Antón Losada Trabada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antón Losada Trabada
Politologo-Anton-Losada-Marta-Jara EDIIMA20141119 0480 19.jpg
Antón Losada nunha entrevista no 2014.
Datos persoais
Nacemento 1966
Lugar Xove, Galicia Galicia
Actividade
Lingua Galego
Xéneros Xornalismo

Antón Losada Trabada, nado en Xove en 1966, é un xornalista, escritor e político galego, pertencente ao BNG.

Traxectoria profesional[editar | editar a fonte]

Doutor en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha tese sobre o impacto da política de pesca na consolidación institucional da autonomía, é profesor titular de Ciencia Política no departamento de Socioloxía e Ciencia Política desa universidade dende 1998. Ten un máster en xestión pública pola Universidade Autónoma de Barcelona.

A súa posición de relevancia gañouna sobre todo grazas ao seu labor como xornalista, participando en diversos parladoiros radiofónicos da Cadena SER e escribindo artigos no xornal electrónico Xornal.com, en La Opinión e El Periódico de Catalunya. O seu maior cargo de responsabilidade tívoo a mediados dos anos noventa, cando ocupou a dirección de Radiovoz en Madrid. Tamén ten colaborado en diversos programas de radio e televisión, entre os que destacan os programas humorísticos Unha de romanos e A familia Mudanza na TVG, a serie Composteláns dirixida por Xosé Manuel Pereiro, e foi o presentador do programa Bule Bule, dirixido por Antón Reixa.

Tamén compuxo letras para temas de Siniestro Total e Os Resentidos, así como unha peza de teatro, Qué é das dependentas dos grandes almacéns ó faceren os cincuenta?, para a compañía Pífano.

Carreira política[editar | editar a fonte]

O seu contacto coa política iniciouse na Universidade de Santiago de Compostela, onde foi membro dos CAF. Nos primeiros anos noventa foi asesor puntual do conselleiro de Pesca, o popular Henrique López Veiga. Na primeira década do século XXI retomou o nacionalismo e a partir do ascenso de Anxo Quintana como voceiro nacional do BNG, fíxose militante e comezou a traballar ao seu lado en labores de asesoría e comunicación política.

En 2005 foi nomeado secretario xeral de Vicepresidencia e de Relacións Institucionais, colocándose como a man dereita de Anxo Quintana dentro do organigrama da Xunta de Galicia. Nese posto as súas tensións cos medios de comunicación foron frecuentes, e viuse implicado en diversas polémicas sobre o despedimento dunha empregada do fogar ou sobre a retirada duns letreiros nun edificio administrativo da Xunta. O 6 de setembro de 2007 cesou, e as razóns alegadas foron motivos persoais[1]. Porén, diversos medios alegaron que fora unha destitución[2], e relacionárona co tratamento de información política na TVG.

Obras[editar | editar a fonte]

  • La política del mar: políticas públicas y autonomía. El caso de la pesca gallega, 2000, Istmo.
  • Piratas de lo público, 2013, Deusto.
  • Código Mariano, 2014.
  • Los ricos vamos ganando, 2015.

Notas[editar | editar a fonte]