Morannon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Porta Negra")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Imaxe das portas de Morannon

Morannon (‘porta negra’ en sindarin) era o nome das xigantescas portas que eran a única entrada á escura terra de Mordor. Eran enormes batentes de ferro que ían dun a outro extremo de Cirith Gorgor (‘o paso dos espectros’), entre Ered Lithui (os ‘montes da cinsa’) e Ephel Dúath (as ‘montañas da sombra’), cercándoo. Detrás abríase o estreito val de Udûn. Diante estendíanse a Desolación do Morannon, Dagorlad (a ‘chaira da batalla’) e o Pantano dos Mortos. Estaban custodiadas por dúas torres cunha vixilancia insomne.

Durante a súa penosa viaxe cara Mordor, Frodo e Sam chegan a Morannon e ven ós exércitos de Khand, convocados por Sauron para a súa guerra, entrar en Mordor por alí. Deciden non usar Morannon para entrar en Mordor, e elixen outra ruta que Gollum coñecía (Cirith Ungol).

Tempo despois, o exército do Oeste, comandado por Aragorn, desafía ó Señor Escuro ante a Porta Negra. O maligno Boca de Sauron, lugartenente da Torre Escura, sae daquela pola Morannon «a parlamentar» con eles, pero tralo fracaso das negociacións, o exército en pleno de Sauron sae pola Porta Negra, sumindo ós Homes nunha marea negra. Trala caída de Sauron, os homes do Oeste entran pola Morannon e consuman a súa vitoria.