Sócrates
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
![]() |
Filosofía grega |
---|
Sócrates foi un célebre e controvertido filósofo grego que viviu en Atenas entre os anos 469 e 399 a.C.
Sócrates non deixou testemuños escritos, mais coñecemos as súas doutrinas principalmente por Platón (que ten a Sócrates como principal personaxe dos seus Diálogos) e Aristóteles, Xenofonte (militar ateniense que deixou información sobre Sócrates no escrito Memorables) e Aristófanes (escritor grego que ridiculiza a Sócrates na comedia As nubes).
Un problema de principio. O acceso á persoa de Sócrates[editar | editar a fonte]
Sócrates non deixou escrito ningún, e o que sabemos del vennos mediado polos seus discípulos, sinaladamente Platón e Xenofonte. O primeiro fálanos sobre todo da súa filosofía e o segundo, da súa vida.
Agora, hai que ter en conta que, no caso de Platón, Sócrates aparece decote coma un dos personaxes dos seus diálogos. Fai o papel de "listo", é a persoa que canaliza o diálogo e, en definitiva, a que enuncia as teses que Platón quere defender.
Por iso non é nada doado distinguir entre o que é pensamento orixinal de Sócrates e o que é pensamento propio do seu discípulo Platón, ou a versión propia que o discípulo foi madurando partindo das ensinanzas do mestre.
En canto a Xenofonte, libro como a Anábase xa nos advirten de que por veces é excesivamente subxectivo no relato e na valoración dos feitos que narra. Baste lembrar que, cando fala dos xenerais que guían aos mercenarios gregos que tentan volver á súa terra o relato que fai de si mesmo, en terceira persoa, e con diferenza, o máis positivo. Ademais era tamén discípulo de Sócrates e, como Platón, quere reivindicar a figura do seu mestre e denunciar a inxustiza da súa condena.
Para rematar, as referencias que fai o cómico Aristófanes na súa obra non pasan dunha caricatura onde compara o filósofo cunha nubarada que todo o cobre. E descríbeo como un repugnante capaz de aburrir a calquera coas súas continuas preguntas, repreguntas, obxeccións, voltas e revoltas sobre un mesmo tema. Tamén o presenta como un máis dos sofistas, cos seus peores defectos: hipócritas, baralláns, retóricos que usan a palabra para ocultar a verdade e facer gañar a inxustiza. De calquera xeito, a relación de Sócrates coa escola sofista é un tema aínda moi controvertido.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Era fillo de Sofronisco, canteiro de profesión, e de Fenarete, que tiña como oficio o de parteira. Serviu como soldado hoplita na Guerra do Peloponeso (na batalla de Potidea) e nas batallas de Delio e Antípolis, sendo recoñecido polos seus concidadáns polo seu valor e a resistencia física mostrada.
Morte[editar | editar a fonte]
No ano 399 a.C., despois dun breve paréntese do goberno oligarca dos Trinta Tiranos, foi acusado de "impiedade" e "corrupción da xuventude" por Anitos e condenado a morte polo goberno demócrata de Trasíbulo. Así describe Platón a súa morte, recollendo testemuñas de persoas que estiveron presentes:
Paseou, e cando dixo que lle pesaban as pernas, deitouse de costas, pois así llo aconsellara o verdugo. E ao mesmo tempo o que lle dera o veleno examinábao colléndolle de cando en vez os pés e as pernas, e despois, apertándolle con forza o pé preguntoulle se o sentía, e el dixo que non. E despois disto fixo o mesmo cos seus nocellos e ascendendo deste xeito díxonos que ía quedando frío e ríxido. Namentres o apalpaba díxonos que, cando o veleno lle chegase ao corazón, entón se extinguiría.
Xa estaba case fría a zona do ventre, cando destapándose, pois estaba tapado, díxonos, e foron as súas últimas verbas:
Esta foi a fin, Equécrates, que tivo o noso amigo, o mellor home, podemos dicir, dos que entón coñecemos, e, por enriba de todos, o máis intelixente e o máis xusto.
—Critón, debémoslle un galo a Asclepio. Mira de pagarllo e non o descoides.
—Así se fará, -dixo Critón- mira se queres algo máis.
Pero a esta pregunta xa non respondeu, senón que ao pouco estremeceu todo, o home descubriuno e xa tiña ríxida a mirada. Ao ver isto, Cristón pechoulle a boca e os ollos.
Fedón 117e-118c.
A pesar de non escribir nada, exerceu unha enorme influencia sobre o pensamento do seu tempo. Ademais de Platón, destacan as chamadas escolas socráticas: a cínica, a megárica e a cirenaica.
Filosofía[editar | editar a fonte]
A filosofía de Sócrates opoñíase á dos Sofistas. Coma eles, Sócrates ocupouse de investigar a diferenza para os seres humanos entre actuar ben e actuar mal, mais ao contrario ca eles, Sócrates non pensaba que o ben fose unha idea relativa, senón que defendía o seu carácter absoluto.
Sócrates preocupábase por buscar virtudes morais obxectivas e que, polo tanto, non estivesen sometidas a criterios de conveniencia ou ao poder do máis forte. Estas virtudes era preciso buscalas a través do coñecemento ou saber. Do mesmo xeito que para ser un bo zapateiro sería necesario saber en que consiste un zapato, para ser un cidadán bo e xusto habería que saber tamén o que son a Bondade ou a Xustiza. No saber, polo tanto, atoparíase a virtude moral. Virtude e coñecemento, en consecuencia, serían o mesmo para Sócrates. Esta concepción da ética, que supón que quen actúa mal faino porque descoñece o que é o ben, coñécese co nome de intelectualismo moral, e sempre foi unha teoría moi discutida.
Ademais, para Sócrates non había máis xustiza que a establecida polas leis da cidade, e o home bo debía respectalas por riba de todo, xa que sen leis non sería posible a cidade.
A Maiéutica[editar | editar a fonte]
Fillo dunha parteira, Sócrates utilizaba un método pedagóxico inspirado nos traballo destas, a maiéutica. Para Sócrates a verdade estaba dentro de cada persoa, igual que o neno está dentro da muller preñada. O labor do mestre consiste en axudar a saír esa verdade e que a persoa se faga consciente dela.
O método socrático para acadar o saber consistía, primeiro, en que o discípulo recoñecera a propia ignorancia, o que lle permitía liberarse de prexuízos, preconceptos e tópicos que só servían para afastalo da verdade. E para conseguir ese punto de partida interrogábaos persistentemente ata conseguir que tomasen conciencia da súa ignorancia. A partir de aí, a parteira iniciaba o seu traballo e o proceso tería que continuar como unha pescuda en común coa esperanza de obter a verdade obxectiva sobre o asunto que se estivese a tratar. Segundo Aristóteles, o diálogo socrático tomaba como medio o argumento indutivo, e como meta a definición das esencias. Aínda que, dunha perspectiva máis humanista, poderiamos ver a Sócrates como aquel capaz de poñer o ser humano diante da súa propia imaxe e sacar o mellor del.
Este método, certamente, levaba implícita unha crítica de toda verdade social, legal, relixiosa, moral, da tradición ou das normas socialmente aceptadas -baste lembrar que os cínicos son unha derivación da filosofía socrática. Tamén podemos relacionar o seu método pedagóxico coas causas da súa morte: a busca da verdade podía resultar incómoda para un poder que necesita da obediencia e da aceptación das normas. Ata mesmo a súa propia actitude durante o xuízo, facendo burla da pretendida solemnidade do tribunal e do ridículo das súas acusacións foi case definitiva para que este rematase nunha sentenza de morte.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Sócrates |
![]() |
A Galicitas posúe citas sobre: Sócrates |