Bandeira de Dinamarca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira de Dinamarca
Bandeira de Dinamarca
Características
Uso
Proporción28:37
Adopciónséculo XIV
Cores     Vermello     Branco

A Dannebrog ou bandeira de Dinamarca consiste dun pano de cor vermella cunha cruz nórdica branca. As bandeiras de Suecia, Noruega, Finlandia e Islandia están baseadas nela. Considéraselle a bandeira nacional oficial máis antiga do mundo.

Historia[editar | editar a fonte]

A Dannebrog no ar

A bandeira dinamarquesa é chamada Dannebrog «a bandeira dos dinamarqueses» ou «bandeira vermella». Aparece documentada nun texto dinamarqués do ano 1478 e nunha obra holandesa datada cen anos antes. Neste libro, un tratado de heráldica holandés, (Gelre), de 1370-1386, aparece a representación dunha bandeira vermella cunha cruz branca entre as armas reais do rei Valdemar IV Atterdag.

Segundo unha lenda relatada na crónica danesa de Christiern Pedersen cara ao ano 1520, segundo o franciscano Peder Olsen, no ano 1527, Dannebrog baixou do ceo durante unha batalla en Estonia. O franciscano Peder Olsen relaciona o feito cunha batalla que tivo lugar o ano 1219.

A tradición sostén que a bandeira apareceu na área de Lyndanisse o 15 de xuño de 1219. Probablemente, esta lenda xurdiu ao redor do ano 1500 a partir do episodio no que que o rei Hans perdeu a bandeira nunha derrota en Ditmarsken, no norte de Alemaña. Seguramente a perda desta bandeira deu lugar a este relato mítico no que a Dannebrog recuperaríase ao caeres do ceo. O que si está constatado foi que o rei Frederico II de Dinamarca ordenou empregar esta bandeira en 1559 e fíxoa colgar na catedral de Schleswig, na actual Alemaña.

Nunha cantiga do ano 1500 a bandeira vencéllase á bandeira en forma de cruz co soño sobre a cruz que tivo o emperador romano Constantino no ano 312, antes da batalla pola que se converteu no único emperador romano e, segundo conta a tradición, converteuse ao cristianismo. Esta visión da cruz coa que se relacionan as palabras "in hoc signo vinces" («baixo este signo vencerás»), signo vencellado cos milagres nos que supostamente aparece unha cruz no ceo, que, especialmente na Península Ibérica, estiveron vencellados coas batallas mantidas entre cristiáns e infieis.

A Orde portuguesa de Cristo, que se constituíu durante unha cruzada contra os musulmáns no ano 1318, empregou unha cruz branca paté, provista dunha orla vermella.

Dende o ano 1591, Cristián IV acuñou unha moeda na que figuraba unha cruz, baseándose nunha usada naquel momento en Portugal. A cruz que aparecía nesta moeda pronto foi considerada como a cruz de Dannebrog. En 1603 engadiuse o aforismo constantiniano, que aparece citado nunha crónica obra de Arild Huitfeldt na que, de novo, se relaciona coa suposta aparición de Constantino e a lenda da caída do ceo da propia Dannebrog.

Bandeiras relacionadas[editar | editar a fonte]

Splitflag - Bandeira do Estado. Proporción: 56:107
Orlogsflag - Bandeira da Armada. Proporción: 56:107

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]