxe: cuproníquel: cobre (75 %), níquel (25 %).

· Diámetro: 26,5 mm.

· Peso: 8,1 g.

· Espesor: 2,00 mm.

· Canto: estriado.

O dólar Susan B. Anthony é unha moeda con valor facial dun dólar cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos desde 1979 ata 1981, e novamente en 1999, caracterizada por amosar nos seus anversos a figura da sufraxista estadounidense Susan B. Anthony.

A moeda xurdiu como un intento de substitución do anterior "dólar Eisenhower", de maior tamaño.

A primeira proposta para o deseño desta nova moeda prevía unha imaxe personificada da Liberdade no seu anverso, mais algúns representantes no Congreso e asociacións civís solicitaron que fose cambiada pola dunha muller real. Logo de diferentes propostas, optouse pola reformista Susan B. Anthony. Como reverso mantívose o que xa tiña o dólar Eisanhower, inspirado na insignia da misión Apollo 11. Ambas as faces foron deseñadas por Frank Gasparro, gravador xefe da US Mint.

Cuñáronse máis de 900 millóns de pezas en previsión dunha considerable demanda, aínda que o seu acollemento non foi o esperado, en parte por mor da confusión causada pola similitude en tamaño e aspecto coa moeda dun cuarto de dólar. Malia estas reticencias, comezaron a utilizarse nas máquinas expendedoras e no transporte público, o que ocasionou que se esgotase o excedente na década de 1990.

En 1997, o Congreso aprobou unha lei pola que se autorizaba unha nova moeda dun dólar, de aspecto dourado, coa imaxe da exporadora nativa americana Sacagawea nos seus anversos, mais a súa produción non puido comezar tan axiña como requiría a demanda existente e, como medida provisional, retomouse extraordinariamente a cuñaxe do dólar de Susan B. Anthony en 1999, en tanto que non se puidese producir a súa substituta. Ese foi o seu derradeiro ano de cuñaxe.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Anverso do dólar Eisenhower, aprobado pola Lei do 31 de decembro de 1970.[2]

A principios da década de 1960, ao subir o prezo da prata, a poboación esgotou os dólares deste metal que quedaban no depósitos do Departamento do Tesouro dos EEUU.[3] Desde 1935 non se cuñaran no país moedas dun dólar de prata,[4] e no Oeste do país produciuse unha escaseza destas pezas, sinaladamente alí onde o xogo era máis popular. Como resultado, o 3 de agosto de 1964 o Congreso votou favorablemente para autorizar a produción de 45 millóns de moedas de prata do coñecido como "dólar Paz".[5] Porén, a medida suscitou moita controversia por parte de sectores críticos e da poboación en xeral, que consideraba a emisión destas moedas como un dispendio de recursos e que estaba condicionada por intereses pouco transparentes, o que levaría a que fosen retiradas axiña da circulación.[6] En 1964 chegaron a cuñarse na Casa da Moeda de Denver 316.076 exemplares do "dólar Paz", antes de que se decidise a suspensión da produción. Estas moedas foron refundidas de camiño,[7] e a Lei de Moeda (Coinage Act) do 23 de xullo de 1965 prohibiu a produción de moedas dun dólar durante un período de cinco anos.[8]

O 12 de maio de 1969, a Comisión Conxunta sobre a Cuñaxe, un corpo constituído por 24 individuos establecido pola Lei da Moeda (Coinage Act) de 1965,[9] recomendou que se retomase a produción dos dólares, logo dun estudo levado a cabo por un grupo de traballo do Congreso.[10] O 1 e o 3 de outubro de 1969, nunha sesión ante a Cámara de Representantes dos Estados Unidos, debateuse a lexislación proposta para autorizar a moeda, cunha composición de cuproníquel, co mesmo diámetro de 38 mm dos antigos dólares de prata.[11] Engadiuse unha disposición que esixía que a moeda representase no reverso o ex-presidente Dwight D. Eisenhower, falecido aquel mesmo ano, e no reverso un deseño "emblemático da aguia simbólica da aluaxe do Apollo 11.[12] O presidente Richard Nixon asinou a lei o 31 de decembro de 1970.[13] Os deseños tanto do anverso como do reverso foron creados polo daquela xefe de gravadores da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Frank Gasparro.[14]

Do mesmo xeito que nas anteriores moedas deste valor, o novo dólar Eisenhower resultou ser impopular para os usuarios, e a súa presenza na circulación foi escasa.[15] En 1976, o Research Triangle Institute (RTI) realizou un estudo sobre a cuñaxe de moeda nos EEUU e, entre outras cousas, recomendou que se eliminase por completo a produción de moedas de medio dólar, tamén moi pouco utilizada, e que se cuñasen moedas dun dólar dun tamaño máis reducido. Neste informe podíase ler:[16]

Unha moeda dun dólar dun tamaño axeitado ampliaría considerablemente as posibilidades dos consumidores para realizaren transaccións en efectivo, sinaladamente con máquinas. Os membros da industria da comercialización automática expresaron un grande interese nun dólar máis pequeno e amosaron a súa vontade de adaptar as moedas para o seu uso.

O historiador numismático David L. Ganz suxeriu que o busto de Eisenhower, un republicano, foi elixido en compensación da presenza do demócrata John F. Kennedy nas moedas de medio dólar. Nun artigo de 1977, coincidiu coas conclusións do RTI ao suxerir que ambas as moedas deberían ser eliminadas. A produción do medio dólar cesou por completo e decidiuse que o dólar se substituíse por outro de menor diámetro e cun deseño diferente.[17] Esperábase que esta medida supuxese un aforro económico e a directora da US Mint, Stella Hackel, estimou que substituír a metade dos billetes dun dólar emitidos polas novas moedas pequenas do mesmo valor aforraría 19 millóns de dólares da época en custos de produción.[18][19]

Historia do deseño[editar | editar a fonte]

Proposta da Liberdade[editar | editar a fonte]

Gasparro Liberty obverse.jpeg
Gasparro Liberty reverse.jpeg
Deseño orixinal de Frank Gasparro para o anverso (Liberdade), e o reverso (aguia voando) do novo dólar de tamaño reducido.

A Casa da Moeda dos Estados Unidos comezou os preparativos da nova moeda dun dólar de tamaño reducido en 1976. Malia non estar aprobada aínda ningunha lei ao respecto, os funcionarios do Tesouro prevían un acollemento positivo por parte do Congreso, e a nova moeda contaba co apoio case unánime da US Mint e da industria das máquinas expendedoras, un influente grupo de presión no ámbito do deseño e a creación de moedas.[20] En 1977, o secretario do Tesouro, Michael Blumenthal, fixo un apoio público da nova moeda e suxeriu que unha representación alegórica da Liberdade sería un tema axeitado para os seus anversos.[21]

O gravador xefe Gasparro foi o encargado de crear os deseños da moeda. A súa proposta prevía un busto da Liberdade no anverso e unha aguia voando no reverso. O busto representábase a carón dunha vara cun gorro frixio na súa punta, como símbolo da liberdade. O deseño da Liberdade de Gasparro baseábase nun anverso similar que el mesmo creara para a convención da American Numismatic Association de 1969.[22] O reverso, coa aguia voando sobre unha montaña contra o sol nacente, fora creado orixinariamente por Gasparro en 1967 para unha proposta dun medio dólar conmemorativo.[23] Ao describir o deseño do seu reverso, Gasparro declarou que pretendía simbolizar "o nacemento dun novo día".[24]

O deseño foi revisado pola Comisión de Belas Artes e, nunha carta do 29 de abril de 1976, o membro desta comisión J. Carter Brown gababa así o deseño:[25]

Creo que este sería un deseño magnífico para a moeda dos Estados Unidos, xa que se inscribe nunha tradición, ao estar baseado no centavo "Liberty Cap" de 1794, seguindo a medalla "Libertas Americana", de Augustin Dupré, que conmemora Saratoga e Yorktown 1777-1781).

O 1 de maio de 1978 presentouse na Cámara de Representantes un proxecto de lei para reducir o diámetro do dólar desde 38 mm ata 26,5 mm, e o peso dos 22,68 g a 8,5 g.[26] O proxecto de lei presentouse no Senado o 3 de maio, e o peso proposto foi finalmente o de 8,1 g.[27] A Casa da Moeda realizou experimentos con moedas de oito, de dez, de once e de trece caras, mais finalmente decidiuse que o novo dólar fose redondo,[22] xa que se requirirían custosas modificacións para actualizar a maquinaria expendedora, para que aceptase moedas doutras formas.[28] No canto disto, o proxecto de lei prescribiu un bordo interior de once lados, que pretendía servir de axuda para a identificación pola vista e polo tacto para as persoas con deficiencia visual.[29]

Selección de Susan B. Anthony[editar | editar a fonte]

Os altos funcionarios do Tesouro recomendaron formalmente o deseño de Gasparro, ao que se referiron como unha "versión modernizada do deseño clásico da Liberdade".[31] O 3 de maio de 1978, William Proxmire, de Wisconsin, presentou no Senado unha proposta de lei que era igual á do Tesouro, agás polo feito de que o deseño se modificaba para representar a reformadora social Susan B. Anthony, no canto da figura alegórica da Liberdade.[32] O 15 de maio, as representantes Mary Rose Oakar e Patricia Schroeder presentaron unha proposta similar na Cámara de Representantes.[26] A figura de Anthony tamén foi recomendada por membros da Organización Nacional de Mulleres, polo Grupo de Mulleres Congresistas, polo Grupo Político Nacional de Mulleres e pola Liga de Mulleres Votantes.[33] En apoio da lexislación proposta, a Liga dirixiu unha carta a Walter E. Fauntroy, presidente do Subcomité de Preservación Histórica e Cuñaxe, nos seguintes termos:[34]

A Liga cre que chegou o momento, e de feito xa pasou, de colocar o retrato dunha muller estadounidense destacable nunha moeda nacional. Cremos firmemente que a imaxe debe ser a dunha muller real e non a dunha figura imaxinaria ou simbólica. Susan B. Anthony contribuíu enormemente ao avance da dignidade humana nesta nación. É totalmente axeitado e acaído que a súa memoria sexa honrada con esta medida.
1979 left-facing Susan B. Anthony design.jpeg
1979 right-facing Susan B. Anthony design.jpeg
Dous debuxos obra de Frank Gasparro con senllas propostas para o busto de Susan B. Anthony no dólar.

Ademais, os funcionarios fixeron un reconto das suxestións enviadas á Casa da Moeda dos EEUU polo público en xeral sobre o tema da moeda dun dólar, e comprobouse que Susan B. Anthony recibira o maior apoio.[35]

Gasparro comezou, xa que logo, os seus traballos sobre o deseño de Susan B. Anthony en xuño de 1978, mesmo antes de que a lexislación fose aprobada no Congreso.[36] Recorreu á axuda dun amigo para realizar unha investigación sobre Anthony, que considerou necesaria antes de realizar o deseño.[37] Tomou como referencia unhas seis imaxes diferentes para crear o retrato de Anthony, aínda que maiormente se baseou só en dúas delas.[38] Gasparro creou varias propostas de deseño antes de recibir á aprobación final. Un destes retratos, que representaba a Anthony aos seus 28 anos, presentóuselle a unha sobriña da activista, quen a rexeitou popr considerar que se "embelecía" innecesariamente a súa tía-avoa, e tamén criticou outro deseño que representaba a Anthony aos 84 anos, que ao seu xuízo semellaba demasiado anciá.[39][40] Gasparro realizou varias modificacións co obxectivo de que o retrato aparentase unha idade de 50 anos, o punto álxido da súa influencia como reformadora social, aínda que non se coñecen fotografías de Anthony dese período. Logo das modificacións, Gasparro recibiu a aprobación e amosou a súa satisfacción por considerar que retratara a Anthony con exactitude.[38]

Inicialmente, Gasparro esperaba que o Congreso mantivese o deseño do reverso da aguia en voo, para acompañar o anverso de Susan B. Anthony. [38]No entanto, unha emenda de última hora presentada polo senador de Utah Jake Garn modificou a norma para manter o deseño da insignia do Apollo 11 que xa se utilizara no anterior dólar Eisenhower.[41]

O proxecto de lei foi aprobado polo Congreso e asinado polo presidente Jimmy Carter o 10 de outubro de 1978,[42] e a produción de dólares Eisenhower cesou ese ano.[43] Logo de asinar a lei, Carter fixo unha declaración na que dicía que esperaba que o novo dólar melloraría substancialmente o sistema de cuñaxe e que reduciría os custos da produción de moeda para o Goberno. Tamén declarou a súa aprobación da decisión de representar a Susan B. Anthony nesta moeda:[44]

Práceme especialmente que a nova moeda dun dólar leve —por primeira vez na historia— a imaxe dunha muller estadounidense. A vida de Susan B. Anthony exemplifica os ideais que defende o noso país. O "dólar Anthony" vai simbolizar para todas as mulleres estadounidenses a consecución do seu dereito inalienable ao voto. Será unha lembranza constante da continua loita pola igualdade de todos os estadounidenses.

Controversia co deseño[editar | editar a fonte]

Gasparro considerou o seu deseño de Anthony como o máis salientable da súa carreira. En relación coa percepción pública da moeda, afirmou que "pasou a formar parte dun movemento social; este novo dólar é máis que unha moeda, é un asunto en si mesma". A decisión de utilizar o retrato de Susan B. Anthony no canto da alegoría da Liberdade, porén, foi recibida con críticas no ámbito numismático, que lle atribuían á figura alegórica un maior mérito artístico.[36]

O crítico e numismático Cornelius Vermeule fixo unha crítica severa non só deste cambio no anverso, senón tamén da decisión de seguir utilizando a imaxe do Apollo 11 no reverso.[45] Vermeule sinalou que, aínda que o Goberno de Eisenhower creara a Administración Nacional de Aeronáutica e do Espazo, Anthony non tiña relación ningunha con esa expedición lunar nin co programa espacial estadounidense.[46] Ao comentar o emparellamento do anverso e do reverso afirmou que era "un matrimonio apresurado e malo".[47]

Malia considerar que o deseño de Gasparro estaba ben executado, o escultor Robert Weinman criticou a decisión de representar a figura de Anthony, preocupado pola posibilidade de que outros grupos sociais procurasen tamén a súa representación nunha moeda. Neste sentido, cualificou a lexislación pola que se aprobou o dólar Susan B, Anthony como "un enfoque de valo publicitario ou de insignia de campaña para unha moeda nacional".[48]

Acollemento popular[editar | editar a fonte]

A cor e o tamaño similares do dólar Susan B. Anthony e o cuarto de dólar Washington (á dereita) xerou confusión na poboación.

Os primeiros dólares Susan B. Anthony cuñáronse na Casa da Moeda de Filadelfia o 13 de decembro de 1978, datados en 1979.[49] Os primeiros producidos na Casa da Moeda de Denver e na Casa da Moeda de San Francisco viron a luz o 9 e o 29 de xaneiro de 1979, respectivamente.[50]

Na Casa da Moeda dos EEUU temíase que se producise un acaparamento das moedas nun primeiro momento, polo que se ordenou unha reserva de 500 millóns de moedas antes da data de saída á circulación en xullo de 1979.[51] Todas estas moedas amosan como marcas de ceca un "P" (ceca de Filadelfia), un "D" (Denver) ou un "S" (San Francisco). Aínda que a utilización das marcas "D" e "S" tiña xa unha longa tradición, tratábase da primeira vez que se colocaba o "P" como marca de ceca de Filadelfia desde a moeda de 5 centavos de Jefferson emitida durante a segunda guerra mundial, xa que as moedas desta procedencia adoitaban carecer de marca de ceca. A partir de 1980, o "P" engadiuse a todas as moedas cuñadas na ceca de Filadelfia, agás as dun centavo de dólar.[52]

O Departamento do Tesouro, en colaboración coa Reserva Federal, emprendeu unha campaña de mercadotecnia por un valor de 655.000 dólares para informar os traballadores bancarios e o público en xeral acerca da nova moeda,[53] e o sector das máquinas expendedoras realizou un investimento de 100 millóns de dólares para a adaptación das máquinas ao novo formato.[54]

Malia os esforzos realizados para a súa introdución no mercado, o seu acollemento público foi claramente negativo.[55] O seu diámetro só dous milímetros máis grande que o da moeda de 25 centavos, tamén de cuproníquel, facía que o dólar Susan B. Anthony se confundise con facilidade con esa moeda. Stella Hackel, a directora da US Mint, incidiu na notable diferenza en peso e en deseño entre ambas, e expresou a súa confianza en que o novo dólar acabaría, co tempo, merecendo o favor da poboación.[56] Nos meses seguintes ao seu lanzamento aumentaron as queixas e as reclamacións no transporte público e moitos establecementos comerciais por todo o país comezaron a negarse a aceptalas como medio de pagamento.[54] O 13 de xullo de 1979, o representante de California Jerry Lewis propuxo un proxecto de lei na Cámara de Representantes para intentar incrementar o tamaño da moeda, co ánimo de mellorar a súa identificación.[57] Na súa defensa deste proxecto de lei, que nunca se chegou a aprobar, Lewis sinalou que o dólar Susan B. Anthony chegara a ser coñecido ironicamente como "o cuarto de dólar Carter" (Carter quarter), aludindo tanto ao seu tamaño como ao presidente que o creou.[58]

En total cuñáronse 757.813.744 moedas destinadas á circulación datadas en 1979, nas casas de moeda de Filadelfia, Denver e San Francisco —á parte doutras destinadas ao coleccionismo—. A demanda seguiu a ser baixa ata 1980 e a cantidade de moedas para a circulación cuñadas ese ano foi de 89.660.708. Por mor da súa persistente falla de popularidade, a súa produción de moedas para a súa posta en circulación foi suspendida, e en 1981 soamente se cuñaron, entre as tres cecas, arredor de 10.000 exemplares para satisfacer o mercado do coleccionismo.[59]

Co pechamento da produción, o Tesouro viuse nun dilema: a Casa da Moeda cuñara en 1979 unha grande cantidade de dólares adiantándose a unha previsible —e excesivamente optimista— boa aceptación popular, o que deu lugar a un excedente de 520.000.000 exemplares en 1981. Fundir todas estas moedas non resultaría práctico: o custo de produción era de dous centavos por moeda e os 98 centavos restantes cumpriría aplicalos á débeda nacional.[60] Xa que logo, as moedas foron almacenadas polo Goberno, á espera de seren postas en circulación cando se precisase.[61]

O deseño deste dólar tivo as súas repercusións fóra das fronteiras estadounidenses. Cando o Canadá introduciu en 1987 a súa nova moeda dun dólar, as súas dimensións fixéronse similares coa intención de que as especificacións das máquinas expendedoras puidesen ser comúns para ambos os países.[62]

Cando en 1984 se inaugurou o metro de Baltimore, utilizou o dólar Susan B. Anthony a modo de ficha para a compra de billetes, polo que se converteu no maior usuario desta moeda en toda a súa historia.[63]

A reemisión de 1999[editar | editar a fonte]

Malia a súa impopularidade para o seu uso nas transaccións, os dólares Susan B. Anthony comezaron a ser moi utilizados en máis de 9.000 máquinas expendedoras de selos de correos instaladas nos edificios do Servizo Postal dos EEUU por todo o país a principios da década de 1990. Ademais, estas moedas comezaron a utilizarse con regularidade en moitos sistemas de transporte colectivo e en máquinas expendedoras.[64]

Desde o cesamento da produción destes dólares en 1981 debatéronse varias propostas no Congreso, mais non chegou a tomarse ningunha medida para a emisión dunha nova moeda, en tanto que non se esgotaron as reservas almacenadas no Tesouro, o que sucedeu a mediados da década de 1990. En febreiro de 1996, os almacéns contiñan aproximadamente 229.500.000 moedas, mais esa cifra baixou a unhas 133.000.000 cara á fin de 1997. Ante a necesidade xurdida de producir máis dólares para satisfacer a demanda, o Tesouro apoiou unha lexislación que autorizaba unha nova moeda de dólar que non se puidese confundir coa de cuarto de dólar, cuñada cunha aliaxe de cor dourada e cun bordo liso. Esta lexislación presentouse na Cámara de Representantes e no Senado en 1997, onde recibiu a súa aprobación, cunha disposición que solicitaba que nos seus anversos se representase o busto da guía nativa Sacagawea.[64] O 1 de decembro de 1997, o presidente Bill Clinton asinou a lei que aprobaba o programa de emisións conmemorativas dos 50 Estados, que incluía unha serie de moedas dun cuarto de dólar e tamén unha sección titulada United States $1 Coin Act of 1997 ("Lei estadounidense da moeda dun dólar, de 1997").[65] Esta sección autorizou oficialmente o que se converteu no sucesor do dólar Susan B, Anthony: o dólar Sacagawea.[66]

Moeda padrón da US Mint coa imaxe de Martha Washington e a data de 1759, como proba dunha moeda máis distintiva e de cor dourada.

Logo da aprobación desta lei levouse a cabo unha serie de cuñaxes de proba coa imaxe de Martha Washington, para probar diversas aliaxes de cor dourada.[67] Aínda que a lei prevía a creación dunha nova moeda, tamén permitía retomar a cuñaxe de dólares Susan B. Anthony como medida provisional, ata que comezase a produción do novo dólar dourado.[65] O 20 de maio de 1999, a Casa da Moeda dos Estados Unidos anunciou que a cuñaxe de dólares Anthony se retomaría cando se esgotasen as existencias almacenadas no Tesouro.[68] En total, cuñáronse 41.368.000 dólares Anthony datados en 1999 para a súa posta en circulación, nas cecas de Filadelfia e de Denver. A maiores, en Filadelfia emitíronse tamén 750.000 exemplares cun acabamento especial (proof) destinados ao mercado do coleccionismo.[59] O modelo de dólar Susan B. Anthony foi retirado oficialmente en 2000, cando entrou en produción o novo dólar dourado Sacagawea.[69]

Cantidades cuñadas[editar | editar a fonte]

Estas son as cantidades de dólares Susan B. Anthony cuñados nas tres sucursais da Casa da Moeda dos Estados Unidos en que estes se produciron. Estas cantidades inclúen tanto as moedas destinadas á súa posta en circulación como as previstas para o mercado numismático:[1]

Tiraxes anuais en cada ceca
Filadelfia Denver San Francisco TOTAL
1979 360.222.000 288.015.744 113.253.175 761.490.919
1980 27.610.000 41.628.708 23.969.030 93.207.738
1981 3.000.000 3.250.000 4.063.083 10.313.083
1999 30.342.000 11.776.000 42.118.000

Coleccionismo[editar | editar a fonte]

Tendo en conta que hai unha gran cantidade de dólares Susan B. Anthony que estiveron en circulación durante moi pouco tempo, moitas delas se conservan en condicións excelentes de conservación, o que fai que teñan moi pouco valor no mercado do coleccionismo por riba do seu valor facial.[70] Porén, a escaseza das tiraxes dalgún ano e con determinadas marcas de ceca concretas dá lugar a que algúns exemplares acaden unha cotización superior. A serie de 1981, ao conter unicamente moedas cuñadas para o coleccionismo, ten un valor superior ao resto das series anuais.[71] Ademais, unha coñecida variedade das moedas emitidas para a súa circulación en 1979, que ten a data situada máis preto do bordo, ten tamén un prezo superior ao das moedas da emisión regular.[72]

En todos os anos cuñáronse moedas con acabamento especial (proof series) para o coleccionismo.[73] Estas series, con tiraxes moito máis reducidas, acadan no mercado do coleccionismo valores superiores aos das moedas correspondentes ás emisións regulares.[59]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "1 Dollar "Susan B. Anthony Dollar"". Numista.com
  2. "1 Dollar "Eisenhower Dollar"". Numista.com
  3. Yeoman, R. S. (2008). Páxina 28.
  4. Yeoman, R. S. (2008). Páxina 222.
  5. Stevenson, I. K. (1964).
  6. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 98-101.
  7. Yeoman, R. S. (2008). Páxina 221.
  8. "Public Law 89-81". United States Congress.
  9. "The Joint Commission on the Coinage". United States Department of the Treasury. 29 de febreiro de 1968.
  10. United States House of Representatives (1969). The Coinage Act of 1969. Government Printing Office, Washington. Páxinas 3, 40.
  11. United States House of Representatives (1969). The Coinage Act of 1969. Government Printing Office, Washington. Páxina 1.
  12. O deseño alternativo de Gasparro representaba unha aguia menos depredadora, mais logo de se filtraren os detalles ao Congreso, ordenouse que a ave aparecese na moeda tal e como estaba representada na insignia do Apollo 11. Véxase: Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2.851.
  13. "Public Law 91-607". United States Congress.
  14. Yeoman, R. S. (2008). Páxina 222.
  15. Bailey, C. F. (1974). Páxina 9.
  16. United States Senate (1978-b-). Páxina 30.
  17. Ganz, D. L. (1977). Páxina 205.
  18. United States Senate (1978-b-). Páxina 110.
  19. Malia seren os billetes menos custosos de imprimir, unha moeda dun dólar é considerablemente máis duradeira e require unha substitución menos frecuente. Véxase Caskey, J. P.; St. Laurent, S. (1994). Páxinas 497-498.
  20. Ganz, D. L. (1976). Páxina 54.
  21. Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2.929.
  22. 22,0 22,1 Ganz, D. L. (1976). Páxina 55.
  23. Ganz, D. L. (1976). Páxinas 55-56.
  24. Ganz, D. L. (1976). Páxina 56.
  25. USHR (1978). Proposed Smaller One-Dollar Coin. Government Printing Office, Washington. Páxina 13.
  26. 26,0 26,1 USHR (1978). Páxina 2.
  27. United States Senate (1978-a-). Páxinas 1-2.
  28. Logan, C. (1979-a-). Páxina 46.
  29. USHR (1978). Páxina 7.
  30. Review of reviews and world's work. New York Review of Reviews Corp., Nova York. (1890). Páxina 430.
  31. United States Senate (1978-a-). Páxinas 5-6.
  32. USHR (1978). Páxinas 36-37.
  33. USHR (1978). Páxinas 104-106.
  34. USHR (1978). Páxina 107.
  35. USHR (1978). Páxina 97.
  36. 36,0 36,1 Reiter, E. (1979-a-). Páxina 116.
  37. Reiter, E. (1979-a-). Páxinas 116-117.
  38. 38,0 38,1 38,2 Reiter, E. (1979-a-). Páxina 117.
  39. Wo o, E. (2001).
  40. Martin, E. (2010). Páxinas 224-225.
  41. United States Senate (1978). Páxina 2.
  42. "Public Law 95-447". United States Congress.
  43. Yeoman, R. S. (2008). Páxina 224.
  44. Carter, J. (1979). Páxina 1.737.
  45. Reiter, E. (1979-b-). Páxina 46.
  46. Reiter, E. (1979-b-). Páxina 48.
  47. Reiter, E. (1979-b-). Páxinas 48-50.
  48. Reiter, E. (1979-b-). Páxina 50.
  49. Stevens, L.; Ganz, D. L. (1979). Páxina 33.
  50. Hackel, S. B. (1979). Páxina 25.
  51. Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2.931.
  52. Martin, E. (2010). Páxina 225.
  53. Wolenik, R. (1979). Páxina 8.
  54. 54,0 54,1 Ganz, D. L. (1979). Páxina 44.
  55. Schwager, D. (2014). Páxina 60.
  56. Logan, C (1979-b-). Páxina 42.
  57. United States House of Representatives (1979). "Sound as a Dollar". Congressional Record-House. 13 de xullo. Páxina 18469.
  58. TSBCS (1979). Páxina C-5.
  59. 59,0 59,1 59,2 Yeoman, R. S. (2008). Páxina 225.
  60. Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2.932.
  61. Reiter, E. (1981).
  62. Lee, R. (1986). "New coin to replace dollar bill". En Ottawa Citizen. 25 de marzo. Páxina A1.
  63. Valentine, P. W. (1984). "Underground Coin". En The Washington Post. 2 de abril..
  64. 64,0 64,1 Roach, S. (2010). Páxina 22.
  65. 65,0 65,1 "Public Law 105-124". United States Congress.
  66. Roach, S. (2010). Páxinas 22-24.
  67. Gilkes, P. (2008). Páxina 82.
  68. "U.S. Mint to Strike 1999 Susan B. Anthony Dollar Coins". United States Mint. 20 de maio de 1999.
  69. Yeoman, R. S. (2008). Páxinas 225-226.
  70. Krause, B. (1999). Páxina 64.
  71. Yeoman, R. S. (2008). Páxinas 224-225.
  72. Krause, B. (1999). Páxinas 64-65.
  73. Schwager, D. (2014). Páxina 61.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bailey, C. F. (1974). "Ike's Dollar: The Successful Failure". En COINage. Behn-Miller Pub., Encino. 10 (11). Páxinas 8-10, 94-100.
  • Bowers, Q. D. (1993). Silver Dollars & Trade Dollars of the United States. Bowers and Merena Galleries,Wolfeboro. ISBN 0-943161-48-7
  • Burdette, R.W. (2005). Renaissance of American Coinage, 1916-1921. Seneca Mill Press, Great Falls. ISBN 978-0-9768986-0-3
  • Carter, J. (1979). Public Papers of the Presidents of the United States. Government Printing Office, Washington. ISBN 0-16-058934-7
  • Caskey, J. P.; St. Laurent, S. (1994). "The Susan B. Anthony Dollar and the Theory of Coin/Note Substitutions". En Journal of Money, Credit and Banking. The Ohio State University Press, Columbus. 26 (3). Páxinas 495-510.
  • Ganz, D. L. (1976). "Our New Small-Size Dollar Coins". En COINage. Behn-Miller Pub., Encino. 12 (10). Páxinas 54-58, 114-115.
  • Ganz, D. L. (1977). "Toward a Revision of the Minting and Coinage Laws of the United States". En Cleveland State Law Review. Cleveland State University. 26. Páxinas 175-257.
  • Ganz, D. L. (1979). "The Selling of a Coin". En COINage. Behn-Miller Pub., Encino. 13 (10). Páxinas 44-46.
  • Gilkes, P. (2008). "Die trials, experimentals, patterns test coin metals". En Coin World. Amos Press, Sidney, Ohio. 49 (2512). 2 de xuño. Páxinas 82-84.
  • Hackel, S. B. (1979). Annual Report of the Director of the Mint. Government Printing Office, Washington.
  • Krause, B. (1999). "Anthony dollar gaining respect". En Coins. Krause Publications, Iola. 46 (6). Páxinas 64-65.
  • Logan, C. (1979-a-). "The Search for a Dollar". En COINage. Behin-Miller Pub., Encino. 13 (7). Páxinas 40-46.
  • Logan, C (1979-b-). "The Anthony-Who Goofed?". En COINage. Behn-Miller Pub., Encino. 13 (10)- Páxinas 42, 101.
  • Martin, E. (2010). "Anthony dollar hits wrong chord with collectors, public". En Coin World. Amos Press, Sidney, Ohio. 51 (2617). Páxinas 224-226.
  • Reiter, E. (1979-a-). "Gasparro's Greatest Challenge". En Coins. Krause Publications, Iola. 26 (2). Páxinas 116-117.
  • Reiter, E. (1979-b-). "Judging the Anthony Dollar". En COINage. Behn-Miller Pub. Encino. 13 (4). Páxinas 46-50.
  • Reiter, E. (1981). "Numismatics; What Will Become of Those Anthony Dollars?". En New York Times. 11 de outubro.
  • Roach, S. (2010). "Wanted: new $1 coins (as long as they're not Anthony dollars)". En Coin World. Amos Press, Sidney, Ohio. 51 (2604). Páxinas 22-24.
  • Schwager, D. (2014). "The Anthony Dollar 'Orphan'". En COINage. Beckett Media, Dallas. 50 (8). Páxinas 60-61.
  • Stevens, L.; Ganz, D. L. (1979). "Minting the Anthony Dollar". En COINage. Behn-Miller Pub., Encino. 13 (2). Páxinas 33-35, 104.
  • Stevenson, I. K. (1964). "Date on New Silver Dollar Uncertain". En Sarasota Herald-Tribune, 13 de decembro. Páxina 4-E
  • TSBCS (1979). "Lewis-dump new dollar coin". En The San Bernardino Sun. 15 de xullo
  • United States Senate (1978-a-). The Susan B. Anthony Dollar Coin Act of 1978. Government Printing Office, Washington.
  • United States Senate (1978-b-). Susan B. Anthony Dollar Coin Act of 1978. Hearing before the Commitee [...]. Government Printing Office, Washington.
  • Wolenik, R. (1979). "First Check-Up on the Anthony Dollar". En COINage. Behn-Miller Pub., Encino. 13 (9). Páxina 8.
  • Woo, E. (2001). "Frank Gasparro, 92; Chief Engraver at U.S. Mint". En Los Angeles Times. 3 de outubro.
  • Yeoman, R. S. (2008). A Guide Book of United States Coins (62nd ed.). Whitman Pub., Atlanta. ISBN 978-079482491-4

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Dólar Eisenhower
1981-S SBA obverse.jpg
Moeda dun dólar estadounidense

1979-1981 e 1999
Sucesor:
Dólar Sacagawea

Dólar presidencial