Aragorn
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2016.) |
Aragorn | |
---|---|
Personaxe de O Señor dos Aneis | |
Aragorn, fillo de Arathorn. | |
Creador(es) | J. R. R. Tolkien |
Información | |
Alcume | Elessar Telcontar «Trancos Pedra de Elfo», Estel «Esperanza» |
Raza | Dúnadan do Norte |
Sexo | Masculino |
Idade | 210 anos no seu falecemento |
Nacemento | 1 de marzo do 2931 T.I. |
Falecemento | 1 de marzo do 120 C.I. |
Título | Rei do Reino Unificado |
Cónxuxe | Arwen |
Fillos | Eldarion |
Familiares | Arathorn II (pai) Gilraen (nai) |
Residencia | Nómade por gran parte da Terra Media Cidadela de Minas Tirith |
Aragorn (en sindarin, Árbore real ou Árbore do Rei) é un habitante da Terra Media creada por J. R. R. Tolkien. Era capitán dos montesíos do norte, segundo dese nome, fillo de Arathorn II e de Gilraen, alcumado Alancadas en Prebe, coñecido como Thorongil (a "Aguia da estrela") en Rohan e Gondor nos días de Thengel e Ecthelion II, de neno coñecido en Valfendido como Estel ("Esperanza"), capitán dos Pobos Libres durante a Guerra do Anel e despois, gobernante do Reino Unificado de Gondor e Arnor baixo o nome de Elessar Telcontar.
Vida de Aragorn
[editar | editar a fonte]Ascendencia
[editar | editar a fonte]Era o trixésimo noveno descendente directo por liña paterna de Isildur, coñecido simplemente como O herdeiro de Isildur e xefe dos Dúnedain (Montesíos) do Norte. Arador era o pai de Arathorn II e avó de Aragorn. Foi morto polos troles das montañas sendo bastante novo. O seu fillo Arathorn II foi nomeado Capitán dos Montesíos e tendo 60 anos (temperá idade para a súa estirpe) e tendo Aragorn só dous anos, morreu cunha frecha cravada nun ollo nun ataque a unha banda de orcos.
Dírhael, o pai de Gilraen a Bela, que era vidente, non quería que Arathorn casara coa súa filla porque aínda non tiña a idade suficiente para casar como ditaban os costumes dos Dúnedain, e porque predixera que o seu esposo ía morrer ben novo. Pero a nai de Gilraen, Ivorwen, que tamén era vidente, dixo que era mester que casaran porque predixo que o fillo de Gilraen ía ser a última esperanza do seu pobo. Á morte de Arathorn, Gilraen levou a Aragorn para vivir en Imladris (Valfendido). Alí, Elrond ocultou a súa identidade e púxolle por sobrenome Estel, que quere dicir "Esperanza", e ocultoulle a súa verdadeira identidade e a súa liñaxe.
Xuventude
[editar | editar a fonte]Ós vinte anos, Elrond xulgou que xa chegara o momento e reveloulle a verdade a Aragorn e ademais entregoulle os fragmentos de Narsil, a espada de Elendil coa que Isildur cortou o dedo de Sauron, e entregoulle tamén o Anel de Barahir, símbolo da realeza.
Posteriormente, coñeceu a Arwen e namorouse dela, pero Elrond, que lía nos corazóns de tódolos Homes, advertiulle a Aragorn que Arwen non casaría con ningún mortal agás que este fora rei de Gondor e Arnor á vez.
Logo disto, co corazón apesarado pola negativa, Aragorn decidiu comezar a cumprir o seu destino. Marchou de Valfendido e pasou longos anos en loita contra as forzas de Sauron, gañando experiencia e sabedoría. Viaxou pola Terra Media baixo distintos nomes, arruinando sempre as maquinacións do Inimigo, e chegou a ser un dos homes viventes máis audaces. Durante todas estas viaxes, o destino cruzouno con Gandalf o Gris, e entre eles estableceuse unha grande amizade.
Cara ao sur chegou ata os confíns de Harad, onde as estrelas son estrañas (posiblemente chegara ao hemisferio sur do mundo). Cara ao leste, alcanzou as amplas chairas de Rhûn. Tamén lles axudou aos Pobos Libres contra as ameazas de Mordor. Cabalgou e loitou xunto aos Rohirrim, servindo o Rei Thengel e o Mordomo Ecthelion en Gondor, baixo o alcuño de Thorongil, Aguia da Estrela, xa que era rápido e tiña unha vista moi aguda. Mais o seu verdadeiro nome e orixe nunca lles foron revelados aos habitantes de Gondor.
Durante a súa estadía en Gondor converteuse nun gran capitán, moi estimado polo gobernante, pero sobre todo foi un gran rival do primoxénito de Ecthelion, Denethor. En realidade, ambos eran moi parecidos, como os parentes máis próximos, e case nunca discutían ou tiñan problemas. A única cuestión sempre latente entre os dous era que Aragorn sempre aconsellaba ao Mordomo que confiara máis en Gandalf o Gris e non tanto en Saruman o Branco, pero Denethor e Gandalf non tiñan unha boa relación. Moitos anos despois, creuse que Denethor non quería a Aragorn nin a Gandalf, xa que descubrira a identidade do estranxeiro, e sabía que el e o mago querían substituílo.
A principal fazaña de Aragorn en Gondor foi destruír a frota de Umbar. De noite, avanzou cunha frota de Pelargir, e prendeulles lume aos barcos negros con moi poucas baixas. Ao volver a Gondor, unha gran comitiva o agardaba, porén non volveu ser condecorado, xa que decidira afastarse dos Homes do Oeste por un tempo, e dixo que se algún día volvía a Gondor, sería dentro de moitos anos, cando o pobo o necesitase.
Despois de abandonar Gondor e despois de tantos anos de penurias e traballos, volveu ao norte para descansar e a dama Galadriel admitiuno en Lórien. Alá volveu a ver a Arwen, e xuráronse eterna fidelidade no outeiro de Cerin Amroth.
A irmandade do anel
[editar | editar a fonte]Moitos anos despois, o Anel Único foi descuberto, e xunto a Gandalf, unha das tarefas que acometeron foi perseguir a Gollum. Ao capturalo puideron coñecer a verdadeira historia do achado do anel. Logo, Aragorn axudou a Frodo Bulseiro, o Portador do Anel, na Pousada O Poni Rampante, en Prebe, e no seu camiño cara a Valfendido. Aragorn guiou a Frodo e os seus amigos hobbits entrementres eran perseguidos polos Espectros do Anel, salvando a vida do portador cando foi ferido polo Rei Bruxo de Angmar no Cumio do Vento.
No Consello de Elrond, formouse a Irmandade do Anel, da que Aragorn formou parte. Tamén guiou a Irmandade despois da caída de Gandalf na Ponte de Khazad-dûm en Moria, por Lórien e polo Anduin, ata a fervenza do Rauros. Despois da emboscada dos orcos, na que Boromir morreu, Pipin e Merri foron capturados e disolveuse a Irmandade. Iniciou xunto con Legolas e Gimli o rescate dos dous hobbits, que os levarían a través de Rohan ata a Batalla do Abismo de Helmo, na que tivo un papel destacado ao mando dos Eorlingas.
Desencadeada a Guerra do Anel, partiu cara aos Carreiros dos Mortos e convocounos a cumprir a profecía que a maldición de Isildur lles causara. Coa súa axuda derrotou os corsarios de Umbar en Pelargir e liberou deste modo as costas do sur de Gondor, que acudiron baixo o seu mando á Batalla dos Campos de Pelennor, na que un exército de Sauron foi derrotado e o Rei Bruxo, morto. Dirixiu o exército de Gondor e Rohan á Porta Negra de Mordor para dar tempo ao Portador do Anel de cumprir coa súa misión.
Durante a Guerra do Anel, fixo unha grande amizade co Rei Théoden de Rohan e con Éomer o Mariscal.
Voda e descendencia
[editar | editar a fonte]Unha vez rematada a guerra e derrocado Sauron, Aragorn foi coroado baixo as portas de Minas Tirith e tomou a man de Arwen Undómiel.
Atopou un vástago da Árbore Branca, emblema da casa de Elendil, nas faldras do Mindolluin, que levou a Minas Tirith.
O seu nome como rei de Arnor e Gondor foi Elessar, que significa en Quenya Pedra de Elfo. Este nome foille dado pola dama Galadriel, avoa da súa esposa Arwen. O nome da súa casa foi Telcontar, escollido por el mesmo, que significa Alancadas en Quenya.
Aragorn e Arwen tiveron moitas fillas, con nomes descoñecidos, e un fillo, Eldarion, que herdou o trono do Reino Unificado.
Durante o seu reinado, Aragorn combateu en guerras en países estranxeiros xunto ao seu amigo, o rei Éomer de Rohan.
Reinou durante 120 anos de gloria xunto con Arwen Undómiel. Morreu con 210 anos, cando el o decidiu, igual que os reis antigos.
O seu fillo reinou os grandes reinos de Gondor e Arnor.
Predecesor: Arathorn II |
Capitán dos Dúnedain do Norte 2933 TI – 120 CI |
Sucesor: Eldarion |
Predecesor: Denethor II (como mordomo) |
Rei de Gondor 1 CI – 120 CI |
Sucesor: Eldarion |
Predecesor: Arvedui |
Rei de Arnor 3019 TI – 120 СI |
Sucesor: Eldarion |
Cine
[editar | editar a fonte]Nas películas de Peter Jackson, o actor Viggo Mortensen interpretou a Aragorn.
A Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |