Casa da Moeda de The Dalles

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 45°35′54.35″N 121°10′36.18″O / 45.5984306, -121.1767167

Casa da Moeda de The Dalles
US Mint
New US Mint Logo Black.svg
The Dalles Mint blueprint.jpg
Deseño orixinal da
Casa da Moeda de The Dalles
Ca. (1868).

TipoEstablecemento público de carácter industrial e comercial
Fundación1864 (autorización)
MatrizCasa da Moeda dos Estados Unidos
LocalizaciónCity Flag.jpg The Dalles
Flag of Oregon.svg Oregón
Estados Unidos de América Estados Unidos.
Persoas claveWilliam Logan (1º director).
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas.
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Dalles foi un proxecto de fábrica de moeda estadounidense na localidade de The Dalles, en Oregón, chamada a ser unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[1]

A construción do seu edificio iniciouse en 1869, aínda que non chegou a completarse e a Casa da Moeda non chegou a entrar en funcionamento.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

En 1860 descubríronse veas de ouro en Idaho, o que, unido á Febre do Ouro do leste de Oregón, creou a necesidade de contar cunha casa de moeda no noroeste do Pacífico.[2][3] Malia as dificultades ocasionadas pola Guerra Civil que se estaba a desenvolver, en 1862 dirixíronse cara ás novas explitacións auríferas unhas 80.000 persoas. Como a ceca máis próxima era a Casa da Moeda de San Francisco, comezou a utilizrse o ouro en po como moeda nos intercambios comerciais na zona de The Dalles, xa que o envío do metal ata San Francisco para a súa fundición e a súa cuñaxe resultaba demasiado caro e perigoso. Esta situación xustificaba o establecemento dunha ceca nas proximidades.[1]

O senador por Oregón James W. Nesmith presentou xa en 1862 un proxecto de lei para a instalación dunha casa de moeda en Portland, que non tivo éxito. Mais o 4 de xullo de 1864, o Congreso si que deu o prace para o establecemento dunha nova rama da Casa da Moeda dos Estados Unidos en The Dalles (daquela coñecida como Dalles City), para a cuñaxe de moedas de ouro e de prata.[2] O ano seguinte, un novo proxecto de lei, novamente frustrado, intentou levar a Portland a instalación da nova ceca.[1]

O senador James Nesmith (1861-1867), que propuña o establecemento da casa da moeda en Portland

William Logan, un axente da Oficina de Asuntos Indíxenas, foi escollido como comisionado para a construción e a posta en marcha da nova casa de moeda e como primeiro director da institución, mais o seu falecemento no naufraxio do S. S. Brother Jonathan durante o seu traslado a The Dalles impediuno.[1]

Mary Laughlin doou o 6 de xullo de 1865 uns terreos para a construción da ceca, e neles comezou a erguerse o edificio, baixo a dirección de Harvey A. Hogue como novo superintendente. No entanto, o proxecto comezou a acumular sucesivos atrasos, paralelamente á diminución da Febre do Ouro e á apertura da liña de ferrocarril do Pacífico central. Esta situación motivou que a necesidade dunha nova ceca se fose esvaecendo antes mesmo de que se finalizasen as obras e se instalase a maquinaria de cuñaxe.[2][3][1][4]

En 1869 completáronse o soto e un dos andares, mais as obras cesaron en 1870. O ano seguinte, un incendio destruíu unha grande parte da cidade; o feito de que as obras da ceca estivesen no medio dun rueiro fixo de cortalumes e impediu que o lume seguise estendéndose pola cidade. Finalmente, as obras abandonáronse definitivamente en 1873.[1]

En 1875, o Goberno federal entregoulle a estrutura inacabada do edificio ao Estado de Oregón, e logo pasou a mans privadas en 1889. Na década de 1940, o edificio foi utilizado pola Columbia Warehouse Company. Un novo incendio en 1943 deteriorou a construción, que logrou ser reparada en 1947. Posteriormente a propiedade pasou a Ralph's Transfer & Storage Co., ata que en 2007, logo dunhas importantes obras de remodelación por valor de 1,5 millóns de dólares, pasou a ser a sede da empresa Erin Glenn Winery .[1][5]

O edificio[editar | editar a fonte]

Trátase dun edificio de pedra cun soto e unha soa planta, de 11 metros de altura, con fiestras arqueadas e teito plano. A pedra foi extraída de Mill Creek e transportada ata alí en vagóns.[6] A súa superficie é de 15 m x 18 m e o diñeiro investido na súa construción foi de 105.000 dólares.[3]

Construíuse no centro dun rueiro e os planos orixinais prevían que dispuxese de dúas plantas, de 27 m x 16 m. Posteriormente engadíuselle unha nova sección de formigón pola fachada norte.[1][6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Zimmerman, B. (2009).
  2. 2,0 2,1 2,2 Bancroft, H. H. (1888). Páxina 724.
  3. 3,0 3,1 3,2 McKinley Corning, H. (1989). Páxina 167.
  4. Harte, B, (1872). Páxina 234.
  5. Oppenheimer, L. (2009).
  6. 6,0 6,1 "Bekins-Ralph's Transfer & Storage Co". State of Oregon Inventory of Historic Properties. Oregon State Parks.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]