Parafuso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Parafuso con cabeza hexagonal.

Denomínase parafuso[1] a un elemento ou operador mecánico cilíndrico dotado de cabeza, xeralmente metálico, aínda que pode ser de madeira ou plástico, utilizado na fixación dunhas pezas con outras, que está dotado dunha cana roscada con rosca triangular que, por medio dunha forza de torsión exercida na súa cabeza cunha chave axeitada ou cun desaparafusador, pódese introducir nun burato roscado á súa medida ou atravesar as pezas e acoplarse a unha porca.[2]

O parafuso deriva directamente da máquina simple coñecida coma plano inclinado e sempre traballa asociado a un orificio roscado.[3] Os parafusos permiten que as pezas suxeitas cos mesmos poidan ser desmontadas cando a ocasión o requira.

Historia[editar | editar a fonte]

Sir Joseph Whitworth.

Os primeiros antecedentes do uso de roscas remóntanse ao parafuso de Arquímedes, desenvolvido polo filósofo grego cara ao ano 300 a. C. Nesa época adoitábase usar xa no val do río Nilo para a elevación de auga.[4][5]

Durante o Renacemento as roscas comezaron a empregarse como elementos de fixación en reloxos, máquinas de guerra e outras construcións mecánicas. Leonardo da Vinci desenvolveu métodos para o tallado de roscas, mais seguiron fabricándose a man e sen ningún tipo de normalización até ben entrada a Revolución industrial.

En 1841 o enxeñeiro inglés Joseph Whitworth definiu a rosca que leva o seu nome, facendo William Sellers outro tanto nos Estados Unidos de América en 1864. Esta situación prolongouse até 1946, cando la Organización Internacional para a Estandarización (ISO) definiu o sistema de rosca métrica, adoptado actualmente en practicamente todos os países. A rosca métrica ten unha sección triangular formando un ángulo de 60º e cabeza un pouco truncada para facilitar o engraxado. Con todo, nos EUA segue a empregarse a norma da Sociedade de Enxeñeiros da Automoción (Society of Automotive Engineers, SAE).

Características dos parafusos[editar | editar a fonte]

Os parafusos están fabricados en moitos materiais e aliaxes; nos parafusos realizados en metal a súa resistencia está relacionada coa do material empregado. Un parafuso de aluminio será máis lixeiro que un de aceiro (aliaxe de ferro e carbono) pero será menos resistente xa que o aceiro ten mellor capacidade metalúrxica que o aluminio; unha aliaxe de duraluminio mellorará as capacidades de resistencia do aluminio pero diminuirá as de tenacidade, xa que ao endurecer o aluminio con silicio ou metais como o cromo ou titanio, aumentarase a súa dureza pero tamén o seu coeficiente de fraxilidade a partirse. Os metais máis duros son menos tenaces xa que son calidades antagónicas. A maioría das aliaxes especiais de aceiros, bronces e aceiros inoxidables conteñen unha proporción de metais variable para adecuar o seu uso a unha aplicación determinada.

Sempre hai que usar o parafuso adecuado para cada aplicación. Se se usa un parafuso con demasiada resistencia de tensión (dureza) que non está axustado ao valor de deseño, podería romperse, como se rompe un cristal, por ser demasiado duro. Isto é porque os parafusos de alta tensión teñen menor resistencia a fatiga (tenacidade) que os parafusos cun valor de tensión máis baixo. Un parafuso composto por unha aliaxe máis branda poderíase deformar, pero sen chegar a partirse, co cal quizais non podería desmontarse pero seguiría cumprindo a súa misión de unión.

O estándar ISO márcase con dous números sobre a cabeza do parafuso, por exemplo "8.8". O primeiro número indica a resistencia de tensión (a dureza do material); o segundo número significa a resistencia a punto cedente, é dicir a tenacidade do material. Se un parafuso está marcado como 8.8, ten unha dureza (resistencia de tensión) de 800 MPa (megapascales), e unha tenacidade (resistencia de tensión) do 80 %. Unha marca de 10.9 indica un valor de tensión de 1000 MPa cunha resistencia a punto cedente de 900 MPa, 90 % de resistencia de tensión.

Os parafusos poden soportar ata un maior peso ou tracción, pero pasada a súa capacidade fenderanse, podendo crebarse. Os parafusos fabricados con aliaxes máis duras poden soportar un maior peso ou tracción, pero teñen igualmente un límite e menor tenacidade que os parafusos fabricados en aliaxes máis brandas. Se usa un parafuso que foi sobre axustado, sexa cal for a súa dureza, pode crebarse con facilidade xa que a súa resistencia de tensión (tenacidade) é moi baixa.

Os parafusos defínenos as seguintes características:

  • Diámetro exterior da cana: no sistema métrico exprésase en mm e no sistema inglés en fraccións de pulgada.
  • Tipo de rosca: métrica, Whitworth, trapecial, redonda, en dente de serra, eléctrica, etc. As roscas poden ser exteriores ou machos (parafusos) ou ben interiores ou femias (porcas), debendo ser as súas magnitudes coherentes para que ambos elementos poidan enroscarse.
  • Paso da rosca: distancia que hai entre dúas cristas sucesivas. No sistema métrico exprésase en mm e no sistema inglés polo número de fíos que hai nunha pulgada.
  • Sentido da hélice da rosca: a dereitas ou a esquerdas. A maioría da tornillería ten rosca a dereitas, pero para aplicacións especiais, como en eixes de máquinas, contraporcas, etc. teñen algunha vez rosca a esquerdas. Os parafusos das rodas dos vehículos industriais teñen roscas de diferente sentido nos parafusos das rodas da dereita (a dereitas) que nos da esquerda (a esquerdas). Isto débese a que desta forma os parafusos tenden a apertarse cando as rodas viran no sentido da marcha. Así mesmo, a combinación de roscas a dereitas e a esquerdas é utilizada en tensores roscados. O tipo de rosca, métrica ou Whitworth, separadamente de ser debida ao país de orixe, ten distintas características físicas: a rosca inglesa ou Whitworth ten un paso máis reducido, polo cal a rosca métrica ten unha maior tendencia a afrouxarse soa polo movemento das pezas. Para evitar este problema optouse por diversas solucións, como crear variantes de rosca métrica de paso máis reducido ou usar porcas e arandelas especiais que impiden máis eficazmente que as pezas en movemento afróuxense soas.
  • Material constituente e resistencia mecánica que teñen: salvo excepcións a maior parte de parafusos son de aceiro en diferentes grados de aliaxe e con diferente resistencia mecánica. Para madeira utilízanse moito os parafusos de latón.
  • Tipo de cabeza: en estrela ou Phillips, Bristol, de pala e algúns outros especiais.

Tipos de parafusos[editar | editar a fonte]

O termo parafusoo utilízase xeralmente en forma xenérica: son moitas as variedades de materiais, tipos e tamaños que existen. Unha primeira clasificación pode ser a seguinte:[6]

  • Parafusos tirafondos para madeira
  • Autorroscantes e autoperforantes para chapas metálicas e madeiras duras
  • Parafusos tirafondos para paredes e muros de edificios
  • Parafusos de roscas cilíndricas
  • Varillas roscadas de 1m de lonxitude

Parafusos para madeira[editar | editar a fonte]

Parafuso con rosca para madeira.

Os parafusos para madeira reciben o nome de tirafondo para madeira. O seu tamaño e calidade está regulado pola norma DIN-97 e teñen unha rosca que ocupa 3/4 da lonxitude da espiga. Poden ser de aceiro doce, inoxidable, latón, cobre, bronce, aluminio e poden estar galvanizados, niquelados, bicromatados, etc.

Este tipo de parafuso estréitase na punta como unha forma de ir abrindo camiño a medida que se insere para facilitar o autorroscado, porque non é necesario facer un buraco previo, e o filete é afiado e cortante. Normalmente enroscanse con desaparafusador eléctrico ou manual.

As súas cabezas poden ser planas, ovais ou redondeadas; cada cal cumprirá unha función específica.

Cabeza plana: úsase en carpintaría, en xeral, onde é necesario deixar a cabeza do parafuso mergullada ou a ras coa superficie.

Cabeza puntiaguda: a porción inferior da cabeza ten unha forma que lle permite afundirse na superficie e deixar sobresaíndo só a parte superior redondeada. Son máis fáciles para sacar e teñen mellor presentación que os de cabeza plana. Úsanse para a fixación de elementos metálicos, como ferramentas ou chapas de picaportes.

Cabeza redondeada: úsase para fixar pezas demasiado delgadas como para permitir que o parafuso se afunda nelas; tamén para unir partes que requirirán arandelas. En xeral empréganse para funcións similares aos de cabeza oval, pero en buracos sen embutir. Este tipo de parafuso resulta moi fácil de remover.

As cabezas poden ser de diferentes clases:

Cabeza fresada (rañura recta): teñen as rañuras rectas tradicionais.

Cabeza Phillips: teñen rañuras en forma de cruz para minimizar a posibilidade de que o desaparafusador se deslice.

Cabeza tipo Allen: cun oco hexagonal, para encaixar unha chave Allen.

Cabeza Torx: cun oco na cabeza en forma de estrela de deseño exclusivo Torx.

As características que definen aos parafusos de madeira son: tipo de cabeza, material constituente, diámetro da cana e lonxitude.

Parafusos tirafondos para paredes e madeira DIN-571[editar | editar a fonte]

Hai unha variedade de parafusos que son máis grosos que os clásicos de madeira, que se chaman tirafondos e utilízanse moito para aparafusar os soportes de elementos pesados que van colgados nas paredes dos edificios, por exemplo, toldos, aparellos de aire acondicionado, etc. Nestes casos perforase a parede ao diámetro do parafuso elixido, e insérese un taco de plástico, a continuación se aparafusa o parafuso que rosca a presión o taco de plástico e así queda suxeito firmemente o soporte. Tamén se utiliza por exemplo para o aparafusado da madeira de grandes embalaxes. Estes parafusos teñen a cabeza hexagonal e unha gama de M5 a M12.

Diferentes tipos de cabeza de parafusos de chapa.

Autorroscantes e autoperforantes para chapas metálicas e madeiras duras[editar | editar a fonte]

Ambos tipos de parafusos poden abrir o seu propio camiño. Fabrícanse nunha ampla variedade de formas especiais. Selecciónase o adecuado atendendo ao tipo de traballo que realizará e o material no cal se empregara.

Parafuso autorroscante.

Os autorroscantes teñen a maior parte da súa cana cilíndrica e o extremo en forma cónica. Poden ser de cabeza plana, oval, redondeada ou chata. A rosca é delgada, co seu fondo plano, para que a prancha se aloxe nel. Úsanse en láminas ou perfís metálicos, porque permiten unir metal con madeira, metal con metal, metal con plástico ou con outros materiais. Estes parafusos son completamente tratados (desde a punta ata a cabeza) e os seus bordos son máis afiados que os dos parafusos para madeira.

Nos autoperforantes a súa punta é unha broca, o que evita ter que facer perforacións guías para instalalos. Úsanse para metais máis pesados: van cortando unha rosca por diante da peza principal do parafuso.

As dimensións, tipo de cabeza e calidade están regulados por normas DIN.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para parafuso.
  2. Varios autores (1984). Enciclopedia de Ciencia y Técnica, Tomo 13 Tornillos y tuercas. Salvat Editores S.A. ISBN 84-345-4490-3. 
  3. Definición de tornillo. IES Marenostrum. Tecnología. CEJAROSU
  4. Stephanie Dalley and John Peter Oleson (January 2003). "Sennacherib, Archimedes, and the Water Screw: The Context of Invention in the Ancient World", Technology and Culture 44 (1).
  5. aenriquezhz (20 de agosto do 2009). e-historia.es, ed. "El tornillo: un invento que sonstiene al mundo." (en español). Consultado o 12 de decembro do 2015. 
  6. Catálogos comerciais de tornillería. Varios fabricantes

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: parafusos

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Millán Gómez, Simón (2006). Procedimientos de mecanizado. Madrid: Paraninfo. ISBN 84-9732-428-5. 
  • Larburu Arrizabalaga, Nicolás (2004). Máquinas. Prontuario. Técnicas máquinas herramientas. Madrid: Thomson. ISBN 84-283-1968-5. 
  • Varios autores (1984). Enciclopedia de Ciencia y Técnica. Salvat. ISBN 84-345-4490-3. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]