Bandeira de Bosnia e Hercegovina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira de Bosnia e Hercegovina
Bandeira de Bosnia e Hercegovina
Características
Uso
Proporción5:3
Adopción4 de febreiro de 1998
Cores     Azul      Amarelo      Branco

A bandeira de Bosnia e Hercegovina (en bosníaco: Zastava Bosne i Hercegovine) está formada por un pano azul, cun triángulo isóscele de cor amarela no centro, cuxos catetos teñen un tamaño igual ao ancho da bandeira, tocando un dos seus catetos o bordo superior desta, e estando o outro orientado cara ao lado exterior da bandeira. Ao longo da hipotenusa do triángulo aparecen en cor branca, sete estrelas de cinco puntas e dúas medias estrelas que asoman polos bordos da bandeira.

As tres puntas do triángulo representan as tres nacións de Bosnia e Hercegovina (bosníacos, croatas e serbios). As estrelas, que representan a Europa, suponse infinitas, de aí as dúas medias estrelas que asoman polos bordos da bandeira. As cores da bandeira adoitan asociarse coa neutralidade e a paz (branco, azul e amarelo).

Historia[editar | editar a fonte]

As primeiras bandeiras do actual territorio de Bosnia e Hercegovina remóntanse ao período de dominación otomá. No século XVIII, os líderes de Hercegovina Occidental utilizaban insignias verdes cunha crecente de cor branca xunto a unha estrela branca de oito puntas.

Na revolta dos bosníacos ao dominio do Imperio, liderada por Husein Gradaščević nos anos 1830, foi utilizada unha bandeira similar á bandeira otomá pero co fondo verde e a crecente e a estrela de cinco puntas en cor amarela. Este símbolo sería posteriormente adoptada polo estado independente de Bosnia, creado en 1878 logo do retiro das tropas turcas. Con todo, Bosnia sería conquistada en menos de dous meses polo Imperio Austrohúngaro que anexaría os territorios. En 1908, a provincia de Bosnia e Hercegovina adoptaría unha bandeira cuxa franxa superior era vermella e a inferior, amarela.

Tras a derrota austrohúngara na primeira guerra mundial, Bosnia e Hercegovina converteuse nunha das repúblicas constituíntes de Iugoslavia. A bandeira da República Socialista de Bosnia e Hercegovina foi adoptada en 1946 como parte da República Federal Socialista de Iugoslavia. Dita bandeira estaba composta por unha bandeira vermella co emblema iugoslavo no cantón superior.

Independencia[editar | editar a fonte]

Bandeira de 1991 a 1998.

Tras proclamar a súa independencia en 1991, a República de Bosnia e Hercegovina adoptou unha nova bandeira composta por un escudo azul e franxa branca con flores de lis douradas posto sobre un campo branco. Este escudo era utilizado polos primeiros reis de Bosnia, durante o século XIV. Esta bandeira provocou o rexeitamento das comunidades croatas e serbias polo que se procedeu á procura dun novo emblema.

Para elixir a nova bandeira, presentáronse diversos grupos de propostas. O primeiro grupo destas contiña tres. A primeira proposta, chamada o "modelo checo", era similar á bandeira do devandito país, pero con cores vermella, verde e azul representando ás tres comunidades. A segunda constaba dun fondo celeste cunha rama dourada de oliveira, representando á paz. Finalmente, a terceira proposta tamén tiña fondo celeste pero incluía unha figura coa forma do país no centro; aínda que a proposta non especificaba a cor do mapa, é probable que fose en branco.

No segundo grupo de propostas destacaba a primeira alternativa. A bandeira estaría composta por un deseño diagonal tricolor en branco, azul e vermello (semellante á bandeira da República do Congo) e no seu centro situaríase o mapa do país en cor azul (en proporción 1:2) rodeado de 10 estrelas amarelas. A segunda alternativa era semellante á anterior, pero incluía doce estrelas en honra á Unión Europea. A terceira alternativa ampliaba a franxa central branca, mentres o mapa era de cor amarela con bordo verde e baixo o cal se situaban dúas ramas de oliveiras de igual forma que na bandeira das Nacións Unidas. O cuarto e último deseño tiña o mesmo emblema que o terceiro, pero as franxas eran horizontais, sendo o azul a cor superior, branco o central e vermello o inferior.

Finalmente, outro grupo foi deseñado polo diplomático español Carlos Westendorp, o cal contiña tres deseños. O primeiro sería a base da actual bandeira, pero cunha cor azul clara, semellante ao da bandeira da ONU, e con dez estrelas fixas. O segundo e o terceiro deseño constaban de barras amarelas e claras que se intercalaban sobre o fondo celeste.

A bandeira actual, baseada no primeiro deseño de Carlos Westendorp, foi adoptada o 2 de febreiro de 1998. O deseño sería elixido polo Alto Comisionado das Nacións Unidas, ao non ser capaz o parlamento bosníaco de atopar unha solución aceptable por tódalas partes. Esta bandeira foi seleccionada por non conter ningunha referencia histórica ou doutro tipo ao estado bosníaco. A cor, con todo, sería cambiado por un azul máis escuro, asemellándoa á bandeira da Unión Europea. Finalmente, a bandeira sería oficialmente presentada durante a cerimonia inaugural dos Xogos Olímpicos de Nagano 1998.

División administrativa[editar | editar a fonte]

De acordo aos Acordos de Dayton que puxeron fin á Guerra de Bosnia, o estado de Bosnia e Hercegovina estaría composto por dúas entidades independentes: a República Srpska e a Federación de Bosnia e Hercegovina (ademais do Distrito de Brčko). A bandeira da Federación de Bosnia e Hercegovina foi anulada en 2007 ao ser declarada inconstitucional.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]