Eugenio Serrano de Casanova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Eugenio Serrano de Casanova
Moliné-Monuments.jpg
Nacemento1841
 Neda
Falecemento1920
 Barcelona
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónempresario
editar datos en Wikidata ]

Eugenio Rufino Serrano de Casanova, nado en Neda en 1841 e falecido en Barcelona en 1920, foi un militar e empresario galego, coñecido por ser o impulsor da Exposición Universal de Barcelona de 1888.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo doo curtidor Martín Serrano, que foi alcalde de Neda en dúas ocasións[1], tivo oito irmáns máis. Despois de comezar a estudar en Ferrol[2], aos 18 anos (1859) marchou a Madrid para facer estudos de perito mercantil. Ao pouco alistouse no exército onde consegue un posto como capitán da administración militar. Tras o exilio de Isabel II, pasouse ao exército carlista e marchou a Barcelona, onde se implicou no proceso que levou á Terceira Guerra Carlista.

Antes de que estourase o novo levantamento apartouse do carlismo e marchou a París, onde creou a revista Gazette des touristes, dedicada ao turismo termal. Como parte das súas actividades empresariais, en 1873 acudiu á Exposición Universal de Viena, un feito que o marcou persoal e profesionalmente para toda a vida. Foi secretario da Exposición Universal de Filadelfia en 1876 e actuou como delegado rexio en todas as exposicións celebradas en Europa: Frankfurt, Bordeos, Ámsterdam, Niza, Liverpool, así como nas exposicións universais de París (1878) e de Antuerpe (1885).[3]

Nese ano trasladouse a Barcelona coa idea de promover unha exposición universal na capital catalá, onde estableceu unha xunta organizadora na que se integra tamén o enxeñeiro ferrolán Andrés Comerma. O 11 de marzo de 1885 propúxolle ao Concello de Barcelona a organización dunha exposición universal, sen financiamento público, en troca da cesión temporal dos terreos (200.000 ) e dos dereitos de explotación, acordo que asina o 9 de xuño co alcalde Francesc Rius i Taulet.

En 1887 Serrano Casanova demostrou a súa incapacidade para levar un proxecto desa envergadura e foi apartado do proxecto a cambio dunha indemnización. Segundo os seus biógrafos Juan Prados Tizón e Jaume Roulón Lluís, a manobra respondía a un interese do concello por controlar o proxecto, no que a burguesía local viu a posibilidade de obter cuantiosos beneficios[4]. En maio de 1888 púidose finalmente realizar a exposición, pero sen a súa presenza. A partir dese momento converteuse en propietario de dous balnearios na provincia de Xirona.

Faleceu en 1920 en Barcelona e foi soterrado nunha foxa común no cemiterio de Montjuïc.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou e tivo un fillo. Dúas bisnetas forman o dúo musical Hermanas Serrano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Entrevista a Juan Prados Tizón[Ligazón morta], Radiofusión.
  2. Eugenio Serrano de Casanova, nedense universal Arquivado 03 de setembro de 2014 en Wayback Machine., Radiofusión.
  3. "El gallego que transformó Barcelona", El País, 25 de novembro do 2010, edición Galicia
  4. PRADOS, J. e ROULÓN, J. Serrano de Casanova, un nedense universal, Concello de Neda, 2010.