Saltar ao contido

Magna Grecia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Magna Grecia (do latín Magna Graecia, ás veces tamén Graecia maior; Μεγάλη Ἑλλάς, Megálē Hellás en grego) é o nome que os gregos da Antigüidade utilizaban para designar as costas meridionais da península Italiana e de Sicilia, que foi colonizada polos gregos a partir do século VIII a.C. Hoxe en día, a Magna Grecia correspóndese cos zonas costeiras das rexións de Campania, Calabria, Basilicata Puglia e Sicilia.

Nos séculos VIII e VII a. de C., como consecuencia dun importante aumento da poboación en Grecia e dunha crise social e política no seo da Hélade, numerosos emigrantes parten para fundar novas cidades (polis) ao redor do Mediterráneo. O sur de Italia e Sicilia debido á súa proximidade e as súas riquezas agrícolas foron importantes lugares de instalación. As novas cidades foron cualificadas como colonias gregas polos historiadores.

Moitas das novas colonias convertéronse en poderosas e prósperas cidades, como Neapolis (Νεάπολις, Nápoles) ou Sýbaris (Σύβαρις, Síbaris). Outras cidades da Magna Grecia foron Syrakousses (Συρακούσσες, Siracusa), Akragas (Άκραγας, Agrigento), Selinus (Σελινοΰς, Selinunte), Taras (Τάρας, Tarento), Lokroi ou Locri (Λοκροί), Région, Ρήγιον (Reggio di Calabria), Kroton (Κρότων, Crotone), Thurioi (Θούριοι, Turios), Elea (Ελαία) ou Messana (Mesina).

A lenda di que a Magna Grecia foi a terra onde Odiseo, rei de Ítaca (Ulises na cultura romana) perdeuse durante dez anos, despois de regresar de Troia e antes de chegar ao seu reino. Numerosas lendas e historias mitolóxicas da Έλλάς Hélade teñen lugar alí.

A colonización

[editar | editar a fonte]
Os pobos da península itálica ao principio da Idade de Ferro      Ligures      Vénetos      Etruscos      Picenos      Umbros      Latinos      Oscos      Mesapios      Gregos
Columnas dóricas do templo de Tarento.
Templo de Hércules en Agrigento (Akragas).

A colonización polos gregos das costas do Mediterráneo occidental foi un importante movemento demográfico que transformou o curso da civilización occidental. En efecto, un continxente importante de gregos chegaron a esta zona, até alcanzar os litorais da Península Ibérica (Andalucía, Cataluña) ademais dos de Francia, Sicilia e, sobre todo, o sur da Península Itálica, concentrándose especialmente na costa oriental de Sicilia e no litoral do mar Xónico e do Tirreno (actuais rexións italianas da Puglia, Basilicata, Calabria e Campania) coa fundación de máis de corenta grandes colonias.

Estas cidades grego-sicilianas e grego-itálicas, pola súa orixe, constitución, lingua e cultura foron gregas, razón pola cal, desde a Antigüidade, se lle deu o nome de Magna Grecia. Porén a expresión Megálē Hellás foi atestada por primeira vez relativamente tarde, no século II d.C., nunha pasaxe do historiador grego Polibio.[1]

Os gregos reproduciron nas colonias as formas de vida material e intelectual que lles eran propias. A formación da Magna Grecia, cronoloxicamente, coincidiu co nacemento de Roma e co dominio etrusco sobre o Tirreno, resultando así unha complexa formación étnica no Mediterráneo.

De entre as diversas compoñentes non itálicas da cultura latina —celta, etrusca, fenicia etc.—, a grega é a máis importante pola superioridade cultural. Estes colonizadores eran basicamente gregos —das illas e territorios bañados polo mar Exeo, que relacionaba a Anatolia coa Eubea (de lingua xónica) e ao Peloponeso (de lingua dórica).

En Sicilia fundaron máis de quince grandes cidades; na península outras vinte, entre as actuais rexións de Nápoles e Tarento. Pero había tamén fenicios (Líbano) e semitas (Siria). Grazas á colonización semita xurdiron en Sicilia as cidades de Soluntum (actual Solunto), Panormos (actual Palermo) e Motia (na actual illa de San Pantaleón), catro colonias en Sardeña, outras na costa de África (Cartago, Útica, Leptis Magna) e nas illas e costas españolas, como Gades (actual Cádiz) e Málaga.[2]

Os calcidenses parece que foron os primeiros gregos en chegar á rexión. Foron eles os que, en Sicilia, fundaron a cidade de Lentini. Os corintios tamén fixeron presenza na rexión e fundaron Siracusa (Συρακούσσες), cidade de grande importancia comercial e económica.Mégara tamén enviou colonos, que fundaron Mégara Hibleia, situada entre Siracusa e Lentini. Os gregos de Rodas e de Creta fundaron Gela, que se convertería na cidade máis importante da Sicilia meridional, e Ácragas (Άκραγας), actual Agrigento.

A rexión meridional da Italia continental foi colonizada por aqueos, que fundaron a opulenta cidade de Síbaris (Σύβαρις).[3]. Tamén foron aqueos os que fundaron Crotone (Κρότων), cidade que pasou a rivalizar con Síbaris, mentres que Tarento (Τάρας), foi fundada por laconios.

Itala nam tellus Graecia maior erat. (O que chamamos Italia era a Magna Grecia). Ovidio, Fastos, IV

A historia da Magna Grecia continental, aínda que estreitamente ligada, é diferente da da Sicila grega.[4] As novas cidades non dependían da cidade nai despois do seu establecemento. Os intercambios comerciais e as relacións diplomáticas entre a cidade nai e a colonia facíanse de igual a igual, e non era raro que a nova cidade sobrepasase en riqueza á cidade nai.

Porén unha fraternidade real unía á colonia e á cidade nai que se traducía, por exemplo, por unha axuda militar en caso de ataque á colonia ou á cidade nai. É o caso da guerra do Peloponeso, cando Corinto enviou tropas e naves a Siracusa, asediada polos atenienses.

Ademais de coas cidades nai, as colonias mantiñan vínculos coa Hélade (Grecia), sobre todo coa máis occidental, a do actual litoral hispanofrancés: Massalia (Marsella), Antípolis (Antibes), Nikaia (Niza), Emporion (Empúries) ou Mainake (Málaga).

A Magna Grecia era, tamén, o celeiro de Grecia, na medida en que lle subministraba cereais, aceites, las, viños e unha serie doutros produtos. En vista desta riqueza, comezan as friccións cos cartaxineses e cos etruscos. Alén diso, as rivalidades internas entre as propias colonias gregas acabarían fraxilizando a rexión, e os romanos rematarían por dominar toda a rexión, que foi conquistada por eles tras vencer nas guerras samnitas, continuando a súa expansión cara so sur.

Hoxe en día, nas rexións italianas de Calabria e Apulia, unha pequena minoría de arredor de 30.000 persoas falan un idioma que chaman griko, derivado do grego antigo.

Fin das cidades-estado gregas en Italia

[editar | editar a fonte]
Pobos na Península Itálica durante o século IV a.C.
Cabeza de Pirro, Carlsberg Glyptotek, Copenhagen, Dinamarca.

En 282 a. C. a cidade de Turios pediu axuda militar a Roma para terminar coa ameaza dos Lucanos. En resposta, Roma enviou unha frota ao Golfo de Tarento. Este acto foi considerado polos tarentinos como a violación dun antigo tratado que prohibía a presenza da frota romana en augas de Tarento, máis alá do estreito de Mesina. Para maior provocación, os romanos pediron atracar na cidade. Enfurecidos poo que consideraban un acto hostil, Tarento atacou a frota, afundindo catro barcos e capturando un máis. Roma enviou unha delegación diplomática a pedir compensacións polo ocorrido, pero as conversas fracasaron, desembocando nunha declaración de guerra contra Tarento.

Os tarentinos, conscientes da súa inferioridade militar ante o inminente ataque romano, solicitaron a axuda de Pirro de Epiro quen, desexando construír un grande imperio emulando a Alexandre o Grande, considerou a situación como un bo principio para os seus plans, e aceptou asistir aos tarentinos. Pirro foi basileos (rei) de Epiro de 307 a 302 a. C. e de novo entre 297 e 272 a. C. Tamén ostentou a coroa de Macedonia, brevemente, en dúas ocasións, en 287 a. C. e posteriormente de 273 a. C., até a súa morte, un ano despois. Tamén foi rei de Sicilia, estando considerado como un dos mellores xenerais da súa época, e un dos grandes rivais da República romana durante a súa expansión.

Pirro, por tanto, acudiu en axuda dos tarantinos, e enfrontouse á República romana nas coñecidas como guerras pírricas. Derrotou aos romanos en dúas ocasións, pero á custa de cuantiosas perdas, especialmente na batalla de Asculum. En 280 a. C. Pirro desembarcou en Italia con 25.000 soldados e algúns elefantes de guerra. Un exército romano ao mando de Publio Levino partiu cara a Tarento e trabou batalla cos epirotas cerca da cidade de Heraclea. Durante o combate, no que os elefantes tiveron un papel decisivo para a vitoria das forzas de Pirro. Resultaron mortos entre 15.000 e 7.000 romanos, mentres que no bando grego houbo entre 13.000 e 4.000 baixas. Esta primeira batalla demostrou a estabilidade da república romana. Pirro esperaba que as tribos itálicas se uniran a el na súa rebelión contra Roma pero, a pesar da derrota inflixida a estes só uns poucos itálicos se uniron aos gregos.

En 279 a. C. Pirro emprendeu a segunda maior batalla da guerra en Asculum. Durante dous días o xeneral romano Publius Decius Mus intentou aproveitar o terreo dos outeiros de Apulia para reducir a efectividade da cabalería e os elefantes gregos, pero non conseguiu detelos, deixando sobre o campo 6.000 soldados, por 3.500 baixas do exército de Pirro.[5] incluídos moitos dos seus oficiais. Esta vitoria grega, con tan escaso marxe e grandes perdas, levou á creación do termo victoria pírrica para referirse a unha vitoria que se consegue cun gran custo humano.[6] Pirro, nun momento posterior á batalla, dixo: "Outra vitoria coma esta e estaremos acabados", aínda que outras fontes suxiren que foi: "Outra vitoria coma esta e volverei só a Epiro".[7] Segundo a tradición Publio Decio Mus morreu durante a batalla, ao entregar a súa vida aos deuses a cambio da vitoria; outros escritos suxiren que sobreviviu.

A intervención de Pirro case logrou salvar as colonias, aínda que a súa derrota final, na batalla de Benevento puxo fin a toda esperanza de independencia.

Datas importantes na historia da Magna Grecia

[editar | editar a fonte]
Milón de Crotone, escultura de Pierre Puget (París, Museo do Louvre).
  • En realidade, o establecemento insular de Pithécusses non constitúe máis que un establecemento de carácter comercial onde os gregos ciomerciaban con outros pobos, en particular cos mercadores fenicios.
  • Cumas, fundada contra 750 - 740 a.C., está entón considerada como a máis antiga colonia grega de Occidente.
  • 510 a.C.: Síbaris é devastada por Crotone, cuxas tropas estaban ao mando do célebre atleta Milón de Crotone. A cidade de Síbaris queda destruída, e a súa poboación condenada ao exilio.[8]
  • 480 a.C.: Hierón I, tirano de Siracusa, desfai as tropas de Cartago en Himere, ao norte de Sicilia.
  • 474 a.C.: A frota conducida por Xelón, tirano de Siracusa, axuda a Cumas (Κύμη ou Κύμαι, en grego ameazada polos etruscos. Esta vitoria supón o fin da expansión etrusca en Campania.
  • 444 - 443 a.C.: Fundación de Thourioi. Unha expedición ateniense, oficialmente panhelénica porque estaba composta por gregos orixinarios das illas do mar Exeo, funda a cidade de Thourioi.
Itinerario da frota ateniense a Sicilia, na guerra do Peloponeso.
  • 415 - 413 av. J.-C.: Expedición de Sicilia. Á saída dunha arenga belicosa de Alcibíades diante o démos, se decide enviar unha importante frota contra Siracusa. A guerra do Peloponeso estoura e Sicilia, rica en cereais e en cabalos, debe servir de base na retagarda para poder proseguir a guerra en Grecia. Os atenienses, conducidos por Nicias, Alcibíades e Lamachos, desembarcan nos arredores de Siracusa e sitian a cidade. Numerosos problemas se lle presentan entón á inmenso exército ateniense: unha frota sometida a rudas probas (desembarcos e reembarques se sucedían e as trirremes gregas teñen problemas de estanquidade), na busca de víveres, o acoso dos exércitos de Siracusa e espartanos (chegados como reforzo). As dúbidas dos xenerais (Nicias, principalmente, que era máis un diplomático que un gran xeneral) permiten a Siracusa fortificarse. Dúas grandes batallas, unha terrestre sobre a chaira dos Epíbolos e a outra naval no porto de Siracusa son favorábeis aos defensores. Desmoralizados, os Atenienses son finalmente capturados. A maior parte dos prisioneiros atenienses perecen de sede e de fame nas Latomias, inmensas canteiras de rochas calcarias. Ao final estímase en 12.000 o número de mortos atenienses.
  • 282 - 272 a.C.: As cidades gregas de Italia forman alianzas con Roma, Tarento é conquistada polos romanos a pesar da intervención de Pirro (guerra de Pirro en Italia).
  • 264 - 241 a.C.: Primeira guerra púnica. Roma toma o control de Sicilia, salvo Siracusa, que se fai aliada de Roma.
  • 215 - 209 a.C.: No curso da segunda guerra púnica, Siracusa, e despois Tarento, toman partido por Cartago. Son tomadas polos romanos en 211 a.C. despois dun sitio de tres anos, en 209 s.C. Isto pon fin á independencia das cidades da Magna Grecia.
  1. Polibio, Storie, II 39, 1-6.
  2. Revista História Viva, nº 40, fevereiro de 2007. Editora Duetto. São Paulo , páxs. 42-60.
  3. Que orixinou o termo sibarita, para cualificar aos bon vivants.
  4. Braccesi, L. & Raviola, F. (2008): La Magna Grecia. Bologna: il Mulino.
  5. Plutarco. "Pirro, XXI". Vidas paralelas. Di Xerónimo que morreron seis mil romanos, e refire nos seus comentarios que das tropas de Pirro encontraron a morte tres mil cincocentos cinco. 
  6. "Pírrico" no DRAG e no Portal das palabras.
  7. Plutarco. "Pirro, XXI". Vidas paralelas. Ambos os dous retiráronse, e cóntase que Pirro respondeu a un que lle daba os parabéns: "Se vencemos aos romanos noutra batalla coma esta, perecemos sen remedio" porque perdera gran parte da tropa que trouxo e dos amigos e caudillos todos, a excepción de moi poucos, non lle sendo posíbel substituílos con outros. 
  8. Boardman, John e N.G.L. Hammond (1982): The Cambridge Ancient History. Cambridge University Press, páx. 194 [1] ISBN 978-0-521-23447-4 .Visitado o 3 de abril de 2009.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Braccesi, L. & Raviola, F. (2008): La Magna Grecia. Bologna: il Mulino. ISBN 978-88-15-12410-4
  • Levi, P.: Grecia, cuna de Occidente. Barcelona: Folio S.A. ISBN 84-226-2616-0.
  • Grant, M. (1978). History of Rome. Scribner, Nova York. ISBN 978-01-234-5678-9
  • Manfredi, V. M. (1966): I Greci d'Occidente, I edizione, (alcuni capitoli a cura di Lorenzo Braccesi). Milán: Arnoldo Mondadori Editore. ISBN 88-04-39785-3
  • Musti, D. (2005): Magna grecia. Il quadro storico Bari: Laterza. ISBN 88-420-7585-X
  • Will, E. (2003): Histoire politique du monde hellénistique 323-30 av. J.-C.. París: Seuil, col. "Points Histoire". ISBN 2-02-060387-X .

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]