Almaxesto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reprodución dunha páxina dunha tradución latina do Almaxesto.

Almaxesto é o nome galeguizado do árabe Al-Majisṭī (المجسطي) ('O máis grande'), dun tratado astronómico escrito no século II por Claudio Ptolomeo de Alexandría (ca. 100 – ca. 178), que contén o catálogo estelar máis completo da antigüidade, e no que se describen o sistema xeocéntrico e o movemento aparente das estrelas e os planetas. Este libro foi amplamente utilizado polos árabes e os europeos até o final da Idade Media.

O seu famoso epigrama[editar | editar a fonte]

Ben sei que son mortal, unha criatura de un día. Pero se a miña mente observa os serpeantes camiños das estrelas, entón os meus pés xa no pisan a terra, senón que ao carón de Zeus mesmo énchome con ambrosía, o divino manxar.

Descrición da obra[editar | editar a fonte]

Ptolomeo baseou o seu traballo no catálogo estelar realizado varios séculos antes por Hiparco de Nicea (ca. 194 a.C. - ca. 120 a.C.). Dado que o catálogo estelar de Hiparco se perdeu, é imposíbel saber até que punto ambos os catálogos eran similares.

Construción xeométrica utilizada por Hiparco na súa determinación da distancias Terra-Sol e Terra-Lúa.

No Almaxesto, Ptolomeo presentou a descrición das 48 constelacións clásicas e creou un refinado sistema para explicar os movementos aparentes dos planetas nun sistema xeocéntrico no que o Sol, a Lúa e os planetas xiraban ao redor da Terra en círculos epicíclicos.

O Almaxesto consta de 13 volumes:

1. O primeiro libro expón o sistema xeocéntrico.
2. O segundo libro, a periodicidade dos equinoccios e a duración do ano.
3. O terceiro libro discute os solsticios e equinoccios.
4. No cuarto libro expóñense estudos da Lúa e defínese o mes sinódico.
5. No quinto libro trata sobre a corrección de paralaxe das posicións do Sol e a Lúa.
6. No sexto libro exponse unha medida do diámetro aparente do Sol e a Lúa mostrando un método de predición de eclipses.
7-8. Nos libros sétimo e oitavo móstranse como as posicións relativas entre as estrelas son fixas. O oitavo libro constitúe un catálogo das estrelas austrais das que Ptolomeo tiña coñecemento.
9-13. Finalmente, nos últimos cinco libros móstrase o método de Ptolomeo para calcular as posicións e traxectorias dos planetas, expoñendo en detalle o sistema de epiciclos.

Relevancia histórica[editar | editar a fonte]

Claudio Ptolomeo, nun debuxo do século XVI.

O libro orixinal de Ptolomeo estaba escrito en grego e titulábase Μαθηματικὴ Σύνταξις (transcrito en catacteres latinos, Mathēmatikē Sýntaxis), e coñeceuse en latín como Syntaxis mathematica (Sintaxe matemática, ou Composición matemática, en galego).

Máis tarde foi titulado Ἡ Μεγάλη Σύνταξις Hē Megalē Syntaxis (A Gran Sintaxe, ou A Gran Composición), e despois Ἡ μεγίστη Hē megístē (A máis grande), que deu lugar ao seu nome árabe al-majisṭī (المجسطي) do que deriva o nome nas linguas modernas.

Aínda que realmente é un tratado de astronomía, chamóuselle deste modo porque daquela dita ciencia era unha rama das matemáticas.

As primeiras traducións desta obra ao árabe realizáronse contra o século IX, patrocinadas polo califa Al-Ma'mun. Nesta época a obra estaba practicamente esquecida en Europa agás por vagas referencias en diversas obras astrolóxicas. Occidente redescubriu o Almaxesto a través das versións árabes. No século XII fíxose unha tradución ao castelán.

Unha tradución ao latín do orixinal árabe realizouna Xerardo de Cremona en 1175 baseándose nun texto encontrado en Toledo, España. Esta tradución introduciu definitivamente o Almaxesto na tradición científica europea.

Xerardo de Cremona non puido traducir moitos dos termos técnicos, e incluso mantivo o nome árabe de Abrachir para Hiparco. Dado que Europa coñeceu este traballo a través dos árabes, moitos dos nomes clásicos das estrelas proveñen dos nomes árabes rexistrados nesta obra, aínda que con numerosas alteracións. Máis tarde escribiuse tamén outra versión en latín co mecenado de Federico II, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico.

As teorías astronómicas contidas neste tratado, aínda que incorrectas, estiveron vixentes durante catorce séculos, influíndo no pensamento astronómico e científico até ben entrado o século XVI coa chegada do sistema heliocéntrico e a revolución científica.

Edicións modernas[editar | editar a fonte]

En francés: a primeira edición (e a única a día de hoxe) con tradución francesa é a do abade Nicolas Halma, publicada en dous volumes en 1813 e 1816.[1], reimpresa en 1927 (Hermann, Paris).

En inglés: G. J. Toomer, Ptolemy's Almagest, Princeton University Press, 1998. ISBN 0-691-00260-6. A tradución máis recente é a de B. M. Perry, do St. John's College, Annapolis, Maryland, USA.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dispoñíbel en liña: gallica.bnf.fr, blumaise.org

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dorce, Carlos (2006): Ptolomeo. El astrónomo de los círculos. Madrid: Nivola. ISBN 978-84-96566-08-8
  • Evans,James (1998): The History and Practice of Ancient Astronomy. Oxford University Press. ISBN 0-19-509539-1
  • Hoskin, Michael (1999): The Cambridge Concise History of Astronomy. Cambridge University Press. ISBN 0-521-57291-6
  • Pedersen, Olaf (1974): A Survey of the Almagest. Odense University Press. ISBN 87-7492-087-1.
  • Pedersen, Olaf (1993): Early Physics and Astronomy: A Historical Introduction. 2nd edition. Cambridge University Press. ISBN 0-521-40340-5

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]