Aethelberht de Kent

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aethelberht (tamén Æthelberht), nado cara ao 560 e finado o 24 de febreiro de 616, foi rei de Kent desde arredor do ano 558 ou 560 (a data máis temperá segundo Sprott, a última segundo William de Malmesbury) ata a súa morte. Beda, o monxe do séxulo VIII, na súa Historia Eclesiástica do pobo inglés, lista a Aethelberht como o terceiro rei en exercer o imperium sobre outros reinos anglosaxóns. A Crónica anglosaxoa de finais do século IX cualifícao de "bretwalda", ou "gobernante de Bretaña". Foi o primeiro rei inglés convertido ao cristianismo.

Aethelberht era fillo de Eormenric, e sucedeuno como rei, segundo a Crónica. Casou con Berta, a filla cristiá de Cariberto, rei dos francos, facendo así unha alianza co estado máis poderoso da Europa Occidental de entón; o matrimonio probablemente constituíuse antes de Aethelberht ascender ao trono. A influencia de Berta puido facer que o papa Gregorio I decidise enviar a Agostíño como misioneiro desde Roma. Agostiño desembarcou na Illa de Thanet, na parte oriental de Kent, en 597. Pouco despois, Aethelberht converteuse ao cristianismo, establecéronse igrexas, e comezou no reino unha conversión masiva. Aethelberht proporcionou terras en Canterbury á nova misión non só para o que sería coñecido como a Catedral de Canterbury senón tamén para o que finalmente sería a Abadía de Santo Agostiño (St. Augustin's Abbey).

A lei de Aethelberht para Kent, o código escrito máis antigo nunha lingua xermánica, instituía un complexo sistema de multas. Este pódese atopar no Textus Roffensis (c. 1120). Kent era rico, con fortes lazos comerciais co continente, e Aethelberht quizais instituira un control real sobre o comercio. Durante o seu reinado, por primeira vez despois da invasión anglosaxoa, as moedas empezaron a circular en Kent. Aethelberht foi canonizado polo seu papel no establecemento do cristianismo calcedónico entre os anglosaxóns, ao que adherían a súa muller e a súa filla. A súa festa na Igrexa Ortodoxa Oriental e na Igrexa Católica Romana orixinalmente era o 24 de febreiro, mais foi mudada ao 25.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

O estado da Inglaterra anglosaxoa cando Aethelberht ascendeu ao trono de Kent.

No século X, os ataques de pobos continentais a Gran Bretaña convertéronse en migración a grande escala. Sábese que os acabados de chegar incluían anglos, saxóns, xutos e frisios, e tamén hai evidencia doutros grupos. Estes grupos tomaron territorios no leste e no sur de Inglaterra, mais sobre o final do século V, unha vitoria británica na batalla de Monte Badon (Mons Badonicus) parou o avance anglosaxón durante cincuenta anos.[1][2] Con todo, a principios de 550, os británicos comezaron a perder territorios novamente, e en vinte e cinco anos pareceu que o control de case todo o sur de Inglaterra estaba nas mans dos invasores.[3]

Os anglosaxóns conquistaron Kent probablemente antes da batalla de Mons Badonicus. Existe evidencia tanto documental como arqueolóxica sobre a colonización de xutos vidos do sur da península de Xutlandia.[4] Segundo a lenda, os irmáns Hengist e Horsa chegaron en 449 como mercenarios dun rei británico, Vortigern. Despois dunha rebelión pola paga e a morte de Horsa en batalla, Hengist estableceu o reino de Kent.[5] Algúns historiadores hoxe cren que a historia subxacente dunha forza de mercenarios que se rebela sería máis exacta; a maioría hoxe data a fundación do reino de Kent a mediados do século V, máis de acordo coa lenda.[6] Esta data temperá, só unhas cantas décadas após a partida dos romanos, tamén suxire que a civilización romana podería perdurar nun goberno anglosaxón en Kent máis que noutras áreas.[7]

O ser un soberano era unha cuestión central na política anglosaxoa xa antes da época de Aethelberht; os reis eran descritos como soberanos xa no século IX. A invasión anglosaxoa podería implicar unha coordinación militar de diferentes grupos invasores, cun caudillo que tivera autoridade sobre moitos grupos diferentes; Ælle de Sussex podería ser tal caudillo.[8] Unha vez que os novos estados comezáronse a formar, empezaron os conflitos entre eles. O tributo dos subordinados podía levar á riqueza.[9] Un estado máis débil tamén podería pedir ou pagar pola protección dun veciño máis forte contra un terceiro estado belixerante.[10]

As fontes para coñecer este período da historia de Kent inclúen a Historia eclesiástica do pobo inglés, escrita por Beda, un monxe de Nortumbria, en 731. Beda interesouse principalmente na cristianización de Inglaterra. Como Aethelberht foi o primeiro rei anglosaxón convertido ao cristianismo, Beda proporciona información máis substancial sobre el que sobre calquera rei anterior. Un dos informantes de Beda foi Albino, abade do mosteiro de San Pedro e San Paulo (despois renomeado Santo Agostiño) en Canterbury. A Crónica anglosaxoa, unha colección de anais reunidos arredor de 890 no reino de Wessex, menciona varios acontecementos en Kent durante o reinado de Aethelberht.[11] Máis mencións de acontecementos en Kent aparecen na historia dos francos escrita por Gregorio de Tours, de finais do século XVI. Esta é a fonte conservada máis antiga entre as que mencionan un reino anglosaxón.[12] Algunhas cartas do Papa Gregorio o Grande tratan a misión de Santo Agostiño en Kent en 597; estas cartas tamén mencionan o estado de Kent e as súas relacións cos seus veciños. Outras fontes inclúen listas dos reis de Kent e estatutos máis antigos (sesións de terra de reis aos seus seguidores ou á igrexa). A pesar de que non fica ningún orixinal do reinado de Etelbero, hai copias máis tardías. Tamén existe un código legal do seu reinado.[11]

Liñaxe, ascenso ao trono, e cronoloxía[editar | editar a fonte]

Segundo Beda, Aethelberht descendía directamente de Hengist. Beda da a seguinte liñaxe: "Aethelberht era fillo de Irminric, fillo de Octa, e despois do seu avó Oeric, cuxo alcume era Oisc, os reis do pobo de Kent xeralmente coñecéronse como Oiscing. O pai de Oeric era Hengist."[13] Unha xenealoxía alternativa que se atopa na Historia Brittonum entre outras fontes, inverte a orde de Octa e Oisc na liñaxe.[4] O primeiro destes nomes que se pode localizar historicamente de xeito confiable é o do pai de Aethelberht, que hoxe normalmente se escribe Eormenric. A única referencia escrita de Eormenric está nas xenealoxías de Kent, mais Gregorio de Tours si menciona que o pai de Aethelberht era o rei de Kent, aínda que non dá ningunha data. O nome Eormenric proporciona pode establecer unha relación coa outra beira do Canal da Mancha; o elemento "Eormen" era raro nos nomes da aristocracia anglosaxoa, mais moito máis común entre os nobres francos.[14]

Tamén coñécese outro membro da familia de Aethelberht: a súa irmá, Ricole, rexistrada tanto por Beda como pola Crónica anglosaxoa como a nai de Sæberht, rei dos saxóns do leste.[5][15]

As datas do nacemento de Aethelberht e o seu ascenso ao trono de Kent son debatidos. Crese que Beda, a fonte máis antiga, toma os seus datos de Albino. Beda afirma que cando Aethelberht morreu en 616 reinaba había cincuenta e seis anos, datando o seu ascenso en 560. Beda tamén di que Aethelberht morreu vinte e un anos após o seu bautismo. Sábese que a misión de Agostiño chegou de Roma en 597, e segundo Beda, foi a que converteu a Aethelberht.[16] Por iso as datas de Beda son contraditorias. A Crónica anglosaxoa, unha fonte importante para datas antigas, é tan contraditoria coma Beda e tamén hai inconsistencias entre versións de diferentes manuscritos. Pondo xuntas as datas diferentes da Crónica para o nacemento, morte, e duración do reinado, parece que se cría que o reinado de Aethelberht trascorreu entre 560 e 616, ou entre 565 e 618, pero que as fontes confundiron as dúas tradicións.[17]

É posible que Aethelberht se convertira ao cristianismo antes da chegada de Agostiño. A muller de Aethelberht era cristiá e trouxera un bispo franco consigo para atendela na corte, entón Aethelberht tería coñecemento do cristianismo antes que a misión chegara a Kent. Tamén é posible que Beda tivera unha data errada da morte de Aethelberht; se, de feito, morreu en 618, isto sería consistente cun bautismo en 597, o cal concorda coa tradición de que Agostiño converteu o rei durante o primeiro ano desde a súa chegada.[17]

Gregorio de Tours, na súa Historia Francorum, escribe que Berta, filla de Cariberto, rei dos francos, casou co fillo do rei de Kent. Beda di que Aethelberht recibiu a Berta "dos seus pais". Se se interpreta literalmente a Beda, o matrimonio tivo que ter lugar antes de 567, cando Cariberto morreu. As tradicións sobre o reinado de Aethelberht, entón implicarían que o rei casou con Berta antes de 560 ou de 565.[16][17]

A gran duración do reinado de Aethelberht tamén foi vista con escepticismo polos historiadores; suxeriuse que morreu cando tiña cincuenta e seis anos de idade, e non cincuenta e seis anos de reinado. Isto sinalaría o ano do seu nacemento arredor de 560, e entón non poderíase casar ata mediados da década de 570. Segundo Gregorio de Tours, Cariberto era rei cando casou con Ingoberg, a nai de Berta, o cal indica que o matrimonio no puido ser antes de 561. Polo tanto é improbable que Berta casara moito antes de 580. Estas datas máis tardías para Berta e Aethelberht tamén solucionan outro posible problema: parece que a filla de Aethelberht, Æthelburh, sería filla de Berta, pero as datas máis antigas farían a Berta duns sesenta anos cando Æthelburh, de acordo coas datas probables, naceu.[17]

Gregorio, porén, tamén di crer que Ingoberg tiña setenta anos en 589; e isto faríaa ter uns corenta cando casou con Cariberto. Isto é posible, mais parece improbable, especialmente porque parece que Cariberto tiña certa preferencia por mulleres máis novas, sempre segundo o relato de Gregorio. Isto implicaría unha data de nacemento máis temperá para Berta. Doutra banda, Gregorio refírese ao Aethelberht da época do seu matrimonio con Berta simplemente como "un home de Kent", e na pasaxe 589 respecto a morte de Ingoberg, o cal foi escrito entre 590 e 591, refírese a Aethelberht como "o fillo do rei de Kent". Se isto non reflicta só a ignorancia de Gregorio sobre os asuntos de Kent, o cal parece improbable dado os lazos próximos entre Kent e o francos, entón o reinado de Aethelberht, como afirman algúns, non podería comezar antes de 589.[17][18]

Mentres todas as devanditas contradicións non se poidan reconciliar, a datas mais probables que se poden esbozar a partir das que se dispón, sinalan o ano do nacemento de Aethelberht arredor de 560 e, quizais, para o seu matrimonio con Berta, 580. O máis probable é que o seu reinado comezara en 589 ou 590.[17]

O reinado conxunto[editar | editar a fonte]

A historia posterior de Kent mostra evidencia clara dun sistema de reis conxuntos, co reino dividido nun Kent oriental e un Kent occidental, aínda que parece que xeralmente había un rei dominante. Esta evidencia é menos aclara respecto ao período anterior, mais hai estatutos antigos, que se saben falsificados, os cales, con todo, suxiren que Aethelberht gobernou como rei conxunto co seu fillo, Eadbald. Pode ser que Aethelberht fora rei de Kent oriental e Eadbald convertérase en rei de Kent occidental; na historia posterior de Kent, o rei oriental parece ser xeralmente o gobernante dominante. Xa fose que Eadbald se convertera ou non nun rei conxunto, non hai dúbida de que Aethelberht tivo autoridade sobre todo o reino.[19]

O máis probable é que a división en dous reinos date do século VI; o Kent oriental podería conquistar o occidental e preservar as institucións do reino como un sub-reino. Isto era un patrón común na Inglaterra anglosaxoa, cando os reinos máis poderosos absorbían os seus veciños máis débiles. Unha característica inusual do sistema de Kent era que só os fillos de reis parecerían ser aspirantes lexítimos ao trono, a pesar de que isto non eliminou todas as contendas sobre a sucesión.[19]

As cidades principais dos dous reinos foron Rochester, no Kent occidental, e Canterbury, no Kent oriental. Beda non sostén que Aethelberht tivera un pazo en Canterbury, mais refírese a Canterbury como "metrópole" de Aethelberht, e fica claro que era a súa sede.[19][20]

Relacións cos francos[editar | editar a fonte]

Escultura do rei Aethelberht, rei anglosaxón e santo, na Catedral de Canterbury, Inglaterra.

Hai moitas probas de relacións estreitas entre Kent e os francos. O matrimonio de Aethelberht e Berta certamente vinculou as dúas cortes, aínda que non como iguais: os francos considerarían a Aethelberht un rei menor. Non hai ningún rexistro de que Aethelberht aceptara xamais a un rei continental como o seu soberano e, polo tanto, os historiadores están divididos sobre a natureza certa da relación. As probas dunha soberanía explícita dos francos sobre Kent vén dunha carta escrita polo Papa Gregorio o Grande a Teoderico, rei de Orleáns, e Teudeberto, rei de Metz. A carta trata a misión de Agostiño en Kent de 597, e nela Gregorio di crer "que vos desexades que os vosos súbditos en cada aspecto se convertan a aquela fe na que vos, os seus reis e señores, vos sostedes". Pode ser que isto, máis que unha descrición da relación entre os reinos, fora un cumprimento papal. Tamén suxeríuse que Liudhard, o capelán de Berta, fora considerado un representante da igrexa franca en Kent, o que tamén se pode interpretar como proba de soberanía..[21][22]

Unha posible razón para que os francos se quixesen vincular coa corte de Kent é o rexistro de que un rei franco, Khilperico I a mediados do século VI conquistara un pobo coñecido como "eutións". Se, como parece probable polo nome, este pobo sería o remanente continental dos xutos que invadiran Kent, entón quizais o matrimonio fora un intento de unificación política para volver a vincular diferentes ramas do mesmo pobo.[21] Outra perspectiva sobre o matrimonio obtense se se considera que probablemente Aethelberht aínda non fora un soberano cando casou con Berta: quizais o apoio dos francos, conseguido a través do matrimonio, era funcional para que el accendese o trono.[22]

Independentemente da relación política entre Aethelberht e os francos, hai probas abundantes de fortes conexións entre as dúas beiras do Canal da Mancha. Había un comercio suntuario entre Kent e os francos, e os artefactos funerarios achados inclúen roupa, bebida e armas que reflicten a influencia cultural franca. Os enterramentos de Kent teñen unha variedade máis grande de bens importados que aqueles das rexións anglosaxoas veciñas. Isto non sorprende dado o maior acceso ao comercio. Ademais, os obxectos das tumbas son tanto máis ricos como numeroso nas de Kent que nas das rexións anglosaxoas, o cal implica que a riqueza material exhibida en Kent se derivaba de aquel comercio.[4] A influencia dos francos tamén pódese detectar na organización social e agraria de Kent.[21] Nos enterramentos tamén podénse ver outras influencias culturais, así que non é necesario supor que houbera un asentamento directo de francos en Kent.[4]

A conquista do poder[editar | editar a fonte]

Bretwalda[editar | editar a fonte]

A inscrición correspondente ao ano 827 nos anais do [C] ms. (un dos manuscritos de Abingdon) da Crónica anglosaxoa, onde se lista os oito bretwaldas; o nome de Aethelberht, escrito "Æþelbriht", é a penúltima palabra da quinta liña

Na súa Historia Eclesiástica, Beda inclúe a súa lista de sete reis que exerceron o "imperium" sobre os outros reinos ao sur de Humber. Unha forma de traducir "imperium" e "autoridade" ou "soberanía". Beda nomea a Aethelberht como o terceiro na lista, despois de Ælle de Sussex e Ceawlin de Wessex.[23] O anónimo confeccionador de anais que compuxo unha das versións da Crónica anglosaxoa repetiu a lista de Beda, que ten sete reis, nunha célebre inscrición correspondente ao ano 827, cun rei adicional, Egbert de Wessex. A Crónica tamén expón que estes reis tiveron o título de "bretwalda", ou "gobernante de Bretaña".[24] O significado exacto de bretwalda foi asunto de moito debate; foi descrito como un termo de "de encomio poético", mais tamén hai probas de que implicou unha función definida de liderado militar.[25][26]

A Crónica anglosaxoa rexistra que o bretwalda anotado antes, Ceawlin, loitou contra Aethelberht en 568. A inscrición sostén que Aethelberht perdeu a batalla e foi devolto a Kent.[27] Crese que a datación das inscricións sobre os saxóns occidentais desta sección da Crónica non é fiable e unha análise recente suxire que o máis probable é que o reinado de Ceawlin tivera lugar arredor dos anos 581 e 588, e non as datas 560 e 592 que dá a Crónica.[28][29] A batalla ocorreu en "Wibbandun", que se pode traducir como "Monte de Wibba"; non se sabe onde queda tal lugar.[27]

Nalgún momento Ceawlin deixou de ter o título de bretwalda, quizais após unha batalla en Stoke Lyne, en Oxfordshire, que a Crónica data en 584, uns oito anos antes de que casara en 592 (outra vez segundo a non fiable datación da Crónica). Aethelberht era un gobernante supremo cara o ano 601, cando Gregorio o Grande lle escribiu: Gregorio insta a Aethelberht para estender o cristianismo entre os reis e pobos suxeitos a el, o que implica certo grao de poder.[21][30] Se a batalla de Wibbandun aconteceu arredor de 590, como se suxire, entón Aethelberht gañaría a súa posición de señor supremo nalgún momento da década de 590. Esta data para Wibbandun é lixeiramente contraditoria coas datas propostas para o reinado de Ceawlin (581 e 588), mais non se pensa que esas datas sexan exactas, senón simplemente as máis plausibles das que se dispón.[29]

Relacións con outros reinos[editar | editar a fonte]

Alén da evidencia da Crónica de que Aethelberht tivo o título de bretwalda, hai probas da súa autoridade en moitos dos reinos do sur. En Essex, Aethelberht parece que estaría en condición de exercitar o poder pouco despois de 604, cando a súa intervención axudou na conversión ao cristianismo do rei Saebert de Essex e o seu sobriño. Foi Aethelberht e non Sæberht, quen construíu e enriqueceu San Paulo de Londres, onde agora eríxese a Catedral de San Paulo. Beda proporciona aínda máis evidencias, xa que explicitamente describe a Aethelberht como señor de Sæberht.[15][30][31]

Beda describe a relación de Aethelberht con Rædwald, rei de Anglia oriental, nunha pasaxe ambigua. Parece suxerir que Rædwald mantivo o "ducatus", ou xefatura militar do seu pobo, mesmo mentres Aethelberht exerceu o "imperium", o goberno.[23] Isto tamén suxire que ser un bretwalda normalmente implicaba ter a xefatura militar doutros reinos e tamén que era máis que iso, xa que Aethelberht é bretwalda a pesar de que Rædwald controlase as súas propias tropas.[26] Rædwald converteuse ao cristianismo ao mesmo tempo que Kent, mais non abandonou as súas crenzas pagás; isto, e o feito de que retivera a independencia militar ,suxire que a autoridade de Aethelberht sobre Anglia Oriental era moito máis débil que a súa influencia sobre os saxóns occidentais.[30][32] Unha interpretación alternativa, porén, é que a pasaxe en Beda tería que ser traducido como "Rædwald, rei dos anglos orientais, quen mentres Aethelberht viviu, concediulle mesmo o liderado militar do seu pobo"; se isto é o quere dicir Beda, entón Anglia Oriental estaba definitivamente baixo o poder de Aethelberht.[33]

Non hai probas de que a influencia de Aethelberht sobre outros reinos fora suficiente para converter ningún outro rei ao cristianismo, aínda que en parte esta interpretación se debe á falta de fontes, —por exemplo, non se sabe nada da historia de Sussex durante case todo o século VII e VIII. Con todo, Aethelberht foi capaz de organizar unha asamblea en 602 no val de Severn, sobre as fronteiras nordorientais de Wessex, e isto pode ser unha indicación da extensión da súa influencia no oeste.[30][34] Non se conserva ningunha proba que demostre a dominación de Kent sobre Mercia, mais é sabido que Mercia non dependía de Nortumbria, así que é bastante plausible que estivera baixo a soberanía de Kent.[35]

Misión de Agostiño e comezos da cristianización[editar | editar a fonte]

Os britanos nativos convertíranse ao cristianismo baixo o goberno romano. As invasións anglosaxoas separaron a igrexa británica da cristiandade europea durante séculos, así que a igrexa de Roma non tivo ningunha presenza ou autoridade en Gran Bretaña, e de feito, Roma sabía tan pouco sobre a igrexa británica que ignoraba calquera cisma nos costumes. Porén, Aethelberht algo sabería da igrexa romana pola súa muller franca, Berta, quen trouxo consigo un bispo, Liudhard, da outra beira do Canal. Aethelberht renovara unha antiga igrexa romana para construírlle unha capela real, a de San Martiño (Saint Martin's), aínda en servizo como a igrexa máis vella no mundo anglofalante.[36][37][38]

Xanela con vidreira de Aethelberht na capela de All Souls College, Oxford.

En 596, o Papa Gregorio o Grande enviou como misioneiro a Inglaterra a Agostiño, prior do mosteiro de Santo Andrés de Roma, e en 597 un grupo de case corenta monxes, liderados por Agostiño, arribou á Illa de Thanet en Kent.[12] Segundo Beda, Aethelberht foi o bastante desconfiado dos que acaban de chegar para insistir en coñecelos baixo o ceo aberto, para evitar que fixesen bruxarías. Os monxes impresionaron a Aethelberht, mais non se converteu inmediatamente. Estivo de acordo en deixar que a misión se asentase en Canterbury e lles permitiu predicar.[16]

Non se sabe cando Aethelberht se fixo cristián. É posible, a pesar do relato de Beda, que xa fora cristián antes da chegada da misión de Agostiño. É probablemente que Liudhard e Bertha o impulsaran a considerar a súa conversiñon antes da chegada da misión, e tamén é probable que unha condición para que Berta casara con Aethelberht fora que el considerase a conversión. A conversión por influencia da corte franca sería vista como un recoñecemento explícito ao señorío franco, con todo, tamén é posible que Aethelberht demorase a súa conversión ata que se cumprise por influencia romana, para afirmar a súa independencia do control franco.[39] Tamén sostívose que a vacilación de Agostiño —volveu a Roma pedindo ser desafectado da misión— sexa indicio de que Aethelberht era pagán cando foi enviado alí.[38]

O máis tardar, a conversión de Aethelberht ocorrería antes de 601, xa que aquel ano Gregorio lle escribiu como rei cristián.[30] Unha antiga tradición di que Aethelberht se converteu o 1 de xuño, no verán do ano que Agostiño chegou. Aethelberht logo prestou apoio reconstruíndo para Agostiño unha igrexa romana en Canterbury, a cal pronto sería a catedral, e fundando a igrexa de San Pedro e San Paulo ao leste dos muros da cidade para que alí fose sepultada a realeza de Kent, igrexa que máis tarde sería a Abadía de San Agostiño (St. Augustin's Abbey).[40]

Por influencia de Aethelberht, Sæberht, rei de Essex, tamén converteuse, mais había límites á efectividade da misión.[31] Non toda a corte de Kent se fixo cristiá: Eadbald, o fillo e herdeiro de Aethelberht, era pagán cando ascendeu ao trono.[36] Rædwald, rei de Anglia Oriental, converteuse só en parte (aparentemente mentres estivo na corte de Aethelberht) e conservou un santuario pagán xunto ao novo altar cristián.[13][36] Agostiño tamén fracasou en gañar como aliado ao clero británico.[37]

Código legal[editar | editar a fonte]

A primeira páxina do manuscrito do século XII do código legal de Aethelberht

Algún tempo após a chegada da misión de Agostiño, quizais en 602 ou 603, Aethelberht emitiu un conxunto de leis, en noventa seccións.[41][42] Estas leis consideranse o código preservado máis antigo composto nun país xermánico, e case con certeza foi un dos primeiros documentos redactados en anglosaxón, cando a alfabetización chegaría a Inglaterra coa misión de Agostiño.[21][43] O único manuscrito antigo que queda, o Textus Roffensis, data do século XII, e agora está no Medway Studies Centre, en Strood, Kent. O código de Aethelberht fa referencia á igrexa por primeira vez cando enumera a compensación requirida para a propiedade dun bispo, un diácono, un crego, etc.; mais en xeral, as leis notablemente non parecen influenciadas polos principios cristiáns.[44][42] Beda afirmou que foron compostas "segundo o xeito romano", mais tampouco hai moita influencia romana discernible. Nalgúns asuntos, as leis foron comparadas á Lei sálica dos francos, mais non se cre que Aethelberht baseara o seu novo código en ningún modelo específico anterior.[21][41]

As leis ocúpanse de aplicar e reforzar penas para transgresións en todos os niveis da sociedade; a severidade da multa dependía do rango social da vítima, e os delitos contra a igrexa eran os máis penalizados, incluso máis que aqueles contra o rei.[45] Na execución das penas o rei tiña un interese financeiro, pois en moitos casos parte das multas viría a el, pero o rei tamén era responsable da lei e a orde, e evitar disputas de sangue aplicando regras de compensación ante danos, foi unha maneira de que o rei mantivese o control. As leis de Aethelberht son mencionadas por Alfredo o Grande, quen compilou as súas propias leis, usando os códigos previos que creou Aethelberht, así como os de Offa de Mercia e Ine de Wessex.[46][47]

Unha das leis de Aethelberht parece preservar rastros dun costume moi vello: o terceiro ítem do código expón que "Se o rei está a beber na casa dun home, e alguén cometer calquera feito máo alí, deberá pagar dobre compensación."[42] Isto probablemente refire ao antigo costume de que o rei viaxase polo país, sendo aloxado e provisto de sustento alí onde chegaba. Os servos do rei mantiveron estes dereitos por séculos após a morte de Aethelberht.[48]

Os ítem desde o 77 ao 81 do código foron interpretados como a descrición dos dereitos financeiros dunha muller após un divorcio ou separación legal. Estas cláusulas definen canto dos bens da casa unha muller podería manter en diferentes circunstancias, dependendo de se mantiña a custodia dos fillos, por exemplo. Porén, unha fonte recentemente suxeriu que sería máis correcto interpretar estas cláusulas en referencia coas mulleres que enviuvaban, máis que coas divorciadas.[44]

Comercio e moeda[editar | editar a fonte]

Un thrymsa do reinado de Eadbald, o fillo de Aethelberht, ningunha das moedas coñecidas levan o nome de Aethelberht, a pesar de que serían cuñadas durante o seu reinado

Hai pouca evidencia documental sobre a natureza do comercio no Kent de Aethelberht. É sabido que a finais do século VII os reis de Kent establecían control real do comercio, mais non can cedo comezou este control. Hai evidencia arqueolóxica que suxire que a influencia real precede a calquera fonte escrita. Suxeríuse que un dos logros de Aethelberht foi quitar o control do comercio á aristocracia para convertelo nun monopolio real. O comercio continental proporcionou a Kent acceso a bens de luxo que déronlle unha vantaxe ao comerciar coas outras nacións anglosaxoas, e os ingresos do comercio foron importantes en si mesmos.[49]

As manufacturas de Kent anteriores ao ano 600 incluían recipientes e xoias. Os xoieiros de Kent eran moi cualificados, e antes do final do século VI tiveron acceso ao ouro. Atópanse bens oriúndos de Kent en cemiterios da outra beira do Canal e tan lonxe como na embocadura do Loira. Non se sabe o que Kent obtiña a cambio destes bens, pero parece probable que houbera un florecente comercio de escravos. E moi posible que esta riqueza fora o fundamento do poder de Aethelberht, aínda que a súa autoridade e os consecuentes dereitos de reclamar tributos, a súa vez traerían riquezas.[9]

Quizais fora durante o reinado de Aethelberht cando comezou a cuñación de moedas en Inglaterra: ningunha ten o seu nome, mais pénsase que é probable que as primeiras moedas sexan de antes de finais do século VI. Estas primeiras moedas eran de ouro, e probablemente fosen os xilins (scillingas en inglés antigo) que se mencionan nas leis de Aethelberht.[49] As moedas tamén se coñecen en numismática como "thrymsas".[50]

Morte e sucesión[editar | editar a fonte]

Aethelberht morreu o 24 de febreiro de 616 e foi enterrado na igrexa de San Pedro e San Paulo (despois St. Augustin's Abbey) pero máis tarde foi exhumado para que o seu santuario puidese ser colocado enriba do altar maior da igrexa normanda, onde Santo Aethelberht atraouxo peregrinos. Sucedeuno o seu fillo, Eadbald, quen non era cristián —Beda di que se convertera mais que volveu á súa fe pagá, pero que finalmente foi un rei cristián.[41][51] Eadbald ofendeu a Igrexa cando casou coa súa madrasta e cando refusou o bautismo.[13]

Sæberht, rey dos saxóns orientais tamén morreu aproximadamente na mesma época, e sucedérono os seus tres fillos, ningún deles cristiáns. Unha subseguinte revolta anti-cristiá e a expulsión do bispo Mellitus, sería unha reacción contra a dominación de Kent após a morte de Aethelberht amais de unha oposición pagá ao cristianismo.[52]

É posible que Aethelberht, alén de Eadbald, tivera outro fillo, Æthelwald. A proba de isto é unha carta papal a Xusto, arcebispo de Canterbury de 619 a 625, que fala dun rei chamado Aduluald, quen aparentemente non era Audubald, que é unha forma de Eadbald. Non hai acordo entre os eruditos modernos sobre como interpretar isto: "Aduluald" podería ser unha forma de "Æthelwald", e por iso indicio doutro rei, quizais un sub-rei do Kent occidental; ou tamén pode ser unha transcrición errada de Eadbald.[53][54]

Celebración litúrxica[editar | editar a fonte]

Posteriormente Aethelberht foi canonizado polo seu papel no establecemento do cristianismo entre os anglosaxóns. A súa festa orixinalmente era o 24 de febreiro mais despois foi mudada ao 25 do mesmo mes.[55]

A edición de 2004 do Martiroloxio Cristián lístao baixo a súa data de morte, 24 de febreiro, coa cita: 'Rei de Kent, convertido por Santo Agostiño, bispo, o primeiro xefe do pobo inglés en selo'.[56] A arquidiocese Católica Romana de Southwark, que abarca Kent, conmemórao o 25 de febreiro.[57]

Aethelberht e Berta son honrados cun día festivo no calendario litúrxico da Igrexa Episcopal dos Estado Unidos o 27 de maio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hunter Blair, An Introduction, pp. 13–16.
  2. Campbell et al., The Anglo-Saxons, p. 23.
  3. Peter Hunter Blair (Roman Britain, p. 204) gives the twenty-five years from 550 to 575 as the dates of the final conquest.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Yorke, Kings and Kingdoms, p. 26.
  5. 5,0 5,1 Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, pp. 12–13.
  6. There is disagreement about the extent to which the legend can be treated as fact.
  7. Campbell et al., The Anglo-Saxons, p. 38.
  8. Fletcher, Who's Who, pp. 15–17.
  9. 9,0 9,1 Campbell et al., The Anglo-Saxons, p. 44.
  10. Hunter Blair, An Introduction, pp. 201–203
  11. 11,0 11,1 Yorke, Kings and Kingdoms, p. 25.
  12. 12,0 12,1 Kirby, Earliest English Kings, p. 30.
  13. 13,0 13,1 13,2 Bede, Ecclesiastical History, Book II, Ch. 5, from Sherley-Price's translation, p. 112.
  14. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 28.
  15. 15,0 15,1 Bede, Ecclesiastical History, Book II, Ch. 3, from Sherley-Price's translation, p. 108.
  16. 16,0 16,1 16,2 Bede, Ecclesiastical History, Book I, Ch. 25 & 26, from Sherley-Price's translation, p. 74–77.
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 17,5 Kirby (Earliest English Kings, pp. 31–3) provides an extended discussion of the difficult chronology of Æthelberht’s reign.
  18. IV 25 and IX 25 in Gregory of Tours (1974).
  19. 19,0 19,1 19,2 Yorke, Kings and Kingdoms, pp. 32–34.
  20. Campbell et al., The Anglo-Saxons, p. 38–39.
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 21,5 Stenton, Anglo-Saxon England, pp. 59–60.
  22. 22,0 22,1 Kirby, Earliest English Kings, pp. 34–35.
  23. 23,0 23,1 Bede, Ecclesiastical History, Book I, Ch. 25 & 26, from Sherley-Price's translation, p. 111.
  24. Swanton, Anglo-Saxon Chronicle,pp. 60–61.
  25. Stenton, Anglo-Saxon England, pp. 34–35.
  26. 26,0 26,1 Kirby, Earliest English Kings, p. 17.
  27. 27,0 27,1 Swanton, Anglo-Saxon Chronicle,pp. 18–19.
  28. Kirby, Earliest English Kings, pp. 50–51.
  29. 29,0 29,1 D.N. Dumville, "The West Saxon Genealogical Regnal List and the chronology of Wessex", 1985, cited in Yorke, Kings and Kingdoms, p. 133.
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 Kirby, Earliest English Kings, p. 37.
  31. 31,0 31,1 Stenton, Anglo-Saxon England, p. 109.
  32. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 62.
  33. "Rædwald", N. J. Higham, in Lapidge, Encyclopaedia of Anglo-Saxon England.
  34. For example, Yorke comments that "it is impossible to write at any length about the history of [Sussex] in the seventh and eighth centuries" (Kings and Kingdoms, p. 20).
  35. Stenton, Anglo-Saxon England, p. 39.
  36. 36,0 36,1 36,2 Kirby, Earliest English Kings, p. 36.
  37. 37,0 37,1 Stenton, Anglo-Saxon England, p. 110.
  38. 38,0 38,1 Kirby, Earliest English Kings, p. 35.
  39. Yorke, Kings and Kingdoms, pp. 28–29.
  40. Hunter Blair, An Introduction, p. 117.
  41. 41,0 41,1 41,2 "Æthelberht", S.E. Kelly, in Lapidge, Encyclopaedia of Anglo-Saxon England.
  42. 42,0 42,1 42,2 Geary, Readings, pp. 209–211.
  43. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 1.
  44. 44,0 44,1 Hough, Carole A. (1994).
  45. The Beginnings of English Law, Lisi Oliver
  46. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 18.
  47. Stenton, Anglo-Saxon England, p. 276.
  48. Stenton, Anglo-Saxon England, pp. 288–289.
  49. 49,0 49,1 Yorke, Kings and Kingdoms, p. 40.
  50. "Coinage", M.A.S. Blackburn, in Lapidge, Encyclopaedia of Anglo-Saxon England.
  51. Stenton, Anglo-Saxon England, p. 61.
  52. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 48.
  53. Yorke, Kings and Kingdoms, p. 32–33.
  54. Kirby, Earliest English Kings, p. 39.
  55. "Patron Saints Index: Saint Ethelbert".
  56. Martyrologium Romanum, 2004, Vatican Press (Typis Vaticanis), page 163.
  57. "Interim Diocesan Calendar Proper to the Archdiocese of Southwark" (PDF).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Fontes primarias
  • Bede (1991). Ecclesiastical History of the English People. Translated by Leo Sherley-Price, revised R.E. Latham, ed. D.H. Farmer. London: Penguin. ISBN 0-14-044565-X.  Bede (1991). Ecclesiastical History of the English People. Translated by Leo Sherley-Price, revised R.E. Latham, ed. D.H. Farmer. London: Penguin. ISBN 0-14-044565-X. 
  • Swanton, Michael (1996). The Anglo-Saxon Chronicle. New York: Routledge. ISBN 0-415-92129-5.  Swanton, Michael (1996). The Anglo-Saxon Chronicle. New York: Routledge. ISBN 0-415-92129-5. 
  • Lei-código de Æthelberht, ed. E tr. F. Liebermann, Morre Gesetze der Angelsachsen. 3 vols. Halle, 1898–1916: 3–8 (vol 1); ed. E tr. L. Oliver, Os Comezos de Lei inglesa. Toronto Traducións e Textos Medievais. Toronto, 2002.
  • Letras de Gregory o Grande, ed. D. Norberg, S. Gregorii magni registrum epistularum. 2 vols. Turnhout, 1982; tr. J.R.C. Martyn, As letras de Gregory o Grande. 3 vols. Toronto, 2004.
  • Máis temperán vita de Gregory o Grande, ed. E tr. Bertram Colgrave, A vida máis temperá de Gregory o Grande por un monxe anónimo de Whitby. Lawrence, 1968.
  • Gregory de Visitas, Libri Historiarum.
Fontes secundarias
  • Campbell, James; John, Eric; Wormald, Patrick (1991). The Anglo-Saxons. London: Penguin Books. ISBN 0-14-014395-5.  Campbell, James; John, Eric; Wormald, Patrick (1991). The Anglo-Saxons. London: Penguin Books. ISBN 0-14-014395-5. 
  • Fletcher, Richard (1989). Who's Who in Roman Britain and Anglo-Saxon England. London: Shepheard-Walwyn. ISBN 0-85683-089-5.  Fletcher, Richard (1989). Who's Who in Roman Britain and Anglo-Saxon England. London: Shepheard-Walwyn. ISBN 0-85683-089-5. 
  • Geary, Patrick J. (1998). Readings in Medieval History. Peterborough: Broadview. ISBN 1-55111-158-6.  Geary, Patrick J. (1998). Readings in Medieval History. Peterborough: Broadview. ISBN 1-55111-158-6. 
  • Hunter Blair, Peter (1960). An Introduction to Anglo-Saxon England. Cambridge: Cambridge University Press. pp. 13–16. Cambridge: Hunter Blair, Peter (1960). An Introduction to Anglo-Saxon England. Cambridge: Cambridge University Press. pp. 13–16.  Prensa Universitaria. pp. Hunter Blair, Peter (1960). An Introduction to Anglo-Saxon England. Cambridge: Cambridge University Press. pp. 13–16. 
  • Hunter Blair, Peter (1966). Roman Britain and Early England: 55 B.C. – A.D. 871. New York: W.W. Norton & Company. ISBN 0-393-00361-2.  Hunter Blair, Peter (1966). Roman Britain and Early England: 55 B.C. – A.D. 871. New York: W.W. Norton & Company. ISBN 0-393-00361-2. 
  • Kirby, D.P. (1992). The Earliest English Kings. London: Routledge. ISBN 0-415-09086-5.  Kirby, D.P. (1992). The Earliest English Kings. London: Routledge. ISBN 0-415-09086-5. 
  • Lapidge, Michael (1999). The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England. Oxford: Blackwell Publishing. ISBN 0-631-22492-0.  Lapidge, Michael (1999). The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England. Oxford: Blackwell Publishing. ISBN 0-631-22492-0. 
  • Stenton, Frank M. (1971). Anglo-Saxon England. Oxford: Clarendon Press. ISBN 0-19-821716-1.  Stenton, Frank M. (1971). Anglo-Saxon England. Oxford: Clarendon Press. ISBN 0-19-821716-1. 
  • Yorke, Barbara (1990). Kings and Kingdoms of Early Anglo-Saxon England. London: Seaby. ISBN 1-85264-027-8.  Yorke, Barbara (1990). Kings and Kingdoms of Early Anglo-Saxon England. London: Seaby. ISBN 1-85264-027-8. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]