Catedral de San Paulo de Londres
Catedral de San Paulo de Londres | ||||
---|---|---|---|---|
![]() | ||||
Tipo | catedral anglicana ou episcopal, atracción turística e biblioteca catedralicia ![]() | |||
Estilo | barroco inglés ![]() | |||
Material usado | pedra de Portland ![]() | |||
Diocese | Diocese de Londres ![]() | |||
Localización | ||||
| ||||
Estado | Reino Unido | |||
País | Inglaterra | |||
Rexións | Londres | |||
Cidade | Cidade de Londres ![]() | |||
Código postal | EC4M 8AD ![]() | |||
Visitas | ||||
Prezo de acceso | 20 £ ![]() | |||
Datas | ||||
Fundación | 1675 ![]() | |||
Acontecementos | ||||
1675 – 1710 | construción, Arquitecto: Christopher Wren | |||
1806 | Funeral | |||
1852 | Funeral | |||
1940 | proteção (pt) ![]() Causado por: Blitz | |||
30 de xaneiro de 1965 | Funeral | |||
29 de xullo de 1981 | Casamento de Carlos, Príncipe de Gales, e Lady Diana Spencer (pt) ![]() | |||
17 de abril de 2013 | Funeral ![]() | |||
Dimensións | ||||
Altura | 111 m e 67 m ![]() | |||
Anchura | 75 m e 37 m ![]() | |||
Lonxitude | 158 m ![]() | |||
Diámetro | 34 m ![]() | |||
Persoas e organizacións | ||||
Propietario/a | Diocese de Londres ![]() | |||
Arquitecto/a | Christopher Wren ![]() | |||
Dedicado a | Paulo de Tarso ![]() | |||
Patrimonio cultural | ||||
Monumento clasificado como grao I | ||||
Data | 4 de xaneiro de 1950 | |||
Identificador | 1079157 | |||
Composto por | ||||
Contacto | ||||
Páxina WEB | stpauls.co.uk ![]() | |||
Redes | ![]() ![]() | |||
[ Wikidata ] |
A catedral de San Paulo (en inglés: Saint Paul's Cathedral) é unha catedral anglicana de Londres, en Inglaterra, que pertence á Igrexa de Inglaterra, sendo a sé da diocese e do bispo de Londres. Foi construída entre 1676 e 1710, baixo a dirección do arquitecto Christopher Wren, sobre as ruínas da antiga catedral medieval destruída polas lapas durante o Grande incendio de 1666.
A catedral de San Paulo é un dos máis sonados e recoñecíbeis lugares de interese da cidade. Coa súa inmensa cúpula, enmarcada polas torres, dominan o horizonte de Londres dende hai 300 anos. Con 111 metros de altura (365 pés), foi o edificio máis alto de Londres dende 1710 até 1962. En termos de superficie, San Paulo é unha das maiores catedrais cristiás do mundo. En Europa, só a basílica de San Pedro do Vaticano é maior.
Ocupa un lugar especial na identidade nacional da poboación de Inglaterra[1] e foi escenario de importantes acontecementos da historia británica como, por exemplo, os funerais de Horatio Nelson, o duque de Wellington, Winston Churchill e Margaret Thatcher; o xubileu das raíñas Vitoria e Isabel II de Inglaterra ou a voda do príncipe Carlos con Diana Spencer.
Historia
[editar | editar a fonte]
No local que hoxe ocupa construíuse a primeira igrexa de Inglaterra, en madeira, contra o ano 604 grazas a Melito de Canterbury, un seguidor de santo Agostiño, cuxa misión era converter os anglosaxóns. Esta construción orixinal foi renovada nos anos 675, 962 e 1087.
Tralo establecemento da acta de Supremacía (1534), a catedral caeu no esquecemento até que Inigo Jones comezou a súa restauración en 1633, engadindo o pórtico neoclasicista.Porén, a antiga catedral de San Paulo queimouse no Grande incendio de Londres e tivo que ser reconstruída. A cargo desta tarefa estivo Wren, que a reconsiderou en estilo barroco.
James Thornhill pintou imaxes da vida de san Paulo na cúpula, Grinling Gibbons tallou a madeira do coro e do grandioso órgano, Jean Tijoy realizou os enreixados do coro e xeracións posteriores continuaron co enfeite do templo. O mosaico do coro é de inspiración bizantina e representa a creación do mundo segundo o Xénese. Foron engadidos a finais do século XIX e comezos do XX por Stevens, Watts, Britten e mais Richmond, xunto coa Luz do mundo de William Holman Hunt. A obra Nai e fillo, de Henry Moore, situouse na nave noroeste, e a arte contemporánea continúa enriquecendo este templo.
A catedral de San Paulo sobreviviu aos bombardeos aéreos a Londres durante a segunda guerra mundial. Unha das imaxes máis coñecidas de Londres durante a guerra era unha fotografía de San Paulo o 29 de decembro de 1940, durante o "segundo Grande incendio de Londres", obra do fotógrafo Herbert Mason dende o faiado da Daily Mail no Tudor Street, amosando a catedral envolta en fume. Lisa Jardine do Queen Mary College de Londres, escribiu:
"Envolta en nubes de fume, en medio do caos e a destrución da guerra, a pálida cúpula mantense orgullosa e gloriosa, indomábel. Ao tempo dese ataque aéreo, Sir Winston Churchill telefonou á Guildhall para insistir en que todos os recursos de loita contra incendios se dirixirían a San Paulo. Cómpre salvar a catedral, dixo, o dano ao tecido minaría a moral do país".
Nela teñen lugar os eventos de importancia nacional, como a cerimonia dos casamentos reais (como a do príncipe Carlos coa princesa Diana), os funerais dos heroes nacionais como Winston Churchill e Lord Nelson - soterrado na cripta, que se pode visitar - e moitas conmemoracións, como por exemplo as dos atentados terroristas do 2001 (nos Estados Unidos de América) e do 2005 (en Londres). O 17 de abril 2013, a catedral foi o escenario principal do funeral de Margaret Thatcher.[2]
A planta da catedral
[editar | editar a fonte]
A nave principal esténdese dende a porta oeste ata a cúpula e é aí onde os fregueses sentan durante os servizos relixiosos principais, mentres o clero e o coro se dirixen cara ao altar. Hai tres capelas laterais dedicadas a Todos os santos, san Dunstán, e san Miguel Arcanxo e san Xurxo. Nesta parte pode verse o monumento a Wellington e, onde a nave se une coa cúpula, catro lenzos novos de Sergei Chepik nos que se describe a encarnación, o ministerio, a crucifixión e a resurrección de Cristo.
O altar atópase baixo a grandiosa cúpula, concibida coma un inmenso observatorio que liga o ceo e maila terra. Os cadros de Cornhill relatan a vida de san Paulo, as estatuas mostran a representantes de igrexas orientais e occidentais. Nos mosaicos pódense ver os catro evanxelistas e aos profetas do antigo testamento, e na capela de Middlesex áchase a xa citada obra de Holman Hunt, A luz do mundo.
O coro é o lugar onde clero e coro realizan as súas ofrendas e oracións ao Señor cando o servizo non se celebra baixo a cúpula. Nel encóntrase o asento do bispo ou cátedra. O coro conduce ao altar principal e á súa beira áchase a American Memorial Chapel. Os mosaicos representan a creación e outras escenas bíblicas.
Dentro da cúpula, tras subir 259 banzos, está a galería dos murmurios, onde se pode escoitar un murmurio a 32 m de distancia. Sobre esta galería, xa na parte externa da cúpula, atópase a galería de pedra, á que se accede tras subir 378 banzos e, máis arriba, a galería dourada tras outros 530 banzos. Dende ambas pode ollarse unha fermosa panorámica da cidade de Londres.
Descrición da nave
[editar | editar a fonte]A catedral de San Paulo é unha mestura de arquitectura clásica e barroca. Posúe unha enorme nave de 150 metros de longo e 36 metros de largo. O altar maior está coroado por un impresionante dosel ornamentado e dourado que se inspira no que hai na basílica do Vaticano. O cruceiro, moi destacado, acada 76 metros de lado a lado. Ao norte do edificio áchase St. Paul's Churchyard,[3]
A cripta
[editar | editar a fonte]A cripta é a cámara funeraria da catedral e aí atópanse as tumbas de numerosos personaxes importantes, como Nelson, Wellington, e Alexander Fleming. No centro e centro da cripta atópase a capela da Santa Fe, ou capela OBE, xa que está dedicada á orde do Imperio británico (Order of the Bristish Empire).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pierce, Rebecca (2004). National Identity and the British Empire: the Image of Saint Paul’s Cathedral (PDF) (en inglés). Marshall University. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 15 de febreiro de 2015.
- ↑ "El funeral de Margaret Thatcher, en directo". La Vanguardia. 17 de abril 2013. Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2013. Consultado o 15 de febreiro de 2015.
- ↑ www.pepysdiary.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Catedral de San Paulo de Londres ![]() |