Alcibíades

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alcibíades
Nacementoc. 450 a. C. e 451 a. C.
Lugar de nacementoAntiga Atenas
Falecemento404 a. C.
Lugar de falecementoFrixia
Causastabbing
NacionalidadeAntiga Atenas
Ocupaciónpolítico, militar e army officer
PaiClinia
NaiDinómaca
CónxuxeHiparete
FillosAlcibíades
IrmánsClinia
Premiosvencedor na carreira de cuádrigas das Olímpiadas clásicas
editar datos en Wikidata ]
Alcibíades (Roma, Museos Capitolinos), busto en mármore. Retrato idealizado, copia romana dun busto grego do século IV a.C.. O soporte e a súa inscrición (Alcibíades, [fillo] de Clinias, Ateniense) engadíronse posteriormente.

Alcibíades Clinias Escambónidas (en grego: Ἀλκιβιάδης Κλεινίου Σκαμβωνίδης), nado c. 450 a. C. na Antiga Atenas e finado no 404 a. C. no Monte Elafos, Frixia, Imperio aqueménida, foi un prominente estadista, orador e estratego (xeneral) ateniense, fillo de Clinias e membro da familia aristocrática dos Alcmeónidas, do demo de Escambónidas, que tivo un papel destacado na segunda fase da guerra do Peloponeso (a guerra arquidámica) como conselleiro estratéxico, comandante e político.

Durante o transcurso da guerra do Peloponeso, Alcibíades cambiou a súa lealdade en varias ocasións. Na súa Atenas nativa, a principios dos anos 410 a. C., defendeu unha política exterior agresiva e foi un destacado defensor da expedición a Sicilia, pero fuxiu a Esparta cando os seus inimigos políticos presentaron cargos de sacrilexio contra el. En Esparta serviu como conselleiro estratéxico, propoñendo ou supervisando importantes campañas contra Atenas. En Esparta, con todo, a Alcibíades tamén lle xurdiron poderosos inimigos e viuse obrigado a desertar a Persia. Alí foi conselleiro do sátrapa Tisafernes ata que os seus aliados políticos atenienses lograron a súa restitución. Foi xeneral (estratego) durante varios anos máis, pero os seus inimigos conseguiron exilialo por segunda vez.

A expedición siciliana foi creación de Alcibíades, e os eruditos modernos teñen argumentado que se esa expedición estivera baixo o mando de Alcibíades en lugar do de Nicias, a expedición non se tería enfrontado ao seu desastroso destino.[1] Nos anos que serviu a Esparta, Alcibíades desempeñou un importante papel na destrución da cidade de Atenas; a captura de Decelia (cf. guerra de Decelia) e as críticas rebelións dalgunhas das cidades e territorios baixo a influencia de Atenas ocorreron instigadas por el ou baixo a súa supervisión.

Unha vez devolto á súa cidade natal, con todo, tivo un papel crucial na serie de vitorias atenienses que levaron a Esparta a solicitar finalmente a paz con Atenas. Elixiu tácticas pouco convencionais, a miúdo gañando polis (cidades) a través da traizón ou a negociación en lugar do asedio.[2]

As capacidades militares e políticas de Alcibíades resultaron ser a miúdo moi valiosas para calquera que contase coa súa lealdade, aínda que a súa capacidade para colleitar poderosos inimigos asegurou que nunca permanecese nun mesmo lugar durante moito tempo e, para cando terminou a guerra que axudara a reavivar a principios dos anos 410 a. C., os seus días de relevancia política eran un recordo do pasado.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Jean-Léon Gérôme (1824-1904): Sócrates buscando a Alcibíades na casa de Aspasia, 1861.

Alcibíades naceu en Atenas. O seu pai era Clinias. A súa nai era Dinómaca, a filla de Megacles, e podía seguir as orixes da súa familia ata Eurisaces e Áiax o Grande.[3] A través da súa nai pertencía ao poderoso e controvertido genos (clan familiar) dos Alcmeónidas; Pericles e o seu irmán Arifrón eran curmáns de Dinómaca (o seu pai e a súa nai eran irmáns)[4]. O seu avó, tamén chamado Alcibíades, foi amigo de Clístenes, o famoso reformador constitucional do século VI a.C.[5] Tras a morte de Clinias na batalla de Coronea no ano 447 a.C.[5], Pericles e Arifrón foron os seus titores[6]. Segundo Plutarco, Alcibíades tivo famosos profesores, como Sócrates, e foi formado na arte da retórica. Varios escritores gregos fan mención do seu comportamento indisciplinado.

Alcibíades tomou parte na batalla de Potidea en 432 a.C., onde Sócrates salvou a súa vida, favor que lle devolveu na batalla de Delio en 424 a.C.[7]. Alcibíades tiña unha íntima pero (segundo idealizaron antigos relatos) casta relación con Sócrates, a quen el admiraba e respectaba, e quen se sentiu atraído pola súa beleza, pero non sucumbiu ás atraccións do rapaz[nota 1][8][9]. Segundo Plutarco, Alcibíades «temía e reverenciaba só a Sócrates, e desprezaba ao resto dos seus amantes»[10].

Alcibíades casou con Hipareta, a filla de Hipónico III, un rico ateniense. Segundo Plutarco, Hipareta amaba ao seu marido, pero tentou divorciarse del porque frecuentaba ás heteras (cortesás). Viviu con el até a súa morte e deu a luz probabelmente a dous nenos, unha filla e un fillo, tamén chamado Alcibíades[11].

Carreira política até o 412 a. C.[editar | editar a fonte]

Ascenso[editar | editar a fonte]

Alcibíades incrementou a súa preeminencia política cando empezou a avogar por unha liña agresiva ateniense tras a firma da Paz de Nicias. Este tratado fora unha tregua entre Esparta e Atenas asinada a metade da guerra do Peloponeso e chegou tras sete anos de enfrontamentos nos que ningún bando obtivera unha vantaxe decisiva. Os historiadores Arnold W. Gomme e Raphael Sealey opinan, e Tucídides comenta, que Alcibíades se ofendeu durante a negociación do tratado debido a que os lacedemonios negociaran con Nicias e Laques, e o deixaron a el de lado por mor da súa mocidade[12][13].

Unha serie de disputas acerca da interpretación do tratado conduciron aos espartanos a despachar embaixadores plenipotenciarios a Atenas para concluír todos os asuntos pendentes[14]. Os atenienses, inicialmente, recibiron ben a estes embaixadores, pero Alcibíades reuniuse con eles en segredo antes de que fosen falar á ekklesía (a asemblea ateniense) e díxolles que a asemblea era arrogante e tiña grandes ambicións[14]. Instounos a que renunciasen á súa autoridade diplomática de representar a Esparta e permitisen que el os axudase cos políticos atenienses a través da súa influencia[15]. Os representantes estiveron de acordo e, impresionados coa previsión de Alcibíades, separáronse de Nicias, quen sinceramente quería chegar a un acordo cos espartanos[14]. Ao día seguinte, durante a asemblea, Alcibíades preguntoulles que poderes lles concedera Esparta e responderon que non foran con plenos poderes. Isto estaba en directa contradición co que dixeran o día anterior e Alcibíades valeuse desta oportunidade para denunciar o seu carácter, sementar a sospeita sobre os seus obxectivos e destruír a súa credibilidade. Este truco incrementou o prestixio de Alcibíades mentres avergoñaba a Nicias, co que Alcibíades foi nomeado xeneral. Aproveitou o seu crecente poder para orquestrar a creación dunha alianza entre Argos, Mantinea, Elis e outros estados do Peloponeso, ameazados polo dominio de Esparta na rexión. Segundo Gomme, «era un grandioso plan para un xeneral ateniense á cabeza dun exército principalmente peloponeso marchar a través do Peloponeso burlándose de Esparta cando a súa reputación estaba máis baixa»[16]. Esta alianza, con todo, sería derrotada en última instancia na batalla de Mantinea[17].

Nos anos 416 a.C. - 415 a.C. tivo lugar un complexo enfrontamento entre Hipérbolo, por unha banda, e Nicias e Alcibíades, pola outra. Hipérbolo tratou de provocar o ostracismo dun deles, pero Alcibíades e Nicias combinaron a súa influencia para inducir ao pobo a expulsar a Hipérbolo[18]. Este incidente revela que Nicias e Alcibíades dispuñan cada un dos seus propios seguidores, cuxos votos eran determinados polos desexos dos líderes[13].

Alcibíades non foi un dos xenerais involucrados na captura de Milo en 416 a.C. - 415 a.C., aínda que Plutarco o fai partidario do Decreto polo cal os homes de Milo foron asasinados e as mulleres e os nenos escravizados[19][20]. O orador Andócides alega que Alcibíades tivo un fillo cunha destas mulleres escravizadas[21].

O seu prestixio e carisma acrentouse tras gañar nos Xogos Olímpicos do ano 416 a. C.[22]

Expedición a Sicilia[editar | editar a fonte]

En 415 a.C., chegaron a Atenas uns delegados da cidade siciliana de Sexesta, para solicitar axuda aos atenienses na súa guerra contra Selinunte. Dita solicitude foi debatida na asemblea e Nicias opúxose con vehemencia contra a intervención ateniense. Argumentou que a campaña sería moi custosa, á vez que atacaba as motivacións e o carácter de Alcibíades, que se erixiu no principal partidario da expedición. Doutra banda, Alcibíades argumentou que unha campaña neste novo territorio proporcionaría riquezas á cidade e ampliaría o imperio, igual que ocorrera anteriormente coas Guerras Médicas. Alcibíades prognosticou no seu discurso, (con esaxerado optimismo, segundo a opinión da maioría dos historiadores) que os atenienses poderían recrutar a aliados na rexión e impor o seu goberno a Siracusa, a cidade máis poderosa de Sicilia[23]. A pesar da entusiasta defensa do plan por parte de Alcibíades, sería Nicias, e non el, quen transformaría unha modesta intervención no lugar nunha gran campaña e que faría pensar a todo o mundo que a conquista non só sería posíbel senón mesmo segura[24]. A súa suxestión foi que o tamaño da frota se incrementase dunhas 60 embarcacións[25] até as 140 galeras, e que as forzas alcanzasen 5 100 homes de infantaría pesada e uns 1 300 arqueiros, fondeiros e tropas lixeiras[26]. O filósofo Leo Strauss subliña que a expedición siciliana superaba todo o emprendido por Pericles[27]. A verdadeira intención de Nicias era asustar á asemblea coa súa alta estimación das forzas requiridas pero, en lugar de disuadir aos seus concidadáns, a súa análise fíxoo aínda máis desexábel[27]. En contra dos seus desexos, Nicias foi nomeado xeneral, xunto con Alcibíades e Lámaco; os tres con plenos poderes para lograr que os intereses de Atenas en Sicilia se cumprisen[28].

Unha noite, durante os preparativos para a expedición, os hermai -cabezas do deus Hermes sobre un plinto cun falo- foron mutilados en toda Atenas (véxase Hermocópidas). Isto supuxo tanto un escándalo relixioso como un mal presaxio para a misión. Plutarco explica que Androcles, un dirixente político, usou testemuñas desleais que culparon a Alcibíades e aos seus amigos de mutilar as estatuas e ademais de profanar os misterios de Eleusis[29]. Despois, os seus adversarios políticos, encabezados polo propio Androcles e por Tesalo, fillo de Cimón, enrolaron a oradores para argumentar ante a asemblea que Alcibíades debía partir como estaba planeado e someterse a xuízo ao seu regreso da campaña. Alcibíades, que recelaba das súas intencións, pediu que se lle permitise someterse a xuízo inmediatamente, baixo a ameaza de pena de morte, para poder limpar o seu nome[29]. A petición foi denegada e a frota partiu pouco despois, cos cargos sen resolver[30].

"Aos nosos aliados de alí xuramos defendelos e non para que deban acudir aquí a nos defender, senón para que ocasionen dificultades aos nosos inimigos de alí e impidan que veñan atacarnos. Así é como construímos o noso imperio (...) asistindo aos que reclamaban a nosa presenza. Porque non só hai que defenderse cando se é atacado, senón que hai que anticiparse para impedir. E non é posíbel determinar con precisión a extensión que queremos darlle ao noso imperio, senón que, en vista do que conseguimos, é necesario conspirar para prolongala, porque, se deixásemos de gobernar a outros, estariamos en perigo de ser gobernados. Non podedes mirar a inactividade desde o mesmo punto de vista que os demais, a menos que vos preparedes para cambiar o voso modo de vida e que sexa como o seu."
Oración de Alcibíades antes da expedición a Sicilia, recollida por Tucídides, (VI, 18)[31]; Tucídides nega a exactitude verbal (1, XXI)[32].

Tal e como Alcibíades sospeitara, a súa ausencia envalentonou aos seus inimigos, e estes empezaron a acusalo das outras accións sacrílegas, alegando mesmo que ditas accións estaban relacionadas cun complot contra a democracia[33]. Segundo Tucídides, os atenienses reaccionaban sempre con medo ante este tipo de acusacións e a súa reacción foi sospeitar do acusado[34]. Cando a frota chegou a Catana, achábase alí o trirreme estatal "Salaminia" esperando para levar a Alcibíades e os outros acusados de mutilar os hermai e profanar os misterios de Eleusis de volta a Atenas para someterse a xuízo[34]. Alcibíades dixo aos heraldos que os seguiría a Atenas na súa embarcación, pero en Turios fuxiu coa súa tripulación. En Atenas foi xulgado "en ausencia" e condenado á morte. As súas propiedades foron confiscadas e prometeuse unha recompensa dun talento a quen conseguise matar a algún dos que fuxiran[35]. Mentres tanto, a forza ateniense en Sicilia, despois dalgunhas primeiras vitorias, mobilizouse contra Mesina, onde os xenerais esperaban que os seus aliados secretos dentro da cidade a traizoasen. Alcibíades, con todo, prevendo que estaría fóra da lei, deu información aos amigos dos siracusanos en Mesina e conseguiu previr a entrada dos atenienses[36]. Coa morte de Lámaco en batalla pouco tempo despois, a expedición siciliana recaeu sobre as mans de Nicias, a quen os eruditos modernos xulgaron que foi un inadecuado xefe militar[1].

Defección a Esparta[editar | editar a fonte]

Despois da súa desaparición en Turios, Alcibíades contactou cos espartanos, "prometendo ofrecerlles unha axuda e un servizo máis grandes aínda que todo o dano que antes lles fixera como inimigo" se eles lle ofrecían asilo[37]. Os espartanos concederon esta petición e recibírono entre eles. No debate en Esparta sobre se enviar unha forza para axudar a Siracusa, Alcibíades falou e inculcou medo aos éforos espartanos sobre a ambición ateniense, informándoos de que os atenienses esperaban conquistar Sicilia, Italia, e mesmo Cartago[38]. O historiador de Yale Donald Kagan cre que Alcibíades esaxerou os plans dos atenienses para convencer aos espartanos do beneficio que lles proporcionaba a súa axuda[39]. Kagan asevera que Alcibíades non adquirira a súa "lendaria" reputación, e que os espartanos o vían como "un home derrotado e perseguido" cuxa política "provocou fallos estratéxicos" e non conseguiu "ningún resultado decisivo"[39]. Se é exacta, esta valoración subliña un dos grandes talentos de Alcibíades: a súa oratoria persuasiva[39]. Tras facer que a ameaza parecese inminente, Alcibíades aconsellou aos espartanos enviar tropas e —o máis importante— un comandante espartano para disciplinar e axudar aos siracusanos[38].

"A nosa festa era a do pobo enteiro, o noso credo manter a forma de goberno baixo o que a cidade gozou da maior grandeza e liberdade, e que atoparamos existindo. En canto á democracia, os homes de xuízo de entre nós quizais saiban o que era, e eu, como calquera, teño o maior motivo para queixarme diso; pero non hai nada novo que sexa dito dun absurdo patente- mentres tanto non pensemos en salvala cambiándoa baixo a presión da súa hostilidade."
Discurso de Alcibíades aos espartanos, recollida por Tucídides, (VI, 89); Tucídides nega a exactitude verbal (1, XXI)[32]

Alcibíades serviu como conselleiro militar a Esparta e axudou aos espartanos a asegurar algúns éxitos cruciais. Aconsellou que construísen un forte permanente en Decelia, xusto a 16 km de Atenas e ao alcance da vista da cidade[40]. Facendo isto, os espartanos cortaron completamente aos atenienses o acceso ás súas casas e cultivos e ás minas de prata de Laurión. Este era parte do plan de Alcibíades para renovar a guerra con Atenas na Ática[39]. O movemento era devastador para Atenas e forzou aos cidadáns a que vivisen dentro dos Muros Longos da cidade todo o ano, fomentando a praga de Atenas e facéndoos completamente dependentes do seu comercio marítimo para se alimentaren.

En vista de que Atenas era atacada nunha segunda fronte, os membros da liga de Delos empezaron a considerar unha revolta. Como consecuencia da derrota desastrosa de Atenas en Sicilia, Alcibíades navegou a Xonia cunha frota espartana e conseguiu convencer a algunhas cidades para que se rebelasen[41].

A pesar destas valiosas contribucións para a causa espartana, Alcibíades perdeu o favor do goberno espartano cando se descubriu que estaba a ter unha aventura amorosa coa esposa do rei espartano Axis II[42]. Por iso, moitos creron que Alcibíades era o pai de Leotíquidas, o fillo que tivo pouco despois Timea (a esposa de Axis)[43]. A influencia de Alcibíades reduciuse aínda máis tras o retiro de Endio, o éforo máis favorábel a el[44]. Astíoco, un almirante espartano, foi enviado coa orde de matalo, pero Alcibíades foi avisado e desertou á satrapía persa de Tisafernes, que estivera axudando economicamente ás forzas peloponesas en 412 a.C.[45].

En Asia Menor[editar | editar a fonte]

Jean-Baptiste Régnault (1754-1829): Sócrates arrincando a Alcibíades dos brazos da Voluptuosidade, 1785.

Á súa chegada á corte persa, Alcibíades gañou a confianza do poderoso sátrapa e fíxolle algunhas suxestións políticas que foron ben recibidas. Segundo Tucídides, Alcibíades empezou a facer todo o que puido na corte de Tisafernes para prexudicar a causa peloponesa. Ante a súa insistencia, o sátrapa reduciu os pagos que estaba a facer á frota peloponesa e empezou a envialos de forma irregular[45]. Seguidamente, Alcibíades aconsellou a Tisafernes subornar aos xenerais das cidades para así conseguir información sobre as súas actividades. Por último, e máis transcendental, deulle ao sátrapa instrucións de que non tivese présa en involucrar a frota persa no conflito, xa que, canto máis se prolongase a guerra, máis exhaustas quedarían as forzas dos combatentes[46]. Isto permitiría que os persas conquistasen a rexión facilmente tras as secuelas de tanta loita. Alcibíades tratou de convencer ao sátrapa de que a Persia lle interesaba desgastar tanto a Atenas como a Esparta, "e despois de reducir o poder ateniense tanto como puidese, acabar co Peloponeso"[46]. Aínda que o consello de Alcibíades beneficiou aos persas, era simplemente unha vía para conseguir un determinado fin. Tucídides cóntanos que as súas verdadeiras motivacións eran usar a súa suposta influencia cos persas para provocar a súa restauración en Atenas[47].

Regreso a Atenas[editar | editar a fonte]

Negociacións cos oligarcas atenienses[editar | editar a fonte]

Alcibíades parece que asumiu o feito de que a "democracia radical" nunca estaría de acordo co seu regreso a Atenas[48]. Por tanto, intercambiou mensaxes cos xefes atenienses en Samos e suxeriu que se puidesen instalar unha oligarquía que estivese da súa parte, regresaría a Atenas e traería consigo diñeiro persa e posibelmente a frota persa de 147 trirremes[49]. Alcibíades empezou a gañarse aos oficiais máis influentes do exército e conseguiu o seu obxectivo ofrecéndolles un plan composto de tres partes: a constitución ateniense debía ser cambiada, o regreso de Alcibíades debía ser votado e Alcibíades debía gañarse a Tisafernes e ao Rei de Persia para a causa ateniense. A maioría dos oficiais da frota ateniense aceptaron o plan e deron a benvida á posibilidade dunha constitución máis limitada, que lles outorgase unha maior marxe de acción para determinar a política. Segundo Tucídides, só un dos xenerais atenienses en Samos, Frínico, se opuxo ao plan e argumentou que Alcibíades se preocupaba máis da oligarquía proposta que da democracia tradicional[50]. A participación na trama doutro xeneral, Trasíbulo, queda pouco clara.

Estes oficiais da frota ateniense constituíron un grupo de conspiradores, pero enfrontáronse coa oposición da maioría dos soldados e mariñeiros; pero estes calmáronse ao final "polo panorama vantaxoso do soldo do rei"[51]. Os conxurados reuníronse e dispuxéronse a enviar a Pisandro e a outros como embaixadores a Atenas para que tratasen do regreso de Alcibíades e a abolición da democracia na cidade, e para facer a Tisafernes amigo dos atenienses[52].

Frínico, temendo que se Alcibíades volvía do exilio habíase vingar del por pór obstáculos ao seu regreso, enviou unha mensaxe secreta a Astíoco, o navarco dos lacedemonios, para lle dicir que Alcibíades estaba a arruinar a súa causa procurando aos atenienses a amizade de Tisafernes e informándoo de todos os demais detalles da conxura.

Alcibíades, gravado de Agostino Veneziano (c. 1490-1540).

A Astíoco nin sequera se lle ocorreu tomar represalias contra Alcibíades senón que, pola contra, se dirixiu a Magnesia e comunicoulles a Alcibíades e Tisafernes a carta de Frínico. Alcibíades enviou inmediatamente unha carta contra Frínico aos que estaban á fronte do exército en Samos, comunicándolles o que fixera e pedíndolles que o condenasen á morte[53]. Entón Frínico, en gravísimo perigo por mor da denuncia, enviou de novo unha mensaxe a Astíoco na que, tras reprocharlle que non gardase o segredo da súa primeira mensaxe, lle manifestaba que ofrecía aos peloponesos a posibilidade de destruír toda a frota ateniense en Samos, contando con que Samos non estaba amurallada. Astíoco denunciou tamén isto a Alcibíades. Pero como Frínico esperaba, comunicou ao exército que o inimigo ía atacar o campamento ao non estar Samos amurallada e que era preciso fortificala canto antes. Cando chegou a carta de Alcibíades na que se dicía que o exército fora traizoado por Frínico e que o inimigo ía atacar, xulgouse que Alcibíades non era digno de crédito e que informado con anticipación dos plans do inimigo, trataba de acusar a Frínico de complicidade[54].

A pesar destes sucesos, Pisandro e os outros representantes dos conspiradores chegaron a Atenas e falaron ante o pobo, poñendo a Alcibíades e as súas promesas no centro da cuestión. Tras a oposición inicial a que se reformase a democracia e dos adversarios de Alcibíades que aducían que non debía volver do exilio quen violara as leis, os Eumólpidas e os Cérices invocaban os misterios de Eleusis, que foran a causa do seu desterro. Pisandro preguntoulles se tiñan algunha esperanza de salvar á cidade cando os peloponesos tiñan prestas ao combate un número de naves non inferior ao seu e contaban con máis cidades aliadas e contaban co apoio económico de Tisafernes e o rei persa. O pobo abrigou a esperanza dunha reforma ulterior da constitución e a ekklesía decretou que partise unha delegación formada por Pisandro e outros dez cidadáns (seguramente un por tribo, de acordo co costume) para negociar con Tisafernes e Alcibíades. O pobo relevou do seu cargo a Frínico e ao seu colega Escirónides, e enviou no seu lugar como estrategos ao mando da frota a Diomedonte e a León[55].

Nese momento, o plan de Alcibíades tropezou cun grande obstáculo. Tisafernes non chegaría a un acordo neses termos, preferindo seguir a súa política de neutralidade[56]. Como Kagan apunta, Tisafernes era un xefe prudente e recoñecera as vantaxes de desgastar a cada bando sen a participación persa directa[57]. Alcibíades deuse conta disto, pero como non quería que os atenienses cresen que era incapaz de persuadir ao persa, presentoulles unhas durísimas esixencias deste a cambio do seu apoio (como que se lle cedese Xonia e outras illas e territorios e o dereito do rei persa de construír naves e de navegar ao longo das costas do territorio do Exeo do propio rei) de forma que puidese argumentar que el o convenceu pero eran os atenienses os que non quixeran ceder. Finalizou a terceira reunión na corte persa coa cesión dos atenienses a gran parte das pretensións, e a ruptura das negociacións. Aínda que os enviados estaban moi enfadados coas esixencias persas, tamén consideraban que Alcibíades os enganara, e que podería ter logrado o acordo de querelo realmente[58]. Este fracaso puxo fin ás negociacións entre os conspiradores e Alcibíades. Como este non lograra cumprir a súa parte do acordo sen a esixencia de concesións exorbitantes por parte de Atenas, abandonaron os seus plans de restauralo en Atenas.

Restitución como xeneral ateniense[editar | editar a fonte]

Véxase Golpe de estado ateniense do 411 a.C..

A pesar do fracaso das negociacións, os conspiradores conseguiron derrocar a democracia e impor o goberno oligárquico dos Catrocentos. En Samos, mentres tanto, aqueles samios que se sublevaron contra os aristócratas e que formaron o partido popular, cambiaron de orientación e, persuadidos por Pisandro e polos conxurados atenienses que estaban en Samos, organizaron unha conspiración dunhas trescentas persoas, matando a Hipérbolo, en colaboración con Carmino, un dos estrategos, dando así unha proba de lealdade. Con todo, os samios da maioría popular denunciaron o que se estaba preparando aos estrategos atenienses León e Diomedonte, así como tamén ao trierarca Trasíbulo e ao hoplita Trasilo. Coa axuda destes homes e os soldados atenienses en xeral, os demócratas de Samos puideron derrotar aos Trescentos oligarcas samios, dando morte a uns trinta dos Trescentos e condenando ao desterro aos tres responsábeis principais, sen tomar represalias contra os demais[59]. As tropas atenienses en Samos reuníronse nunha asemblea política, derrocaron aos seus xenerais, e elixiron uns novos, incluíndo a Trasíbulo e a Trasilo. O exército, alegando que non se rebelou contra a cidade senón que fora a cidade a que se rebelou contra el, decidiu porse de parte da democracia mentres proseguía a guerra contra Esparta[60].

Un tempo despois, Trasíbulo convenceu aos soldados no curso dunha asemblea de que votasen a repatriación e a impunidade de Alcibíades, unha política que apoiara desde antes do golpe de estado. Daquela navegou para atoparse con Tisafernes e trouxo a Alcibíades a Samos, convencido de que a única posibilidade de salvar a Atenas era que Tisafernes se pasase ao seu bando, e crendo que Alcibíades tiña grande influencia sobre Tisafernes[61]. Plutarco afirma que o exército pediu o envío de Alcibíades para usar a súa axuda para depor aos tiranos en Atenas[62]. Pola súa banda, Kagan argumenta que esta restitución foi unha decepción para Alcibíades, que estivera esperando un glorioso regreso á cidade de Atenas, pero atopouse con que unicamente fora restaurado no mando da frota rebelde, onde lle foi concedida a inmunidade "protexéndoo polo momento, pero sen garantías para o futuro"; ademais, a restitución, que Alcibíades esperara obter grazas ao seu propio prestixio e influencia, conseguiuna, en realidade, a través do patrocinio de Trasíbulo[63].

No seu primeiro discurso aos soldados reunidos, Alcibíades queixouse amargamente sobre as circunstancias do seu exilio, pero a maior parte do discurso consistiu en se xactar da súa influencia sobre Tisafernes. Os motivos principais do seu discurso foron atemorizar aos oligarcas de Atenas e incrementar o seu crédito no exército de Samos. Ao escoitar o seu discurso, as tropas elixírono xeneral inmediatamente, xunto a Trasíbulo e outros[64]. De feito, exaltounos tanto que propuxeron partir deseguido rumbo ao Pireo e atacar aos oligarcas de Atenas[64]. Foron principalmente Alcibíades e Trasíbulo quen acougaron ao pobo e lles mostraron a tolemia desta proposta, que provocaría a guerra civil e tería conducido á derrota de Atenas[62]. Pouco despois da restitución de Alcibíades como xeneral ateniense, o goberno dos Catrocentos foi derrocado e substituído por unha oligarquía máis ampla, que cedería o paso de novo á democracia[65].

Ao pouco tempo, Alcibíades navegou para negociar con Tisafernes cun destacamento de naves. Segundo Plutarco, o suposto propósito desta misión foi deter á frota persa que acudía a axudar aos peloponesos[62]. Tucídides está de acordo con Plutarco en que a frota persa estaba en Aspendo e que Alcibíades dixo ás tropas que conseguiría traer á frota e que cambiase de bando ou que lograría impedir a súa chegada; pero Tucídides especula que a razón real foi facer alarde da súa nova posición con Tisafernes e tratar de gañar algunha influencia real sobre el[64]. Segundo o historiador, Alcibíades sabía desde había tempo a intención de Tisafernes de non traer as naves, e quería desacreditalo o máis posíbel aos ollos dos espartanos, pola amizade que mantiña con el e cos atenienses, e obrigalo a unirse ao seu lado[66].

Batallas de Abidos e Cícico[editar | editar a fonte]

Para máis detalles sobre este tema, véxase Batalla de Abidos e Batalla de Cícico.
A estratexia ateniense en Cícico. Esquerda: o engado de Alcibíades (azul) atrae á forza espartana (negro) mar dentro. Dereita: Trasíbulo e Terámenes levan os seus escuadróns detrás dos espartanos para cortar a súa retirada cara a Cícico, mentres Alcibíades vira para enfrontarse á forza perseguidora.

Alcibíades foi restituído polo "réxime intermedio" dos Cinco Mil, o goberno que sucedeu ao dos Catrocentos en 411 a.C., pero é máis probábel que esperase, en realidade, até 407 a.C., para regresar á cidade[67]. Plutarco dinos que, aínda que a súa restitución xa fora aprobada na moción de Critias, un aliado político seu, Alcibíades decidiu volver con honras[68]. Doutra banda, aínda que este era indubidabelmente o seu obxectivo, era de novo simplemente un medio para conseguir un fin: evitar o xuízo ao seu regreso a Atenas.

O seguinte rol importante que levaría a cabo na guerra ocorrería na batalla de Abidos. Alcibíades quedou atrasado en Samos cunha pequena forza, mentres Trasíbulo e Trasilo conduciron a maior parte da frota ao Helesponto. Durante este período, Alcibíades conseguiu recadar diñeiro de Caria e a zona veciña, co cal podía pagar aos remeiros e lograr o seu favor.[69] Despois da vitoria ateniense en Cinosema, ambas as frotas convocaron aos seus barcos dos arredores do Exeo e reuníronse para o que podería ser unha próxima batalla decisiva.

Mentres Alcibíades aínda estaba de camiño, as dúas frotas chocaron en Abidos, onde os peloponesos estableceran a súa principal base naval. A batalla estivo igualada e desencadeouse con furia moito tempo, pero a balanza inclinouse cara aos atenienses cando Alcibíades arremeteu no Helesponto con 18 trirremes.[68][70] O sátrapa persa Farnabazo, que substituíra a Tisafernes como patrocinador da frota peloponesa, desprazara o seu exército de terra á beira para defender as embarcacións e os mariñeiros que vararan os seus barcos. Soamente a axuda do exército persa e o navegar de noite salvou á frota peloponesa da completa destrución.[71]

Pouco despois da batalla, Tisafernes chegara ao Helesponto e Alcibíades deixou a frota en Sestos para reunirse con el, levándolle agasallos e esperando unha vez máis tentar gañarse ao gobernador persa. Evidentemente Alcibíades xulgara mal o seu prestixio co sátrapa, e foi arrestado á súa chegada.[68] Ao cabo dun mes liberaríase e retomaría o mando.[72] Agora era obvio, con todo, que non tiña ningunha influencia cos persas, polo que desde agora a súa autoridade dependería do que en realidade puidese lograr en lugar do que prometese facer.[73]

Despois dunha pausa de varios meses na que os peloponesos construíron novas embarcacións e os atenienses cercaron cidades e recadaron diñeiro en todo o Exeo, a seguinte batalla naval tivo lugar na primavera de 410 a. C. en Cícico. Alcibíades fora obrigado a navegar desde Sestos a Cardia para protexer a súa pequena frota da reconstruída armada peloponesa, pero tan pronto como se reuniu alí a frota ateniense completa, os seus comandantes levárono a Cícico, onde os atenienses localizaron que Farnabazo e Míndaro, o comandante da frota peloponesa, estaban a tramar o seu próximo movemento xuntos. Oculta pola tormenta e a escuridade, a forza ateniense combinada chegou ás inmediacións sen ser descuberta polos peloponesos.[72] Nese momento os atenienses idearon un complot para sacar ao inimigo á batalla. Segundo Diodoro de Sicilia, Alcibíades avanzou cunha pequena escuadra para sacar aos espartanos da batalla, e, despois de enganar a Míndaro con este truco, as escuadras de Trasíbulo e Terámenes chegaron para reunirse con el, cortando a retirada espartana.[74]

A frota espartana sufriu graves perdas na fuxida, e chegou á beira cos atenienses pisándolles os talóns. As tropas de Alcibíades, conducindo a persecución ateniense, atracaron e tentaron levar as embarcacións espartanas mar dentro. Os peloponesos loitaron para impedir que os seus barcos fosen remolcados, e as tropas de Farnabazo acudiron na súa axuda.[75] Trasíbulo desembarcou a súa propia forza para aliviar temporalmente a presión sobre Alcibíades, e mentres tanto ordenou a Terámenes que se unise ás forzas de terra atenienses próximas e que as trouxese para reforzar aos mariñeiros e ao exército naval na praia. Os espartanos e os persas, atafegados pola chegada de múltiples forzas desde varias direccións, foron derrotados e escorrentados, e os atenienses capturaron todas os barcos espartanos que non foron destruídos.[74][76] Unha carta enviada a Esparta por Hipócrates, vicealmirante baixo Míndaro, foi interceptada e levada a Atenas; dicía o que segue: "Os barcos están perdidos. Míndaro morreu. Os homes están famentos. Non sabemos que facer".[75] Pouco tempo despois, Esparta fixo unha petición de paz, pero os seus termos foron rexeitados polos atenienses.[77]

Éxitos militares adicionais[editar | editar a fonte]

Imaxe de satélite do Quersoneso Tracio (a actual península de Galípoli) e área circundante. Alcibíades viaxou ao Quersoneso en 408 a. C. e atacou a cidade de Selimbria na beira norte da Propóntide.

Despois da súa vitoria, Alcibíades e Trasilo empezaron o asedio de Calcedón en 409 a. C. cunhas 190 naves.[78] Aínda que incapaz de conseguir unha vitoria decisiva ou inducir a que a cidade se rendese, Alcibíades foi capaz de gañar unha pequena batalla táctica terrestre fóra das portas da cidade e Terámenes concluíu un acordo cos calcedonios.[79] Máis tarde concluíron unha alianza temporal con Farnabazo, que asegurou algo do moito diñeiro necesitado de forma urxente polo exército, pero a pesar disto Alcibíades viuse obrigado a partir en procura de máis botín para pagar aos soldados e remeiros da frota.

En busca destes fondos viaxou ao Quersoneso Tracio e atacou Selimbria. Conspirou cun partido proateniense dentro da cidade e ofreceu aos selimbrios termos razoables á vez que impuxo unha estrita disciplina para que visen que estaban baixo vixilancia. Non causou dano algún á cidade, senón que simplemente tomou unha cantidade de diñeiro dela, puxo unha gornición dentro e partiu.[80] Unha evidencia epigráfica indica que os selimbrios entregaron reféns ata que o tratado fose ratificado en Atenas.[2] A súa acción é xulgada como hábil polos historiadores, debido a que aforrou tempo, recursos, e vidas e aínda así conseguiu completamente o seu obxectivo.[2][73]

Desde aquí Alcibíades uniuse ao sitio de Bizancio ao mesmo tempo que Terámenes e Trasilo. Unha parte dos cidadáns da cidade, desmoralizada e famenta, decidiu entregar a cidade a Alcibíades en termos similares aos que os selimbrios recibiran. Ao aceptar, pola noite os defensores deixaron os seus postos e os atenienses atacaron a gornición peloponesa da cidade e aos barcos do porto. A parte de cidadáns que se mantivo leal aos peloponesos pelexaron tan salvaxemente que Alcibíades fixo pública unha declaración en metade da loita na que garantía a súa seguridade, co que logrou persuadir ao resto de cidadáns de unirse aos atenienses contra a gornición peloponesa, que foi case totalmente destruída.[81]

Regreso a Atenas, destitución e morte[editar | editar a fonte]

Regreso a Atenas[editar | editar a fonte]

Foi no período subseguinte a estes éxitos que Alcibíades resolveu ao final regresar a Atenas na primavera de 407 a. C. Como consecuencia das súas vitorias recentes, Alcibíades foi extremadamente coidadoso no seu regreso, consciente dos cambios no goberno, os cargos que aínda o preocupaban aínda, e o gran prexuízo que causara a Atenas. Por tanto, Alcibíades, en lugar de ir directo a casa, foi a Samos primeiro para recoller 20 naves e continuou con elas até o golfo Cerámico onde recadou 100 talentos. Navegou finalmente até Gitión para facer investigacións, en parte sobre os preparativos dos espartanos alí, e en parte sobre os sentimentos en Atenas sobre o seu regreso.[82] As súas investigacións aseguráronlle que a cidade estaba disposta a reconciliarse con el e que os seus amigos íntimos urxíanlle a que regresase.[83]

Por tanto, finalmente navegou até o Pireo onde a multitude reuniuse desexando ver ao famoso Alcibíades.[84] Entrou no porto cheo de medo, ata que viu ao seu primo e outros dos seus amigos e coñecidos, que o convidaron a que atracase.[85] Ao chegar a terra foi recibido cunha benvida triunfal.[85] Con todo, algúns viron un mal presaxio no feito de que regresara a Atenas cando se estaba en plena celebración da cerimonia dos Plinterias (a festa onde a antiga estatua de Atenea se limpaba). Este era considerado como o día máis desafortunado do ano para emprender algo de importancia, e os seus inimigos tomaron nota disto e tivérono presente para unha futura ocasión.[86][87]

Todos os procesos penais contra el foron cancelados e os cargos de blasfemia foron oficialmente retirados. Alcibíades foi capaz de facer valer a súa piedade e aumentar a moral ateniense dirixindo a procesión solemne a Eleusis (para a celebración dos misterios de Eleusis) por terra por primeira vez desde que os espartanos ocuparan Decelia.[88] Durante os anos anteriores a procesión fora substituída por unha viaxe por mar, pero ese ano Alcibíades utilizou un destacamento de soldados para escoltar a procesión tradicional.[89] Os seus bens fóronlle devoltos e a ekklesía elixiuno xeneral (estratego) con poderes exclusivos en terra e mar.[90]

Derrota de Notio[editar | editar a fonte]

En 406 a. C. Alcibíades saíu de Atenas con 1.500 hoplitas e 100 barcos. Fracasou ao tomar Andros e logo foi a Samos. Despois trasladouse a Notio, para vixiar máis de preto á frota inimiga estacionada en Éfeso.[91] Mentres tanto Tisafernes fora substituído por Ciro (un parente de Darío II de Persia) quen decidiu axudar aos peloponesos economicamente. Estes novos ingresos empezaron a atraer a desertores dos atenienses cara á mariña espartana. Ademais, os espartanos substituíran a Míndaro por Lisandro, un almirante moi capaz. Estes factores permitiron o rápido crecemento da frota peloponesa a expensas da ateniense. En busca de fondos e necesitando forzar outra batalla decisiva, Alcibíades deixou Notio e navegou para axudar a Trasíbulo no asedio de Focea.[92] Alcibíades era consciente de que a frota espartana estaba preto, así que deixou case oitenta barcos para vixialos baixo o mando do seu temoneiro persoal, Antíoco, a quen dera ordes expresas de non atacar. Antíoco desobedeceu ao seu xeneral e esforzouse por involucrar a Lisandro nunha batalla imitando as tácticas usadas en Cícico. A situación en Notio, con todo, era radicalmente diferente á de Cícico; os atenienses non posuían o elemento sorpresa, e Lisandro estivera ben informado das características da frota inimiga a través dos desertores.[93] Tras un súbito ataque espartano, o trirreme de Antíoco foi afundido e Antíoco mesmo morreu; o resto de barcos de reclamo foron perseguidos precipitadamente mentres regresaban a Notio, onde a forza ateniense principal foi colleita desprevida pola chegada repentina de toda a frota espartana. Na loita que tivo lugar a continuación, Lisandro obtivo unha vitoria total. Alcibíades regresou e tentou desesperadamente contrarrestar a derrota de Notio anotándose outra vitoria, pero Lisandro non podía ser obrigado a atacar a frota outra vez.[94]

Ao final, a responsabilidade da derrota recaeu sobre Alcibíades e os seus inimigos aproveitaron a oportunidade para atacalo e desposuílo do mando, aínda que algúns eruditos modernos cren que Alcibíades foi inxustamente culpado polo erro de Antíoco.[95] Diodoro comenta isto: «Ademais do seu erro en Notio, Alcibíades foi licenciado polas falsas acusacións interpostas contra el polos seus inimigos».[96] Segundo Antony Andrewes, catedrático de historia antiga, as esaxeradas esperanzas producidas polos seus éxitos do verán previo crearan un elemento decisivo para a súa caída.[91][97] Por conseguinte, Alcibíades condenouse ao exilio.[74] Nunca máis regresou a Atenas, navegou ao norte, ás súas posesións nos castelos do Quersoneso tracio, que asegurara durante a súa estancia no Helesponto. As implicacións da derrota eran graves para Atenas. Aínda que a derrota fora menor, ocasionou o retiro non só de Alcibíades senón tamén dos seus aliados como Trasíbulo, Terámenes e Critias. Estes eran probablemente os comandantes máis capaces que Atenas tiña nesa época e a súa retirada axudaría á rendición ateniense soamente dous anos despois da súa completa derrota en Egospótamos.[90][98]

Morte[editar | editar a fonte]

Michele de Napoli (1808-1892): Morte dei Alcibiade (c. 1839). Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles.

Nos acontecementos previos á batalla de Egospótamos, aínda que Alcibíades xa non estaba ao mando, no último feito testemuñado da súa carreira, tentou, inutilmente, advertir aos estrategos atenienses do desastre que se aveciñaba: a frota estaba estacionada nunha praia, nun sitio estratexicamente desvantaxoso e lonxe de calquera cidade onde atopar provisións.[99][100] Aconselloulles, xa que se aprovisionaban en Sestos, que trasladasen alí a frota, onde ademais dispuñan dun porto.[101] Diodoro, con todo, non menciona este consello, argüindo que Alcibíades ofreceu axuda aos xenerais a cambio dunha parte do mando. En calquera caso, os xenerais atenienses «pensando que en caso de derrota poderían ser considerados culpables e que en caso de vitoria podería serlle atribuída a Alcibíades», mandáronlle marchar.[101][102] Días despois a frota sería aniquilada por Lisandro.

Despois da batalla de Egospótamos, Alcibíades cruzou o Helesponto e refuxiouse en Frixia, co obxecto de conseguir a axuda de Artaxerxes II contra Esparta. Pero os espartanos induciron a Farnabazo a que o deixase apartado. Segundo Plutarco, Lisandro enviou a un representante a Farnabazo para que enviase ao seu irmán a Frixia onde Alcibíades estaba a vivir coa súa amante, Timandra.[103] En 404 a. C., cando estaba a piques de saír cara á corte persa, a súa residencia foi rodeada e incendiada. Vendo que non tiña ningunha oportunidade de escapar lanzouse precipitadamente sobre os seus asasinos, daga en man, e morreu cribado por unha choiva de frechas.[104]

Segundo Cornelio Nepote, Timandra «cubriu o corpo de Alcibíades co seu propio vestido e incinerouno morto, coas mesmas chamas do incendio da casa».[105]

Segundo outras fontes nin Lisandro nin Farnabazo foron culpables da morte de Alcibíades senón el mesmo, pois seduciu a unha moza, cuxos irados irmáns incendiaron a casa de Alcibíades, e matárono cos seus arcos cando tentaba escapar do lume.

Valoracións[editar | editar a fonte]

Carreira política[editar | editar a fonte]

Na Grecia antiga Alcibíades era unha figura polarizada. Tucídides reprende ao estadista ateniense pola súa conduta política e os seus motivos. Segundo o historiador, Alcibíades, ao ser "sumamente ambicioso", propuxo a expedición a Sicilia para "obter riqueza e reputación por medio dos seus éxitos".[106] Alcibíades é considerado responsable por Tucídides da destrución de Atenas, debido a que "os seus hábitos ofenderon a todo o mundo e causaron que entregasen os asuntos a outras mans, e así non tardou moito en arruinar a cidade".[106] Plutarco considérao como "o menos escrupuloso e máis imprudente dos seres humanos".[107] Doutra banda, Diodoro argumenta que era "de pensamentos brillantes e decidido a grandes empresas".[108] Sharon Press da Brown University sinala que Xenofonte recalca os servizos de Alcibíades ao estado, en lugar do dano que causou.[109][110] Demóstenes defende os logros de Alcibíades, dicindo que tomara as armas pola democracia, manifestando o seu patriotismo, non mediante obsequios ou diñeiro ou mediante discursos, senón polo servizo persoal.[111] Para Demóstenes e outros oradores, Alcibíades personificou a figura do grande home dos gloriosos días da democracia ateniense e converteuse nun símbolo retórico.[112] Un dos discursos de Isócrates', pronunciado sobre o fillo de Alcibíades, argumenta que o estadista merecía a gratitude dos atenienses polo servizo que lles outorgou Lisias, por outra banda, argumentou nun dos seus discursos que os atenienses debían mirar a Alcibíades como un inimigo porque a tenor xeral da súa vida, "paga con inxurias a axuda dos seus amigos".[113][114][115]

Na Constitución dos atenienses, Aristóteles non inclúe a Alcibíades na lista dos mellores políticos atenienses, pero en Analítica Posterior argumenta que as características dun home orgulloso como Alcibíades son ecuanimidade ante os avatares do destino e intolerancia ante a deshonra.[116][117] Alcibíades provocou temor nos seus contemporáneos en canto á seguridade de orde política.[118] Por tanto, Andócides dixo del que "non ten por conveniente compasarse el mesmo a cumprir coas leis da cidade, senón que o fagades vós á súa propia conduta".[119] A principal descrición do home de estado ateniense dáa Cornelio Nepote na súa obra Vidas, di que Alcibíades "superou a todos os atenienses en nobreza e dignidade de vida".[120]

Incluso hoxe Alcibíades divide aos estudosos. Para Malcolm McGregor, o antigo xefe do departamento de clásicas na Universidade da Columbia Británica, Alcibíades eran bastante máis un xogador perspicaz que un simple oportunista.[121] Evangelos P. Fotiadis, un prominente filólogo grego, afirma que Alcibíades eran "un diplomático de primeira clase" e tiña "enorme habilidade". Con todo a súa forza espiritual non estaba equilibrada coa súa magnífica mente e tivo a mala sorte de levar a un pobo susceptible á demagoxia.[5] K. Paparrigopoulos, o principal historiador grego moderno, subliña as súas "virtudes espirituais" e compárao con Temístocles, pero afirma que todos eses dons crearon un "traidor, un home audaz e impío".[122] Walter Ellis cre que as súas accións foron escandalosas, pero foron levadas a cabo con brillantez.[123] Pola súa banda, David Gribble afirma que as accións de Alcibíades en contra da súa cidade foron incomprendidas e cre que a "tensión que levou a Alcibíades a romper coa cidade estaba entre o puramente persoal e os principios cívicos".[124][125] Russell Meiggs, un antigo historiador británico, afirma que o estadista ateniense carecía completamente de escrúpulos a pesar do seu grande encanto e brillantes habilidades.[42] Segundo Meiggs, as súas accións foron ditadas por motivos egoístas e a súa inimizade, de feito, con Cleón de Atenas e os seus sucesores socavou Atenas. O mesmo erudito subliña o feito de que "o seu exemplo de axitada e indisciplinada ambición reforzou o cargo incoado contra Sócrates".[42] Incluso os máis críticos, Athanasios G. Platias e Constantinos Koliopoulos, catedráticos de estudos estratéxicos e política internacional, declaran que os propios argumentos de Alcibíades "deben ser suficientes para eliminar a noción de que Alcibíades era un gran estadista, como algunhas persoas aínda creen".[126]

Logros militares[editar | editar a fonte]

Pietro Testa (1611-1650): Alcibíades bébedo interrompendo o banquete (1648)

A pesar dos seus comentarios críticos, Tucídides admite nunha breve digresión que "publicamente a súa condución da guerra era tan boa como podería desexarse".[106] Diodoro e Demóstenes considérano un gran xeneral.[108][111] Segundo Fotiadis, Alcibíades era un xeneral invencible e, onde queira que fóra, a vitoria seguíalle.[5] Fotiadis cre que se dirixise o exército en Sicilia, os atenienses evitarían o desastre e, se os seus compatriotas seguisen o seu consello en Egospótamos, Lisandro perdería e Atenas gobernaría Grecia.[5] Por outra banda, Paparrigopoulos cre que a expedición siciliana, incitada por Alcibíades, foi un erro estratéxico.[122] De acordo con Paparrigopoulos, Platias e Koliopoulos subliñan o feito de que a expedición siciliana foi unha metedura de pata estratéxica de primeira magnitude, resultante dunha actitude "frívola e unha incrible subestimación do inimigo".[23] Pola súa banda, Angelos Vlachos, un académico grego, subliña o constante interese de Atenas por Sicilia como a orixe da guerra. Segundo Vlachos a expedición non tivo nada de extravagante ou aventurado e constituía unha decisión estratéxica sensata sobre a base das aspiracións atenienses tradicionais.[127] Vlachos afirma que Alcibíades xa concibira un plan máis amplo: conquistar o Occidente enteiro. El pensaba conquistar Cartago e Libia, logo atacar Italia e, despois de gañar estes, facerse con Italia e o Peloponeso.[128][129] A decisión inicial da ekklesía proporcionou unha razoable forza militar, que máis tarde foi irrazoable e custosa polas esixencias de Nicias.[128] Kagan critica a Alcibíades por non deixar de recoñecer que o gran tamaño da expedición ateniense minou o esquema diplomático sobre o que a súa estratexia se baseaba.[130]

Kagan cre que mentres Alcibíades era un comandante de habilidade considerable, non era ningún xenio militar, e a súa confianza e ambicións foron máis aló da súa destreza.[130] Foi capaz de importantes erros e erros de cálculo serios. Kagan argumenta que en Notio, Alcibíades cometeu un grave erro ao deixar a frota en mans dun oficial inexperto, e que a maioría do mérito de parte da brillante vitoria en Cícico debe ser asignado a Trasíbulo.[130] Neste xuízo, Kagan coincide con Cornelio Nepote, que dixo que a opinión extravagante das habilidades de Alcibíades e o valor eran a súa principal desgraza.[131]

Félix Auvray (1830-1833): Alcibíades coas cortesás (1833), Museo de Belas Artes de Valenciennes

Press argumenta que "aínda que Alcibíades poida ser considerado un bo xeneral pola súa actuación no Helesponto, non debería selo sobre a base da súa actuación en Sicilia", pero "as virtudes de Alcibíades como xeneral superan os seus defectos".[109] Os catedráticos David McCann e Barry Strauss tentan unha comparación entre Alcibíades e Douglas MacArthur, sinalando que "ámbolos dous homes destacaron como xefes militares aos que unha aura de misterio envolveu".[132]

Habilidade oratoria[editar | editar a fonte]

Plutarco afirma que "Alcibíades era un hábil orador ademais dos seus outros talentos" mentres que Teofrasto argumenta que Alcibíades era o máis capacitado para descubrir e comprender o que se requiría nun caso dado. Con todo, adoitaba tropezar na metade do seu discurso, pero logo renovábao e proseguía.[133] Incluso o ceceo que tiña, que foi apuntado por Aristófanes, fixo a súa conversación persuasiva e chea de encanto.[134][135] Eupolis di que foi "príncipe dos faladores, pero moi incapaz na oratoria"; do que se di que é máis elocuente nos seus discursos privados que orando ante a ekklesía.[18][122] Pola súa banda, Demóstenes subliña o feito de que Alcibíades fose considerado como "o máis hábil orador do día".[111] Paparrigopoulos non acepta a opinión de Demóstenes, pero recoñece que o estadista ateniense podía apoiar o seu caso suficientemente.[122] Kagan recoñece o seu poder retórico, mentres que Thomas Habinek, catedrático de Clásicas na University of Southern California, cre que o orador Alcibíades parecía ser o que a súa audiencia necesitaba en calquera ocasión.[136][137] Segundo Habinek, no campo da oratoria, o pobo respondeu ó agarimo de Alcibíades co seu propio agarimo. Por tanto, o orador era "a personificación da cidade falando con, e namorada de, si mesma".[137] Segundo Aristófanes Atenas anhélao, e ódiao".[138]

Cronoloxía da vida de Alcibíades (450 a. C.–404 a. C.)

Alusións na comedia, filosofía e literatura[editar | editar a fonte]

Para máis detalles sobre este tema, ver Alcibíades (personaxe de ficción)

Alcibíades non foi perdoado pola comedia antiga e os argumentos testemuñan un enfrontamento épico entre Alcibíades e Eupolis, moi similar ao de Aristófanes e Cleón.[112] Aparece como personaxe de ficción en varios diálogos socráticos (O Banquete, Protágoras). Platón presenta a Alcibíades como o alumno máis brillante de Sócrates, aínda que será, co correr dos tempos, a ruína de Atenas.[139] No xuízo ao que é sometido, Sócrates debe refutar o intento de culpalo polos crimes dos seus ex discípulos, incluíndo a Alcibíades.[140] Por iso, declara na "Apoloxía": "Nunca fun o profesor de ninguén".[141]

Trala súa morte, Alcibíades goza dunha presenza relevante na arte, aparecendo en obras medievais e renacentistas, así como en importantes textos da literatura moderna.[142] Continúa fascinando ao mundo contemporáneo, en particular como personaxe principal de novelas históricas: por exemplo, as de Anna Bowman Dodd, Gertrude Atherton, Rosemary Sutcliff, Daniel Chavarría, Steven Pressfield e Peter Green.[143] É o personaxe central na novela Viaxe a través do tempo de Paul Levinson, The Plot To Save Socrates, no Socrate de Erik Satie, composición para voz e pequena orquestra (o texto componse de pasaxes de Victor Cousin sobre as obras de Platón), e na novela curta The Gods Abandon Alcibiades de Joel Richards, nomeada ao Premio Nébula.[144]

A frase "O can de Alcibíades" fai referencia a unha estratexia de distracción para desviar a atención do público. Isto é debido a unha anécdota segundo a cal Alcibíades cortou o rabo ao seu can en público e cando lle preguntaron o porqué de tan absurdo comportamento contestou que, mentres falaban do seu can, non falaban das arbitrariedades e corrupcións do seu goberno.[145]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 A. Vlachos, Thucydides' Bias, p. 59 e ss.
  2. 2,0 2,1 2,2 P. B. Kern, Ancient Siege Warfare, p. 151
  3. Platón, Alcibiades 1, "Plato, Alcibiades 1,121a". Proxecto Perseus (en inglés). Consultado o 23 de outubro de 2007. 
  4. C.A. Cox, Houshold Interests, p. 144
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "Alcibiades". Encyclopaedic Dictionary The Helios. 1952. 
  6. N. Denyer, Commentary of Plato's Alcibiades, pp. 88-89
  7. Platón. "Plato, Symposium". O banquete, 220d-220e (en inglés). Consultado o 23 de outubro de 2007. 
  8. I. Sykoutris, Introduction to Symposium, pp. 159-180
  9. Platón. "Plato, Symposium, 215b". O banquete (en inglés). Consultado o 23 de outubro de 2007. 
  10. Plutarco. "Alcibíades, 6" (en inglés). Consultado o 23 de outubro de 2007. 
  11. Plutarco. "Alcibíades, 8" (en inglés). Consultado o 23 de outubro de 2007. 
  12. A.W. Gomme, A Historical Commentary on Thucydides, p. 339
  13. 13,0 13,1 R. Sealey, A History of the Greek City States, p. 353
  14. 14,0 14,1 14,2 Plutarco. "Alcibíades, 14" (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2017. 
  15. Tucídides. "Thucídides, History of Peloponnesian War". Historia da Guerra do Peloponeso (en inglés). Consultado o 23 de outubro de 2007. 
  16. A.W. Gomme, A Historical Commentary on Thucydides, p. 70
  17. Plutarco. "Alcibíades, 15" (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2017. 
  18. 18,0 18,1 Plutarco. "Alcibíades, 13" (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2017. 
  19. Plutarco. "Alcibíades, 13" (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2017. 
  20. O masacre de Milo levada a cabo polos atenienses nárraa Tucídides.
  21. Andócides. "Contra Alcibíades, IV, 22" (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2017. 
  22. Gómez Espelosín, Javier (2001). Historia de Grecia Antigua. Akal. p. 196. ISBN 84-460-1428-9. 
  23. 23,0 23,1 Platias-Koliopoulos, Thucydides on Strategy, 237-246
  24. Kagan, The Peloponnesian War, 322
  25. Tucídides. "Libro VI, 8" (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2017. 
  26. Plutarco. "Alcibíades 20" (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2017. 
  27. 27,0 27,1 L. Strauss, The City and Man, 104
  28. Tucídides. "Libro VI, 26" (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2017. 
  29. 29,0 29,1 Plutarco, Alcibíades, 19
  30. Tucídides, VI, 29
  31. Tucídides. "Libro VI, 18" (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2017. 
  32. 32,0 32,1 Tucídides. "Libro VI, 18" (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2017. 
  33. Tucídides, VI, 61
  34. 34,0 34,1 Tucídides, VI, 53
  35. D. Kagan, The Peloponnesian War, 273
  36. Tucídides, VI, 74
  37. Plutarco, Alcibíades, 23
  38. 38,0 38,1 Tucídides, VI, 89-90
  39. 39,0 39,1 39,2 39,3 D. Kagan, The Peloponnesian War, 282-283
  40. Tucídides, VII, 18
  41. Plutarco, Alcibíades, 24 e Tucídides, VIII, 26
  42. 42,0 42,1 42,2 "Alcibiades". Encyclopaedia Britannica. 2002. 
  43. Plutarco, Lisandro, 22 e Agesilao, III
  44. P.J. Rhodes, A History of the Classical Greek World, 144
  45. 45,0 45,1 Tucídides, Historia da guerra do Peloponeso, 8.45
  46. 46,0 46,1 Tucídides, VIII, 46
  47. Tucídides, VIII, 47
  48. T. Buckley, Aspects of Greek History, 411
  49. Plutarco, Alcibíades, 25
  50. R. Sealey, A History of the Greek City States, 359
  51. Tucídides, VIII, 48
  52. Tucídides, VIII, 49
  53. Tucídides, VIII, 50
  54. Tucídides, VIII, 51
  55. Tucídides, A guerra do Peloponeso, 8.53
  56. D. Kagan, The Fall of the Athenian Empire, 136-138
  57. Kagan, The Peloponnesian War, 366
  58. Tucídides, A guerra do Peloponeso, 8.56
  59. Tucídides, VIII, 73
  60. Tucídides, VIII, 76
  61. Tucídides, VIII, 81
  62. 62,0 62,1 62,2 Plutarco, Alcibíades, 26
  63. Kagan, The Peloponnesian War, 389
  64. 64,0 64,1 64,2 Tucídides, VIII, 82
  65. Tucídides, VIII, 97
  66. Tucídides, VIII
  67. Cartwright-Warner, A Historical Commentary on Thucydides, 301
  68. 68,0 68,1 68,2 Plutarco, Alcibíades, 27
  69. Kagan, The Peloponnesian War, 406
  70. Xenofonte, Helénicas, 1.1.5
  71. Kagan, The Peloponnesian War, 408
  72. 72,0 72,1 Plutarco, Alcibíades, 28
  73. 73,0 73,1 Kagan, The Peloponnesian War, 410
  74. 74,0 74,1 74,2 Diodoro, XIII, 50-51
  75. 75,0 75,1 Xenofonte, Helénicas, 1.1.17-23
  76. Kagan, The Peloponnesian War, 410-413
  77. Diodoro, Biblioteca, 52-53
  78. Kagan, The Peloponnesian War, 429
  79. Diodoro, Biblioteca, XIII, 66.3
  80. Plutarco, Alcibíades, 30
  81. Diodoro, Biblioteca, XIII, 67.1
  82. Xenofonte, Helénicas, 1, 4, 8-12
  83. B. Due, The Return of Alcibiades, 39
  84. Xenofonte, Helénicas, 1, 4, 13
  85. 85,0 85,1 Plutarco, Alcibíades, 32
  86. Plutarco, Alcibíades, 34
  87. D Kagan, The Fall of the Athenian Empire, 290
  88. S. Price, Religions of the Ancient Greeks, 54
  89. Xenofonte, Helénicas, 1, 4, 18
  90. 90,0 90,1 Plutarco, Alcibíades, 33
  91. 91,0 91,1 A. Andrewes, The Spartan Resurgence, 490
  92. Kagan, The Peloponnesian War, 443
  93. Kagan, The Peloponnesian War, 444
  94. Para a descrición admitida da batalla véxase Plutarco, Alcibíades, 35 ou as Helénicas de Oxirrinco, 4.
  95. G. Cawkell, Thucydides and the Peloponnesian War, 143
  96. Diodoro, Biblioteca, XIII, 74.4
  97. Antony Andrewes: 1910-1990.
  98. Kagan, The Peloponnesian War, 447
  99. B. Perrin, The Death of Alcibiades , 25-37
  100. Artículo de Bernadotte Perrin The Death of Alcibiades, Transactions and Proceedings of the American Philological Association, Vol. 37, 1906 (1906), pp. 25-37 doi:10.2307/282699, accesible en JSTOR Arquivado 12 de outubro de 2007 en Wayback Machine.
  101. 101,0 101,1 Xenofonte, Helénicas, 2.1.25
  102. Diodoro, Biblioteca, XIII, 105
  103. Segundo Plutarco Timandra era nai da hetera Lais, chamada Corintia.
  104. Plutarco, Alcibíades, 39
  105. Cornelio Nepote, Vidas, vii, 10, 6.
  106. 106,0 106,1 106,2 Tucídides, VI, 15
  107. Plutarco, Vidas paralelas Coriolano & Alcibíades, 6
  108. 108,0 108,1 Diodoro, Biblioteca, XIII, 68.5
  109. 109,0 109,1 S. Press, Was Alcibiades a Good General?
  110. Xenofonte, Helénicas, 1.4. 18
  111. 111,0 111,1 111,2 Demóstenes, Contra Midias, 144-145
  112. 112,0 112,1 D. Gribble, Alcibiades and Athens, 32-33
  113. Isócrates, Sobre o tronco de cabalos, 15 Concerning the Team of Horses
  114. Lisias, Contra Alcibíades 1, 1
  115. Lisias, Contra Alcibíades 2, 10
  116. Aristóteles, Constitución dos atenienses, 28
  117. Aristóteles, Analítica Posterior, ii, 13
  118. D. Gribble, Alcibiades and Athens, 41
  119. Andócides, Contra Alcibíades, 19
  120. Cornelio Nepote, Alcibíades, xi, 2
  121. M.F. McGregor, The Genius of Alkibiades, 27-50
  122. 122,0 122,1 122,2 122,3 Κ.
  123. W. Ellis, Alcibiades, 18
  124. Gribble, David, Alcibiades and Athens, New York, Oxford University Press, 1999, p. 55.
  125. Alcibiades and Athens: A Study in Literary Presentation, en books.google.com
  126. A.G. Platias e C. Koliopoulos, Thucydides on Strategy, 240
  127. A. Vlachos, Thucydides' Bias, 206
  128. 128,0 128,1 A. Vlachos, Thucydides' Bias, 202-203
  129. Plutarco, Alcibíades, 17
  130. 130,0 130,1 130,2 D. Kagan, The Fall of the Athenian Empire, 419-420
  131. Cornelio Nepote, Alcibíades, VII
  132. D. McCann-B. Strauss, War and Democracy, xxv
  133. Plutarco, Alcibíades, 10
  134. Aristófanes, As avespas, 44
  135. Plutarco, Alcibíades, 1
  136. D. Kagan, The Fall of the Athenian Empire, 178
  137. 137,0 137,1 T. Habinek, Ancient Rhetoric and Oratory, 23-24
  138. Aristófanes, As ras, 1425
  139. E. Corrigan, Plato's Dialectic at Play, 169
  140. G.A. Scott, Plato's Socrates as Educator, 19
  141. Platón, Apoloxía, 33a
  142. N. Endres, Alcibiades
  143. T.T.B. Ryder, Alcibiades, 32
  144. J. Richards, The Gods Abandon Alcibiades
  145. La Voz Digital, Distracciones

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Fontes primarias
Fontes secundarias

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]