Arquitas de Tarento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Arquitas de Tarento
Archytas of Tarentum MAN Napoli Inv5607.jpg
Nacementoc. 428 a. C.
 Taranto
Falecemento347 a. C.
 Taranto
Ocupaciónmatemático, astrónomo, político, filósofo, musicólogo e teórico musical
editar datos en Wikidata ]
Busto da Vila dos Papiros en Herculano.

Arquitas de Tarento (en grego antigo: Ἀρχύτας ὁ Ταραντίνος), nado en Tarento arredor de 430 a. C. e finado en 360 a. C. foi un filósofo, matemático, astrónomo, estadista e xeneral contemporáneo de Platón.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Arquitas naceu en Tarento (Magna Grecia, hoxe Italia) entre os anos 435 e 410 a. C. Fillo de Hestieo, segundo Aristóxenes, ou de Mneságoras, segundo Dióxenes Laercio.[1] Foi comandante en tres guerras, e strategos de Tarento durante sete anos, o que indica o seu prestixio social xa que a lei prohibía a reelección máis dun ano. Conduciu unha reforma política en Tarento mediante a que chegou a ser a cidade máis rica e poboada da Magna Grecia. A través da construción de memoriais, templos e outros edificios deulle lustre á cidade. Axudou a dar novos impulsos ao comercio ao buscar asociacións con Istria, Grecia e África.

Arquitas de Tarento pertenceu aos Pitagóricos, alumno da escola de Filolao. Foi amigo de Platón, ao que coñeceu durante a primeira viaxe que este realizou ao sur de Italia e a Sicilia en 388 e 387 a. C., tras a morte de Sócrates. Na súa Carta Sétima, Platón asegura que Arquitas tratou de rescatalo nas súas dificultades con Dionisio II de Siracusa mediante unha carta de recomendación e enviando un barco a Sicilia en 361 a. C. Para algúns autores foi o mestre pitagórico de Platón e para outros o seu discípulo.

Ensinou matemáticas a Eudoxo de Cnido, sendo á súa vez mestre de Menecmo.[2] Foi a primeira persoa en lograr unha boa aproximación ao problema da duplicación do cubo, e un dos primeiros que, tras Pitágoras, traballou no coñecemento conxunto da Aritmética, Xeometría, Astronomía e Música, o Cuadrivio, así como da Acústica, acoutando as matemáticas a disciplinas técnicas, coas cales se cre inventou a polea, o parafuso e unha especie de mecanismo articulado con ás, similar a un paxaro, ao que logrou facer voar preto de 300 metros grazas ao impulso dun núcleo de vapor comprimido. Segundo Aristóteles foi o inventor do axóuxere.[3] Outros tamén aseguran a súa influencia directa sobre Euclides.

Segundo conta Horacio nunha das súas odas, Arquitas faleceu nun naufraxio nas costas de Puglia entre os anos 360 e 350 a. C. Horacio escribiu que o seu corpo permaneceu sen sepultura na beira ata que un navegante botou area encima, pois doutra forma vagaría neste lado da lagoa Estixia durante cen anos.

Cráter na lúa[editar | editar a fonte]

O cráter Archytas da Lúa foi nomeado na súa honra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. «Archytas (Stanford Encyclopedia of Philosophy)» (en inglés). 25 de xullo de 2007
  2. Ruiz, Ángel (2002). "3". Historia y filosofía de las Matémáticas (en castelán). San Xosé: EUNED. ISBN 978-9968-31-287-5. 
  3. Política V 6 (1340b)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dióxenes Laercio: Vidas, opinións e sentenzas dos filósofos máis ilustres; VIII, 79 - 83: Arquitas.
  • Arquitas: fragmentos e testemuños, con tradución e prólogo de Claudio R. Varela.
  • Fragmentos da obra de Arquitas.
    • Texto francés, con comentarios nese idioma, na páxina de Philippe Remacle (1944 - 2011); trad. de Antelme Édouard Chaignet (1819 - 1901). 10ª ed. París, 1874.
  • Hermann Alexander Diels: Fragmentos dos presocráticos (Die Fragmente der Vorsokratiker). A primeira edición fíxose en 1903 en Berlín, e foi dirixida polo propio Diels. A partir da 5ª, substituiría a Diels Walther Kranz.
  • FARAH CALDERÓN, Walter: Entre a mentira e a verdade pitagórica: o caso de Arquitas de Tarento.
    • Texto en PDF, mediante rexistro, en Hybris, revista de filosofía. CENALTES, Vol.3- N°2. Outono 2012. pp 46–74 ; ISSN: 0718-8382; ISSN: 0718-8382.